Homeotermia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A homeotermia ou endotermia é o proceso mediante o cal un grupo de seres vivos denominados homeotermos, homeotérmicos ou endotermos manteñen a súa temperatura corporal dentro duns límites, independentemente da temperatura ambiental, consumindo enerxía química procedente dos alimentos grazas a que teñen mecanismos para producir calor en ambientes fríos ou para ceder calor en ambientes cálidos. Estes mecanismos están situados no hipotálamo, a pel, o aparello respiratorio, etc.

Seres homeotermos[editar | editar a fonte]

Os mamíferos e as aves son os dous grandes grupos animais que posúen esta característica, aínda que tamén existen algunhas especies de tiburóns con este mecanismo termorregulador. Por mor do autoabastecemento de calor, algúns homeotermos poden sobrevivir nas condicións de frío moi adversas como é o caso dos pingüíns.

Cando a temperatura ambiente é elevada, o mecanismo de termorregulación dos homeotermos baixa para aforrar enerxía.

O contrario aos homeotermos, son os ectotermos, animais que non dispoñen de mecanismos químicos para regular a súa temperatura corporal. Un exemplo disto témolo nos réptiles, que pasan longas horas ao sol para conseguir a temperatura necesaria para que o seu metabolismo funcione. Como os ectotermos non gastan enerxía ao non producir calor, poden estar longos períodos sen alimentarse. Por exemplo, unha serpe pode estar meses sen comer, mentres que un mamífero necesita alimentarse diariamente.

Tradicionalmente, aos seres homeotermos denominábaselles de sangue quente por oposición aos de sangue frío, pero hai consenso entre os científicos para desaconsellar esta nomenclatura xa que os tipos de temperatura corporal non poden encasillarse sinxelamente nunha ou outra categoría senón que hai un amplo abano de mecanismos mediante os cales o corpo mantén estable a temperatura, sendo os ideais de sangue frío e sangue quente os extremos opostos do devandito gama.

No caso dos humanos, o control da temperatura non vai alén dos 0,6 ºC, aínda sometidos a temperaturas altas (60 ºC) ou relativamente baixas (12 ºC). Todo o relacionado coa temperatura animal foi medido cada vez con máis precisión dende 1592 coa creación do primeiro termómetro.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]