IKEA

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
IKEA International Group
Ikea logo.svg
Tipo Privada
Fundación 1943
Localización Leiden, Holanda Meridional
Países Baixos Flag of the Netherlands.svg
Persoas clave Ingvar Kamprad, (fundador)
Anders Dahlvig, (presidente)
Hans Gydell, (vicepresidente)
Industria Mobiliario
Páxina web www.ikea.com

IKEA é unha corporación multinacional de orixe sueca, fundada en 1943 en Småland, adicada á venda minorista de mobles e obxectos para o fogar e decoración a baixo prezo e deseño contemporáneo. A estrutura organizativa da empresa é opaca e confusa. A marca IKEA pertence a unha fundación con sede nos Países Baixos, baixo o control da familia Kamprad, e que cobra un canon a cada tenda pola súa operación. Á súa vez, as tendas e algunhas fábricas son propiedade de distintas empresas e fundacións interrelacionadas entre si e supostamente tamén controladas pola familia Kamprad, pero cuxa estrutura societaria real non se desvelou completamente.

É unha das principais empresas en fabricación de mobles. En 2007 contaba con 238 tendas en 34 países e emprega a 104.000 traballadores en 44 países. A súa casa matriz está na cidade de Älmhult, Suecia.

A empresa é considerada unha icona do deseño contemporáneo e unha das máis prestixiosas e innovadoras. O seu exitoso modelo é motivo de estudo nas escolas de negocios.

Orixe do nome[editar | editar a fonte]

A palabra IKEA está formada polas iniciais do seu fundador, Ingvar Kamprad (I.K.), máis a primeira letra de Elmtaryd e Agunnaryd, que son a granxa e a aldea onde creceu, respectivamente.

Historia[editar | editar a fonte]

IKEA na Coruña
IKEA en Minnesota
IKEA en Madrid
Cervexa Ikea

En 1943, Ingvar Kamprad -un xove granxeiro sueco- comezou un negocio de venda de artigos por correo nunha aldea do sur de Suecia. A idea era vender artigos que cubrisen diversas necesidades a prezos accesibles. É así como comezou vendendo bolígrafos, billeteiras, marcos, reloxos, xoiería e medias de nailon.

No ano 1947 expande o seu negocio á venda de mobles e en 1951 publica o primeiro catálogo IKEA de mobles. Daquela toma a decisión histórica de concentrarse exclusivamente en mobiliario para o fogar, abandonando os demais artigos. O catálogo converteuse nun símbolo da compañía e na súa principal canle de márketing.

Cara 1953 IKEA só vende por catálogo, pero a competencia co seu máis próximo rival lévao a unha guerra de prezos que baixou as marxes e puxo en risco a calidade. Coa idea de lograr un maior achegamento entre os seus produtos e os seus clientes, Ingvar Kamprad decídese a inaugurar ese ano o seu primeiro salón de exhibición en Älmhult, unha cidade do sur de Suecia.

O éxito do local non pasou inadvertido para o cártel do moble que dominaba a industria sueca nese momento. Os competidores premeron aos provedores para que terminaran os seus contratos de abastecemento con IKEA, nun intento por sacala do mercado. Tamén foi excluída das principais feiras. O boicot contra IKEA obrigouna en 1955 a comezar o deseño dos seus propios mobles.

A idea de realizar mobles armables para facilitar o seu transporte levou a pensar en embalaxes planos, que reduciron aínda máis o prezo final ao cliente. O novo sistema de embalaxe reduciu o espazo de almacenaxe, reduciu os custos laborais e evitou danos de transporte.

En 1963 ábrese a primeira tenda IKEA fóra de Suecia, na veciña Noruega, nas proximidades da súa capital Oslo.

En 1965 inaugúrase unha tenda IKEA de 45.800  na capital de Suecia, Estocolmo, de forma circular inspirada no deseño do Museo Guggenheim de Nova York. O éxito xerou enormes problemas de capacidade para atender aos clientes, polo que se permitiu que os propios clientes se atenderan. Xurdía entón unha característica importante da firma.

En 1969 ábrese unha nova tenda no país veciño de Dinamarca, e en 1973, a primeira tenda fóra de Escandinavia é inaugurada en Zúrich, Suíza. Esta tenda será clave para a rápida expansión de IKEA en Alemaña, que é hoxe en día o seu maior mercado.

IKEA no mundo (2007). Países en verde conteñen tendas IKEA e en azul celeste futuras aperturas

Despois virían tendas en Xapón (1974), Australia (1975), Hong Kong (1975), Canadá (1976) e Singapur (1978). Xa na década dos oitenta ábrese a primeira tenda en España, en Telde, na illa de Gran Canaria, no ano 1981. En 1985 inaugúranse as primeiras tendas en Estados Unidos e unha en Tenerife. En 1992 ábrese unha en Mallorca e en 1996 chega á Península Ibérica, coa súa tenda en Badalona. Máis tarde chegaría a China (en 1998), Israel (en 1999) e Rusia (en 2000).

O 27 de agosto de 2007 inaugurouse a súa tenda número 17 en Suecia, na localidade de Karlstad.

O 20 de xullo de 2010 a multinacional inaugura o seu primeiro establecemento en Galicia na cidade da Coruña.

En novembro de 2012 Ikea recoñeceu e pediu desculpas polo uso de presos políticos da República Democrática Alemá (RDA) nas súas fábricas a finais dos anos 1980[1].

Modelo de negocio[editar | editar a fonte]

IKEA reformulou e bastante o modelo de fabricación e comercialización de mobles de maneira que a maioría dos produtos que vende son desarmables, poden almacenarse e transportarse en embalaxes planas e uniformes, co fin de abaratar os custos e os prezos. A este tipo de mobiliario chámaselle "RTA" (Ready To Assembly) e abarca a todo produto que necesita un armado previo para o seu uso. A maioría dos produtos que se comercializan na actualidade veñen cunha guía de armado e as ferramentas necesarias para armalo, co fin de levar a cabo o concepto "fágao vostede mesmo" (do it yourself).

A súa liña de produtos pretende cubrir tódalas necesidades do fogar e as distintas idades. Ofrece mobles funcionais e de deseño a un prezo relativamente baixo, pero afirma non renunciar ao compromiso e responsabilidade social co medio ambiente, os procesos de produción (como a prohibición do traballo infantil nos seus produtos) e a administración (afirma manexar unha política de equidade entre empregados, outorgando a homes e mulleres un mesmo salario a quen teñen o mesmo cargo). Este enfoque ecoloxista e progresista forma parte da súa estratexia de mercadotecnia e da súa imaxe de marca.

A compañía deseña os seus propios mobles e produtos, os cales son fabricados por máis de 1.500 provedores en máis de 50 países.

As franquicias permitíronlle medrar a baixo custo -22 tendas son administradas baixo este concepto- pero requiriron dun maior control.

Os seus maiores mercados son Alemaña (20% das vendas), Inglaterra (12%), Estados Unidos (11%), Francia (9%) e Suecia (8%). Tamén realiza vendas por correo ou por Internet.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]