Historia de Usbequistán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bandeira de Usbequistán
Localización de Usbequistán

Situado no corazón de Asia Central, entre estepas, desertos e maxestosas montañas, no cruce de grandes rutas de comunicación e comercio, Usbequistán ten coñecido importantes migracións ó longo da súa historia que modificaran a súa poboación, seguindo o auxe e o declive de imperios poderosos. Os usbecos, cun idioma de orixe túrquica, non son máis que os derradeiros emigrantes. Na actualidade (2006), este país independente, o máis poboado da rexión, tenta abrirse paso en torno ás grandes potencias e busca poder reafirmar a súa propia identidade que aínda se está a forxar.

Prehistoria[editar | editar a fonte]

As derradeiras investigacións realizadas amosan que o ser humano chegou á rexión do actual Usbequistán fai uns 40.000 ou 50.000 anos, o que a converte nunha das rexións habitadas máis antigas. As probas arqueolóxicas da súa presenza son parcelarias, ó revés do que sucede, por exemplo, en África ou en Australia. Estes estudos teñen identificado a rexión como a fonte de poboación que máis tarde habitou Europa, Siberia e América do Norte. A zona está considerada tamén como o berce das linguas indoeuropeas.

Idade de Bronce[editar | editar a fonte]

Entre o -2200 e o -1700, ó sur de Usbequistán e Turcmenistán, existiu unha civilización avanzada da idade do bronce. Coñécese como a civilización Oxus. Estaba relacionada coa cultura do vale do Indo e caracterizábase por unha mestura de pobos autóctonos non indoeuropeos, desaparecidos por completo na actualidade, e por indo-arios chegados dende Casaquistán occidental. Os xacementos arqueolóxicos, como os de Djarkoutan ou o de Mollali Tepé, revelan a existencia dun modo de vida urbano, no que se practicaba a irrigación, o cultivo do trigo e a cebada e, probablemente, no que existía unha forma de escritura. A partir do ano -1700, os indo-arios comezaron a emigrar cara a India. Foron substituídos en Usbequistán por tribos de pastores nómades chegados dende Irán, os sogdianos, que se foron transformando en sedentarios.

Coñécese tamén a existencia doutra cultura, coñecida como Tazabagyab, aparecida arredor do 1500 adC preto de Jwarizm, ó sur do mar de Aral, do que proviñan os iranios do Turquestán occidental. Esta cultura reunía elementos da cultura das tumbas estruturadas coa cultura de Andronovo que se estendía dende o oeste dos Urais cara ó lago Baical, chegando até o río Sir Daria no sur. A cultura de Andronovo foi a primeira que dispuxo dun carro de guerra de dúas rodas tirado por cabalos. Os seus habitantes vivían en poboados, cultivaban a terra e criaban animais. Eran quen de fabricar armas e utensilios en bronce.

Persas, gregos e nómades[editar | editar a fonte]

Sogdianos, bactrianos e o imperio Aqueménida[editar | editar a fonte]

O imperio Aqueménida durante o seu apoxeo

Os dous pobos principais iranios de Usbequistán foron os sogdianos, na rexión de Samarcanda e Bucara, e os bactrianos, máis ó sur, a cabalo entre o sur de Usbequistán e o norte de Afganistán. Os indios chamaban ós bactrianos bahlikâ mentres que os chineses coñecíanos como daxia. A súa capital atopábase en Zariaspa, a clásica Bactra, e por conseguinte a actual Balh. A cidade de Samarcanda foi fundada polos sogdianos, probablemente no Século -V baixo o lendario nome de Maracanda. Sogdianos e bactrianos nunca chegaron a formar un estado unificado: o seu territorio dividíase en principados, organizados arredor das cidades.

O zoroastrismo, relixión puramente irania, puido desenvolverse en Bactriana. O Avesta, o seu texto sagrado, é moi difícil de datar pero fala de Sughda seica en referencia aos sogdianos. Crese que os sogdianos eran escitas sedentarios.


Máis ó norte, ó leste do mar de Aral, habitaban as tribos nómades dos Sacas (nome hindú dos escitas) e a dos masaxetas, todos iranios. Estes últimos foron guerreiros que, baixo o reinado da raíña Tomiris, asasinaron ó rei persa Ciro II. Ó igual que ocorría entre os sogdianos e os bactrianos, o papel das mulleres masaxeta era especialmente relevante.

Os habitantes dos reinos bactriano e sogdiano, así como os do Xanato de Xiva, foron maioritariamente agricultores e perfeccionaron as técnicas de irrigación nos vales dos ríos Sir Daria, Amu Daria e Zeravshan. Agrupábanse en comunidades dun tamaño importante, practicaban a artesanía do metal así como o comercio. O nomadismo desenvolveuse especialmente nas rexións desérticas e montañosas.

A cidade de Afrasiab, preto de Samarcanda, foi fundada logo do -500. O museo do seu sitio arqueolóxico contén os peóns de xadrez máis antigos do mundo. As pinturas murais de Afrasiab son famosas e a cidade está considerada como un dos berces do lingua persa.

Entre o -545 e o -540, Ciro II, fundador do imperio persa, lanzouse á conquista de Asia Central; integrou Bactriana, Sogdiana, o xanato de Xiva e o Imperio Parto no Imperio Aqueménida.

Alexandre Magno e o imperio Seléucida[editar | editar a fonte]

Aleixandre Magno montando ó seu cabalo Bucéfalo

Alexandre Magno conquistou Sogdiana e Bactriana no 327 adC mentres levaba a cabo unha campaña contra Darío III Codomano que puxo fin á dinastía aqueménida. Dous anos antes, fundara unha cidade de nome Termez, que na actualidade é a cidade máis meridional de Usbequistán.

Estableceuse en Samarcanda e casou con Roxana, filla de Oxiartes, un xefe bactriano local, ó que capturara en -327, antes de conquistar a fortaleza da Roca Sogdiana, que até entón considerábase como inexpugnable. Este matrimonio serviulle de axuda para rematar coa feroz resistencia popular sogdiana, dirixida por Espitamenes, que estaba a frear o avance das súas tropas. O matrimonio foi tamén o preludio das coñecidas como vodas de Susa nas que 10.000 gregos contraeron matrimonio con 10.000 orientais no -329.

O imperio de Alexandre

Antes de emprender a fatal campaña da India, Alexandre deixou o seu cartel xeral en Samarcanda (-323) para conquistar a cidadela situada na actual cidade de Tashkent, ó sur da cal ordenou construír unha vila fortificada á que chamou Alexandría Eschate (a derradeira Alexandría).

