Historia urbana de Estambul

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Historia urbana de Istambul")

Estambul é unha cidade situada na encrucillada de dous continentes, capital do Imperio Romano de Oriente, de Bizancio, capital do Imperio Otomán, e ponte entre dúas culturas. Na historia desta cidade entrecrúzanse as civilizacións e relixións e mestúranse feitos moi diversos que amosan a importancia deste enclave urbano ao longo da historia.

Situación xeográfica[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Estreito do Bósforo.

Quizais o lugar onde se asenta Estambul sexa o máis privilexiado da historia tal como ten pasado ata a época contemporánea. É un punto crucial: a divisoria natural entre Europa e Asia, oriente e occidente, que ademais é o lugar de paso entre o norte e o sur, o Mar Negro e o Mediterráneo. Era case obrigado que aquí existise sempre unha cidade importante.

Corno de Ouro en primeiro termo; Mar de Mármara ao fondo; entrambos a punta onde se asentou Bizancio; á esquerda discorre o Bósforo, perdéndose ao norte cara o Mar Negro; na outra beira, Asia.

De certo hai restos de poboamento tan antigos coma o home en ambas as dúas beiras do estreito do Bósforo. Ademais, á encrucillada vénse sumar o chamado Corno de Ouro, unha enseada, magnífico porto natural, entrada de auga na parte europea dende o Bósforo, que deixa unha península dominando o acceso a aquel dende o Mar de Mármara polo sur. De feito, no lugar existía dende o século XIII aC un asentamento tracio, Ligos.

Bizancio[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Bizancio.
Bizancio en cor máis escura

Esa excelente situación non foi aproveitada polos colonos de Megara ao fundar a súa primeira colonia, Calcedonia, na beira oposta. Mais no 667 a.C. o seu rei Byzas non dubidou en fundar Bizancio na cima do extremo da península.

Arrodeada dunha muralla dun quilómetro, viña a coincidir en extensión aproximadamente coa do actual Pazo de Topkapi. Dominando a cidade, a tradicional acrópole cos templos, sendo Hera a deusa tutelar, e abaixo o porto, na recollida entrada do Corno de Ouro.

O enclave convertiuse pronto nun posto comercial estratéxico e por iso ambicionado por calquera que fose a potencia dominante da rexión durante os seguintes seis séculos: persas, atenienses, espartanos, xonios, macedonios, gálatas e tracios disputáronse a súa vasalaxe.

Os romanos fixérona cidade do seu imperio a partir do 100 aC e volveu a florecer no tempo dos antoninos (século II d.C.). Porén, no ano 196 a cidade coas súas murallas foi destruída por Septimio Severo en represalia por dar refuxio aos partidarios do seu rival.

De seguido deuse conta da importancia do lugar e mandou reconstruíla engrandecéndoa (dobre superficie dentro de novas murallas) e embelecéndoa con novas construcións (deu inicio ao hipódromo). A cidade recibiu o nome de Augusta Antonina. Prosperou de novo; contaba con teatro e anfiteatro baixo a acrópole fortificada cara ao estreito; un stadion ou circo (kynegion) ao norte cara o Corno onde tamén estaba o strategion ou campo militar xunto a muralla á altura da actual ponte. Asemade tiña un ágora (Tetrastoon, catro stoas) entre a acrópole e o hipódromo, onde tamén se situaban as chamadas Termas de Zeuxipo, o único que subsiste hoxe en día.

Nova Roma: Constantinopla[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Constantinopla.
Hagia Sofía

No 324, a guerra civil entre Licinio e Constantino rematou coa derrota do primeiro e unha nova destrución das murallas da cidade. Constantino I o Grande investiuse coma único emperador e veuse na necesidade de resituar a capitalidade do Imperio (Roma estaba moi lonxe de oriente, chea de epidemias e intrigas). Bizancio era a mellor localización. Por outra banda, é preciso ter en conta que dende o Edicto de Milán no 313, o cristianismo era relixión oficial no imperio.

