Ichigo Kurosaki

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Ichigo Kurosaki (黒崎 一護, Kurosaki Ichigo) é o protagonista do manga e anime Bleach.


Aviso: Esta sección pode revelar detalles da trama e/ou do argumento.

Historia[editar | editar a fonte]

Todo comeza cando recibe poderes de shinigami de mans de Rukia Kuchiki, unha auténtica shinigami. Ata que Rukia recupere todos os seus poderes, Ichigo debe facer ás veces de shinigami substituto, combatendo os Hollows e levando as almas á Sociedade de Almas.

Ao comezo da serie, dise que Ichigo é un adolescente de quince anos, que vive nun distrito ficticio de Toquio chamado Cidade Karakura. A maior peculiaridade visible á primeira ollada del é a cor alaranxada do seu pelo, que provocou as burlas e os malos tratos por parte doutros nenos durante a súa infancia. Debido a isto e ás súas circunstancias familiares, Ichigo converteuse nunha persoa arisca e que moi raramente se lle ve sorrir ou sen as cellas engurradas. No entanto, isto non quita que sexa unha persoa realmente interesada polo benestar dos seus amigos e que teña unha valentía digna dun heroe de lenda.

Familia[editar | editar a fonte]

Ichigo estuda na escola secundaria de Cidade Karakura, e vive co seu pai, Isshin Kurosaki e as súas dúas irmás máis novas, Karin e Yuzu. Poderíase pensar na familia Kurosaki como unha familia normal de non ser polos altos niveis de poder espiritual que teñen todos os seus membros: tanto é así que desde a súa infancia, tanto Ichigo como Karin son capaces de albiscaren as almas dos falecidos, os shinigamis e os hollows. Este feito tan inusual é o desencadeante da trama, xa que de non poder ver todo isto, Ichigo xamais sería quen de axudar a Rukia Kuchiki.

Con todo, o alto poder espiritual (reiatsu) de Ichigo tamén foi unha das causas do seu especial carácter, pois cando só tiña 9 anos tivo que presenciar a morte da súa nai, Masaki a mans dun hollow de terribles poderes coñecido como Grand Fisher. O sentimento de culpabilidade pola morte da súa nai defendéndoo acompaña a Ichigo durante moitos anos e volverao unha persoa pechada e pouco afectuosa.

Amizades[editar | editar a fonte]

Aínda que Ichigo non deu pé nunca a ter grandes amigos, na súa clase si adoita haber ao redor seu varias persoas que se preocupan por el e considérano un bo amigo. De todas elas, é Tatsuki Arisawa coa que parece levarse mellor, xa que se coñecían desde nenos e, como se sinala en numerosas ocasións, Tatsuki fora varias veces á casa dos Kurosaki, algo realmente excepcional. Aínda que durante a maior parte da serie se din poucas palabras, é facilmente perceptible certo grao de complicidade e de coñecemento mutuo.

Por outra banda, as persoas coas que mellor parece levarse Ichigo en clase son tres mozos: o celoso Keigo Asano, o discreto Mizuiro Kojima e, sobre todo, Yasutora Sado, alcumado Chad. Este último, aínda máis retraído e silencioso que Ichigo, axudouno a defenderse das persoas que se metían con el, e entre eles hai unha firme e leal amizade que arrastrará ao un ás aventuras do outro.

Tamén existen outras persoas da contorna de Ichigo que acabarán xogando un papel determinante na súa vida como shinigami substituto. Unha delas é Orihime Inoue, a mellor amiga de Tatsuki, e que parece ser que está namorada de Ichigo. Orihime é unha persoa moi afectuosa e alegre, que adoita estar sempre de bo humor e que, como Ichigo, se preocupa moito máis polos seus amigos que por si mesma. Doutra banda, Uryuu Ishida, a persoa con mellores notas do colexio -Inoue, para sorpresa de moitos, é a terceira-, non ten ningún contacto especial con Ichigo ou o seu círculo ata que comeza a trama de Bleach, e a súa personalidade fría e distante adóitalle facer chocar co propio Ichigo.

