Historia urbana de Delhi
Para falar da Historia urbana de Delhi cómpre ter presente que Delhi é mais ben un lugar de cidades. A sucesiva historia destas ao longo do tempo constitúe a historia de Delhi.
Ata oito cidades relevantes se contabilizan nunha área triangular de 14 km ao longo da ribeira occidental do río Yamuna por 10 km ata as últimas estribacións dos montes Aravalli ; as principales ao sur do centro actual [1].
Índice |
Indraprastha [editar]
Indraprastha é a primeira, mítica capital dos Pandavas, aparece citada no Mahabharata: así cando a Yudhisthira, o maior dos irmáns pandavas, se lle concede esta terra, Krishna intercede perante o deus arquitecto Vishvakarman para que lle constrúa unha capital. Será Indraprastha. O certo é que se atopan vestixios arqueolóxicos do 500 aC (pode que ata do 1000 ac) xunto ao Yamuna, no lugar do Forte Vello (Purana Qila) [2], e que ademais un poboado co nome de Indrapat existiu no lugar ata comezos do século XX cando os británicos deseñaron a actual capital Nova Delhi. Tamén existe unha semimítica dinastía Jat do norte de India e Pakistán, os Dhillon, un dos seus gobernante Raja Dhilu disque fundou Dheli cara ao 800 aC e os seus descendentes mantiveron alí o poder ata o 283 aC.
En todo caso, semella que Indraprastha continuou coma cidade importante ante os períodos Maurya (320-185 aC) e Gupta (250-540), mais nun segundo plano fronte a posición dominante de Pataliputra (Patna) no val do Ganxes. Probablemente foi saqueada polos Hunos (400-500).
Epoca Rajput [editar]
O medievo comeza coa construción do Forte Lal Kot no 731 ao suroeste de Indraprastha (nas proximidades do posterior Qutb Minar).
Os Rajput, clan guerreiro antiquísimo provinte do Rajastán, comeza a se instalar nos arredores do que hoxe é Delhi dende o século VII ao través dunha das súas dinastías, os Tomaras. Semella que en Suraj Kund, fundada por Surajpal, no límite sur da cidade co estado de Haryana e onde hai un templo estanque do século XI dedicado a deidade solar [3], puidera estar o primitivo asentamento dende o que o rei Anangpal I decidira fundar nas proximidadees Anangpur (hoxe aforas de Faridabad), e no 731 o forte de Lal Kot uns quilómetros ao noroeste.
En todo caso, no 736 xunto ao forte, fundan a cidade de Dhillika o Dilli (Lal Kot), no que hoxe é o barrio de Mehrauli, talvez coma capital do seu reino de Haryana. O nome rememora a cidade do mítico Raja Dhilu e talvez fose construída sobor das ruínas daquela outra.
No 1180 os rajput Chauhan de Ajmer conquistan Lal Kot e o seu rei Prithviraja III (Rai Pithora), heroe hindú, derradeiro en reinar antes da chegada dos musulmáns, amplía a cidade (3,4 km2) construíndo baluartes con sete portas e templos e a renomea Qila Rai Pithora.
Sultanato de Delhi [editar]
Os musulmáns apodéranse da cidade a partir de 1191 establecendo o agora chamado Sultanato de Delhi en 1206. Para conmemorar a súa vitoria sobor dos rajputs constrúen a que será primeira mesquita en India, a Quwwat al-Islam co seu magnífico alminar, o Qutb Minar, de 75 metros de altura [4], [5]. O complexo, agrandado ao longo do século XIII convértese no centro da cidade.
O segundo sultán da seguinte dinastía, Alaudín Khilgi, manda construír a partir de 1303 unha nova cidade fortificada a uns 4 km ao nordés do Qutb Minar: Siri [6]. De planta oval e muralla de cascotes con sete portas e 1,7 Km2. Tamén mandou construír nela un pazo de mil piares e para o abastecemento de auga, un enorme estanque no inmediación de Hauz Khas, ao oeste.
Pola súa banda, o fundador da seguinte dinastía Giyat al-Din Tughlaq, constrúe tamén a súa propia cidade fortaleza: Tughlaqabad [7], ao leste do Qutb Minar. Faino en soamente tres anos, de 1321-4, mais a imprevisión respecto ao abastecemento de auga fixo que nunca chegase a ocuparse plenamente e catro anos despois é abandonada [8]. Aos 2,2 km2 do recinto engadiuse polo sur o apéndice de Adilabad (1325), outra fortaleza do sultán seguinte, fillo de Giyat ademais da tumba deste último, fortificada tamén [9].
Namentres, a cidade real estendíase entre Qila Rai Pithora e Siri. Para protexer o espazo intermedio, que xa estaba moi poboado, o antedito sultán fillo de Giyat, Muhammad bin-Tughlaq manda facer un cinto completo de murallas [10] e a cidade resultante noméase Jahanpanah(literalmente "refuxio do mundo")(1327). Foi o tempo no que o sultanato acadou a súa plenitude, gobernando case todo o subcontinente.
