Iago Falque

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Iago Falque
Información persoal
Nome Iago Falque Silva
Nacemento 4 de abril de 1990 (33 anos)
Lugar de nacemento Vigo
Altura 1,73 m.
Posición Centrocampista
Información de club
Club actual América de Cali
Número 10
Carreira xuvenil
Cristo de la Victoria
2001 Real Madrid
2001–2008 Barcelona
2008–2010 Juventus
2009–2010Bari (cedido)
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
2008 Barcelona B 1 (1)
2008–2012 Juventus 0 (0)
2010–2011Villarreal B (cedido) 36 (11)
2011–2012Tottenham Hotspur (cedido) 0 (0)
2012–2014 Tottenham Hotspur 1 (0)
2012Southampton (cedido) 1 (0)
2013Almería (cedido) 18 (2)
2013–2014Rayo Vallecano (cedido) 28 (3)
2014–2015 Genoa 32 (13)
2015–2017 Roma 22 (2)
2016–2017Torino (cedido) 35 (12)
2017–2021 Torino 67 (18)
2020Genoa (cedido) 10 (2)
2020–2021Benevento (cedido) 11 (0)
2022– América de Cali 5 (0)
Selección nacional
2007 España sub-17 12 (3)
2008–2009 España sub-19 11 (4)
2009 España sub-20 1 (0)
2011 España sub-21 1 (0)
2008 Galicia 1 (0)
Na rede
FIFA: 269899 UEFA: 1902206 Editar o valor em Wikidata
Partidos e goles só en liga doméstica.
Club: actualizado a 12 de maio de 2022
editar datos en Wikidata ]

Iago Falque Silva, nado en Vigo o 4 de abril de 1990, é un futbolista galego que xoga na demarcación de centrocampista para o América de Cali, da Primeira A de Colombia. É un xogador zurdo, que ten ocupado as posicións de medio e sobre todo media punta ou medio ofensivo. Desenvolveu a maior parte da súa carreira no fútbol italiano, sendo o terceiro futbolista español con máis goles na Serie A, só por de Callejón e do tamén galego Luis Suárez.

É fillo da política do PSdeG, Carmela Silva.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Comezos[editar | editar a fonte]

Comezou a xogar ao fútbol no Cristo de la Victoria de Vigo, e con 11 anos foi posto a proba polo Real Madrid, co que disputou dous torneos e foi elixido mellor xogador do Torneo Internacional de Maspalomas.[1][2] Ao remate deste, aceptou unha oferta do FC Barcelona, onde se foi formando como xogador nas categorías inferiores.[3]

Juventus[editar | editar a fonte]

Logo de sete anos en Barcelona, en agosto de 2008 fichou pola Juventus por un período de catro anos, sendo asignado ao equipo xuvenil ou "Primavera".[4] O 5 de decembro de 2008 foi convocado por primeira vez polo adestrador do primeiro equipo, Ciro Ferrara, para un partido da Serie A, contra o Lecce, pero non chegou a xogar.[5] Continuou o resto da tempada no xuvenil, co que gañou o Torneo de Viareggio.

Cesión ao Bari[editar | editar a fonte]

En agosto de 2009 saíu cedido ao Bari,[6] club no que permaneceu cinco meses sen chegar a debutar co primeiro equipo na Serie A, xogando no canto diso co xuvenil. En xaneiro regresou a Turín e volveu vestir a camiseta do equipo "Primavera", co que gañou de novo o Torneo de Viareggio, marcando un dos goles da final ante o Empoli.[7]

Cesión ao Villarreal B[editar | editar a fonte]

O 29 de xullo o Villareal e a Juventus chegaron a un acordo para a cesión por unha tempada do futbolista ao filial do equipo castellonenco, o Villarreal B, que militaba na Segunda División. Titular indiscutible no ataque amarelo, foi o máximo goleador do equipo, con 11 tantos.

Tottenham Hotspur[editar | editar a fonte]

Na tempada 2011/12 volveu ser cedido pola Juventus, desta vez ao Tottenham Hotspur.[8] O 15 de setembro debutou co equipo na Europa League, nun partido ante o PAOK FC en Tesalónica. Despois de disputar catro partidos máis da competición europea e un da FA CUP, en xaneiro de 2012, o equipo inglés decidiu fichalo en propiedade e cedelo ao Southampton, que ocupaba o liderado da Championship, a segunda liga inglesa.[9] Debutou esa mesma semana ante o Leicester, pero non volveu disputar ningún minuto co equipo.