Sinopse[editar | editar a fonte]

Shinigami Substituto[editar | editar a fonte]

A ata entón tranquila vida de Ichigo e de todo a súa contorna experimenta un xiro no momento en que a shinigami Rukia Kuchiki aparece na casa dos Kurosaki para acabar cun hollow que ía atacar a familia. Debido a que Ichigo interfire no seu traballo normal, Rukia acaba sendo ferida e non ten máis remedio que ceder os seus poderes a Ichigo, absorbendo este entón un reiatsu tan enorme e impensable que Rukia queda completamente debilitada. O incontrolado e inmenso poder espiritual de Ichigo non só se traduce na súa habilidade como shinigami, senón que afecta a outras persoas da súa contorna provocando que estes mesmos acaben por desenvolver poderes especiais e un reiatsu moi especial.

Ao día seguinte, en clase, Ichigo lévase a sorpresa de ver a Rukia cun corpo humano e simulando que é unha estudante de intercambio. A shinigami revela que está usando un gigai (un corpo substituto, que lle serve para recobrar os seus p0oderes e de paso poder desenvolverse mellor polo mundo dos humanos), e advirte a Ichigo que ata que se recupere el deberá de substituíla cazando a hollows e enviando as almas á Sociedade de Almas.

As primeiras aventuras de Ichigo e Rukia, unidas á aprendizaxe do traballo de shinigami de Ichigo comprenden a primeira tempada da serie. Nela a persecución de hollows fará que se entrecrucen os camiños de Ichigo cos dos seus compañeiros Chad e Orihime, e que estes adquiran tamén poderes, moi diferentes aos dun shinigami ou outra criatura. Tamén aparecerá en escena o Gran Pescador, o poderoso hollow que matou a nai de Ichigo, así como a estraña tenda de Urahara.

Este enigmático home prové de todo tipo de obxetos a Rukia para facilitar o oficio de shinigami, e entre algunhas das súas vendas cómpre destacar unha alma modificada que en máis dunha ocasión ocupa o corpo de Ichigo mentres este o abandona para traballar como shinigami. Esta alma modificada, chamada por Ichigo Kon, está dotada dunha grande axilidade, e adoita perseguir a todas as mozas cunha talla grande de suxeitador. Porén, Kon pásase a maior parte do tempo amolado ocupando un peluche en forma de león.

Ichigo vese en especiais problemas ao descubrir que o seu compañeiro de clase Uryuu Ishida é un quincy, unha raza humana en vías de extinción que está enfrontada aos shinigamis pero que loita tamén contra os hollows. Aceptando un desafío de Ishida, Ichigo participa nunha estraña competición para aniquilar o maior número de hollows posible, ata que aparece un Menos Grande, unha variedade enorme e dun poder que supera os dun shinigami normal. A vitoria final sobre ese monstro, unida á permanencia de Rukia escondida no mundo dos humanos -leva meses vivindo no armario de Ichigo, e estrañamanete non pode recuperar os seus poderes- acaba por chamar a atención da Sociedade de Almas, inaugurando a tempada máis soada da serie.

A Sociedade de Almas[editar | editar a fonte]

Por fin, unha noite sucede o que Rukia tanto temía. A Sociedade de Almas manda uns shinigamis a arrestala por permanecer tanto tempo no tempo real e por ceder os seus poderes a un mortal, algo severamente castigado. A súa sorpresa será enorme ao ver que os enviados son dous dos guerreiros máis poderosos e ademais vellos coñecidos seus: o seu irmán Byakuya Kuchiki, o capitán do Sexta Escuadrón, e o seu tenente, Renji Abarai (un grande amigo de Rukia desde a infancia). Cando se dispón a marchar con eles, aparece Ichigo e enfróntase a Renji. Cando todo parecía a favor de Renji, Ichigo consegue poñelo en apertos, provocando a intervención de Byakuya, sendo claramente derrotado. Antes de marchar, o frío Byakuya quita os poderes a Ichigo e este, desesperado e case moribundo, non pode facer máis que ver como Rukia se afasta mentres lle pide, entre bágoas, que se esqueza dela.

Desesperado por rescatar a Rukia, Ichigo pide axuda a Urahara, e este sométeo a un durísimo adestramento para recuperar os seus poderes e poder liberar o seu Zanpakutō -espada de shinigami-. Durante este proceso Ichigo viaxa ao profundo da súa alma para atoparse coa súa zanpakuto, está a piques de converterse en hollow, e este perigo parece non abandonarlle xa nunca máis. Seguidamente, Ichigo marcha á Sociedade de Almas, acompañado polos seus amigos Chad, Orihime e Ishida, así como un gato negro que fala, Yoruichi, o mellor amigo de Urahara que se ofrece como o seu guía.