Logo da morte de Alexandre no -323, a parte nordeste do seu imperio, coñecida como Transoxiana ("máis aló do Oxus", nome antigo grego do río Amu Daria), pasou a mans do seu xeral Seleuco I Nicátor, fundador da dinastía dos seléucidas. Durante o seu reinado, Bactriana recibiu unha masiva inmigración de gregos exiliados, o que converteu esa rexión na máis helenizada de tódalas conquistadas.

Baixo o goberno de Seleuco II Calinico, os seléucidas, preocupados polos seus problemas en Siria, non se plantexaron a posibilidade de asegurarse o control das rexións orientais. Así, Diodoto I fundou no -250 o Reino Grecobactriano, independente tras liberarse con facilidade da tutela exercida polos seléucidas. Baixo o reinado de Eutidemo I, Antíoco III Megas tentou recuperar o dominio sobre Bactriana pero foi derrotado e tivo que recoñecer a independencia do reino. Este período caracterizouse por un importante desenvolvemento urbano así como por un sincretismo greco-oriental nas artes que acada nese momento o paroxismo.

Invasións nómades e posta en marcha da Ruta da Seda[editar | editar a fonte]

O reino grecobactriano

Entre o Século -I e o século II, o territorio do Reino Grecobactriano foi invadido polos iuezhi e os saka, pobos nómades que procedían de China. O centro do reino desprazouse entón cara o sudoeste para converterse cara ó ano -190 no Reino Indogrego

Os partos ocuparon no 115 a zona oeste de Bactriana (entre Usbequistán e Turcmenistán), substituíndo ós sakas que emigraran máis ó sur, cara o actual Afganistán. Compartiron a rexión cos iuezhi que reinaban na zona dende o -126.

Nesa época, o sincretismo relixioso, perpetuado polos partos, evolucionou gradualmente cara o monoteísmo e a noción de relixión universal estendeuse entre os pobos do actual Usbequistán. Grazas á influencia dos sacerdotes, o zoroastrismo converteuse na relixión oficial dos sasánidas.

Máis ó leste, nos comezos do primeiro milenio, comezaba a formarse o imperio Kushan a partir de numerosos principados distintos, cen anos máis tarde de que o Reino Grecobactriano fora destruído polos nómades. Ocuparon de forma gradual, entre o 150 e o 150, Bactriana así como unha parte de Sogdiana e de Jwarizm. Este imperio foi fundado polos kushan, unha pola dos iuezhi, pobo que habitaba no actual Xinjiang (China), emparentados posiblemente cos tocarios. Durante moitos séculos, a civilización dos kushan situouse no centro de intercambios comerciais entre Oriente (China) e Occidente (Imperio Romano), no recorrido da Ruta da Seda. Os kushan foron os que importaron o budismo ata Asia Central e os que alí desenvolveron os artes helenísticas de Oriente.

A apertura da grande Ruta da Seda, a ruta comercial terrestre e marítima máis longa da antigüidade (Século -II) e, sobre todo, a súa protección tras permanecer moito tempo a mercede de bandidos e ladróns, desprazou o centro de gravidade do mundo iranio dende as beiras do Tigris ata as do Amu Daria. Os partos persas comezaron a mirar máis aló do Éufrates, centrándose no Sir Daria: o comercio con China acadou unha relevancia maior á que xamais tivera o comercio con Grecia e Transoxiana estaba xusto no centro destes intercambios. A ruta da seda non se empregaba unicamente para transportar seda ata Europa xa que as especias, o papel e a porcelana viaxaban polo mesmo camiño. Ademais, a ruta desempeñou un papel destacado na difusión das crenzas relixiosas (como no caso do budismo), de ideas e de cultura. Durante a súa existencia, a Ruta da Seda enriqueceu en tódolos aspectos ás cidades polas que pasaba, como Samarcanda, Kokand ou Fergana.

Para resumir, a historia de Transoxiana entre os séculos século -II e III foi complicada; distintos reinos, máis ou menos efémeros e con orixes incertas, fóronse sucedendo antes de ser varridos do mapa polo puxante Imperio Sasánida. Na mesma época, Fergana, etapa clave da Ruta da Seda, mantivo a súa independencia.

Os sasánidas persas[editar | editar a fonte]

O imperio sasánida durante o seu apoxeo

Os sasánidas foron unha dinastía orixinaria de Fars (orixe do nome galego Persia), fundada cara ó 224 por un descendente de Darío III Codomano. Baixo os sasánidas, o arte e a cultura persas chegaron a un nivel destacado e a súa forza militar foi capaz de desafiar á puxante Roma. O reino dos sasánidas caracterizouse por unha forte centralización do poder, un urbanismo ambicioso e unha agricultura de técnicas avanzadas.

Copa de Salomón sasánida, orixinaria de Asia Central

Xa nos séculos III e IV, os sasánidas tentaron conquistar Transoxiana, pero a súa progresiva expansión provocou a sublevación dos nómades kushan que refusaron ceder os seus territorios e que se enfrontaron en numerosos combates cos sasánidas. Un pouco máis tarde, a finais do século IV, foron os hunos, os chionitas (hunos vermellos) e os quidaritas os que derrotaron ós sasánidas, conseguindo manter as súas posicións en Transoxiana. Chegaron incluso ata Irán.

No ano 427, o rei sasánida Bahram V rematou finalmente coas tropas nómades dos hunos brancos chegados dende China ata Asia Central, restaurando a dominación persa. O seu fillo Iazdegerd II consolidou esta presenza no 442 ó eliminar ó sucesor do imperio kushan, o reino Quidarita, vencellado ós hunos, noutros tempos aliados dos persas.

A dinastía dos sasánidas controlou durante máis de catro séculos un territorio inmenso que incluía a Transoxiana, desenvolveu un arte condal suntuoso, emprendeu grandes obras de enxeñaría civil e, aproveitándose da súa posición na Ruta da Seda, saíu vitorioso das guerras iniciadas na fronte leste, contra os hunos e os turcos, e no oeste, contra o Imperio Romano.

Os hunos brancos[editar | editar a fonte]

O emperador sasánida Iazdegerd II enfrontouse ós ataques das tribos nómades dos hunos brancos (heftalitas) dende o 442. O seu propio fillo Peroz pediu ós heftalitas que lle entregaran as súas tropas para poder tomar posesión de Persia. Aparentemente, co fin de poder reinar sobre os sogdianos, os heftalitas tiñan que adoptar o seu idioma. Máis tarde comezaron a sedentarizarse. Considérase que os hunos brancos son os primeiros devanceiros do actual pobo usbeco.