Cesións ao Almería e Rayo Vallecano[editar | editar a fonte]

Comezou a tempada 2012/13 no Tottenham, co que debutou na Premier League nun partido contra o Everton, pero en xaneiro foi cedido ao Almería, da Segunda División.[10] No equipo andaluz fíxose coa titularidade e logrou o ascenso despois de derrotar na promoción o Las Palmas e o Girona. Para a campaña 2013/14 foi cedido ao Rayo Vallecano, da Primeira División.[11] Debutou na máxima categoría nun encontro fronte ao Levante, e disputou un total de 31 partidos co equipo, marcando tres goles.

Genoa[editar | editar a fonte]

En agosto de 2014 fichou polo Genoa, regresando así ao fútbol italiano.[12] Co equipo xenovés estreouse na Serie A, na derrota da primeira xornada ante o Napoli. Titular durante a maior parte da tempada, foi o máximo anotador do equipo de Gasperini, que rematou sexto na táboa, sumando un total de 13 goles en liga e un na Copa de Italia.

Roma[editar | editar a fonte]

No verán de 2015 foi traspasado á Roma, que pagou por el uns oito millóns de euros.[13] No equipo da capital italiana, comezou xogando como titular con Rudi Garcia como adestrador, pero foi relegado á suplencia trala chegada de Luciano Spalletti ao banco. Coa camiseta da Roma fixo o seu debut na Liga de Campións, nun partido contra o FC Barcelona no Stadio Olimpico. Xogou cinco encontros da máxima competición europea e marcou un gol, nun empate a catro goles ante o Bayer Leverkusen.[14]

Torino[editar | editar a fonte]

En xullo de 2016 anunciouse a súa cesión ao Torino, tamén da Serie A. Marcou 12 goles e repartiu 8 asistencias no equipo adestrado por Siniša Mihajlović. O seu bo rendemento propiciou que o equipo piemontés exercese a súa opción de compra sobre o xogador.[15] Repetiu os 12 goles na tempada 2017/18 e marcou 6 na seguinte.

Cesión ao Genoa[editar | editar a fonte]

Con todo, perdeu protagonismo no inicio da tempada 2019/20 e no mercado invernal saíu cedido ao Genoa, equipo no que debutara na Serie A uns anos antes.[16] Alí tivo como técnico a Davide Nicola e xogou 10 encontros ata o remate da competición, anotando dous goles.

Cesión ao Benevento[editar | editar a fonte]

Na tempada 2020/21 foi cedido por novena vez na súa carreira, desta volta ao Benevento, da Serie A. No equipo adestrado por Filippo Inzaghi apenas contou con minutos, disputando só 11 partidos, só 4 deles como titular, e marcando un gol ante o Crotone. O equipo acabou a tempada descendendo á Serie B. Ao remate da súa cesión deixou o Torino e o fútbol italiano, sendo o terceiro futbolista español con máis goles marcados na historia da Serie A (48), só por detrás de Callejón e do tamén galego Luis Suárez.[17]

América de Cali[editar | editar a fonte]

Despois de estar uns meses sen equipo, en xaneiro de 2022 asinou como novo xogador do América de Cali, da Primeira A de Colombia. Debutou co equipo adestrado por Juan Carlos Osorio o 28 de febreiro, nunha vitoria por 2-0 sobre o Once Caldas.[18] Uns días despois xogou o seu primeiro partido na Copa Suramericana, ante o Independiente Medellín.[19]

Selección nacional[editar | editar a fonte]

Internacional coas categorías inferiores da selección española, en 2007 participou coa sub-17 na Eurocopa sub-17 e na Copa do Mundo sub-17. Na primeira delas, disputada en Bélxica, marcou dous goles e foi titular na final ante Inglaterra, na que España se proclamou campioa grazas a un solitario gol de Bojan Krkić.[20] No Mundial, celebrado en Corea do Sur, marcou un gol contra Corea do Norte e disputou unha nova final, na que España caeu ante Nixeria na quenda de penaltis, sendo el un dos que fallaron o seu lanzamento.[21]

En 2008 foi convocado por Arsenio Iglesias e Fernando Vázquez para xogar coa selección galega nun amigable contra Irán. Foi titular en dito partido, disputado no estadio de Riazor, no que Galicia venceu por 3-2.[22] Foi convocado tamén para o encontro da Irmandiña contra Venezuela en 2016, pero a última hora foi baixa por lesión.[23]

Datos persoais[editar | editar a fonte]

Súa nai é a política do PSdeG Carmela Silva, que ostentou entre outros cargos o de senadora, deputada no Congreso e presidenta da Deputación de Pontevedra. É ademais sobriño de Gustavo Falque, presidente do Coruxo dende 2001.[24] Froito da súa relación coa modelo venezolana Carolina Araque, en 2021 naceu o seu fillo Liam.[25][26]