O rescate de Rukia é case unha misión suicida. Na Sociedade de Almas non só habitan miles de shinigamis, senón que entre eles están os trece Capitáns de Escuadrón, temibles e implacables combatentes que impedirán custe o que custe que Ichigo e os seus compañeiros rompan os seus tradicionais costumes. Ademais, un interese escuro parece adiviñarse en todo o relacionado con Rukia, xa que é condenada a matar e a data da súa execución está sendo constantemente adiantada. Este feito tamén comeza a espertar sospeitas dentro dos propios Escuadróns, e amigos de Rukia como Renji comezan a dubidar.

A entrada no Seiritei (a cidade dos shinigamis) anúnciase difícil, e de non ser por unha amiga de Yoruichi, Kuukaku Shiba -quen ademais mándalles ao seu irmán menor, Ganju Shiba para axudarlles- o rescate de Rukia sería imposible. Ao ser disparado o equipo polo canón de Kuukaku, acaban por ser divididos, e xa non volverán reencontrarse ata o final da aventura: por unha banda cae Chad, por outro Ishida e Orihime, por outro Yoruichi e por un último Ichigo e Ganju. A partir de entón, os combates non deixan de sucederse.

Ichigo e Ganju aterran nas dependencias do Undécimo Escuadrón, o máis violento de todos, e o noso protagonista enfróntase ao terceiro oficial Ikkaku Madarame, nunha pelexa moi reñida. Ao acabar vitorioso Ichigo, esperta o interese do capitán daquel escuadrón Kenpachi Zaraki, unha auténtica besta cobizosa de sangue e dun bo combate. O esperado combate tarda en chegar e acaba sendo devastador. En todo aquel tempo Ichigo incrementou de forma exponencial a súa forza, pero segue sendo demasiado pouco para derrotar o Capitán Zaraki. Cando se descobre que Zaraki non coñece o nome da súa Zanpakutō e non é quen de liberar o bankai desta; Ichigo, tras unha conversa con Zangetsu, obtén a forza e a confianza necesarias para plantarlle cara ao capitán, tendo como resultado unha moi intensa loita que remata con ambos os combatentes desmaiados sobre o chan.

Ichigo é rescatado entón por Yoruichi, quen revela a súa auténtica forma (dun xeito moi divertido), a dunha bela muller de pel morena e trazos felinos, a Ex Capitana do Segundo Escuadrón -o corpo de operación especiais e sixilo- marchada ao exilio moito tempo atrás xunto a Kisuke Urahara, o Ex Capitán do Duodécimo Escuadrón. Yoruichi encárgase de adestrar a Ichigo para desenvolver a forma máxima do poder de shinigami, o bankai, ou segunda liberación da Zanpakutō, algo só aberto a persoas de gran poder e que sufran un adestramento durísimo como os capitáns. Con todo, Ichigo finalmente debe dominar o bankai en só dous días, xa que a execución de Rukia volve ser adiantada.

No último momento posible, Ichigo consegue salvar a Rukia da morte, axudado por Yoruichi e por dous capitáns máis de escuadrón que comezaron a albergar as súas dúbidas verbo daquela trama tan escura, os poderosísimos capitáns Kyoraku e Ukitake. Mentres todos entran en diferentes e complicados combates, Ichigo despacha nun momento a tres tenentes e enfróntase ao seu inimigo particular, o propio irmán de Rukia, o Capitán Kuchiki. Este parece demostrar un profundo desprezo pola súa irmá e unha cega fe na xustiza e nas normas, das que se considera executor. Así, o combate máis intenso de todo o ataque da Sociedade de Almas prodúcese entre ambos os personaxes, os dous polos opostos, e ambos os dous acaban por revelar os seus respectivos bankai.

