Ideafix

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Ideafix ou Idéfix é un personaxe da serie de banda deseñada Astérix. É o can pequeno e branco de Obélix (o mellor amigo de Astérix), a quen sempre acompaña e axuda. Trátase dun schnauzer anano e ademais é o único personaxe principal da serie que é un animal. É coñecido polo seu carácter ecoloxista, ao chorar desesperadamente ao ver como se derruba unha árbore, é por esta causa que o seu amo Obélix deixou de tirarlles árbores aos romanos.

O seu nome é a contracción de idea fixa, polo que en inglés é coñecido polo nome de Dogmatix, xa que mantén o concepto de idea fixa (dogma) e ademais inclúe a alusión ao can (dog). Reflicte a obsesión que o can ten polos ósos, obsesión que é motivo de moitas situacións cómicas nas historias.