Igrexa Católica Etíope

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Igrexa Católica Etíope
Historia
Fundación 1961 (erección da arquieparquía de Adís Abeba)
Motivo Volta á comuñón coa Igrexa Católica de cristiáns etíopes
Separada de Igrexa Etíope Tewahedo
Parte de Igrexa Católica
Goberno
Tipo de goberno Episcopal
Estrutura Dividida en 7 eparquías
Agrupacións Congregación para as Igrexas Orientais
Clasificación
Grupo Catolicismo
Orientación Cristianismo oriental
Demografía e cultura
Fieis 230.000[1]
Países Etiopía, Eritrea
Congregacións 207
Linguas litúrxicas lingua ge'ez
Outros datos
Sede central Adís Abeba
Páxina web ecs.org.et

A Igrexa Católica Etíope, antigamente coñecida como a Igrexa Abisinia Uniata, é unha Igrexa particular metropolitana oriental, parte da Igrexa Católica. Estabelecida en 1930, os seus fieis son habitantes de Etiopía e Eritrea.

Como as outras igrexas católicas orientais, a Igrexa Católica Etíope está en plena comuñón coa Santa Sé. Acepta a doutrina cristolóxica do Concilio de Calcedonia e a xurisdición universal do Papa. Isto distínguea da Igrexa Etíope Tewahedo e da Igrexa Eritrea Tewahedo, as igrexas ortodoxas orientais (non calcedonianas) ás que pertencen a maioría dos cristiáns nestes dous países.

Comparte con ditas Igrexas o rito litúrxico alexandrino, empregando a lingua ge'ez como lingua litúrxica.

Historia[editar | editar a fonte]

Os descobrimentos portugueses permitiron que se abriran novas vías de comunicación entre a Igrexa Católica e a Igrexa Ortodoxa Etíope, coa cheagada no século XIV de misioneiros católicos a Etiopía. O 28 de agosto de 1439 o papa Uxío IV mandou unha mensaxe de unidade coa Igrexa Católica ao Emperador de Etiopía Constantino I pero os seus esforzos non deron resultado.[1]

Cos ataques islámicos de 1531 amenazando a Etiopía, o Emperador buscou a axuda dos portugueses para derrotar ao Sultanato de Adel na Guerra Adel-Etíope. Xunto cos portugueses, chegaron misioneiros xesuítas, que centraron as súas actividades misioneiras na clase dirixente co propósito de buscar a unión da Igrexa Ortodoxa Etíope coa Igrexa Católica. O emperador Sissinios convertiuse principalmente pola predicación do xesuíta Pedro Páez. En 1622, Sissinios fixo do catolicismo a relixión do estado. Ao ano seguinte, o papa Gregorio XV designou a Afonso Mendes, un xesuíta portugués, como Patriarca da Igrexa Etíope. Mendes tentou latinizar a Igrexa Etíope e foi apoiado por Sissinios, mais o efecto desexado foi o contrario e, logo da morte de Sissinios en 1632, o seu sucesor Fasílides expulsou en 1636 a Mendes do país, rematou a unión con Roma e expulsou ou matou aos misioneiros que quedaban, permanecendo o país pechado aos misioneiros católicos por 200 anos.[1]

En 1839 os lazaristas e os capuchinos retomaron as actividades misioneiras no país, aínda que con certas limitacións. No mesmo ano, Xustino de Jacobis foi nomeado primeiro Prefecto Apostólico de Abisinia e lle foi encomendada a fundación de misión católicas no país. Logo de oito anos de traballo, foi nomeado bispo titular de Nilopolis en 1847, e pouco despois Vigario Apostólico de Abisinia, pero rexeitou a dignidade episcopal até que lle foi imposta en 1849.[2]

En 1889 o Emperador Menelik II chegou ao trono e permitiu o acceso ao país aos misioneiros católicos. Coa conquista de Etiopía por Italia na Segunda Guerra Italo-Abisinia as actividades misioneiras aumentaron no país, do mesmo xeito que en Eritrea, baixo control italiano dende 1889.[1]

En 1919 foi fundado o Pontificio Colexio Etíope no Vaticano polo papa Bieito XV, coa Igrexa de Santo Estevo, detrás da Basílica de San Pedro, como igrexa do Colexio.[3]

A Igrexa Latina xa fora establecida no sur do país, en territorios aínda non cristianizados e que foron incorporados ao país a finais do século XIX. A ocupación italiana de Etiopía en 1936 facilitou o aumento do número de xurisdicións de rito latino, mais a expulsión dos misioneiros estranxeiros co gallo do fin da Segunda Guerra Mundial levou a que os cregos de rito etíope tiveran que ocuparse dos territorios até entón baixo réxime latino. En 1951 foi creado o Exarcado Apostólico de Rito Etíope de Adís Abeba, e o ordinariato para Eritrea foi elevado ao rango de Exarcado. Dez anos máis tarde, o 20 de febreiro de 1961, foi establecida unha provincia eclesiástica etíope, con Adís Abeba como Sé Metropolitana[4] con Asmara (en Eritrea) e Adigrat como eparquías sufragáneas.[1]