Tras un combate épico, o Capitán Kuchiki acaba por admitir a súa derrota e após falar con Ichigo e dicirlle que el debía seguir as normas, este faille recapacitar dicíndolle que se el estivese no seu lugar, non as seguiría e salvaría a súa irmá. Entón Byakuya promete non volver perseguir a Rukia. Durante a súa pelexa, Ichigo foi posuído pola parte hollow da súa alma, aínda máis poderosa que a outra parte, e xunto ao efecto sorpresa, foi capaz de vencer ao bankai do seu adversario. Mais nese preciso instante descóbrese a traizón dalgúns capitáns da Sociedade de Almas, unha terrible conxura destinada a cambiar a face do mundo e sementar a destrución urdida por Sousuke Aizen, o Capitán do Quinto Escuadrón, quen finxira a súa morte. O motivo polo que implicaron a Rukia en todo foi debido a que Urahara implantou no seu gigai, cando ela tivo que tomar un corpo ao perder os seus poderes, un poderoso artefacto capaz de mesturar as habilidades dun shinigami coas dun hollow, creando un híbrido de terrible enerxía destrutora. Ichigo trata de volver defender a Rukia, pero o poder de Aizen é enorme, e consegue facerse con aquela horrible máquina de guerra, aínda que a vida de Rukia é salvada grazas á providencial actuación do Capitán Kuchiki, que arrisca a súa vida para protexer a da súa irmá. Este desvela os motivos que lle implicaron a perseguir desa forma tan implacable a Rukia e demostra un grande afecto por ela.

As intensas tempadas segunda e terceira do anime, que abranguen todos estes feitos, son consideradas as centrais de toda a saga, e acaban no momento en que Ichigo, Chad, Orihime, Ishida e Yoruichi voltan ao mundo dos humanos. Antes de marchar, Ichigo recibe do Capitán Ukitake un medallón que lle permitirá seguir sendo shinigami substituto sen que volva ser molestado por ningún membro leal á Sociedade de Almas.

Os Bound (só en anime)[editar | editar a fonte]

Nesta tempada de recheo, a esperas de poder pasar á pequena pantalla os últimos capítulos do manga, Ichigo e os seus compañeiros enfróntanse a unha nova ameaza, os bound, unha especie de humanos que absorben almas para incrementar o seu poder. Tanto Ichigo como Chad, Orihime e Ishida, contarán coa axuda de tres almas modificadas máis, deseñadas por Urahara, así como pola inesperada chegada primeiro de Renji e logo da propia Rukia desde a Sociedade de Almas. Aínda así, Rukia aínda non acabou de poder recuperar todo o seu potencial, e dado que non pode aínda liberar o seu zanpakutō, utiliza só a maxia demoníaca ou kidoh.

Utilizando a tenda de Urahara como base, Ichigo e os demais comezan a descubrir as habilidades e os motivos que impulsan os bounds a atacaren a humanos vivos. O xefe de todos eles, Jin Kariya, mesmo secuestra a Ishida, afirmando que necesitan os poderes do último quincy para atinxiren os seus obxectivos. Tras numerosos e complicados combates -nalgúns dos cales reciben axuda doutros tenentes chegados da Sociedade de Almas-, Ichigo acaba por descubrir que os bounds queren chegar á propia Sociedade de Almas para vingárense dos seus creadores. Ishida opta por abrirlles o paso, explicando logo que se non o facía, sería máis difícil derrotalos no mundo dos humanos que na Sociedade de Almas.

Os Arrancar[editar | editar a fonte]

Trala fuxida de Aizen e os outros dous capitáns a Hueco Mundo co Hougyoku, Ichigo e o resto dos seus amigos voltan a Karakura deixando a Rukia na Sociedade de Almas. Ao chegaren, Kisuke Urahara recíbeos e descúlpase por non ser totalmente sincero con eles con respecto ao Hougyoku e o rescate de Rukia. Ichigo non se mostra enfadado e todos volven ás súas vidas.

O novo ano escolar comeza e Ichigo recibe unha placa de Ukitake que lle autoriza a actuar como shinigami substituto na zona de Karakura, un artefacto protexido por un campo espiritual que lle permite adoptar a súa forma shinigami sen necesidade de pílulas gikongan ou obxectos como a luva de Rukia ou o bastón de Urahara. O primeiro feito estraño é que Tatsuki Arisawa é quen de ver esa placa, en teoría invisible para os humanos sen poder espiritual.

O seu pai, Isshin Kurosaki regálalle o amuleto da súa nai e as clases comezan. Chega un novo estudante chamado Shinji Hirako e todo parece transcorrer normalmente; Ichigo desempeña o seu traballo como shinigami substituto acabando cos hollow da zona facilmente.

