Historia urbana de París

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A orixe do nome da cidade de París atópase nun poboado dos galos Parisii arredor do século II a.C. co nome primitivo de Lutetia, rematando a evolución de cidade dos Parisii en París posiblemente no século IV. O destino de París está vinculada á conxunción de varios criterio xeográficos e políticos. É Clodoveo I o que decide no século V instalar os órganos fixos do poder político do reino na pequena cidade dos Parisii. Esta posición de capital será confirmada polos Capetos (dinastía fundado por Hugo Capeto), despois dunha paréntese de dous séculos durante a época Carolinxia (liñaxe de reis francos que leva o nome do máis famoso da liñaxe, Carlomagno).

A posición de París esta nunha encrucillada entre os itinerarios comerciais terreais e fluviais no corazón dunha rica rexión agrícola, polo tanto foi unha das principais cidades de Francia no transcurso do século X, con pazos reais, ricas abadías e unha catedral ; no transcurso do século XII París volveuse un dos primeiros centros en Europa para o ensino e as artes.

Que sexa a Fronde (movemento de rebeldía dos nobres contra a rexencia da nai do futuro Luís XIV, a Revolución francesa ou máis preto da actualidade maio do 68, París foi sempre o corazón de acontecementos que marcaron a historia de Francia.

Os parisii e Lutecia[editar | editar a fonte]

O curso medio do río Sena, onde comeza a se remansar en amplos meandros, foi dende polo menos o século segundo antes da nosa era territorio dos galos Parisii, cuxa vila principal disque poida que estivese preto de Nanterre, onde se teñen atopado restos dun poboado dunhas 15 Ha.

Os romanos de César, que a conquistaron no 52 a.C. (resultando incendiada e destruída polos mesmos galos antes que entregada), refírense a ela coma Lutetia e esa foi a denominación que tamén lle deron a vila que fundaron uns dez quilómetros ao leste, augas arriba do río, na súa beira esquerda (en torno ao cambio de era).

Así, a Lutecia romana configúrase coma vila-vao sobor do Sena no sitio máis axeitado, aproveitando a Illa da Cité no medio do curso (dúas pontes de madeira dende o comezo, actuais Petit Pont e Grand Pont). A ruta norte-sur, importante arteria no entramado da Galia, convértese no cardo maximus da cidade (actual rue St. Jacques, rúa de Santiago), en cuxo punto máis elevado, no monte de Santa Xenoveva (actual Panteón), situarase o foro. Ao longo dos século I e II completarase a infraestrutura urbana co anfiteatro (Arenas de Lutecia), Termas de Cluny e teatro [1].

A partir da metade do século III ata finais do IV, a inseguridade no Imperio Romano conduciu ao repregamento e progresivo abandono da cidade altoimperial, refuxiándose a poboación minguada na protección da Illa da Cité. Deféndese con unha pequena muralla e un castrum no extremo oeste (residencia imperial en ocasións). No cardo máximo levántase unha basílica civil e non lonxe de alí (inmediacións de Nôtre Dame) posiblemente estivera a casa particular que servira de primeira igrexa cristiá.

París, capital dos francos merovinxios[editar | editar a fonte]

século VI

Dende o 285 os pobos xermánicos tiñan atacado a cidade (que xa era chamada París); Atila e os seus hunos decidiron pasar de longo no 451 pero o rei franco Clodoveo I conquistouna finalmente facéndoa a súa capital no 508.

Trala súa conversión ao catolicismo, el mailos seus sucesores van erixir as primeiras igrexas da cidade: San Xervasio na beira dereita (testemuña da expansión ao norte); o conxunto catedralicio do leste da Illa da Cité, cunha primeira basílica (St. Etienne, 528), baptisterio e Hotel Dieu (hospital, 651); e a abadía de St.Germain des Prés na abandonada beira esquerda (543).

Os carolinxios deixaron a París nun segundo plano reducida a condado, e foron os seus condes quen, na defensa da cidade fronte aos ataques normandos na segunda metade do século IX, se significaron para a recuperación da súa importancia. Deles xurdiu a dinastía dos capetos, que reinarían sobre Francia e progresivamente farían de París a súa capital. Roberto o Piadoso reside frecuentemente nela facendo restaurar o palacio da Cité e as abadías (comezos do século XI).