En 1995 foron creadas dous novas eparquías, Barentu e Keren, en Eritrea,[5] e a vigairía apostólica da Igrexa Católica foi abolida, converténdose Eritrea no único país do mundo no que todos os católicos, sen importar o seu rito litúrxico, pertencen a unha xurisdición católica oriental.[3] En 2003 foi creada unha eparquía máis en Endibir na rexión de Nacións, Nacionalidades e Pobos do Sur de Etiopía,[4] e en 2012 outra máis en Segeneiti, no sur de Eritrea, quedando xa que logo estruturada a Igrexa en sete sedes, tres en Etiopía e catro en Eritrea.[3]

Xurisdicións, estrutura e demografía[editar | editar a fonte]

Mons. Berhaneyesus Souraphiel, Arcebispo Metropolitano de Adís Abeba, na inauguración dun programa médico cun sacerdote italiano.

Eparquías[editar | editar a fonte]

A Igrexa Católica Etíope ten xurisdición eclesiástica sobre Etiopía e Eritrea. A Igrexa estrutúrase en 7 igrexas locais, unha arquieparquía e 6 eparquías sufragáneas dela. A arquieparquía de Adís Abeba cubre, xunto coas eparquías de Adigrat e Embeder, o territorio de Etiopía, mentres que en Eritrea atópanse as eparquías de Asmara, Barentu, Keren e Segheneyti.[6]

Xerarquía[editar | editar a fonte]

A maior autoridade desta Igrexa é o arcebispo metropolitano de Adís Abeba, cargo que dende xullo de 1999 ocupa o Abuna Berhaneyesus Souraphiel CM. Por enriba del tan só está o Papa, segundo dispón o canon 43 do CCEO.[7]

Demografía[editar | editar a fonte]

Os fieis da Igrexa Católica Etíope son unha pequena parte dos cristiáns etíopes, pertencendo a maioría deles á Igrexa Ortodoxa Etíope. A situación é semellante en Eritrea, coa maioría dos cristiáns seguindo á Igrexa Eritrea Tewahedo. Tamén hai certo número de fieis emigrados aos países do Medio Oriente,[8] e existen minorías en Somalia e Xerusalén. En total, os fieis católicos etíopes (sen contar aos de rito latino) son arredor de 200.000[9], sendo o dato do Annuario Pontificio de 2010 de 230.000 membros.[1]

Números da Igrexa Católica Etíope[1]

Fieis Bispos Parroquias Sacerdotes seculares Sacerdotes relixiosos Relixiosos Relixiosas Diáconos permanentes Seminaristas

229.547

7

207

196

391

787

1.159

3

344

Características[editar | editar a fonte]

Liturxia[editar | editar a fonte]

Artigo principal: rito ge'ez.

A Igrexa Etíope emprega na súa liturxia o rito ge'ez (ou etíope), que comparte coa Igrexa Etíope Tewahedo e coa Igrexa Eritrea Tewahedo. Este rito é un dos dous ritos alexandrinos, sendo o outro o rito copto.

Disciplina[editar | editar a fonte]

  • O celibato non é, como na Igrexa Latina, obrigatorio, e en teoría pódense ordenar varóns casados. Porén, a Igrexa Católica Etíope (xunto cos católicos coptos e siríacos) ten adoptado o celibato como norma, mais permitindo certas dispensas do metropolitano.
  • Esta Igrexa só admite ao diaconado a varóns adultos, a diferencia da Igrexa Etíope Tewahedo que ordena como diáconos a rapaces.

Notas e referencias[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 The Eastern Catholic Churches 2010, Ronald Roberson (fonte: Annuario Pontificio), 22 de agosto de 2010, Catholic Near East Welfare Association. (en inglés)
  2. Blessed Justin de Jacobis, na Catholic Encyclopedia de 1913, (en inglés).
  3. 3,0 3,1 3,2 The Ethiopian Catholic Church, Ronald G. Robertson en Catholic Near East Welfare Association, p.2, (en inglés).
  4. 4,0 4,1 Metropolitan Archdiocese of Addis Abeba, Giga-Catholic Information, (en inglés).
  5. The Eastern Catholic Churches 2010, Ronald G. Roberson para Catholic Near East Welfare Association, (en inglés).
  6. Arquieparquía de Adís Abeba (en inglés).
  7. CCEO, can. 43 (en latín).
  8. Intervention de Mgr Berhaneyesus Demerew SOURAPHIEL, Président du Conseil de l'Église Éthiopienne, Président de la Conférence épiscopale (Éthiopie et Érythrée) (ÉTHIOPIE), (en francés).
  9. Catholic Rites and Churches, EWTN, (en inglés).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]