Historia urbana de Manchester

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.


Mamucium Castra [editar]

No ano 79 os romanos, no seu avance de conquista da Gran Bretaña cara ao norte, establecen un campamento fortificado (guarnición de 500 homes) na confluencia dos ríos Irwell e Medlock que chaman Mamucium porque os celtas brigantes que habitaban a rexión referíanse ao lugar coma "outeiro con forma de peito de muller". Refeito en pedra no 160, xunto ao forte vai asentándose un vicus que chega a estar habitado por 2000 civís.

Hoxe en día é a zona coñecida como Castlefield, ao sudoeste do concello no centro da cidade[1].

Coa retirada dos romanos de Britannia no 411, prodúcese tamén o abandono do asentamento, que se traslada anos despois apenas un quilómetro cara ao nordeste, na confluencia do Irwell co Irk, nas inmediacións da actual catedral. Pouco máis ca un poboado durante séculos, primeiro de celtas, anglosaxóns despois, tralo seu ataque do 429, e normandos finalmente. O Mamucium Castra romano convértese no Mameceaster saxón.

Os saxóns: Mameceaster [editar]

Pouco a pouco, de simple parroquia dos Salford's Hundred (Salford é o concello xemelgo que se estende pola outra beira do Irwell) e residencia castelo dun señor feudal, no século XIII apunta o xurdimento dun burgo con feira e mercado (1222), foro en 1301, alcalde en 1322 e, nese mesmo ano, a referencia a primeira fábrica de tecidos. No século XIV asentaranse tecedores flamencos co que se dará inicio a industria téxtil que tanta importancia terá no desenvolvemento futuro da cidade. No ano 1368 aparece a primeira referencia a unha ponte de pedra sobre o Irwell.

En 1422, a primitiva igrexa parroquial reconstrúese en gótico perpendicular coma colexiata, e co tempo converterase na catedral de Manchester, foco xerador da futura urbe. [2][3].

Os séculos XVI e XVII verán o florecemento da industria e comercio da la co que a cidade continúa a súa especialización téxtil. Dende o punto de vista urbano, cabe salientar o desenvolvemento do centro da cidade cara o sur coa igrexa de St. Ann (1709) e a praza homónima [4].

Orixes da Revolución Industrial: Cottonopolis [editar]

Será no século XVIII e xa co algodón (polo que recibe o alcume de Cottonopolis), da man de inventos como a máquina de vapor aplicada a novas tecedeiras e a existencia de minas de carbón e numerosos cursos de auga nos montes próximos (os Peninos, ao E e N), os que farán da rexión de Manchester (manufacturas en 1772[5]) o xermolo da Revolución Industrial, abrindo unha época que só agora estamos a piques de pechar.

Xa a partir de 1790 aparecen as primeiras grandes hilaturas no arrabalde de Ancoats (Murray's Mills, McConnel& Kennedy's Mills) e non deixaron de florecer perante todo o século XIX ata un pico de 108 factorías en 1853 [6][7]. Para semellante actividade foi preciso desenvolver unha nova rede de infraestruturas de transporte: canais (xa en 1761-1808 o Bridgewater Canal; Rochdale Canal, 1766-94) que a conectan, vía o sistema fluvial Irwell-Mersey co mar (o Manchester Ship Canal 1889 a convirte en porto oceánico no área industrial de Trafford [8]); e o ferrocarril, primeira liña de vapor do mundo entre Manchester e Liverpool en 1830 [9].

Así, o XIX víu aparecer a tamén primeira cidade e aglomeración industrial da historia, unha paisaxe diferente onde, no lugar das agullas de igrexas, sobresaían as chemineas das fábricas[10], e os barrios de vivendas, todas iguais, dos obreiros vindos do campo, extendíanse ata o horizonte [11][12]. Aí comezaron tamén os problemas de polución e suburbialización que tan ben coñecemos hoxe, e que levaron a Engels na súa visita a cidade a escribires un célebre ensaio anticipador do discurso posterior con Marx da loita de clases e emancipación do proletariado.

A pioneira dunha época foino tamén do seu declive. A segunda metade do século vinte viu a obsolescencia e dependencia excesiva dun modo de produción que xa non é competitivo. A cidade atópase inmersa nunha profunda tarefa de reconversión e rehabilitación do seu tecido produtivo e urbano.