Ata que un vello coñecido da familia Kurosaki aparece, Grand Fisher, o Hollow que asasinou a nai de Ichigo, volve de "Hueco Mundo" totalmente cambiado tras quitarse parte da súa máscara e aparece como Arrancar. Cando Ichigo sente a presenza espiritual de varios hollow deixa a Kon no seu corpo e sae na súa busca. Con todo é interceptado por Hirako, que lle ataca co que parece ser unha Zampakutô.

Hirako revélalle ser un Vizard, un shinigami que espertou o seu hollow interior para obter máis poder e amósalle a súa máscara de hollow. Ichigo fica sorprendido á vez que Hirako lle pide a Ichigo que se una a eles, pois el tamén é un vizard.

Ichigo rexeita o ofrecemento do seu novo compañeiro de clase e nega ser un vizard senón un shinigami. Cando chega ao lugar dos feitos, Grand Fisher xa foi derrotado polo seu pai; Isshin que revela ser un shinigami -probablemente un capitán xa que na súa forma shinigami viste un hakama branco como xa se vira vestido por outros capitáns da serie-, así e todo Kon non fala disto con Ichigo.

Ichigo sorpréndese ao día seguinte ao ver a Hirako tranquilamente na súa clase e dille que se vaia, no entanto o vizard insiste e dille a Ichigo que é a única solución, posto que unha vez convertido en vizard non hai volta atrás: Só el e o seu grupo coñecen a forma de controlalo, senón, converterase en hollow e todos a quen el cre os seus amigos abandonarano.

O shinigami pensa sobre isto, cada vez sente máis ansiedade polo seu hollow interno, logo da súa pelexa con Byakuya Kuchiki sente que lle invade e que o domina cada vez máis.

Nese instante aparecen os Arrancar Ulquiorra Schiffer e Yammy en Karakura coa misión de investigar o shinigami substituto. Cando Ichigo chega ao lugar dos feitos moitas almas foron devoradas por Yammy, o brazo de Chad foi salvaxemente mutilado e Inoue está a piques de ser asasinada polo corpulento Arrancar.

Ichigo deteno e usa o seu bankai para derrotar os seus inimigos. Furioso, detén un ataque de Yammy e córtalle o brazo en pago polo de Chad, cando Yammy se prepara para combater e desenvaina o seu zampakutou, o hollow de Ichigo impídelle loitar. Incapaz de pelexar, ichigo é golpeado brutalmente por Yammy, cando está a piques de ser destruído, Urahara e Yoruichi interpóñense e logran poñer en xaque a Yammy. Con todo Ulquiorra ordenará retirada tras confirmar que Ichigo non é máis que "un pedazo de lixo polo cal Aizen non debe preocuparse".

Ichigo e Inoue serán curados por Urahara e os seus compañeiros. Entristecido e desesperanzado, Ichigo non saberá que facer. Nese intre chegan novos compañeiros ao seu instituto.

Serán reforzos enviados pola Sociedade de Almas para axudaren a Ichigo. Un grupo comandado polo capitán da Décima División, Hitsugaya Tōshirō, o seu tenente, Rangiku Matsumoto, o terceiro e quinto representantes da Undécima, Madarame Ikkaku e Yumichika Ayasegawa, o subcapitán da Sexta Renji Abarai e a súa vella coñecida Rukia Kuchiki. Faranse pasar por estudantes e integraranse como poidan no instituto de Ichigo.

Nada máis chegar Rukia levarase a Ichigo pola forza e farao pelexar cun hollow, e malia o seu poder o shinigami ten problemas debido ao medo que ten a descontrolarse. Rukia esporearao para que se libere dos seus medos e trate de evitar perder o control. Ichigo reaccionará, acabará co hollow e pediralle perdón a Inoue por non poder defendela.

Tras isto os shinigamis dispersaranse pola cidade e instalaranse nas casas dos amigos de Ichigo (Matsumoto e Hitsugaya con Inoue, Renji irá ver a Urahara...) e Rukia quedarase con Ichigo como anteriormente, aínda que esta vez co beneplácito da súa familia.

Cando apenas chegou a noite, Grimmjoww Jaggerjack e os seus seguidores Arrancar inician un ataque sorpresa e sen autorización sobre Karakura. Cada un dos seus seguidores se dispersan na procura de persoas con calquera nivel apreciable de reiatsu por moi baixo que sexa.