Grazas á axuda obtida dos heftalitas, Peroz I converteuse en emperador de Persia en 459-484. Como mostra de agradecemento, entregoulles o distrito de Taliqan, ó sueste do actual Turcmenistán. Porén, non pasou moito tempo ata que entraron en conflito.

Os heftalitas eran guerreiros feroces e tan só a mención do seu nome aterrorizaba a todo o mundo. Os soldados persas enviados ó seu encontro semellaban condenados a morte que dirixíanse cara ó cadafalso.

Peroz I finou en 484 durante unha batalla contra os heftalitas. A súa morte provocou conflitos internos entre os sasánidas, forzándolles a ceder territorio do actual Usbequistán así como a pagar un tributo ós heftalitas.

A conquista da conca do Tarim aliou ós heftalitas cos Rouran. Tras asestar un golpe definitivo ós rouran no 552, os köktürks buscaron alianzas cos persas para loitar contra os heftalitas. Entre o 560 e o 563, estes últimos enfrontáronse nunha grande batalla que durou días. Como consecuencia deste enfrontamento, dividíronse en principados que pagaban tributos: uns aos persas, os outros aos turcos.

Os köktürks do oeste[editar | editar a fonte]

O Imperio Köktürk

Os turcos crearan o seu imperio no 552. No 576, Mugan, fillo do xan Bumin, sucedeu ó seu pai, confiando a zona occidental do Imperio Köktürk ó seu tío Istämi. Este último aliouse cos sasánidas persas para combater ós hunos brancos. Tras eliminalos preto do 563, os dous aliados repartíronse o territorio do actual Usbequistán, incluída a zona dos sogdianos, que non tardaron en rebelarse.

Tardu, xan dos köktürk, sucesor do seu pai Istämi, veuse influído polos chineses que querían rematar co imperio turco. A súa política favoreceu unha ruptura definitiva do Imperio Köktürk en dous estados: o dos turcos orientais en Mongolia, dirixidos por Nivar; e o dos turcos occidentais da cordilleira de Tian Shan, en Usbequistán e Casaquistán, comandados por Tardu.

A derrota de Tardu ante o seu ambicioso sobriño Apa Qaghan trouxo o caos até o territorio dos turcos occidentais, até que non atoparon un novo líder na figura de Shigui, herdeiro do seu irmán Tong. Este último foi un soberano poderoso que estendeu os seus dominios até o actual Afganistán e o norte da India. Algúns meses máis tarde, algunhas tribos vasalas, como os qarluq, rebeláronse e Tong foi asasinado. Os turcos occidentais perderon novamente a súa unión. Nos anos 640, os chineses expulsáronlles dos ricos oasis da conca do Tarim, situados ó sur do seu territorio. No 651, os turcos occidentais quedaron baixo a autoridade dun xan chinés, Helu. Tras obter o apoio dos uigures, os chineses iniciaron unha ofensiva contra Helu ó que venceron no 657. Practicamente toda Asia Central quedou en mans dos chineses.

Durante o dominio turco, sobre todo pola súa necesidade de armamento e bixutería, o pobo do actual Usbequistán desenvolveu de xeito destacado a artesanía do metal (ouro, prata, chumbo, cobre, etc.) así como a escritura. O desenvolvemento do comercio na ruta da seda entre China e Europa influíu de xeito destacado na produción local de algodón e seda.

O famoso peregrino chinés Xuanzang pasou preto do 631 por Tashkent e Samarcanda durante o seu viaxe cara a India en busca de manuscritos sagrados budistas.

Os árabes[editar | editar a fonte]

Tras unha primeira tentativa de invadir e islamizar Samarcanda e Fergana no 706, os árabes, coas tropas do xeneral Qutaibah bin Muslim, conquistaron os territorios dos actuais Usbequistán e Quirguistán cara ó ano 706. Entraron en contacto cos chineses durante o reinado do primeiro abasí, As-Saffah, na vitoria de Talas. Implantaron pola forza o Islam entre os pobos de Asia Central, até entón practicantes do zoroastrismo.

Os sogdianos que aceptaban converterse ó Islam quedaban exentos do pago de impostos. Ante o grande número de conversións e a consecuente redución da recadación fiscal, os árabes decretaron que os novos conversos debían circuncidarse e amosar un amplo coñecemento do Corán. Esta nova medida provocou unha rebelión.

No 720 e o 721, os sogdianos destruíron a gornición árabe en Samarcanda coa axuda dos turcos. Nomeouse entón a un novo gobernador en Xorasán, Said ibn Amr al-Harashi. Os rebeldes sogdianos escolleron esta vez unha estratexia de retirada. Baixo a dirección de Divashtich, rei da cidade oriental de Panjikand, un grupo refuxiouse na fortaleza de Abargar, sobre o monte Mug. Aquí, na beira dereita do río Zeravshan, os arqueólogos teñen achado numerosos documentos que aportan datos moi valiosos sobre a sociedade sogdiá. Os árabes asediaron a fortaleza no 722, pero houberon de retirarse.

No 728, o gobernador de Xorasán, Ashras ibn Abdallah al-Sulami, ofreceu unha exención de impostos para os novos conversos que produciu exactamente o mesmo efecto que producira a primeira destas propostas: coa axuda dos turcos, Buxara converteuse no centro da revolta sogdiá. Tras duros combates, foron sometidos no verán de 729. Samarcanda, controlada polo rei Ghurak, non se sublevara. Malia a represión exercida polos árabes, a resistencia dos sogdiáns non cedeu. Foi especialmente activa entre o 733 e o 734. O gobernador Nasr ibn Sayyar (738-748) decidiu ordenar unha nova política, máis conciliadora coas elites locais.

Harun Al-Rashid recibindo a unha delegación occidental

O control árabe de Asia Central consolidouse logo da Batalla del Talas contra os chineses no 751. Esta vitoria, que marcou tamén un avance máis cara ó leste dos exércitos árabes, foi tamén a ocasión ideal para adquirir algunhas técnicas chinesas, como a da fabricación de papel. Moi pronto déronse conta da importancia deste novo soporte de escritura para a difusión do Islam, e Samarcanda converteuse no primeiro centro de produción de papel do mundo musulmán. Ademais, melloraron as técnicas de fabricación incorporando tela na preparación. Harun Al-Rashid impuxo o emprego do papel en tódalas administracións do imperio. O papel chegou entón a todo o mundo islámico e a Occidente grazas ás conquistas árabes en Asia Central. Aparece en Bagdad no 793, n'O Cairo no 900, en Xátiva no 1056 e en Francia nos inicios do século XIV.