Neste século tamén comeza o pulo de París coma cidade do ensino e a cultura. Ao primeiro en torno á catedral e cando o lugar queda pequeno, trasladarase a escola ao monte de Santa Xenoveva na beira esquerda, xermolo da Sorbona. Pola súa parte, a beira dereita (que comezara o seu desenvolvemento tralas destrucións normandas da outra beira) é xa un aglomerado de entidade urbana con varias parroquias (San Martin des Champs, St. Germain l'Auxerrois) e o mercado (praza de Greve) xunto a San Xervasio. A cidade comeza a bascular cara ao norte.

Esplendor medieval: Filipe Augusto e San Luís[editar | editar a fonte]

século XIII

Quizais sexa esta a época na que París define a súa personalidade, a que a levará a ser unha das máis importantes da historia. En primeiro lugar, hai que destacar o seu triplo carácter, expresado ademais na súa configuración física: a cité, a ville e a université [2].

Cité[editar | editar a fonte]

Na illa que lle dá nome, foi sempre o corazón de París dende a época das invasións xermánicas. Sede dos poderes político (pazo real na punta oeste) e relixioso no extremo leste. En 1163, o bispo Sully emprende a tarefa de substituír a vella catedral merovinxia por unha acorde coa nova importancia da cidade e os novos métodos de construción: eríxese nun gótico exemplar a Catedral de Nôtre Dame.

Ville[editar | editar a fonte]

Na beira dereita do Sena, a derradeira en ser urbanizada pero a de máis fácil expansión. Dende o comezo adquire un carácter comercial (a Hanse Parisienne): porto e praza do mercado na Greve que en 1137 e trasladado polo enorme aumento da actividade á zona das futuras Halles permanecendo alí por oito séculos.

Université[editar | editar a fonte]

O solar da antiga Lutecia na beira esquerda (rive gauche), arrasado polos bárbaros, vai sendo ocupado por diferentes colexios e institucións de ensino que constituirán a Universidade de París (Sorbona), de prestixio universal, e gran poder (independente do civil da cidade) e influencia na época.

Todo este conxunto será o que o rey Filipe Augusto unificará cunha gran muralla (1190-1220, 273 Ha). Para a súa mellor defensa ergue en 1202 unha fortaleza ao oeste na beira dereita: o primeiro Louvre [3]. Ademais fai pavimentar as rúas principais da cidade.

O seu neto, San Luís rei (1226-70), engade no pazo da Cité a Sainte Chapelle [4], unha alfaia do gótico, coma culminación dun século de ouro para a capital e toda Francia.

Período de disturbios: Guerra dos Cen Anos, peste negra, guerras de relixión[editar | editar a fonte]

O século XIV comezou con París coma a meirande cidade de Europa (220.000 h), pero de seguido viñeron as turbulencias. Nun ambiente de enfermidade e guerra, os burgueses revolvéronse contra o poder real reivindicando unha maior autonomía (Etienne Marcel, preboste de París e líder, instaura a casa do concello na praza de Grève). O rei Carlos V acabou coa revolta e construíu unha dobre defensa: contra o inimigo exterior, os ingleses, un novo cinto murario na beira dereita (1356-83 [5][6]); e contra o inimigo interior, os burgueses, mandou erixir no leste da cidade a fortaleza da Bastilla, que protexía as novas residencias reais (Hotel St.Pol, Hotel de Tournelles). A corte mantívose afstada da capital ata o século XVI e non volveu nunca ao centro da cidade, é dicir, á Cité.

O primeiro achegamento foi a decisión de Fancisco I de facer da fortaleza medieval do Louvre un pazo renacentista (1528-46). Nesta época comeza a preocupación pola estética urbana coas primeiras ordenanzas e regulamentos sobre materiais e alineacións. Así tamén levanta unha nova casa do concello axeitada para a cidade, o Hôtel de Ville (1533) [7] (París, 1572)[8].