Ichigo e Rukia irán buscar a Yasutora Sado, cara ao que se dirixe un dos Arrancars, Diroy.

Ichigo detén a man do Arrancar xusto cando ía fendela de súpeto no peito de Chad. Ichigo repele o ataque e dille a Chad que é mellor que se vaia. Este decepciónase profundamente debido a que Ichigo o cre débil e vaise correndo, Rukia crúzase con el e ao decatarse do que Ichigo fixo desfaise do seu gigai e aparta a Ichigo da loita.

Rukia demostrará recuperar por completo os seus poderes ao liberar o seu Zanpakuto: Sode No Shirayuki e matar o Arrancar facilmente. Xusto ao acabar o combate aparece Grimmjow preguntándose quen é o máis forte.

Cando Rukia trata de falarlle a Ichigo resulta traspasada pola man de Grimmjow e desmáiase, Ichigo atacará ao Arrancar con Zangetsu pero será repelido facilmente pola técnica "Ferro" da Espada, que se burlará del. Ichigo verase forzado a usar o bankai.

A pelexa será desigualada, o aumento de velocidade que lle ofrece o bankai a Ichigo non é abonda para vencer a Grimmjow, que a diferenza do shinigami non pelexa con medo. Grimmjow golpeará repetidas veces a Ichigo fisicamente e ata deterá a Tensa Zangetsu coas mans: Cando Grimmjow comeza a estar aburrido da loita, Ichigo lanza por sorpresa un Kuroi Getsuga Tenshou que impacta no Arrancar e lle crea unha ferida no torso transversal, no brazo e na tempa. Porén non logra ferilo gravemente, o ollo de Ichigo comeza a tinguirse de negro simbolizando o control que o hollow comeza a exercer sobre el, Ichigo aumentou o proceso ao usar o bankai e unha técnica como o Kuroi Getsuga tenshou, que foi ideada polo hollow. Non poderá repetila máis de tres veces.

Poderes[editar | editar a fonte]

Sen dúbida, a habilidade máis importante de Ichigo é a súa incrible rapidez de aprendizaxe. É capaz de aprender o oficio de shinigami en moi pouco tempo, e tamén sabe liberar a súa arma sen necesidade dunha longa carreira. Pero o máis sorprendente é o control que adquire ao poder invocar o bankai en tan só tres días, cando un capitán calquera adoita tardar polo menos dez anos, aos que se debe engadir outros centos para adquirir unha grande experiencia no combate.

A súa boa forma física contribúe moito á súa gran capacidade para combater. Estar no "dojo" desde neno, unido aos constantes ataques sorpresa do seu pai e a que aprendeu axiña a defenderse dos que se metían con el convertérono nun adolescente áxil e veloz cunha forza capaz de suxeitar un arma tan pesada como a súa.

En canto a técnicas de ataque, Ichigo nunca foi adestrado como shinigami, e xa que logo descoñece o kidoh, e confía cegamente no combate corpo a corpo. Aínda cando aumentou en poder e estivo na Sociedade de Almas, non demostrou ningún interese polo kidoh, e a única técnica adicional que fixo súa foi o shunpo, que lle permite moverse a tanta velocidade que practicamente o fai invisible e capaz de teletransportarse.

Finalmente, un dos poderes mais peculiares que posúe Ichigo, é a capacidade de influenciar noutras persoas. Todos aqueles que teñen contacto continuo con el, adquiren habilidades paranormais; as persoas sen poderes adquírenos cando estiveron preto de seu e aqueles que posúen a capacidade de veren espíritos, ven como os seus poderes aumentan e modifícanse adquirindo habilidades especializadas respecto sexa a súa personalidade.

