Ifor Williams

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Ifor Williams, nado o 16 de abril de 1881 e morto o 4 de novembro de 1965, foi un estudoso galés que puxo as bases para o estudo académico do galés antigo, en particular da súa poesía antiga.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Ifor Williams naceu en Pendinas, Tregarth preto de Bangor, Gales fillo de John Williams, un canteiro, e a súa muller Jane. O seu avó materno, Hugh Derfel Hughes, era un coñecido historiador local que escribiu un libro sobre a historia da zona.

Estudos e vida académica[editar | editar a fonte]

Marchou para a Friars School, Bangor, en 1894 pero só estivo alí aproximadamente un ano pois sufriu un serio accidente. Quedou con feridas nas costas que fixeron que ficase na cama varios anos. Cando se recuperou, foi á Clynnog School en 1901 e en 1902 obtivo unha bolsa para a Universidade de Gales, Bangor. En 1905 graduouse con honores en grego, despois, en 1906 en galés. Pasou o ano académico 1906-07 no Departamento de Galés traballando polo seu doutoramento e axudando ao profesor Sir John Morris-Jones, o profesor de galés. En 1920 creouse para el unha Cátedra de Literatura Galesa, que ocupou ata a morte de Sir John Morris-Jones en 1929, cando se converteu en Profesor de Lingua e Literatura Galesa.

Obra[editar | editar a fonte]

Ifor Williams tivo durante toda a súa vida un grande interese polos topónimos galeses, e foi probabelmente o primeiro a aplicar métodos académicos rigorosos neste eido. Publicou Enwau Lleoedd ("Nomes de lugar") en 1945 que aínda hoxe ten un grande valor. Moitas das súas primeiras publicacións escribiunas para prover de materiais didácticos e inclúen versións con notas detalladas dun número de antigas narracións galesas antigas, en especial o Mabinogi en 1930. Tamén redactou libros que daban o texto con notas das obras dun número de poetas galeses medievais, como Dafydd ap Gwilym e outros en 1914 e Iolo Goch en 1925 xunto con outros colegas.

O seu principal campo de estudo, con todo, foi o galés antigo e a antiga poesía galesa. Publicou Canu Llywarch Hen en 1935 que cubría a poesía asociada con Llywarch Hen, despois en 1938 posibelmente a súa obra máis importante, Canu Aneirin, o texto con notas do poema Y Gododdin atribuído a Aneirin, un poeta do século VI. Por vez primeira o texto orixinal aparece distinguido de adicións posteriores e fíxoo comprensíbel por medio de notas, sendo esta obra a base de ulteriores traballos sobre este poema. Canu Taliesin en 1960 cubría a obra do outro poeta do século VI: Taliesin. Tamén publicou obra sobre poesía galesa posterior, como é o caso do Armes Prydain (do século X).

Williams editou o Bulletin of the Board of Celtic Studies desde 1937 ata 1948.

Algúns títulos[editar | editar a fonte]

  • Breuddwyd Maxen. Bangor: Jarvis a Foster, 1908.
  • Casgliad o waith Ieuan Deulwyn. Bangor: Welsh Manuscripts Society, 1909.
  • Cywyddau Dafydd ap Gwilym a’i gyfoeswyr. Gol. Ifor Williams a Thomas Roberts. Bangor: Evan Thomas, 1914.
  • Cywyddau Iolo Goch ac eraill, 1350–1450. Gol. Henry Lewis, Thomas Roberts ac Ifor Williams. Bangor: Evan Thomas, 1925 (segunda edición 1938).
  • Canu Llywarch Hen. Caerdydd: Gwasg Prifysgol Cymru, 1930.
  • Pedeir Keinc y Mabinogi. Cardydd: Gwasg Prifysgol Cymru, 1930.
  • Canu Aneirin, gyda rhagymadrodd a nodiadau. Caerdydd: Gwasg Prifysgol Cymru, 1938.
  • Lectures on early Welsh poetry. Dublin: Dublin Institute of Advanced Studies, 1944.
  • Enwau lleoedd. Lerpwl: Gwasg y Brython, 1945.
  • Chwedl Taliesin. Caerdydd: Gwasg Prifysgol Cymru, 1957.
  • Canu Taliesin. Caerdydd: Gwasg Prifysgol Cymru, 1960.

Outros aspectos da súa vida[editar | editar a fonte]

Foi tamén un excelente locutor na radio, sendo publicadas en tres libros algunhas das súas alocucións. Retirouse en 1947 e foi nomeado cabaleiro nese mesmo ano. Entre 1913 e 1947 viviu en Menai Bridge e despois retirouse a Pontllyfni onde morreu en 1965. Está enterrado no cemiterio adxacente á Capel Brynaerau, Pontllyfni.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Meic Stephens A companion to the literature of Wales (University of Wales Press)

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]