Idade do Bronce en Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Historia de Galicia
Prehistoria
O megalitismo
Idade do Bronce
Idade do Ferro
Cultura castrexa
Idade Antiga
Galaicos
Romanización
Cultura galaico-romana
Cristianización
Antigüidade tardía
Monarquía sueva
Chegada dos bretóns
Monarquía visigoda
Idade Media
Período alto-medieval
Era Compostelá
Período feudal
Idade Moderna
Antigo Réxime
A Ilustración galega
Idade Contempóranea
A Restauración borbónica
Segunda República
Guerra Civil Española
Ditadura franquista
Período autonómico
Véxase tamén
Historia da lingua galega
Reino de Galicia
Galicia
Cronoloxía do reino de Galicia


Os primeiros metais e a cerámica campaniforme chegaron a Galiza procedentes de Portugal cara ao ano 2000 antes de Cristo, durante o Calcolítico ou Idade do Cobre.

Na Idade do Bronce (1800-700 a.C.), a metalurxia comezou a evidenciar cambios tanto na forma como na técnica coa aparición do bronce. A base económica foi a agricultura, a gandería e o aproveitamento dos recursos mariños; aínda que a metalurxia do bronce debeu xogar un importante papel, mesmo no crecemento dos intercambios destes bens coa Europa atlántica e co Mediterráneo peninsular.

Son numerosas as pezas de ourivería que conservamos: pulseiras, diademas, brazaletes,...; o que evidencia a xerarquización desta sociedade. Pola súa cantidade e calidade destaca o tesouro de Caldas de Reis (Caldas de Reis), hoxe no Museo Provincial de Pontevedra, así como o casco de Leiro (Leiro, Rianxo), no Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón, na Coruña.

A importancia da guerra para esta sociedade amósanola o numeroso armamento metálico que atopamos: puñais, machadas, punta de lanza, espadas,... Os lugares nos que apareceron os restos de maior importancia foron O Hío (Pontevedra), Roufeiro (Ourense) e Leiro.

Da Idade do Bronce consérvase unha gran cantidade de gravados en penedos ao aire libre, denominados petróglifos. Aparece a finais desta época a Cultura castrexa.

Etapas[editar | editar a fonte]

Bronce inicial[editar | editar a fonte]

Etapa que vai do 1800 ó 1500 a.C., na que predomina o cobre de tradición campaniforme sobre o bronce. Aparecen novas armas como o puñal de lingüeta e as puntas tipo Palmela.

Bronce medio[editar | editar a fonte]

Esta etapa exténdese do ano 1500 até o 1200 a.C., e presenta continuidade co Bronce inicial, aínda que con mudanzas importantes, como a mudanza do ritual funerario (como mostra o feito de desapareceren os vestixios de enterramentos). É nesta etapa cando se xeraliza a aliaxe cobre/estaño, cunha proporción de estaño do 10%, sendo este un caracter de gran constancia.

Bronce final[editar | editar a fonte]

O casco de Leiro, no Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón.

Vai do 1200 até o 700 a.C. Nesta etapa prodúcense significativos trocos na produción metalúrxica. A área galaica inicia unha nova xeira de intensificación económica, empregando unha tecnoloxía máis avanzada. Acontece o despegue definitivo da metalurxia do bronce, e prodúcese a introdución do chumbo nas aliaxes e o desenvolvemento de relacións entre os distintos focos atlánticos, ligados comercial e culturalmente (koiné atlántica). Aínda así, a meirande parte dos obxectos de metal son de produción local, aínda que inspirados en modelos foráneos, debido ás relacións culturais e comerciais xa nomeadas.

O avance económico non se debeu só á produción metalúrxica, senón que tamén a agricultura exerceu un notable papel coa introdución de novos tipos de cultivo e unha intensificación da actividade no agro.

Socialmente albíscase unha xerarquización, unha meirande especialización e un incremento da importancia do ligado co mundo bélico e de prestixio.

A maioría de achados do Bronce final de Galiza sitúanse ó norte e oeste do río Miño e, aínda que en menor proporción, nas cuncas do Limia, do Támega e do Sil. Desta época son a espada de Mouruás e a espada de Forcas.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Fábregas Valcarce, Ramón (edición) (1998). A Idade do Bronce en Galicia: novas perspectivas. ISBN 84-7492-878-8. 
  • Caamaño Gesto, José Manuel. A Gran Historia de Galicia. Prehistoria de Galicia. Volume 2: O Calcolítico e a Idade de Bronce.