O plan da nova cidade (330 d.C.), que chamou Nova Roma, superpúñase á de Septimio Severo no seu centro representativo, o remate do Hipódromo[1] [2]; un gran foro, o Augustaion, no lugar do Tetrastoon; e unindo ambos espazos públicos o Gran Pazo Imperial, coa súa porta cerimonial (Chalke) cara ao foro e o palco real (Kathisma) ao hipódromo. Ao norte do Augusteon, entre este e os templos pagáns da antiga acrópole mandou construír as primeiras igrexas (primitivas Santa Irene e Santa Sofía polo seu sucesor Constantino II, 360 d.C.).

Murallas de Constantinopla

Para a cidade en si, cuadriplicou a súa superficie cara ao oeste e pechouna con novas murallas.[3] A extensión comezaba nunha esquina do foro co chamado Milion, marco de comezo de tódalas rutas do imperio. De aí arrincaba a vía principal da cidade, Mese, que no seu percorrido porticado ata as murallas ía atopando varios foros[4]: primeiro, o circular Foro de Constantino[5]; despois o Foro Tauri o de Teodosio[6], o Foro dos Bois abaixo, no val do Licos, e finalmente o Foro de Arcadio. Tralo foro de Teodosio a Mese duplicábase cun ramal cara ao noroeste, onde mandou construír a fundacional (do tipo central en cruz grega con cinco cúpulas[7]) igrexa dos Santos Apóstolos sobre do que era un templo pagán. Alí foi enterrado cando morreu. O conxunto urbano inda estaba en construción e foron os seus sucesores os que o foron completando . A cidade recibiu entón o nome de Constantinopla (Constantinópolis).

Para comezos do século V, Constantinopla rebordara os seus muros, polo que baixo Teodosio II emprendeuse a construción dun novo cinto murario exterior (408-13). Eran 5.630 metros de soberbia fortificación entre o Mar de Mármara e o suburbio de Blanquernas no Corno de Ouro (onde se fixo unha pequena ampliación un século despois) para acoller unha crecente poboación (300.000 habitantes). A entrada cerimonial da cidade era a do sur, a magnífica Porta Áurea[8]. Ademais estaban os 16 km de muralla do mar. Resistiu os ataques bárbaros e islámicos e a cidade foi inexpugnable ata 1204.

Xustiniano[editar | editar a fonte]

Constantinople center.svg

O cénit deste primeiro esplendor da capital lógrase co goberno de Xustiniano I (527-65), onde Constantinopla xa é a meirande cidade do mundo (500.000 habitantes).

Trala revolta Niká en 532, na que gran parte da cidade resulta incendiada, o emperador da inicio a un vasto programa construtor. A primeira Santa Sofía ardera xa nuns disturbios no 404; reconstruída inmediatamente, a segunda basílica foi queimada durante a revolta Niká. Xustiniano chamou a Antemio de Tralles e a Isidoro de Mileto para construír o maior templo nunca erixido ata entón. Abofé que o conseguiron. Santa Sofía é un deseño único e orixinal, enorme, cun interior grandioso e abundante decoración. A culminación era unha gran cúpula que colapsou nun terremoto en 558. De inmediato foi reconstruída por Isidoro o Novo con materiais máis lixeiros e unha maior frecha (+6,25 m para unha altura total de 60 metros).[9]

Santa Sofía soamente foi o estandarte dun grupo de igrexas fundamentais na historia da cidade: aos mesmos arquitectos, Xustiniano encargoulles a erección dun templo maior dos Santos Apóstolos (salvando o Mausoleo de Constantino) onde enterraríase el e os seguintes emperadores ata o medievo; ademais San Polieucto e Santos Serxio e Baco, que podería ser un precedente para Santa Sofía; e unha nova Santa Irene, xa que a primitiva tamén fora incendiada na revolta.

Basílica Cisterna

Despois viñeron séculos de decadencia ante a puxanza árabe, coa controversia iconoclasta polo medio (s.VIII-IX, tantas estatuas e tesouros artísticos que decoraban a cidade foron destruídos) onde soamente son salientables pequenas igrexas de mosteiros (Constantino Lips, Salvador de Cora).