Séculos XVII e XVIII : modelo de capital da monarquía absoluta[editar | editar a fonte]

Será Henrique IV, trala fin das guerras de relixión, o primeiro monarca en elaborar un plan de traballos públicos para a expresión urbana do poder real. Inténtanse crear novos centros significativos cuxo paradigma será a invención da place royale (praza real), espazo urbano regular arredor da estatua do soberano convertido en foco perspectivo.

Un avance, rematando a punta oeste da Cité, será a Place Dauphine (1607) [9] co Pont Neuf (primeira ponte en pedra e sen edificacións enriba, asemade de beira a beira aínda que en dous tiros); pero o exemplo por antonomasia é a Praza dos Vosgos (1605-12), no solar da antiga residencia real de Tournelles, preto da Bastilla. Despois, xa a fins de século, na zona de expansion por riba do Louvre (distrito Richelieu), a Place des Victoires (1682-7) e a Place Vendôme (1698).

Vista de París en 1618 coa ampliación de Richelieu
Planta de París en 1705 cos primeiros bulevares no canto das murallas

Entre medias, no tempo de Luís XIII e o cardeal Richelieu, as propostas urbanas son da iniciativa privada. Así urbanízase a Illa de San Luís (1610-50), inmediata polo leste á da Cité. Ademais, como a avoa do rei, Catalina de Médicis, mandara erixir un pazo con xardíns fóra de murallas, o das Tullerías, a necesidade de protexelo fixo preciso ampliar as fortificacións polo lado do Louvre (1563-1634), e todo o novo terreo gañado (coñecido coma distito Richelieu) urbanízase nos anos sucesivos. Así o propio pazo do cardenal coñecido hoxe coma Palais Royal.

En 1637, do deseño dos xardíns reais vaise encargar André le Nôtre, que pasará á historia coma o creador do xardín barroco (tamén en Versalles). Vai elaborar a idea dun espazo escenográfico realizado por grandes eixos en perspectiva. Co Xardín das Tullerías dá inicio a un gran eixo monumental [10] que nos séculos seguintes definirá a París (futuros Campos Elisios ata o Arco do Triunfo) [11][12]. O primeiro fito será a Praza da Concordia (última das reais, 1755-63), enorme charnela de unión entre as Tullerías e a natureza; entre o Sena e a cidade.

Finalmente, co apoxeo da monarquía no reinado de Luís XIV, éste manda facer de París unha "cidade aberta", a primeira que derruba as suas murallas (1664). No seu lugar, amplos e longos paseos arborados. Nace o boulevard. E no canto das portas de muralla, portas monumentais simbólicas. Así a Porta St.Denis (1672) e a Porta St.Martin (1679) [13] pechando as dúas grandes rúas transversais homónimas da beira dereita. Asemade remata nestes anos a Cour Carré do Louvre (comezada por Francisco I), o corazón do pazo que conecta mediante unha longa á coas Tullerías.

Pola súa banda, na beira esquerda tamén comezan a se producir os primeiros desenvolvementos fóra dos antigos muros de Filipe Augusto que terán repercusión na configuración final da cidade: así o palacio de Luxemburgo mandado facer pola consorte de Luís XIII, María de Médicis, en 1612 e cuxos xardíns son hoxe o parque máis importante do centro de París; e colindando co barrio (faubourg) de St.Germain polo oeste, o gran conxunto dos Inválidos [14], hospital e igrexa, esta última (1679-91) exemplo magno do barroco francés. Case que un século máis tarde, Luís XV manda erixir na colina de Santa Xenoveva o Panteón (1754) [15], alborecer dun novo estilo nun tempo novo, o neoclasicismo.