Os pobos de Usbequistán organizaron numerosas revoltas contra os árabes, as máis importantes tiveron lugar entre o 720 e o 722 en Sogdiana e en Xorasán. Finalmente, en 747-750, baixo a dirección de Qutaibah bin Muslim, as revoltas contribuíron á caída dos omeias e á chegada dos abasíes. Outras revoltas tiveron lugar entre o 801 e o 802 así como no 806 en toda Transoxiana ou Ma wara'un-Nahr, nome que lle deron os árabes a este territorio.

A anexión de Transoxiana aos califatos árabes contribuíu ó medre das cidades como Samarcanda, Tashkent, Termez e Buxara, ó desenvolvemento do artesanado, do comercio (sobre todo o extrafronteirizo das caravanas) así como as técnicas de irrigación. Entre o 750 e o 850, período do califato abasí, a ciencia coñecida como "árabe-musulmá" acadou o seu máximo esplendor. Os soberanos pagaban prezos exorbitados por calquera libro traducido e, por iso, dende o século IX, case tódolos libros escritos en Grecia estaban dispoñibeis tamén en lingua árabe. O filósofo Al-Farabi, nado en Transoxiana, tivo un lugar destacado nesta dinámica.

O grande matemático Muhammad ibn Musa al-Jwarizmi, inventor dos principios do álxebra, naceu cara ó 783 en Xiva. O grande astrónomo Al-Farghani era nativo de Fergana.

Os samánidas persas[editar | editar a fonte]

Os samánidas foron a primeira dinastía persa que retomou o poder en Usbequistán trala conquista árabe.

No 819, o califa Mamun recompensara ós catro netos do persa Saman-Joda ((Nuh, Ahmad, Yahya e Elyas) polos seus bos e leais servizos atribuíndolles a cada un unha provincia. Ismail I, fillo de Ahmad, tomou rapidamente o control de Transoxiana e de Xorasán e instalouse como gobernador semi independente, situando a capitalidade en Buxara. O val do Zeravshan, a rexión de Chach (Tashkent) e as cidades de Samarcanda e Termez estiveron tamén no centro do desenvolvemento do imperio samánida, do seu artesanado e do seu próspero comercio (cristal, papel, coiro, tecidos, seda, etc.).

No ano 900, Amr, primeiro rei dos safáridas, tentou de invadir a provincia. No 1005, os samánidas aínda conservaban a maioría dos seus territorios.

Para poder afianzarse de cara ós seus veciños do sur (os tahiridas, os gaznavidas e os guridas) cos que se disputaba o poder no século X, os samánidas non empregaron unicamente a forza militar senón tamén as artes. Desenvolveron o urbanismo e a arquitectura funeraria, crearon pezas de cerámica moi distintas con decoracións calidoscópicas, decoracións xaspeadas, etc.

O grande médico e filósofo Avicena, naceu preto de Buxara no 980 mentres que o enciclopedista Al-Biruni naceu no 973 nun suburbio de Kath, preto da cidade usbeca de Urganch.

O xanato dos Caraxanida, os Selúcidas e o imperio de Jwarizm[editar | editar a fonte]

Territorio do xanato de Caraxanida

A dinastía turca do xanato dos Caraxanidas, considerados como os ancestros dos usbecos, reinou sobre o actual Usbequistán dende finais do século XI até 1212. No 920, os Caraxanidas dirixidos por Satuq Bughra Qara-Khan 'Abd al-Karim convertéronse de xeito colectivo ó Islam. Baixo o reinado de Harun I, tomaron Buxara e Samarcanda. Máis tarde, os Caraxanidas conseguiron conquistar toda Transoxiana, derrotando de xeito definitivo ós samánidas no 999.

Trala derrota dos Qarajanidas ante os seléucidas (1040), o reino quedou dividido en dous: o reino occidental, con capital en Buxara, (desprazada no 1042 até Samarcanda); e o reino oriental con centro en Kashgar. En 1089, os selúcidas invadiron o reino occidental, gobernado por Ahmad I, ocupando Buxara e Samarcanda. Malia quedar sometidos, os Caraxanidas de Transoxiana seguiron a desenvolver unha intensa actividade no campo da arquitectura. Así, baixo o reinado de Mohamed II (1120-1130) levantaron en Buxara o minarete de Po-i-Kalân (Kalyan). Un pouco máis tarde, de 1124 a 1218, o val de Fergana quedou novamente en posesión dos chineses protomongois. O monarca Ala ad-Din Tekish (1172-1200) conquistou Persia en 1194, destituíndo ó derradeiro dos sultáns turcos da dinastía dos selúcidas, Tuğrul ibn Arslan, que reinaba nunha parte de Transoxiana. Pero foi Ala ad-Din Muhammad do imperio de Jwarizm quen destruíu de xeito definitivo o xanato dos Caraxanidas en 1212.

O imperio dos Jwarizm

O rápido ascenso dos Jwarizm permitiu que se estableceran alianzas entre esta dinastía cos kipchak e os oghuz. Pero as campañas contra estes últimos tiveron devastadoras consecuencias para a agricultura en Asia Central xa que, ademais das destrucións propias da guerra, moitos dos campos de labranza foron transformados en zona de pasto polas tropas nómades dos kipchaks.

O reino dos Jwarizm foi de curta duración. No 1219, o gobernador de Otrar, xunto ó Sir Daria, fixo asasinar a unha caravana de mercaderes-espía enviados por Genghis Khan; os embaixadores enviados para pedir explicacións correron a mesma sorte. Isto trouxo como consecuencia unha terrible represión.

En 1220, os mongoles conquistaron Usbequistán e as principais cidades, como Samarcanda ou Buxara, sufriron graves destrozos.

Os mongoles e os turco-mongoles[editar | editar a fonte]

Genghis Khan, Chagataie os barlas[editar | editar a fonte]

O khan supremo Ugedei

A toma de Samarcanda fíxose dentro das grandes conquistas do emperador mongol Genghis Khan (1220) que derrotou ós Jwarizm. Genghis Khan legou o seu imperio ós seus catro fillos, baixo a autoridade do segundo, o xan supremo Ugedei. O actual Usbequistán quedou en mans do seu segundo fillo, Chagatai .

O xanato de Chagatai foi fundado no 1219, abarcando os territorios actuais de Usbequistán, Quirguistán, Turcmenistán, Taxiquistán, o sur de Casaquistán, o oeste da provincia chinesa de Xinjiang e o norte de Afganistán. Existiu entre o 1229 e o 1571 como un reino autónomo no seo do imperio mongol.