No civil, cabe destacar as singulares obras para asegurar o abastecemento de auga a cidade, un punto no que o promontorio onde se asenta é desvantaxoso. Xa nos tempos do emperador Valente (368) rematouse un acueduto que inda continúa en pé. Xustiniano mandou construír a Basílica Cisterna e a Cisterna de Filoxeno, obras subterráneas en bóveda de ladrillo realmente asombrosas.

Dende o século V no que Teodosio II erixiu unha fortaleza, houbo un suburbio na beira oposta do Corno de Ouro: Gálata ou Pera. E dende o século XIII foi lugar de asentamento de comerciantes xenoveses e no 1348 foi erguida a Torre de Gálata na súa muralla defensiva.

En conxunto, un organismo urbano que permanecería no esencial intacto case que mil anos.

Tempo das cruzadas: decadencia[editar | editar a fonte]

Plano da Constantinopla bizantina

Cos Comnenos no século XII, Constantinopla viviu seu canto do cisne. Volveu a recuperar puxanza económica, política e artística. De novo foi brevemente a cidade maior do mundo.[10] Aínda que as obras de arte máis notables do período sexan as musivarias é de destacar o Pazo das Blanchernas (Tekfur) xunto a muralla exterior e o Corno de Ouro [11].

Pero en 1204 o debilitamento do imperio era evidente e unha promesa incumprida foi a escusa para que os exércitos da Cuarta Cruzada tomasen e saquearan a cidade impoñendo un efémero Imperio Latino. A poboación decrecera drasticamente de 500.000 a menos de 100.000 habitantes e inda o faría máis (30.000) ata que o avance turco polo leste terminara co asedio e caída de Constantinopla, e con ela, o dun moribundo Imperio Bizantino.

Imperio Otomán: Estambul[editar | editar a fonte]

Mapa de Constantinopla (1422), polo cartógrado florentino Cristóforo Buondelmonte
Sultán Mehmed II

O 29 de maio de 1453, Constantinopla por fin caeu, e a historia deu un xiro, cara a occidente. O comercio de Europa con oriente e Asia declinou o que forzou a buscar novas rutas polo Atlántico. A era dos descubrimentos, a Idade Moderna, daba comezo.

O primeiro feito para a cidade foi o radical cambio relixioso-cultural: o mesmo día da conquista, o sultán Mehmed II o Conquistador foi rezar a Santa Sofía coa cabeza mirando A Meca. As igrexas foron de inmediato convertidas en mesquitas.

Non correu esa sorte a dos Santos Apóstolos. Pola súa significación como lugar de enterramento dos emperadores bizantinos, Mehmed quixo levantar no seu lugar a primeira mesquita imperial da nova capital do Imperio Otomán: a Mesquita Fatih (1463-70), derrubada por un tremor en 1766), moito máis que unha mesquita, é todo un complexo (kulliie) que reúne tamén madrasa (escola coránica) e tumba nunha disposición de orden e proporcions clásicas.[12] Tamén Mehmed II deu inicio as primeiras construcións dun pazo imperial axeitado (o bizantino estaba en ruínas). Elixiu o sitio da primitiva acrópole grega e cos séculos completaríase coma o Topkapi. Asemade, para fornecer o comercio, comezou a erección do Gran Bazar[13] (vastamente agrandado no s.XVI) nas inmediacións do antigo foro de Teodosio.

