Historia das cidades

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Historia urbana»)

A historia das cidades é un campo da historia que intenta examinar o proceso de urbanización e a natureza histórica das cidades. Ten un enfoque multidisciplinar, cruzando os campos da arqueoloxía, da historia arquitectónica, da socioloxía urbana, da xeografía urbana e baséase en particular na historia local.

Son numerosas as definicións que se formularon sobre a cidade ao longo da historia, dependendo do elemento constitutivo sobre o que se fixase a atención. Uns autores destacaron o elemento material (a pavimentación, o peche amurallado, os equipamentos), mentres que outros atenderon ás relacións sociais ou a visións utópico-filosóficas do fenómeno urbano.

Con carácter xeral, os estudosos viñeron distinguindo as cidades segundo dous criterios: as épocas nas que se consolidaron (criterio histórico) e o tipo de cultura en que estas se desenvolveron (criterio antropolóxico). Dende estas perspectivas adóitase distinguir entre a cidade antiga, a cidade medieval, a cidade barroca ou, a cidade precolombiana, a cidade islámica, a cidade anglosaxoa, a cidade mediterránea...