Hotei

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Representación de Hotei, realizada por Utagawa Kuniyoshi

Hotei ou Bu-Dai (布袋羅漢 (pinyin:bù dài luou hàn) literalmente: 'fardo de tea'). Na China coñécese como Bu-Dai (Wade-Giles: Pu-Tai) ou Mi Le Fo (彌勒佛 'Amoroso' ou 'Amistoso'). Hotei é coñecido como o "Buda sorrinte" ou o "Buda gordo" ou, simplemente, como "un buda" e, moi posibelmente, a homofonía entre Buda e Bu-Tai son os responsábeis da confusión.

Hotei foi incorporado ás relixións budista e shintoísta e está baseado nun excéntrico monxe ch'an (zen). Converteuse nunha deidade que propicia a felicidade e a abundancia e, no Xapón, forma parte dos sete deuses felices, ou shichi fukujin. Na actualidade, a súa imaxe decora numerosos templos, restaurantes e amuletos ao redor do mundo.

Historia e arte[editar | editar a fonte]

O "Buda sorrinte" data do tempo da Dinastía Liang da China. Crese que Hotei, orixinalmente, foi un monxe budista que viviu hai máis de 1000 anos. Segundo as tradicións, tratábase dun home amoroso, de bon carácter e, debido á súa natureza benevolente, chegouse a considerar unha encarnación do bodhisattva Maitreya (o futuro Buda), mais esta suposición era só de tipo alegórico, pois grazas á súa gran barriga e enorme sorriso, acabou sendo caricaturizado como o "Buda gordo".

Nas manifestacións artísticas, Hotei caracterízano como un home que carga un fardo elaborado de tea, sorte de cornucopia que nunca se baleira e que contén todo tipo de artigos preciosos, entre estes, plantas de arroz que simbolizan prosperidade, doces para nenos e tamén comida. Ás veces pode ter até nenos no fardo, pois son considerados seres preciosos.

Noutras representacións, pódese encontrar a Hotei sentado nunha carreta que é tirada por nenos ou portando un abanico chamado oogi. O "oogi" é un obxecto máxico, pois segundo a tradición pode cumprir desexos. En tempos antigos, a aristocracia oriental usaba este tipo de abanos para indicarlles aos vasalos que as súas solicitudes serían cumpridas.

Xeralmente, Hotei é un adulto calvo que ri ou sorrí e que vai vestido cunha túnica que deixa exposta unha gran barriga (símbolo da felicidade, a boa sorte e a plenitude). Na mitoloxía chinesa, o estómago considérase a plataforma da alma e, por conseguinte, a gran barriga pode ser considerada unha alegoría do gran corazón de Hotei. Todas estas imaxes presentan a Hotei como un monxe nómade que viaxa por todos os lados e que lle quita a tristura á xente. En xeral, é unha personaxe polo que resulta moi doado sentir simpatía.

Relixión[editar | editar a fonte]

Hotei

Hotei é admirado pola súa felicidade, a súa plenitude e, aparentemente, pola súa sabedoría. Unha crenza referente á figura de Hotei no folclore oriental é que se unha persoa lle refrega o ventre a unha figura súa, obtén riquezas, boa sorte e prosperidade. Esta crenza non forma parte do canon budista.

Na China, os budistas adoptaron a Hotei no panteón budista Mahayana como o Buda sorrinte e a súa imaxe pode encontrarse na sala de recepción de moitos mosteiros budistas. Os templos ch'an xeralmente sitúan a Hotei na entrada ou no xardín.

A Hotei atribuíuselle o título de Buda Maitreya debido a un poema que, supostamente, se escribiu no seu leito de morte e que reza así:

Maitreya Maitreya
Todos buscan a Maitreya
Non se dan conta
De que el está aquí.

Durante a Dinastía Liang, a figura de Maitreya era moi popular debido á efervescencia política e a que moitos budistas veneraban a Maitreya en espera de que chegara axiña a esparexer o Dharma polo mundo. Os budistas da época tomaron o poema para explicar que Hotei desde un principio fora Maitreya e, por isto, a espera era va —e, por consecuencia, atribuíuselle ese título nas tradicións populares—. A maioría dos budistas contemporáneos agora ven no poema de Hotei unha alegoría: débese buscar a salvación persoal no momento presente, non nun futuro imaxinario.

Como se dixo no parágrafo introdutorio, no Xapón Hotei é visto como un dos "Shichi Fukujin", os Sete deuses shinto da sorte. Crese que el é o único membro dos sete que está baseado nun ser humano.

Cando o budismo principiaba a entrar no Xapón, e os monxes misioneiros budistas estaban dando a coñecer a mensaxe e o camiño de Gautama Buddha nas illas xaponesas, desenvolveron un método para que a súa mensaxe producira maior profundidade entre os nativos (que practicaban o shintoísmo). Os monxes só tiveron éxito cando deron testemuño dos principios budistas, usando os kami shintoístas. Os kami eran os deuses do Shinto e os crentes adorábanos como tales. Os monxes budistas comunicaron a súa ideoloxía aos nativos xaponeses usando aos kami como exemplos da práctica budista. Como consecuencia disto, o budismo foi aceptado en todos os recunchos do Xapón e, dunha destas manifestacións, veu Hotei.

Invasión Occidental[editar | editar a fonte]

As estatuas, amuletos e figuras de Hotei chegaron a ser ben coñecidas en Occidente. Grazas ao novo entusiasmo, comprobouse un gran descoñecemento da cultura e a historia orientais. Unha equivocación común é a homologación entre o "Buda sorrinte" e Sidarta Gautama, o Buda, o fundador do budismo; en ocasións, os afeccionados poden estabelecer a diferenza entre un e mais outro.

Ademais, considérase a Hotei como o patrón dos restaurantes, as pitonisas e os taberneiros. Cando un bar conta cunha representación de Hotei e algún cliente come ou bebe en exceso, as persoas acostuman atribuír iso á íntima influencia de Hotei.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]