Revolución e Imperio[editar | editar a fonte]

Rúa de Saint Denis no 1802
Plan de la ville de Paris divisé en 12 arrondissements, en 48 quartiers indiquant tous les changemens faits et projetés.jpg

A finais do XVIII París vólvese a arrodear dun cinto pero con fins aduaneiros (Fermiers Generaux, 1785 [16]. As portas (barrières) son deseñadas polo arquitecto visionario Claude Nicolas Ledoux [17]. A corte residía en Versalles dende cen anos atrás e este afastamento da monarquía unido á crise económica e a crecente miseria do pobo, alentaron as novas ideas da Ilustración e foron desencadeantes do estoupido da revolución francesa de 1789. Foron anos de destrución (a Bastilla demolida). Ata 1804 no que Napoleón Bonaparte faise coroar emperador en Notre Dame e nomea a París coma capital imperial. De seguido inicia un programa de obras para facela primeira de Europa: Arco do Triunfo, igrexa da Madeleine, Bolsa; e dende un punto de vista urbanístico, a Rúa de Rívoli [18][19], fundamental arteria leste-oeste, paralela ao río, uniforme e regulamentada nas súas elegantes fachadas, impostas coma modelo nas ordenanzas posteriores.

París, capital do século XIX : a construción da gran metrópole burguesa[editar | editar a fonte]

O ferrocarril chegou a cidade en 1837 (Gare de St.Lazare) e de seguido cinco estacións máis [20] que foron o preámbulo da revolución industrial e as súas consecuencias: grandes afluxos de poboación proletaria, suburbialización e condicións de vida miserables.

Con ese punto de partida, o século XIX foi o tempo dunha continua tensión dialéctica entre revolucións proletarias republicanas e restauracións monárquicas da gran burguesía liberal. E París foi o seu campo de batalla. As barricadas (1848) e a comuna (1871) tiveron coma contrapartida o segundo imperio de Napoleón III e a súa concepción da cidade coma gran capital moderna.

En 1853 nomea prefecto ao Barón Haussmann quen, en apenas vinte anos e retomando o exemplo do bulevar, fará a transformación da vella trama medieval nunha osatura de grandes eixos que estruturan ata hoxe a metrópole contemporánea, modelo para o resto de urbes do planeta. O obxectivo conséguese a costa da destrución de barrios enteiros de clases populares, e as novas avenidas, arboradas e perfectamente regulamentadas nas súas aliñacións e fachadas, dispóñense entre grandes edificios singulares (igrexas, estacións, mairies) pechando as perspectivas[21]. O exemplo máis destacado é o da Ópera de Garnier (1861-75) ao final da súa avenida dende o Louvre. Tamén é digno de mención o conxunto de avenidas radiais dende o Arco do Triunfo (Étoile) [22].

En 1860 produciuse a reordenación administrativa que levou a París ata o último cinto da muralla (o de Thiers de 1845 [23] dividida en vinte arrondissements, organización que pervive inda hoxe. Asemade provese a cidade dun renovado aprovisionamento de augas e rede de sumidoiros, mercado central das Halles, novas pontes sobor do Sena, e a imitación de Londres, espazos verdes dos que París carecía: así os enormes Bois de Boulogne e de Vincennes fóra dos muros, e os pequenos de Buttes-Chaumont, Monceau e Montsouris no interior.

Vista no 1890

A grande época das Exposicións Universais[editar | editar a fonte]

O fenómeno das exposicións comezou no París revolucionario en 1794 para publicitar os logros da república. Retomouse en 1844 tamén a nivel nacional e foi imitado noutros países europeos ata que en 1851, en Londres, tivo lugar a primeira de carácter internacional, con enorme éxito. De seguido París organizou a segunda en 1855 e tras ela, cada once anos, catro máis ata 1900.

Convertéronse nun verdadeiro motor de cambio urbano. O lugar elixido para a súa disposición foi o Champs-de-Mars, a explanada que dende mediados do XVIII servía de parada militar diante da Escola Militar, ao oeste dos Inválidos. A de 1889 foi a máis importante: mantivo da de 1878 a disposición escenográfica dun pazo semicircular sobre o outeiro do Trocadéro, na beira oposta do río; pero a obra cumio é a Torre Eiffel, símbolo futuro da cidade. Na exposición de 1900 engadiuse un eixo dende os Campos Elisios ata os Inválidos a través da Ponte de Alexandre III, con dous palacios no arranque, o Petit e o Grand Palais [24]. Tamén se inaugurou o Metro.

