Horace Waller

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Horace Waller
Horace Waller, de pé, con Henry Rowley, outro misioneiro, nunha fotografía da década de 1860.
Nacemento1833
Lugar de nacementoLondres
Falecemento22 de febreiro de 1896
Lugar de falecementoLiss
SoterradoMilland
NacionalidadeReino Unido de Gran Bretaña e Irlanda
RelixiónIgrexa Anglicana
Ocupaciónexplorador, clérigo, misioneiro e lepidopterólogo
LinguaInglés
Coñecido porButterflies collected in the Shire Valley, East Africa
PremiosIrmandade da Real Sociedade Geográfica
editar datos en Wikidata ]

Horace Waller, nado en Londres en 1833 e finado en Liss, condado de Hampshire, o 22 de febreiro de 1896, foi un activista antiescravista, misioneiro e clérigo inglés.

Foi coñecido como escritor sobre África, cristián evanxélico, próximo amigo de David Livingstone e doutras persoas implicadas nos traballos de misión e exploración da África central e oriental, e defensor da expansión imperial británica.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nacido en Londres, foi educado baixo a dirección do doutor Wadham en Brook Green, Gran Londres. Despois dos seus estudos esivo algúns anos como empregado no negocio de corredor de bolsa do seu pai.[1]

Coa Misión das Universidades da África Central (UMCA), Waller partiu en 1861 cara ás rexións recentemente visitadas por David Livingstone e Sir John Kirk. Durante un tempo traballou con Charles Frederick Mackenzie, bispo de África Central, e asociouse con Livingstone nos distritos do río Zambeze e Shire Highlands.[1]

O nome de Waller pasou á historia da zooloxía porque, formando parte da expedición de Livingnstone ao Zambeze (1851-1853), o naturalista anglo-irlandés Victor Brooke descubriu unha nova especie de gacela, á que na honra de Horacio, bautizou como Gazella walleri, a gacela de Waller (hoxe clasificada como Litocranius walleri).[2]

Despois da morte de Mackenzie en 1862, en 1863 renunciou ou seu posto na Misión das Universidades despois dunha discusión co bispo T. G. Tozer, sucesor de Mackenzie, sobre a liberación dos escravos que estaban baixo a protección da Misión, e regresou a Inglaterra. En 1867 Waller foi ordenado sacerdote en Chatham, polo bispo de Rochester, exercendo na igrexa de St.John daquela localidade. En 1870 trasladouse á vigaría de Leytonstone, Essex e, en 1874, á reitoría de Twywell, cerca de Thrapston, Northamptonshire, á que renunciou en 1895.[1]

A oposición ao comercio de escravos foi un dos principais obxectivos da vida de Waller. En 1867 asistiu á Conferencia da Sociedade Británica e Estranxeira contra a escravitude en París, e en 1870 foi membro activo do comité da Sociedade Antiescravista. En 1871, a Cámara dos Comúns nomeou un comité para investigar o comercio de escravos na África Oriental; Waller e Edmund Murge impulsárono e recomendaron a Sir John Kirk como axente político permanente en Zanzíbar. Finalmente, un tratado entre o sultán de Zanzíbar e a Gran Bretaña declarou ilegal o comercio de escravos por mar.[1]

Waller mantiña boas relacións co xeneral Charles George Gordon, e foi elixido membro da Royal Geographical Society en 1864.[1]

Horace Waller morreu en East Liss, Hampshire, o 22 de febreiro de 1896, e foi enterrado na igrexa de Milland o 26 de febreiro.[1]

Obras[editar | editar a fonte]

Despois de que Henry Morton Stanley sucedera nos descubrimentos de Livingstone en África, os diarios de Livingstone foron entregados a Waller para a súa piblicación. Publicáronse en dous volumes en 1874, como The Last Journals of David Livingstone in Central Africa, from 1865 until his death.[1] Por omisión, a imaxe proxectada de Livingstone era como santo; e a liña editorial era á da antiescravitude.[3] A edición de Waller dos diarios foi cualificada de "ben intencionada pero excesivamente reverente".[4] En 1891 Sir Harry Johnston criticou a Waller pola súa falta de interese noutros aspectos do traballo e os diarios de Livingstone.[5]

  • On some African Entanglements of Great Britain, 1888.
  • Nyassaland: Great Britain's Case against Portugal, 1890.
  • Ivory, Apes, and Peacocks: an African Contemplation, 1891.
  • Heligoland for Zanzibar, or one Island full of Free Men to two full of Slaves, 1893.
  • Health Hints for Central Africa, 1893, five editions.
  • Slaving and Slavery in our British Protectorates, Nyssaland and Zanzibar, 1894.
  • The Case of our Zanzibar Slaves: why not liberate them?, 1896.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 "Waller, Horace", en Lee, Sidney, ed. (1899):Dictionary of National Biography, volume 59. London: Smith, Elder & Co.
  2. Gacela de Waller Litocranius walleri en Animalandia. Tirado do Diccionario etimológico de Pedro Romero. Consultada o 11 de outubro de 2018.
  3. Helly, Dorothy O. "Waller, Horace". In Oxford Dictionary of National Biography (online ed.). Oxford University Press. doi:10.1093/ref:odnb/28558.
  4. Gary Clendennen and James A. Casada (1981): "The Livingstone Documentation Project", Historia en África, vol. 8, pp. 309-317. Cambridge University Press.
  5. George Shepperson (1960): "David Livingston the Scot". The Scottish Historical Review vol. 39, nº 128, Parte 2, pp. 113-121. Edinburgh University Press.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]