Na primeira metade do século XIV, o imperio de Chagatai dividiuse en dous: unha Mongolia oriental de tipo nómade e Ma wara'un-Nahr, un xanato occidental, en Transoxania, maioritariamente sedentario. O reino de Chagatai durou até o 1347 cando o xefe da tribo dos Karnau, Kazaghan, asasinou ó derradeiro xan dos Chagatai e proclamouse emir.

Este emir e despois o seu fillo Abdalá reinaron sobre o actual Usbequistán desde o inicio dos anos 1360 pero, tralo asasinato de Abdalá, o país veuse sumido no caos. Os nómades de Mongolia oriental, mellor formados militarmente, aproveitaron a situación e organizaron numerosos ataques que debilitaron o poder en Ma wara'un-Nahr. Foi entón cando unha tribo turco-mongol, os barlas, chamados de xeito pexorativo "os asnos", comezaron a cobrar importancia na rexión. Pouco despois Tamerlán tomou o control, primeiro dos barlas e máis tarde das tribos da zona.

Tamerlán e os seus sucesores[editar | editar a fonte]

O imperio de Tamerlán

Tamerlán (1336-1405), naceu en Shahr-e Sabz, preto de Samarcanda. Era membro da tribo dos barlas e foi un grande xefe militar e un erudito no arte e nas letras. Era parente afastado de Genghis Khan. Comandante desapiadado e orgulloso e cunha minusvalía nas pernas, ó fin dos seus días pedíalles ós seus homes que lle levaran a ombros ó combate para poder seguir loitando.

No 1369 foi elixido grande emir de Samarcanda, cidade na que instalou a súa capital, resucitándoa despois de que os mongoles de Genghis Khan a devastaran en 1220. Levou até a cidade a numerosos talentos (artistas, artesáns, sabios e doutos) que capturara durante as súas campañas.

O seu imperio, que incluía a maior parte dos países actuais de Asia Central, durou tan só un século e caeu en 1507 en mans dos usbecos da dinastía dos Chaibanidas. Malia a súa curta duración, o imperio realizou grandes obras culturais, artísticas e científicas, sobre todo en Samarcanda e en Herāt; por iso, ó século XV coñéceselle como o do "renacemento de Tamerlán".

Observatorio construído por Ulugh Ber en Samarcanda

O rexente Ulugh Beg fixo construír en Samarcanda unha madraza, inaugurada en 1420, na que probablemente el mesmo impartiu clases, así como un observatorio (1429 no que traballou xunto a 70 matemáticos e astrónomos, como Ghiyath al-Din Jamshid Mas'ud al-Kashi. Trala morte do fillo de Tamerlán, Shah Ruj, en 1447, accedeu ó trono pero pronto entrou en conflito co seu fillo maior, Abd ul-Latif, quen mandou asasinalo en 1449, subindo ó trono pouco antes de suicidarse en 1450.

A madraza de Ulugh Beg seguiu a funcionar até o século XVII. Pero a vida cultural concentrouse en Herāt durante a segunda metade do século XV, onde viviu e traballou o célebre poeta e filósofo usbeco Mir Ali Shir Nava'i, fundador da lingua usbeca moderna.

Os primeiros usbecos[editar | editar a fonte]

Os Shaibánidas, dinastía musulmá mongol descendente de Shaiban, fillo de Jchi, estaban constituídos en orixe por 15.000 familias, e fóronse multiplicando con posterioridade até acadar un número que imposibilitaba manter a unidade do grupo. O poderoso xan Abu l-Jayr conseguiu reunir en 1429 ás tribos nómades dos shaibánidas que vivían entre o río Tobol, os montes Urais e o Sir Daria baixo o nome de Ulus Uzbek. Aparece por primeira vez na historia o termo "usbeco", sen significado étnico, derivado do nome de Özbeg Jan, príncipe mongol do século XIII que implantou o Islam no seo da Horda de Ouro.

Abū l-Jayr, ó conquistar Jwarizm en 1447, tentou crear un estado usbeco sólido, pero foi asasinado en 1468 por pobos que habitaban no actual Casaquistán. O seu sobriño, o príncipe Muhammad Shaybani refundou, xunto ao seu irmán Mahmud, o xanato de Usbequistán; máis tarde, coa axuda de mercenarios de Astraxán, conquistou as cidades de Buxara e Samarcanda. Morreu nun combate contra os persas en 1510.

Outros sultáns chaibánidas, Ilbars e Bilbars, tomaron posesión de Xiva en 1511. Porén, o xanato non asegurou o seu territorio até 1512, logo de vencer ós mongoles de Babur, pero sen poder consolidar un estado único e forte. Cara ó 1512, o xanato usbeco foi gobernado por catro xans que reinaron de xeitos moi diferentes.

O xanato usbeco tentou tamén sacar partido do tráfico de caravanas que atravesaban a rexión pero, a longo prazo, o comercio internacional quedou suspendido. Ademais, baixo o reinado de Abdallâh II de Buxara, o xanato coñeceu un freo intelectual debido ó aumento da influencia relixiosa no estado.

A dinastía dos shaibánidas chegou ó seu fin en 1598 co asasinato de 'Abd al-Mu'min. Durante a segunda metade do século XVII, o xanato de Buxara coñeceu un cambio dinástico e foi gobernado por unha liña orixinaria de Astraxán, os xánidas, descendentes de Iochi. Unha grande parte das tribos usbecas descendentes de Abū-l-Jayr reuníronse no norte, especialmente no val do río Chu, dando orixe á etnia dos casacos.

O reinado de Babur en Fergana[editar | editar a fonte]

Retrato de Babur nunha miniatura

Berce do zoroastrismo, Fergana desempeñou na Idade Media un papel destacado na historia do potente imperio mongol de Asia do sur e de India do que Babur foi fundador.

Trala morte de Omar Sheik Mirza, rei de Fergana en 1498, o seu fillo Babur (1483-1530), malia ser aínda menor de idade, converteuse no xefe que controlaba a parte oriental do actual Usbequistán. Descendente de Tamerlán por parte paterna e de Genghis Khan pola materna e co trono asegurado, Babur obsesionouse en estender o seu territorio.

Así, en 1497 tentou tomar Samarcanda sobre a que consideraba posuír un dereito lexítimo herdado. Pero unha rebelión dirixida polos nobres obrigou ás tropas mongoles a retirarse. Tentouno novamente pero foi derrotado en 1501 polo seu principal inimigo, Muhammad Shaybani, poderoso khan dos usbecos. Durante tres anos tentou sen éxito recuperar as súas posesións perdidas. En 1504, reagrupando algunhas das tropas máis fieis, Babur atravesou o Hindu Kush, tomando a fortaleza de Kabul co que conseguiu estar á testa dun reino poderoso.

