William Huapaya
Huapaya | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | William Sabino Huapaya Agüero | ||
Nacemento | 30 de decembro de 1958 (65 anos) | ||
Lugar de nacemento | Lima | ||
Altura | 1,78 m. | ||
Posición | Extremo | ||
Carreira xuvenil | |||
Club Sport Misti | |||
Defensor Lima | |||
Municipal de Barranca | |||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1976–1978 | Juventud La Palma | ||
1978–1983 | Alianza Lima | ||
1983–1984 | Deportivo da Coruña | 13 | (1) |
1984–1986 | CNI de Iquitos | ||
1987 | Deportivo Municipal | ||
1988 | Defensor Lima | ||
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
William Sabino Huapaya Agüero, nado en Lima o 30 de decembro de 1958, é un exfutbolista peruano, que xogaba de extremo.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Nacido no distrito de La Victoria de Lima, comezou a xogar ao fútbol en varios equipos infantís e xuvenís como o Club Sport Misti, o Defensor Lima e o Municipal de Barranca, antes de ingresar no Juventud La Palma de Huacho.[1] Co primeiro equipo de Juventud proclamouse campión da Copa Perú no ano 1978.[2] As súas boas actuacións propiciaron a súa fichaxe polo Alianza Lima, o equipo máis laureado do país por aquel entón. Xogou durante catro anos e medio no equipo limeño, disputando dúas edicións da Copa Libertadores (1979 e 1983).
En abril de 1983 fichou polo Deportivo da Coruña, da Segunda División de España, ao que chegou recomendado por Montalvo, antigo xogador e único peruano que vestira anteriormente a camiseta do club galego.[3] Debutou na Copa da Liga de Segunda, marcando un gol en cada un dos seus dous primeiros partidos, ambos ante o Oviedo. Xogou un total de cinco partidos durante o torneo, todos como titular, incluído o encontro de volta da final que o seu equipo perdeu fronte ao Atlético Madrileño.
Con todo, as súas dificultades para adaptarse ao clima de Galicia e ao ritmo do fútbol europeo,[4][5] fixeron que o seu rendemento estivese por debaixo do agardado na tempada 1983/84, na que disputou 13 partidos de liga, só 4 deles como titular, anotando un gol ante o Castellón. Xogou ademais tres partidos da Copa do Rei e cinco da Copa da Liga, anotando nesta última o seu derradeiro gol co Deportivo, fronte ao Bilbao Athletic. O seu paso pola Coruña deixou unha célebre frase coa que tentaba explicar a Arsenio o seu baixo rendemento. Afirmaba estar "moi esixido" ("muy exigido "en castelán), expresión que o histórico adestrador citou en numerosas ocasións ao longo da súa carreira.[5][6][7] Deixou o Deportivo en xullo de 1984, despois dun total de 26 partidos e 4 goles.[8]
Aínda que tiña intención de ir xogar a Francia, acabou na selva amazónica, onde fichou polo CNI de Iquitos, club no que militou dous anos.[5] Posteriormente pasou polo Deportivo Municipal e o Defensor Lima, onde pechou a súa carreira en 1988, despois de lograr o ascenso á Primeira División.[9]
Trala súa retirada traballou como preparador físico e axudante do adestrador Hugo Sotil. En 2006 instalouse no barrio madrileño de Vallecas, onde pasou a traballar nunha axencia de viaxes.[5]
Palmarés[editar | editar a fonte]
- Juventud La Palma
- Copa Perú (1): 1978.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Cueto Guerra, Ana Belén. "El amo del fútbol" (en castelán). Consultado o 30 de maio de 2023.
- ↑ "Los 60 años del Club Juventud La Palma" (en castelán). 7 de setembro de 2010. Arquivado dende o orixinal o 29 de xullo de 2016. Consultado o 30 de maio de 2023.
- ↑ "Hoy llegará a La Coruña un extremo peruano". La Voz de Galicia (en castelán). 15 de abril de 1983. p. 45.
- ↑ "Huapaya, que no conoce las drogas, dice que en el Deportivo se respira buen ambiente". La Voz de Galicia (en castelán). 2 de decembro de 1983. p. 37.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 Rodríguez Cudeiro, Juan Luis (30 de marzo de 2009). "Huapaya: "Ya no estoy tan exigido"". El País (en castelán). Consultado o 30 de maio de 2023.
- ↑ "Arsenio: «Le he vuelto a coger gusto a esto»". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 19 de xuño de 1992. p. 48.
- ↑ "Las mejores frases de Arsenio Iglesias" (en castelán). 5 de maio de 2023. Consultado o 30 de maio de 2023.
- ↑ "Huapaya negoció su baja para irse a Francia". La Voz de Galicia (en castelán). 15 de xullo de 1984. p. 36.
- ↑ "Once Ideal: Cara sucia, rostro feliz" (en castelán). 1 de agosto de 2011. Consultado o 30 de maio de 2023.