É a Belle Epoque (ata 1914), tempo no que París se converte en centro das vangardas artísticas. O vigor comercial maniféstase no nacemento de máis dunha ducia de grandes almacéns (Galerías Lafayette, a Samaritaine, Printemps) que xunto a proliferación de cinemas (primeira sesión da historia en 1896) fan certo o alcuño de ville lumière.

Século XX[editar | editar a fonte]

O Grande Arche da Defensa visto dende o Arco do Triunfo no Axe historique (eixo histórico)
Escudo de París.

Os límites relativamente reducidos da súa administración fan do século XX o da expansión de París na súa área metropolitana (banlieue), e a consolidación do seu espectacular patrimonio urbano. Actuacións sinaladas das últimas décadas foron o Centro Georges Pompidou, arquitectura contemporánea no centro histórico; e as grandes obras da época François Mitterrand, sinaladamente a ampliación do grande eixo dos Campos Elisios ata Nanterre, e a creación alí do distrito de negocios da La Défense. Tamén a recuperación de extensos barrios fabrís ou ferroviarios reconvertidos en parques e zoas dotacionais: así o barrio La Villette (Quartier de la Villette) no nordeste, Bercy no sueste, sendo La Villette e Bercy antigos concellos integrados na reforma administrativa de 1860, e na outra beira do Sena, a Gran Biblioteca (Bibliothèque nationale de France).

Alcaldes de París[editar | editar a fonte]

Durante o antigo réxime o municipio de París estaba gobernado por un prévôt des marchands, funcionario da administración pública real nomeado polo rei. Jean Sylvain Bailly foi o primeiro alcalde elixido despois da toma da Bastilla. Lista dos alcaldes de París dende 1789[25] [26] :

  • Revolución francesa :
    • Jean Sylvain Bailly, 15 de xullo 1789 - 18 novembro 1791, elixido ;
    • Jérôme Pétion de Villeneuve, novembro 1791 - outubro 1792, elixido. Foi suspendido do 6 ao 15 de xullo 1792[27] ;
    • Philibert Borie, interino dende o do 6 ao 14 de xullo de 1792 ;
    • Antoine René Boucher, interino dende o 15 de outubro ao 2 de decembro de1792 ;
    • Henri Lefèvre d'Ormesson, 21 de novembro 1792, elixido rexeitou a función ;
    • Jean-Nicolas Pache, febreiro de 1793 - maio 1794, elixido .
    • Jean-Baptiste Lescot-Fleuriot, 10 de maio de 1794 - 27 de xullo 1794, nomeado, foi executado durante o goberno da Comuna de París.
  • Dende a caida de Robespierre ata segunda república francesa a función non existiu.
  • Segunda república :
    • Louis Antoine Garnier-Pagès, 24 de febreiro de 1848 - 5 de marzo de 1848, nomeado ;
    • Armand Marrast, 9 de parso de 1848 - 19 de xullo de 1848, nomeado.
  • Despois das barricadas de xuño 1848 suprimiuse a función.
  • Terceira república :
    • Étienne Arago, 4 de setembro de 1870 - 15 de novembro 1870, nomeado ;
    • Jules Ferry, 15 de novembro 1870 - 5 de xuño de 1871, nomeado.
  • Dende 1871 ata 1977 non houbo alcladía de Paris.
  • Dende 1977 :
    • Jacques Chirac, elixido o 20 de marzo 1977, re-elixido o 25 de marzo 1983, re-elixido o 19 de marzo 1989 e iste mandato rematou o 16 de maio 1995 ;
    • Jean Tiberi, 22 de maio 1995 - 24 de marzo 2001 ;
    • Bertrand Delanoe, elixido o 25 de marzo 2001, re-elixido en marzo 2008.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Alfred Fierro, Histoire et dictionnaire de Paris, Paris, Robert Laffont, 1996. (en francés)
  • Pascal Varejka, Paris, une histoire en images. Architecture, économie, culture, société... 2000 ans de vie urbaine, Paris, Parigramme, 2007, 192 páxinas. (en francés)
  • Yvan Combeau, Histoire de Paris, PUF (Que sais-je ?), quinta edición de xuño 2008, 127 páxinas. ISBN 978-2-13-056667-0. (en francés)

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Historia urbana de París