En 1510 e logo da morte de Shaybani, Babur reclamou as súas posesións orixinais, recibindo axuda de Ismail I. Coas novas forzas, conseguiu en 1511 realizar unha entrada triunfal en Samarcanda. Pero en 1514 foi de novo derrotado polos xans usbecos e tivo que volver a Kabul.

Os tres xanatos xurdidos trala desaparición do xanato de Chagatái[editar | editar a fonte]

  • Xanato de Xiva

O xanato de Xiva foi o máis antigo dos tres xanatos usbecos; existiu entre 1512-1920 ó sur do mar de Aral. A súa capital estaba situada nun principio en Urganch, pero tivo que ser trasladada a Xiva, unha pequena fortaleza, logo dun cambio inesperado no curso do río Amu Daria en 1598. Durante algúns séculos, Xiva converteuse nun dos centros do mundo islámico, antes de converterse en parte integrante do imperio ruso en 1873.

  • Emirato de Bucara
Mohammed Alim Khan (1880-1944), derradeiro emir de Bucara

O emirato de Bucara (1599-1920) foi un estado centroasiático con capital en Bucara que incluía a cidade de Samarcanda.

A dinastía dos xánidas reinou neste emirato dende 1599 a 1785 tras ter derrocado ós descendentes de Iochi, a dinastía usbeca dos chaibánidas. No século XVII, os membros da dinastía construíron dúas das tres madrazas da praza Rexistan en Samarcanda.

O xanato de Buxara renomeouse como "emirato" en 1785 trala conquista de Nadir Shah. En 1868, o emirato de Bucara converteuse nun protectorado de Rusia. Pouco despois da Revolución de Outubro, trala toma de Bucara polas tropas do Exército Vermello (2 de setembro de 1920, perdeu definitivamente a súa independencia para formar a República Popular Soviética de Bucara, antes de integrarse en 1924 na República Socialista Soviética de Usbequistán e na República Socialista Soviética de Taxiquistán.

  • Xanato de Cocanda

O Xanato de Cocanda, que tivo as súas orixes na cidade de Fergana, foi un estado que existiu entre 1709 e 1876 nos territorios dos actuais Usbequistán, Taxiquistán e Quirguistán. As grandes hordas nómades de quirguises e casacos convertéronse pronto nos seus vasalos.

A comezos do século XIX, Cocanda anexionouse a cidade de Tashkent. Baixo a ameaza dun ataque por parte do xanato de Buxara que se preparaba a anexionarse Tashkent, o xeneral ruso Mikhail Cherniaiev aproveitou a ocasión para realizar unha ofensiva sobre o xanato de Cocanda. Despois de encarnizados combates, en 1876 Cocanda foi anexionado por Rusia, abrindo así camiño aos rusos ata o resto de Asia Central.

Baixo a Rusia Imperial[editar | editar a fonte]

Os rusos chegaron á rexión a finais do século XIX, tras unha fulgurante vitoria do xeneral Mikhail Cherniaiev en Chimkent (actual Casaquistán) en 1884. Someteron ás tribos nómades casacas, así como ós xanatos de Buxara e de Xiva; seguidamente, someteron o actual Usbequistán, incluída Tashkent (1865). Os territorios conquistados reagrupáronse nun conxunto administrativo chamado Gobernación xeral do Turquestán. En 1867, Tashkent converteuse na capital do Turquestán.

As autoridades tsaristas favoreceron o cultivo do algodón no Turquestán no canto dos cultivos extensivos tradicionais. A produción e distribución estaba controlada polos rusos, o que ocasionou conflitos entre a poboación local e os colonos. No terreo lingüístico, Rusia adoptou diversas medidas para favorecer a propagación do ruso nos territorios conquistados de Asia Central.

Tropas rusas asaltado a cidade de Xiva

En marzo de 1876, o xanato de Kokand caeu en mans rusas, tras diversos combates encarnizados protagonizados polas tropas dirixidas polos xenerais Konstantin Petrovich Von Kaufmann e Mikhail Skobelev. Os xanatos de Buxara e de Xiva, convertidos en protectorados rusos en 1868, perderon por completo a súa soberanía en 1920 cando quedaron integrados no Turquestán ruso.

En 1916, os usbecos rebeláronse contra as autoridades rusas pero a rebelión foi reprimida de xeito severo polo tsar.

Estas anexións rusas permitiron a instauración de novas relacións socioculturais, o intercambio comercial entre os negociantes rusos e os mercaderes usbecos, así como un desenvolvemento da educación, a industria e os ferrocarrís, o que levou a un desenvolvemento socioeconómico da rexión.

A época soviética[editar | editar a fonte]

En 1924, as fronteiras políticas en Asia central foron trocadas por outras fronteiras étnicas, determinadas polo Comisario de Lenin para as Nacionalidades, Iósif Stalin. A República Socialista Soviética Autónoma do Turquestán, a República Popular de Buxara, e a República Popular de Corasmia foron abolidas e os seus territorios foron divididos en cinco repúblicas soviéticas separadas, unha delas a República Socialista Soviética Usbeca, creada o 27 de outubro de 1924. Ao ano seguinte, converteuse nunha das repúblicas da Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas (URSS).

Bandeira da RSS de Usbequistán

A RSS Usbeca incluíu á República Socialista Soviética Autónoma de Taxiquistán até 1929, cando esta foi elevada ao mesmo status legal. En 1930, a capital da república trasladouse de Samarkanda a Tashkent. En 1936, a RSS de Usbequistán foi ampliada coa adición da RSSA de Karakalpak, antes parte da RSS de Casaquistán, nas últimas etapas da delimitación nacional na Unión Soviética. Máis anacos d terreo foron transferidos varias veces entre a RSS de Casaquistán e a RSS de Usbequistán logo da segunda guerra mundial.

En 1928, a colectivización de terras en granxas estatais foi iniciada, o cal durou até finais dos anos trinta.

Entre 1937 e 38, durante a "Grande Purga", certo número de persoas foron executadas acusadas de nacionalistas, entre eles Faizullah Khojaev, o primeiro Primeiro Ministro.

Durante a Segunda Guerra Mundial, moitas industrias foron trasladadas á RSS Usbeca dende outras posicións xeográficas máis vulnerábeis nas rexións occidentais da URSS. Un grande número de rusos, ucraínos e xente doutras nacionalidades acompañaron ás factorías, alterando a demografía da república. A situación demográfica empeorou coa recolocación de Iosif Stalin dalgúns grupos étnicos sospeitosos de teren colaborado coas potencias do Eixo, entre eles moitos coreáns, tátaros de Crimea e chechenos.

