Historia de Timor Leste

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Timor, mapa político da illa

A historia de Timor Leste comeza coa chegada de pobos australoides e melanesios enmarcado no proceso de migracións que aconteceron en Australasia.

O primeiro dos pobos descritos polos antropólogos é un pobo de tipo Vedo-Australoide, que procedía do norte e o oeste entre o 40.000 e o 20.000 a.C. Unha segunda migración de melanesios chegou cara ao 3000 a.C. mentres os australoides retirábanse cara ao interior montañoso. Máis recentemente, contra o 2500 a.C. os protomalaios chegaron procedentes do sur da China e o norte de Indochina.

Timor incorporouse nas rotas comerciais chinesas e indias no século XIV como fornecedor de sándalo e escravos. No século XVI o territorio dividíase nunha serie de pequenos principados, o máis importante era o de Wehale no centro de Timor que comprendía ós tetun, bunaq e kemak.

Colonización portuguesa[editar | editar a fonte]

Os primeiros europeos en chegaren á área foron os portugueses, concretamente preto da moderna Pante Macassar. En 1556 un grupo de freires dominicos establecéronse na vila de Lifau. O territorio converteuse oficialmente nunha colonia portuguesa no ano 1702 cando Lisboa enviou o primeiro gobernador a Lifau, a capital. O territorio foi usado principalmente como lugar onde enviar a criminais e prisioneiros políticos. A vida da poboación nativa fóra da capital non sufriu mudanzas.

A capital trasladouse a Dili no ano 1767 debido ós ataques dos holandeses, que colonizaran o resto da illa e os arquipélagos do arredor que conformaron as Indias Orientais Holandesas. A fronteira entre os portugueses e os holandeses estableceuse en 1859 polo Tratado de Lisboa, modificada definitivamente en 1916 e permanece como a fronteira internacional entre os estados modernos de Timor Leste e Indonesia.

A pesar da neutralidade de Portugal durante a segunda guerra mundial o Timor portugués foi ocupado por forzas australianas e holandesas en decembro de 1941 para evitar unha ocupación xaponesa, que se produciu en febreiro de 1942 e que contou coa oposición dunha forza guerrilleira formada por 400 militares australianos e holandeses e un importante número de nativos timoreses, que polo xeral deron pouca cobertura ás forzas de ocupación, o que ocasionou a queima de vilas e colleitas polos xaponeses, calcúlase entre 40.000 e 70.000 os timoreses mortos durante a ocupación xaponesa.

Despois da guerra o Timor portugués volveu á soberanía portuguesa, declarada provincia ultramarina en 1955 exercendo o goberno local o Gobernador e un Consello Lexislativo xunto os xefes locais ou liurai, o estado portugués realizou escasos investimentos en educación, sanidade ou infraestruturas e tan só unha pequena minoría de timoreses recibiu educación. Durante este tempo o goberno indonesio, fóra dalgún discurso retórico, non amosou interese polo territorio.

Coa caída do réxime salazarista en Portugal en 1974 o novo goberno iniciou un proceso de descolonización e enviou un gobernador para preparar o territorio para a independencia, recoñecéronse os partidos políticos para a preparación das eleccións municipais en 1975 e unhas previstas eleccións á Asemblea Constituínte en 1976.

Ocupación indonesia[editar | editar a fonte]

Tras unha breve guerra civil declarada en agosto de 1975 e a declaración unilateral de independencia polo Fretilin o 28 de novembro que non foi recoñecida internacionalmente. Aproveitando a conxuntura o 7 de decembro o exército indonesio invadía o territorio e o integrou ó seu territorio o 17 de xullo de 1976 como a 27ª provincia. O Frentilin organizou un movemento guerrilleiro para conseguir a independencia e o exército indonesio respondeu cunha forte represión, calcúlase o número de asasinados en entre 100.000 e 200.000 sobre unha poboación de 700.000.

Tras a caída do presidente Suharto en 1998 e baixo a presión internacional o goberno indonesio convocou un referendo sobre a independencia en 1999 e unha ampla maioría votou pola independencia e tras el unha campaña de violencia por parte de paramilitares proindonesios apoiados por militares provocou uns 2000 mortos e o desprazamento de dous terzos da poboación. Tras un acordo co goberno indonesio a ONU enviou unha forza multinacional de paz que chegou a Timor Leste o 20 de setembro de 1999 e estableceuse unha administración de transición a cargo da ONU que debía levar á independencia á antiga colonia portuguesa.

Timor Leste independente[editar | editar a fonte]

O 20 de maio de 2002, tras a elección dunha Asemblea Constituínte, Timor Leste converteuse nun estado independente con Xanana Gusmão como primeiro presidente e Marí bim Amude Alkatiri como o seu primeiro presidente de goberno.[1]

En abril de 2006 tras numerosas manifestacións e protestas en Dili, 600 soldados desertores dispararon contra unha manifestación matando cinco persoas [2], pouco despois enfrontábanse nas rúas soldados leais ó goberno e desertores e militantes do principal partido da oposición. O 21 de xuño o presidente pediu a dimisión do primeiro ministro e tras obtela a situación volveu ó rego.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Independência de Timor-Leste". RTP Ensina (en portugués). Consultado o 2022-02-05. 
  2. Sousa, Fernando. "Soldados de Timor-Leste ameaçam com guerrilha". PÚBLICO (en portugués). Consultado o 2022-02-05. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]


Outros artigos[editar | editar a fonte]