Historia urbana de Caracas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pintura venezolana de principios do século XX que representa o fundador de Caracas, o zamorano Diego de Losada. O pintor, anacronicamente, píntao cunha bandeira española rojigualda (creada no século XVIII, douscentos anos despois da etapa da conquista).

Caracas fundouse en 1567 baixo o nome de Santiago de León de Caracas polo explorador español Diego de Losada.

Período colonial[editar | editar a fonte]

En 1560 o mestizo Francisco Fajardo establece no lugar a facenda gandeira de San Francisco. Acosada polos indios da rexión (entre outros os caracas dun val achegado), ao ano seguinte o explorador Juan Rodríguez Suárez, para defendela mellor, convértea en Villa de San Francisco, con alcalde e repartindo terras entre os seus soldados. Pero foi destruída polos nativos ese mesmo ano.

Primeiro plano de Caracas1578
Vista de Caracas en 1839.

Ata que en 1567-8 o conquistador Diego de Losada, seguindo unha Real Cédula, refunda formalmente no lugar a cidade de Santiago de León de Caracas. A súa excelente situación, preto da costa pero ben defendida por unha cadea de montañas e en altitude para temperar o clima [1], fan que en dez anos sexa elixida coma capital da provincia de Venezuela. Xa en 1576 os franciscanos fundan un convento e no 1577, o gobernador Juan de Pimentel debuxa o primeiro plano da cidade con vinte e cinco cuadras (seguindo as ordenanzas de Filipe II, no acostumado dameiro colonial español cunha praza central onde se sitúan os edificios representativos, cabido e igrexa).

Os séculos XVII e XVIII son de crecemento á calor do comercio e ampliando a trama ortogonal en todas as direccións excepto ao oeste, onde estaba constrinxida polo outeiro do Calvario. Inda que un terremoto destrúe a cidade en 1641 e a reconstrución é lenta e traballosa (catedral no lugar da Igrexa Maior) os corsarios obrigan a iniciar unha muralla en 1678 que non se remata.

En 1703 iníciase unha grande expansión ao leste co barrio de La Candelaria[2] (emigrantes canarios), e no 1777 Caracas convértese na capital da Capitanía Xeral de Venezuela.

Independencia[editar | editar a fonte]

O século XIX é o do libertador caraqueño Simón Bolívar e a independencia, e tamén o dun estancamento urbano. En 1812 un novo terremoto destrúe a cidade e tan só cara á fin da centuria, a administración do presidente Guzmán Blanco supón a modernización dos servizos públicos da urbe, pero asemade o seu afrancesamento coa destrución dunha chea de edificios coloniais hispanos e a súa substitución por outros dun eclecticismo á moda (por exemplo o Capitolio lexislativo, inmediato polo sudoeste á praza maior chamada dende esa época Praza Bolívar)[3][4].

Modernidade[editar | editar a fonte]

De calquera maneira ata ben entrado o século XX Caracas inda mantén o carácter duna pequena cidade agrícola e comercial. Foi a partir de 1936 que, co inicio dos ingresos petroleiros, comezou unha explosión demográfica (inmigración do campo e dende Europa: españois (moitos galegos), italianos e portugueses) que a levou en só sete décadas de vila a metrópole.

En 1939 apróbase o Plan Rotival para a reestruturación do centro cun gran eixo monumental e edificios gobernamentais ao sur das vinte e cinco mazás orixinais[5][6]. Só se realizou o plan viario cunha gran e núa Avenida Bolívar e o ancheamento doutras arredor do casco histórico (Urdaneta, S.Martín, Sucre, Andrés Bello). O máis interesante dese tempo foron as realizacións do mellor arquitecto venezolano, Carlos Raúl Villanueva: a Reurbanización El Silencio (1942, ao pé do Calvario, orixe da Avenida Bolívar[7][8]) e sobor de todo a Cidade Universitaria (1954, xunto ao Parque dos Caobos no outro extremo da Avenida Bolívar[9]).

En 1952 un novo Plan Rector pretendeu desta vez aplicar as ideas urbanísticas do Movemento Moderno no canto do academicismo novecentista do anterior[10]. Nós de autoestradas e o Centro Bolívar na avenida homónima é a súa herdanza máis significativa[11].

Coma outras grandes cidades de Latinoamérica, Caracas ten sufrido os efectos dun exceso de migración do rural que a urbe non pode situar, en forma de poboados chabolistas (barrios[12]) colgados dos outeiros que puntúan o val (ata case que un millón de persoas nos setenta)[13].

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Oramas Luis R., Boletín de la Academia Nacional de la Historia, 1961, Publicacdo en Caracas (Venezuela)
  • Fray Pedro Simón, Noticias historiales de Venezuela, 1987. Publicado por Ediciones de la Academia Nacional de la Historia - Caracas (Venezuela)

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Historia urbana de Caracas