Durante o período soviético, o Islam converteuse nun foco de atención para as políticas antirrelixiosas das autoridades comunistas. O goberno pechou moitas mesquitas, e as escolas relixiosas convertéronse en museos antirrelixiosos. O lado positivo foi a práctica eliminación do analfabetismo, incluso nas áreas rurais. Tan só unha pequena porcentaxe da poboación estaba alfabetizada antes de 1917; esa porcentaxe medrou até preto do 100 por cento no réxime soviético.

O Partido Comunista foi o único partido legal na república até 1990. Durante moito tempo o líder da república foi Sharof Rashidov, xefe do Partido Comunista de Usbequistán dende 1959 a 1983. Islom Karimov, líder do partido dende 1989 e, polo tanto, líder do partido que o sucedeu, o ‘’’Partido Popular Democrático, converteuse en presidente da república en 1990.

O 1 de setembro de 1991, a RSS de Usbequistán foi renomeada como República de Usbequistán, formalmente permanecendo como parte da Unión Soviética até o 26 de decembro de 1991. Co colapso final da URSS , a RSS de Usbequistán converteuse no estado independente de Usbequistán. Karimov ten sido o seu presidente dende entón.

Trala independencia[editar | editar a fonte]

O 21 de decembro de 1991, un Usbquistán independente converteuse en membro da Comunidade de Estados Independentes, integrada por 12 das 15 antigas repúblicas da URSS. O 2 de marzo de 1991, Usbequistán entrou na ONU e converteuse en membro da UNESCO. O 27 de xaneiro de 2006 integrouse na Comunidade Económica Euroasiática.

Presidencia de Karimov[editar | editar a fonte]

Islom Karimov

Logo da súa independencia, Usbequistán constituíuse baixo un réxime presidencial que raiaba o autoritarismo. O país está dirixido dende 1989 por Islom Karimov, antigo dirixente do Partido Comunista da República e fundador do Partido Popular Democrático de Usbequistán. Baixo o réxime de Karimov, tódolos partidos da oposición, incluso os moderados, foron prohibidos e as correntes disidentes, sobre todo as de carácter islámico, reprimidas. Os medios de comunicación e tódolos aspectos da vida social, política e económica, así como a propia cultura atópanse baixo unha estreita tutela e censura por parte do aparato do Estado.

As eleccións lexislativas do 26 de decembro de 2004 permitiron ó presidente prolongar o seu mandato, aínda que as eleccións foron criticadas polos vinte observadores da OSCE[1], da que é membro Usbequistán.

Reformas económicas moderadas[editar | editar a fonte]

Dende a independencia, o presidente Karimov realizou unha estratexia de reformas económicas graduais destinadas, especialmente, a acadar a autosuficiencia enerxética e alimenticia do país e a atraer as inversións estranxeiras. A un certo nivel, a política ten surtido efecto (algunhas empresas locais teñen asinado contratos de Joint venture con socios estranxeiros, como a que asinouse coa empresa coreana Daewoo). Porén, o medre económico está supeditado ás flutuacións regulares das materias primas das que depende o país. Tributario dos ingresos por exportacións, que representan un 40% do PIB do país, o desenvolvemento económico usbeco veuse freado como consecuencia das malas colleitas de algodón, do que Usbequistán é o 4º produtor mundial.

Ademais, sen unha estratexia real de reformas, as autoridades do país teñen multiplicado os seus erros como, por exemplo, no ámbito do cambio de moeda, ó rexeitar a convertibilidade da moeda nacional en 2003, o que provocou friccións co FMI. Tamén realizáronse accións restritivas e dirixistas cara ás pequenas e medianas empresas, o que implicou un estancamento de moitos asuntos. Só o pequeno comercio rueiro e as empresas poden realizar operacións de importación, o que lles ten permitido prosperar, mentres que o tecido económico xeral segue a estar, de xeito oficial ou de facto, baixo unha forte influencia estatal.

De feito, o goberno retardou a liberalización da economía e as privatizacións por medo ás súas consecuencias na sociedade xa moi deteriorada (un 27% da poboación vive por debaixo do limiar da pobreza e os ingresos medios van á baixa dende 1997) e para preserva-los intereses dos actores económicos máis influentes, próximos ás elites do poder. A ofensiva, a partir de 2004, contra a economía somerxida ten provocado numerosas protestas sociais.

Terrorismo islámico[editar | editar a fonte]

A represión das autoridades usbecas de todo o relacionado co Islam provocou que algunhas correntes extremistas levaran a cabo atentados con bombas. O 16 de febreiro de 1999, a capital, Tashkent, sufriu seis explosións, unha fronte ó Parlamento que explosionou pouco antes da chegada do presidente Karimov. As bombas causaron 16 mortos e 130 feridos e provocaron serios danos en edificios gobernamentais así como na sé social do Banco Nacional de Usbequistán. As autoridades cren que se tratou dun atentado contra o presidente realizado polas forzas islamitas. En 2004 atribuíronse dous actos terroristas ocorridos tamén na capital ó movemento islamita Hizb ut-Tahrir: a finais de marzo, unha explosión destinada a causar danos entre as forzas do orde produciuse no bazar de Chorsu; a finais de xullo producíronse dous atentados suicidas de xeito simultaneo, un contra a embaixada dos Estados Unidos e outro contra a de Israel. A partir de entón, a policía (militsia) é omnipresente: os controles tense reforzado nos lugares máis populares e nas saídas da cidade. O clima político volveu á normalidade e as eleccións lexislativas (o 26 de decembro de 2004 e o 9 de xaneiro de 2005) desenvolvéronse sen incidentes.

Represión en Andixán[editar | editar a fonte]

O venres 13 de maio de 2005, un numeroso grupo de homes asaltou a prisión de Andixán para liberar a un centenar de persoas, entre eles 23 homes de negocios, acusados de terrorismo islamita. Asaltaron tamén a alcaldía onde estableceron unha tribuna na que numerosos habitantes falaron, criticando ó goberno e ós servizos de seguridade pola presión exercida. Para reprimir a insurrección, as autoridades enviaron ó exército que disparou sobre unha manifestación pacífica. As autoridades negaron esta versión alegando que tratábase dun intento de desestabilización.

Diversas ONG, como o Comité Internacional da Cruz Vermella, falan de que producíronse entre 500 e 1.000 mortos mentres que o goberno usbeco recoñece 187 falecidos. As organizacións en defensa da liberdade de prensa e dos dereitos humanos alertaron sobre estes feitos e pediron á comunidade internacional que actuara.

