Hybris

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cerámica de figura negra (550 a.C.) que representa a Prometeo cumprindo a condena, atado a unha columna.

A hibris ou hybris (en grego antigo ὕϐρις húbris) é un concepto grego que pode traducirse como «desmesura» e que na actualidade alude a un orgullo ou confianza nun mesmo esaxerados, resultando a miúdo nun merecido castigo. Na Antiga Grecia aludía a un desprezo temerario cara ao espazo persoal alleo unido á falta de control sobre os propios impulsos, sendo un sentimento violento inspirado polas paixóns esaxeradas, consideradas doenzas polo seu carácter irracional e desequilibrado, e máis concretamente por Ate (a furia ou o orgullo). Como reza o famoso proverbio antigo, erroneamente atribuído a Eurípides: «Aquel a quen os deuses queren destruír, primeiro vólveno tolo.»

A hibris na antigüidade[editar | editar a fonte]

A relixión grega ignoraba o concepto de pecado tal como o concibe o cristianismo, o que non é óbice para que a hibris pareza a principal falta nesta civilización. Vencéllase co concepto de moira, que en grego significa "destino", "parte", "lote" e "porción" simultaneamente. O destino é o lote, a parte de ledicia ou desgraza, de fortuna ou desgraza, de vida ou morte, que corresponde a cada un en función da súa posición social e da súa relación cos deuses e os homes (véxase no artigo moira a división do mundo realizada polos tres grandes Crónidas, que determina o destino de cada un). Agora ben, o home que comete hibris é culpable de querer máis cá parte que lle foi asignada na división do destino. A desmesura designa o feito de desexar máis que a xusta medida que o destino nos asigna. O castigo á hibris é a némese, o castigo dos deuses que ten como efecto devolver ao individuo dentro dos límites que cruzou. Heródoto exprésao claramente nunha significativa pasaxe:

Podes observar como a divindade fulmina cos seus raios aos seres que sobresaen demasiado, sen permitir que se xacten da súa condición; en cambio, os pequenos non espertan as súas iras. Podes observar tamén como sempre guinda os seus dardos dende o ceo contra os maiores edificios e as árbores máis altas, pois a divindade tende a abater todo o que remata en demasía.[1]

A concepción da hibris como falta determina a moral grega como unha moral da mesura, a moderación e a sobriedade, obedecendo ao proverbio pan metron, que significa literalmente "a medida en todas as cousas", ou mellor aínda "nunca de abondo" ou "sempre bastante". O home debe seguir sendo consciente do seu lugar no universo, é dicir, á vez da súa posición social nunha sociedade xerarquizada e da súa mortalidade ante os inmortais deuses.

A hibris é un tema común na mitoloxía, as traxedias gregas e o pensamento presocrático, cuxas historias incluían a miúdo a protagonistas que sufrían de hibris e remataban por iso sendo castigados polos deuses. Na Teogonía de Hesíodo, as distintas razas de homes (de bronce, de ferro etcétera) que se suceden unhas tras outras condenáronse pola súa hibris. En certo xeito, a falta de Agamenón no primeiro libro da Ilíada relaciónase coa hibris ao desposuír a Aquiles da parte do botín que debería corresponderlle en xustiza. Pola súa banda, Heráclito amosa a hibris como o sinalamento dunha falta cara ao Nous ou deus legal: «O sol non traspasará as súas medidas, pois se non as Erinias, asistentes da Dice, descubriríano.»[2] No entanto, Heráclito pensa que mentres haxa discordia, poderase fundir as partes no Un. Por tanto aquí a hibris é un fluír de opostos, facendo posible a vida.

Había tamén unha deusa chamada Hibris (ou Hybris), a personificación do anterior concepto: insolencia e falta de moderación e instinto. Hibris pasaba a maior parte do tempo entre os mortais. Segundo Hixinio era filla de Érebo e a Noite, atribuíndolle outros autores a maternidade de Coros, o daimon do desdén.

No dereito grego, a hibris refírese con maior frecuencia á violencia ebria dos poderosos cara aos febles. Na poesía e na mitoloxía, o termo foi aplicado a aqueles individuos que se consideran iguais ou superiores aos deuses. O hibris era a miúdo o "tráxico erro" ou hamartia dos personaxes dos dramas gregos.

Exemplos de hibris[editar | editar a fonte]

Personaxes mitolóxicos gregos e romanos castigados polas súas hibris:

O castigo por arrogancia tamén aparece como un tema na Biblia:

  • Adán e Eva son tentados a ser como Deus e por iso expulsados do Xardín do Edén.
  • A Torre de Babel foi erixida para chegar ao ceo, pero Deus confundiu as linguas para que os construtores non puidesen entenderse.

A hibris na actualidade[editar | editar a fonte]

As consecuencias negativas modernas das accións provocadas pola hibris parecen estar asociadas a unha falta de coñecemento, interese e estudo da historia, combinada cun exceso de confianza e unha carencia de humildade. Sociólogos como William R. Catton, Jr.[3] e outros autores vencellados coa crítica aos mitos do progreso e coa sustentabilidade, relacionan a hibris que caracteriza segundo eles á actual civilización industrial cos problemas desta derivados dos límites do crecemento.

Hibris é a miúdo aplicado como termo pexorativo en política. Como a hibris está relacionada co poder, adoita ser empregada por persoas relacionadas con partidos políticos da oposición contra aqueles que ostentan o poder.

O historiador británico Arnold J. Toynbee, no seu voluminoso Estudo da Historia, emprega o concepto de hibris para explicar unha posible causa do colapso das civilizacións, como variante activa da némese da creatividade.

Suxeriuse que a hibris é unha das tres calidades dos programadores de éxito, segundo Larry Wall. Sería «a calidade que che fai escribir (e manter) programas sobre os que outra xente non quererá falar mal». As outras dúas calidades serían a preguiza e a impaciencia.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Heródoto, Historia viii.10.
  2. Citado por Plutarco, Sobre o desterro 604 AB.
  3. William Catton. Bottleneck: Humanity's Impending Impasse (2009)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Fisher, Nick (1992). Hybris: a study in the values of honour and shame in ancient Greece. Warmister, Reino Unido: Aris & Phillips. ISBN 9780856681448. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]