No entanto, o sultán que lle sucedeu, Firuz Shah Tughlaq, construíu á súa vez unha cidade de seu: Firuzabad. Foi no 1354, pero desta vez moi ao norte, a beira do Yamuna, preto do centro actual. A cidadela era un recinto fortificado de dez hectáreas [11], [12] con palacios, mesquita e o "baradari" para o Pilar de Asoka, traído dende Ambala [13], [14].
En 1398 o mongol Timur (Tamerlán) conquista a cidade saqueándoa e arrasándoa. Mata ou escraviza a maior parte da poboación polo que Delhi queda reducida a unha morea de ruínas.
Após o caos, a recuperación foi lenta durante as dinastías Sayyid e Lodhi das que tan só fican unhas fermosas tumbas nos xardíns Lodhi [15].
Imperio Mogol [editar]
1526 é o ano no que que Babur pon fin ao Sultanato de Delhi. O seu fillo e segundo emperador mogol, Humayun, decide en 1533 construír a súa capital. De temperamento romántico, elixe as ruínas de Indraprastha como lugar para Dinpanah ("refuxio da fe"). De planta rectangular, murallas de 18m e 2km [16], tres portas principais, está no fundamental rematada en 1538.
Xusto ao ano seguinte foxe a Persia ó ser derrotado por Sher Shah Suri quen establece a dinastía Suri coma un interludio ata que Humayun volva recuperar o poder. Sher Sha constrúe, con todo, a súa cidade no interior dos muros de Dinpanah e chámaa Dilli Sher Shahi ou Shergarh. Coma na de Humayun, utilízanse materiais de Siri e Firuzabad, en ruínas dende o saqueo de Timur. O conxunto recibe hoxe o nome de Purana Qila (Forte Vello)[17], [18].
En 1555 Humayun reinstaura o Imperio Mogol, aínda que morre pouco despois. A súa tumba, ó sur da que foi a súa cidade é o primeiro e un dos máis logrados edificios da arquitectura mogol, claro precedente do Taj Mahal. O seu fillo e sucesor, Akbar, traslada a capital as proximidades de Agra, o que supuxo o declive de Delhi durante medio século.
O emperador Shah Jahan (o que fixo o Taj Mahal precisamente) devolve a capital imperial a Delhi, para o que manda construír unha nova cidade axeitada e representativa: Shahjahanabad (1638-49). Elixe unha zona sen restos do pasado, ao norte da arrasada Firuzabad xunto ao río Yamuna
O plan de Shahjahanabad pretendeu conxugar os principios urbanísticos hindús cos islámicos. Así, unha certa ortogonalidade e xerarquía. Dous eixos principais dende un foco de poder, Lal Qila (o Forte Vermello con exquisitos exemplos da arquitectura mogol : Diwan-I-Amm e Diwan-I-Hass)[19] : Chandni Chowk [20] dende aquel cara ao oeste, e Faiz Bazaar cara ao sur. Ambas as dúas rúas posuían unha canle de auga central. Así mesmo, é característica hindú a zonificación urbana segundo as castas e os oficios. Por outra banda, o centro de culto islámico fundamental, a mesquita do venres, Jama Masjid, a maior de India [21]. E os xardíns, Begum ka Bagh e Roshanara, obra das fillas do emperador, ao longo do lado norte de Chadni Chowk, con fontes, estanques e acuedutos ; e máis ao norte, fóra das murallas, Tees Hazari e Qudsia.
O conxunto foi a cidade que permaneceu ata o século vinte e hoxe chamamos Vella Delhi. O seu saqueo polo afgano Ahmed Shah entre 1756 e 1761 supuxo a fin de facto do Imperio Mogol.
Imperio Británico [editar]
En 1857 a cidade caeu no poder dos británicos, que pouco despois trasladaron a capital da India a Calcuta. Mais no 1911, a posición estratéxica de Delhi no medio do subcontinennte favoreceu a recuperación da capitalidade. Porén, facíase necesario un espazo urbano máis axeitado para a esa función. Por iso, seguindo ademais unha tradición milenaria, decidiuse a planificación dunha nova cidade. O encargado foi o arquitecto Edwin Lutyens [22].
Así, entre 1929 e 1931 naceu New Delhi (Nova Delhi). Levantouse o sur da capital mogol, conectada con ela por unha gran praza rotonda, Connaught Place, da que parten grandes bulevares en abano cara ao sur onde intersectan unha ampla avenida leste-oeste [23], entre a Porta da India e os edificios oficiais (parlamento, presidencia e bloques administrativos).
Independencia [editar]
Trala independencia do país en 1947, Nova Delhi pasou a ser a súa capital oficial. En 1976 unha nova cidade veu a se sumar a longa listaxe: Noida (New Okhla Industrial Development Authority). Aínda que se sitúa fóra do territorio da capital nacional, na beira leste do Yamuna, deseñouse coma suburbio de expansión e modelo de futuro da metrópole. Dende entón, o conglomerado de tódalas cidades de Delhi, estase a converter nunha das maiores e máis puxantes urbes do mundo.