Pero o reto para a nova capital foi conseguir repoboala. Non foi senón pola forza que Estambul recuperou o seu pulo de grande cidade (para 1500 acadou os 200.000 habitantes).[14]

Suleimán e Sinan[editar | editar a fonte]

Nicolas de Fer: Vista de Constantinopla, Paris 1696
Pazo de Topkapi desde o Bósforo

Tralo sinal deixado na cidade do "Conquistador" (Fatih), cada sultán quixo deixar a súa pegada con algunha grande obra. Así a Mesquita de Bayaceto II xunto ao bazar (1491-1506). Pero o esplendor da capital otomana viría da man de Suleimán o Magnífico e o seu arquitecto Sinan (a altura do contemporáneo Miguel Anxo). Con el a arquitectura otomá alcanzaría o clasicismo, conxugando as súas antigas raizames persas coa influencia bizantina exemplificada no modelo de Santa Sofía. A primeira obra mestra será a Mesquita Shezade (1543) xunto ao acueduto de Valente. Nela consegue a integración e claridade espacial que serán canónicas nos interiores das mesquitas otomás, mediante una cúpula central rodeada de catro semicúpulas[15]. A culminación conseguiuna coa Mesquita Suleimaniye (1557), onde volverá á valoración dun eixo lonxitudinal coma en Sta. Sofía eliminando dúas cúpulas laterais. A súa monumentalidade dominando o Corno de Ouro cos característicos minaretes otománs resulta abraiante[16].

Despois de Sinan, seguindo o seu modelo, erixíronse moitas máis mesquitas, entre as que cabe salientar a célebre Mesquita Azul (1609-16) que se alza xunto ao Hipódromo e Sta. Sofía na punta da península, compoñendo un cadro urbano único.[17] A cidade volvía a ser a maior do mundo.[18][19]

Século XIX[editar | editar a fonte]

Pazo de Dolmabahçe

Pero coa decadencia do Imperio Otomán, Estambul tamén perdeu pulo. Os séculos XVIII e XIX supuxeron os dun adormecemento no que o organismo urbano do pasado bastaba para conter a cidade presente.[20] Só cabe salientar algunha obra singular coma o Pazo de Dolmabahçe á beira do Bósforo. Dende a metade do século o centro da cidade moderna desprázase progresivamente cara ao norte do corno, máis aló dos barrios de Gálata e Pera (Beyoglu), coa rúa Istiklal coma eixo e a Praza Taksim coma foco[21][22]. Para tal desenvolvemento precisábanse pontes sobre do corno e, por primeira vez na súa longa historia (houbera proxectos do sultán Bayaceto no XVI mesmo con Leonardo da Vinci), dous tendéronse en sucesivas estruturas ao longo do XIX.

Estambul contemporáneo[editar | editar a fonte]

Praza Taksim
Ponte sobre o Bósforo.


A proclamación en 1923 por Kemal Atatürk da República de Turquía con capital en Ankara supuxo a puntilla para a súa decadencia, aínda que nunca deixou de ser o centro económico, financeiro, industrial, comercial e cultural da rexión. Nas décadas de 1950 e 1960 a cidade sufríu un grande cambio estrutural cando a noutrora numerosa e próspera comunidade grega, procedente da poboación antiga, se viu mermada a consecuencia do Pogrom de Estambul de 1955, que provocou que a maioría dos gregos de Turquía fuxisen para Grecia.

Durante esta época, o goberno de Adnan Menderes procurou desenvolver o país no seu conxunto e construíu novas estradas e fábricas na cidade. Grazas a isto, Estambul dotouse de boulevards modernos e de prazas públicas amplas, aínda que a expensas da demolición de edificios históricos.

Durante a década de 1970 a poboación comezou a medrar rapidamente ao chegaren inmigrantes da Anatolia na procura de traballo nas novas fábricas. Este aumento repentino provocou a construción apurada de edificios de vivendas de calidade e aparencia pobres, ao tempo que a metrópole se estendía polos arrabaldes.

Da man da súa privilexiada posición xeográfica e unha posible futura integración de Turquía na Unión Europea, a metrópole na que se ten convertido tenta atopar o seu lugar coma cidade global. Primeiro foi a unión física de Europa e Asia a través do Bósforo coa construción de dúas grandes pontes. Iso permitiu a integración da parte asiática como zona de expansión do área metropolitana.

O desenvolvemento dun barrio de negocios con rañaceos tamén parecía obrigado e estase a erixir en Beksitas, ao norte de Beyoglu.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Historia urbana de Estambul

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]