Historia de Suráfrica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bóers cruzando o Karoo

Descubríronse vestixios de homínidos que poboaron o actual territorio de Suráfrica fai máis de tres millóns de anos. Evolucionaron gradualmente ata fai un millón de anos cando aparece o Homo erectus na rexión. Os primeiros coñecementos que se teñen do Homo sapiens datan de fai 100.000 anos. Os primeiros Homo sapiens que se coñece no área son as tribos de San despeutivamente coñecidos como bosquimanos, os cales eran principalmente cazadores. Fai uns 2.500 anos tribos de bantúé emigraron do delta do río Níxer cara ao que hoxe é Suráfrica e, aparentemente, viviron pacíficamente cos bushman na rexión. Pouco se coñece desta época por canto estas tribos non coñecían a escritura e o escaso coñecemento que se ten provén de achados arqueolóxicos. Posteriormente emigraron outras tribos a Suráfrica tales como os khoi, san, xhosas, zulú e outras.

A historia escrita de Suráfrica comeza coa chegada dos europeos á rexión. Os primeiros en facer incursións foron os portugueses, quen fundaron un asentamento precursor de Cidade do Cabo no Cabo de Boa Esperanza e practicamente exterminaron aos khoikhoi e san que habitaban na rexión. Os holandeses, arrebataron a colonia aos portugueses en 1652, estableceron pequenos asentamentos no Cabo de Boa Esperanza e se expandiron ata formar a Colonia do Cabo. Ao final do século XVIII os ingleses apoderáronse da colonia holandesa, transformándose entón nunha colonia británica. A poboación europea comezou a expandirse e comezaron as loitas cos nativos sobre a posesión da terra con abundantes baixas en ambos lados. As hostilidades tamén se iniciaron entre os holandeses e os británicos e moitos destes holandeses emigraron e establecéronse na zona central da rexión coñecida como Highveld onde formaron catro repúblicas. Os holandeses, para aquela época coñecidos como os Bóers (granxeros, en holandés), tiveron dúas guerras cos británicos, chamadas guerras Anglo-Boers, que terminaron na derrota destes e das súas repúblicas independentes.

En 1910 as catro principais repúblicas da rexión uníronse configurando a Unión Sudafricana. Aos poboadores de raza negra non se lles deu o dereito de voto nesta república e a falta de dereitos dos negros, os denominado "homes de cor" e asiáticos continuou erosionando o concepto de Unión.

Os descendentes dos colonos brancos sempre constituíron unha minoría entre os africanos de raza negra. Logo da Segunda Guerra Mundial os brancos ditaron as súas regras racistas a través do Apartheid, mediante unha serie de leis que establecían a segregación racial. O sistema do Apartheid empezouse a cuestionar internacionalmente ao comezar o último cuarto do século XX, polo que o goberno do Partido Nacional incrementou as sancións, os arrestos e a opresión contra a poboación que non era branca.

En 1990, logo dun longo período de resistencia por parte de varios movementos anti-apartheid (sobre todo o Congreso Nacional Africano) e da presión internacional por campañas como Free Nelson Mandela, o goberno do Partido Nacional viuse forzado a dar un primeiro paso cara á negociación abolindo a prohibición do Congreso Nacional Africano e outras organizacións políticas de esquerdas, e liberando a Nelson Mandela logo de 27 anos en prisión. Para a entrega do poder á maioría negra leváronse a cabo negociacións que incluían o mantemento do sistema económico preexistente, a lei de reconciliación e a desmantelación de programa nuclear de Suráfrica para que os africanos non dispuxesen da bomba atómica. A lexislación do Apartheid foi gradualmente substituída dos textos estatutarios e leváronse a cabo as primeiras eleccións multirraciais en 1994. O Congreso Nacional Africano (ANC) gañounas cunha gran maioría, e desde entón mantívose no poder.

O país está actualmente baixo control da maioría negra, a cal constitúe o 80 % da poboación. Malia a eliminación do apartheid, millóns de sudafricanos negros continúan vivindo na miseria e a taxa de desemprego oficial rolda no 40%. De todos os xeitos leváronse a cabo cambios lexislativos baixo os auspicios do BEE (Black Economic Empowerment), axudando a nivelar as condicións de vida dos grupos raciais do país, situación provocada por mor de décadas de dominio económico desproporcionado por parte da minoría branca.

Notas[editar | editar a fonte]