Palmarés[editar | editar a fonte]

Selección española sub-17

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Guasch, Tomás (21 de decembro de 2008). ""Italia mezcla fútbol y ajedrez a un tiempo: juegan a otra cosa"". As (en castelán). Consultado o 12 de maio de 2022. 
  2. "El sueño de Falqué no estaba en Valdebebas". Marca (en castelán). 1 de novembro de 2013. Consultado o 12 de maio de 2022. 
  3. "Iago Falqué: Llegado de Galicia con una zurda 'diez'" (en castelán). 5 de xullo de 2006. Consultado o 12 de maio de 2022. 
  4. "Mercado: Iago Falqué ficha por la Juventus" (en castelán). 2 de setembro de 2008. Consultado o 12 de maio de 2022. 
  5. "El gallego Iago Falque se asoma en el Juventus" Arquivado 14 de decembro de 2013 en Wayback Machine., El Correo Gallego, 7/12/2008
  6. "Iago Falque se marcha cedido al Bari". Faro de Vigo (en castelán). 26 de agosto de 2009. Consultado o 12 de maio de 2022. 
  7. "62nd "Torneo di Viareggio" 2010". rsssf.com (en inglés). Consultado o 12 de maio de 2022. 
  8. "Iago Falqué jugará cedido en el Tottenham". Marca (en castelán). 26 de agosto de 2011. Consultado o 12 de maio de 2022. 
  9. Fichaje por el Tottenham Hotspur, artigo en Marca, 16 de xaneiro de 2012 (en castelán).
  10. "Iago Falqué se incorpora al Almería". Mundo Deportivo (en castelán). 25 de xaneiro de 2013. Consultado o 12 de maio de 2022. 
  11. Suárez, Isaac (23 de agosto de 2013). "Iago Falqué refuerza al Rayo". Marca (en castelán). Consultado o 12 de maio de 2022. 
  12. "Iago Falque ficha por el Genoa". As (en castelán). 1 de agosto de 2014. Consultado o 12 de maio de 2022. 
  13. "Iago Falque firma por la Roma hasta 2020". Marca (en castelán). 1 de xullo de 2015. Consultado o 12 de maio de 2022. 
  14. Solé, Sergi (20 de outubro de 2015). "El Bayer devuelve una remontada espectacular a la Roma y le birla el triunfo". Mundo Deportivo (en castelán). Consultado o 12 de maio de 2022. 
  15. "El Torino ejerce la opción de compra por Iago Falque". As (en castelán). 4 de xaneiro de 2017. Consultado o 12 de maio de 2022. 
  16. Rivas, Isaac (31 de xaneiro de 2020). "Iago Falque jugará como cedido en el Genoa" (en castelán). Consultado o 12 de maio de 2022. 
  17. Ferré, Quim (14 de abril de 2020). "Los 10 futbolistas españoles con más goles en la historia de la Serie A". 90min.com (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 12 de maio de 2022. Consultado o 12 de maio de 2022. 
  18. "Iago Falque y su debut con el América de Cali: jugó un tiempo en el 2-0 sobre Once Caldas" (en castelán). 28 de febreiro de 2022. Consultado o 12 de maio de 2022. 
  19. "Iago Falque y el mensaje tras su primera derrota con América" (en castelán). 10 de marzo de 2022. Consultado o 12 de maio de 2022. 
  20. "Bojan eleva a España". El Mundo (en castelán). 14 de maio de 2007. Consultado o 12 de maio de 2022. 
  21. "España - Nixeria 2007". FIFA (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 18 de setembro de 2007. Consultado o 12 de maio de 2022. 
  22. Fernández, Carlos Alberto (28 de decembro de 2008). "Galicia vence a Irán con Novo como estrella". La Opinión A Coruña (en castelán). Consultado o 12 de maio de 2022. 
  23. "Galicia - Venezuela, en directo". La Voz de Galicia (en castelán). 20 de maio de 2016. Consultado o 12 de maio de 2022. 
  24. Estévez, Antonio (17 de outubro de 2017). "Dolor y rabia: el deporte contra las llamas". Marca (en castelán). Consultado o 12 de maio de 2022. 
  25. "Carmela Silva: "Xa podo decir que son unha avoa feliz"". El Progreso (en castelán). 2 de marzo de 2021. Consultado o 12 de maio de 2022. 
  26. "La motivación de Iago Falque: conozca a su bella esposa venezolana" (en castelán). 27 de xaneiro de 2022. Consultado o 12 de maio de 2022. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]