O 14 de novembro, dictouse o veredicto dos quince acusados con penas que oscilaron entre os 14 e os 20 anos. Numerosos observadores de ONG, como a Human Rights Watch, reiteraron as acusacións de tortura. Despois do veredicto, a UE vetou a entrada en territorio da Unión a algúns altos cargos usbecos, como os ministros de Interior e de Defensa, que foron acusados de forma directa da represión de Andixán[2].

A UE prohibiu a entrada no seu territorio a doce altos funcionarios (entre os que non está o presidente Karimov) e declarou un embargo sobre a venda de armas a Usbequistán[3]

Relacións cos Estados Unidos e Rusia[editar | editar a fonte]

Pouco despois dos atentados do 11 de setembro de 2001, o presidente Karimov aceptou axudar aos Estados Unidos na súa "guerra contra o terrorismo" e decidiu que o seu país serviría como base de operacións durante a Guerra de 2001 en Afganistán. As instalacións militares usbecos, como a base aérea K2 en Xanabad foron empregadas pola coalición. Grazas a esta axuda, as autoridades usbecas contaron coa cooperación económica e militar estratéxica dos Estados Unidos para axudar a Tashkent a solucionar os seus problemas económicos e políticos.

Porén, a finais de 2002, Usbequistán comezou a preocuparse pola súa excesiva dependencia en diferentes temas, consecuencia da implantación das bases americanas en chan usbeco.

Inmediatamente logo da tentativa de insurrección de Andixán, os Estados occidentais e diversas organizacións de defensa dos dereitos humanos declararon unha guerra mediática contra Usbequistán, pedindo que se reforzara a presión económica e política sobre o réxime gobernante.

Produciuse unha degradación das relacións así como a repatriación de máis de 450 refuxiados usbecos nas bases americanas realizada pola ONU. O 30 de xullo de 2005, Tashkent reaccionou ordenando o peche das bases estadounidenses despregadas por todo o territorio e realizou unha reorientación da súa política exterior, inclinándose cara a Rusia, que non criticara a represión realizada en Andixán; uniuse á Comunidade Económica Euroasiática, organización auspiciada por Moscova. Usbequistán expresou tamén á súa intención de integrarse na Organización do Acordo sobre a Seguridade Colectiva, outro organismo pro-ruso.

Relacións cos seus veciños de Asia Central[editar | editar a fonte]

As relacións cos veciños centroasiáticos seguen a ser tensas debido ás contendas históricas, económicas e políticas (como o problema dos límites fronteirizos, sobre todo no val de Fergana). O reencontro, en novembro de 2004, entre o presidente Karimov e os seu homónimo turcomán permitiu reanudar un diálogo que estaba en punto morto desde 2002. Tashkent aspira, como o seu veciño Casaquistán, ó liderado rexional, o que lle ten levado a manter a miúdo relacións tensas cos seus veciños taxicos e quirguises. Usbequistán, que sempre ten favorecido as relacións de proximidade cos usbecos instalados en Afganistán, trocou a súa estratexia, achegándose máis cara a Teherán para a realización de proxectos que permitan crebar o illamento viario do país.

Por outra parte, Tashkent participou na Organización de Cooperación de Shanghai, organización de cooperación en materia de seguridade (coordinación da loita antiterrorista e control de fronteiras), que reúne aos países de Asia Central (coa excepción de Turcmenistán), así como a Rusia e a China. En xaneiro de 2004 inaugurouse en Tashkent o centro rexional de loita antiterrorista.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. O informe completo emitido polos observadores está dispoñible (en inglés) nesta dirección [1]
  2. Comunicado da Unión Europea sobre o xuízo de Andixán [2]
  3. Medidas adoptadas pola UE contra Usbequistán [3]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

En ruso[editar | editar a fonte]

En francés[editar | editar a fonte]

  • C. E. Bosworth; Les dynasties musulmanes, trad. Y. Thoraval, Actes sud, coll. Sinbad, 1996, ISBN 2-7427-0713-1
  • Jean-Paul Roux; L'Asie centrale. Histoire et civilisations, Fayard, 1997, ISBN 2-213-59894-0
  • Johannes Kalter and Margareta Pavaloi; Uzbekistan. Heirs to the Silk Road , Thames and Hudson, 1997, ISBN 0-500-97451-9
  • Françoise Spiekermeier; Asie centrale : Kirghizstan, Ouzbékistan, Arthaud, 2001, ISBN 2-7003-2862-0
  • Calum MacLeod et Bradley Mayhew; Ouzbékistan : Samarcande, Boukhara, Khiva, Olizane, Genève, 2002, ISBN 2-88086-276-0
  • Catherine Poujol; Ouzbékistan : la croisée des chemins, Belin / La Documentation française, 2005, ISBN 2-7011-3776-4
  • Jean Sellier et André Sellier; Atlas des peuples d'Orient. Moyen-Orient, Caucase, Asie centrale, La Découverte, 1993, ISBN 2-7071-2222-X
  • Vincent Fourniau; Histoire de l'Asie centrale, Presses universitaires de France, Paris, 1992, ISBN 2-13-046012-7
  • Jacques Anquetil; Routes de la soie : des déserts de l'Asie aux rives du monde occidental, vingt-deux siècles d'histoire, J.-C. Lattès, 1992, ISBN 2-7096-1112-0
  • Emmanuel Choisnel; Les Parthes et la route de la soie, L'Harmattan / IFEAC, 2004, ISBN 2-7475-7037-1
  • Bradley Mayhew, Paul Clammer, Michael Kohn; Asie centrale, la route de la soie, Lonely Planet, 2004, ISBN 2-84070-430-7
  • Sergio Cozzi, Didier Labouche; Ouzbékistan, au cœur des routes de la soie, Géorama, 2001, ISBN 2-9514973-3-4
  • René Grousset; Empire des steppes: Attila, Gengis-Khan, Tamerlan, Payot, 2001, ISBN 2-228-88130-9

En castelán[editar | editar a fonte]

  • Roy, Oliver; La nueva Asia central o la fabricación de naciones, Madrid, 1998, Editorial Sequitur ISBN 84-923112-2-3
  • Zapater Espí, Luis Tomás; Asia central : conflictos étnicos, nuevo nacionalismo e Islam, Valencia, 2005, Quiles Artes Gráficas, ISBN 84-932409-3-1
  • Olivares, Gerardo; La ruta de Samarkanda, Las Rozas, 1999, Ejearte, ISBN 84-8220-025-9

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]