Zanpakutō[editar | editar a fonte]

No momento en que Rukia traspasou os seus poderes a Ichigo, este converteuse en shinigami, e como tal tivo unha zanpakutō. Na súa forma inicial, a arma de Ichigo era dun tamaño enorme, tanto que ata a propia Rukia se abraia, posto que o tamaño dunha arma é proporcional á forza espiritual dun shinigami - salvo no caso dos shinigamis máis fortes, que poden modular o tamaño das súas espadas-. O Capitán Kuchiki destrúe a zanpakutō de Ichigo no seu primeiro encontro, o que provoca que no adestramento de Urahara o principal obxectivo sexa liberar a arma, é dicir, mostrala na súa forma orixinal. A espada de Ichigo materializada ten a aparencia dun home de mediana idade, sen afeitar e co pelo polos ombreiros, todo vestido de negro cun manto largo. Ichigo adoita chamalo "vello" ou "tío" (ou-san). Falouse moito sobre o parecido que é Zangetsu co pai de Ichigo, crese que estas similitudes teñen a súa explicación na identidade e o pasado real do seu pai.

Shikai: Zangetsu[editar | editar a fonte]

O primeiro que un shinigami debe facer para poder liberar o seu zanpakutō é saber o seu nome. Durante o seu adestramento, Ichigo consegue pescudalo, activando por primeira e única vez en toda a serie a liberación primeira ou shikai, berrando simplemente o nome de Zangetsu (月, é dicir, Lúa cortante). A forma de Zangetsu activada, que acompañará xa sempre a Ichigo, é a dunha espada incompleta, sen vaíña nin garda, coa aparencia dun xigantesco coitelo envolto simplemente en tiras de tea de cor branca. Iso é, xa que a filosofía que dá sentido á existencia de Zangetsu é de sempre avanzar, abandonando o medo e as reservas, iso vese influenciado na súa forma, a cal carece do tsuba, que xeralmente axuda como parte da defensa, a envoltura da empuñadura ou tsuka, que amortece os impactos e da vaíña, que segundo a crenza oriental calma a espada e contén o seu poder e espírito.

Ata o momento só se coñece unha habelencia de Zangetsu, o Getsuga Tenshou (Colmillo luar que penetra no ceo), que consiste en lanzar unha gran cantidade de enerxía concentrada en forma de lúa crecente cor azul, capaz de destruír todo o que se atope ao seu paso. Aínda que Ichigo prefire o combate corpo a corpo, ás veces utiliza esta habelencia, coa evidente sorpresa do adversario de quenda.

Ademais, o hollow interior de Ichigo manexa a Zangetsu dunha forma diferente e máis eficiente que o propio Ichigo, volteándoa no aire cunha das tiras de tea da súa empuñadura.

Bankai: Tensa Zangetsu[editar | editar a fonte]

A liberación final de Zangetsu é realmente espectacular, e a forma última desta arma non ten ningunha comparación posible coa do resto de shinigamis. Cando Ichigo é capaz de invocar o bankai, a espada recibe o nome completo de Tensa Zangetsu (天鎖斬月, Cadeas celestiais que cortan a Lúa) e adquire a forma dunha katana completamente negra e de perfil firme e estilizada, todo o contrario das esaxeradas proporcións do shikai, xa que ata ten un tsuba en forma de svastica e a cinta do tsuka transfórmase nunha cadea. Xunto coa transformación da súa zanpakutō, as roupas de Ichigo tamén experimentan un cambio, e aparece sempre vestido polo longo abrigo negro que leva tamén a forma materializada de Zangetsu.

Os poderes do bankai de Ichigo son máis abstractos cos dos outros shinigamis. Como ben pensou o Capitán Kuchiki durante o seu enfrontamento, a forma final do zanpakutō de Ichigo era capaz de comprimir o seu inmenso poder espiritual en moi pouco espazo, adquirindo esa cor negra como o acibeche. Con iso, as habilidades de Ichigo vense moi incrementadas, sobre todo a súa axilidade e a súa forza. Tamén experimenta un cambio o Getsuga Tenshou, que se torna moito máis agresivo e de cor negra. Alén diso Ichigo pode usar o Shunpo dun xeito máis áxil, isto fica demostrado na batalla contra o mesmo Byakuya, cando este tenta atacalo co seu Zenbonsakura Kageyoshi; e Ichigo en menos dun pestanexo tenlle a punta da súa katana (Tensa Zangetsu) no seu pescozo, sorprendendo o mesmísimo capitán Byakuya. Así e todo, cómpre dicir que o bankai de Ichigo non está aínda o todo dominado e pode traer aínda máis sorpresas. Como Vizard o poder de Zangetsu aparenta ser o mesmo na súa forma inicial e no seu Bankai, o que cambia é o nivel de poder de Ichigo ao colocarse a máscara de Vizard.