Historia de Pontevedra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A historia de Pontevedra ten un carácter complexo, con épocas de maior puxanza e desenvolvemento, e outras de menor importancia política e social da vila de Pontevedra.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

A procedencia latina do seu nome indicaría a orixe romana do emprazamento inicial: o nome procedería da combinación das palabras pons, pontis ("ponte") e veteris, vetera ("vello, vella"). O galego conserva o xénero feminino latino na palabra "ponte" (o cal amosa que os topónimos en Galicia proceden do galego) e por iso o adxectivo usa a forma en feminino: "Ponte(m) Vetera(m)", que por síncopa e sonorización quedaría "Ponte Vedra" ou "Pontevedra".

O nacemento[editar | editar a fonte]

Os primeiros restos de que se ten constancia son uns machados da Idade do Bronce e dous castros situados onde se alzan actualmente as igrexas de Santa María e de San Francisco.

Existe arredor do nacemento da cidade de Pontevedra unha lenda de carácter erudito xestada na época de maior desenvolvemento económico e social da vila, o Renacemento. Foi nesta época cando se elaborou esta fantástica orixe para darlle maior lustre á por aquel entón puxante vila. Para iso fíxose responsábel da súa fundación a Teucro, un dos heroes da Guerra de Troia, que tras a morte do seu irmán Áiax e ao ser aborrecido polo seu pai, Telamón, marchou a Galiza, e bautizou a cidade onde se aposentou co nome de Helenes. Non obstante, diversos estudos históricos e arqueolóxicos máis recentes non detectan restos de presenza humana neste val anteriores á súa integración no Imperio Romano. Así se recolle nunha gravación sobre pedra no antigo concello pontevedrés.

FVNDOTE TEVCRO VALIENTE
DE AQVESTE RIO EN LA ORILLA
PARA QUE EN ESPAÑA FVESES
DE VILLAS LA MARAVILLA
DEL ZEBEDEO LA ESPADA
CORONA TU GENTILEZA
VN CASTILLO PVENTE Y MAR
ES TIMBRE DE TV NOBLEZA
Fundoute Teucro valente
na ribeira deste río
para que en España foses
de todas as vilas marabilla
do Cebedeo a espada
coroa a túa xentileza
un castelo, ponte e mar
é timbre da túa nobreza.
(Estrofas de autor descoñecido gravadas en pedra no vello concello pontevedrés)

Época romana[editar | editar a fonte]

Despois da integración da Gallaecia no Imperio Romano, procedeuse á construción dunha serie de vías de comunicación que a unisen comercialmente co resto da Península. Unha destas calzadas, a vía XIX Per Loca Maritima, unía os tres principais núcleos administrativos galaicos: Bracara Augusta (Braga), Lucus Augusti (Lugo) e Asturica Augusta (Astorga).

Miliario de Hadriano.

En Pontevedra, esta vía cruzaba o río Lérez. No ano 1988, nunha intervención na cabeceira sur da Ponte do Burgo, atopouse a mais de catro metros de profundidade un miliario datado no ano 134, o chamado Miliario de Hadriano. A mansión (núcleo de poboación) de Turoqua emprazábase, posiblemente, nas proximidades do centro histórico da cidade. Esta é a teoría que actualmente defende o arqueólogo Antonio de la Peña Santos entre outros. Foi tempo despois cando se decidiu edificar unha ponte para salvar a canle do río, da que aínda non se coñecen vestixios pero da que se teñen referencias (pontus veteri) en documentos medievais como o alusivo á Paz do Lérez.

No ano 2007 o equipo dirixido polo arqueólogo Xoán Carlos Castro atopou novos restos de orixe romana na Praza de Valentín García Escudero, entre eles dous novos miliarios. Un deles, o 31 de outubro, un miliario completo, dedicado ao emperador Maximino Daia (emperador da metade oriental do imperio (308-313), meramente votivo xa que nel non aparecen distancias. A transcrición do gravado é:

DEDICADO AO NOSO SEÑOR GALERIO VALERIO MAXIMO NOBILÍSIMO CESAR.

O segundo, de mellor labra, está a ser estudado na actualidade. No centro urbano tamén se atoparon moedas e un selo (preto da Fonte dos Tornos) no entorno da Praza de Méndez Núñez, e tégulas e algunha moeda no entorno da rúa de San Telmo en 2001.

En 2003, na rúa Princesa descubríronse varios metros de pavimento de época romana, restos de tégula e vidro así como un hipocausto en bó estado. Estes achádegos, xunto con outros atopados nas proximidades do centro urbano, como o miliario dedicado a Caracalla atopado en Alba, o miliario dedicado a Maxencio atopado en Cerponzóns, os restos da Calzada da Santiña en Lérez aínda visibles no século XIX ou o cipo de tempos de Maximino e do seu fillo Máximo atopados na Ponte do Couto en Tomeza confirman o paso da calzada romana polo lugar que hoxe en día ocupa a cidade de Pontevedra.

Séculos VII - XV[editar | editar a fonte]

No século VII, durante o reino suevo, Froitoso de Braga fundou varios mosteiros, como o de Armenteira e Meis, ao cristianizar a comarca.

Outro momento importante na historia de Pontevedra é o que corresponde co reinado en Galiza de Fernando II durante a última parte do século XII. Neste momento produciuse unha certa reactivación da actividade comercial debido á restauración de camiños e pontes, e parello a este fenómeno o lugar hoxe ocupado pola cidade volveu ser poboado, despois de pasar por un período de certo baleiro no alto medievo.

Unha escritura do Mosteiro de Lérez datada en 1141, dá testemuño da existencia dun lugar denominado Pontus Veteri, en alusión directa á vella ponte romana, en desuso a causa da súa ruína. Esta ponte comezaría a ser substituída por outra medieval -a que hoxe se pode ver modificada- no mesmo ano en que Fernando II outorga o foro aos habitantes da vila (1169). Desaparece así, todo rastro visíbel da construción romana que dera orixe e nome á cidade.

Na actualidade non se conserva o foro orixinal de Fernando II, senón unha confirmación de Afonso X do ano 1264. Os privilexios e exencións que se lle foron concedendo á cidade actuaron como importantes dinamizadores da súa actividade económica. Entre as concesións destacan o monopolio da fabricación de saín en Galiza, así como da cura do peixe (non da salga) (1229) e a adxudicación do porto de carga e descarga de Galiza (1452).

Pontevedra foi saqueada en 1386 polas tropas inglesas do duque de Lancaster.

As sucesivas ampliacións do recinto amurallado pontevedrés veñen determinadas polo crecemento demográfico e polo desenvolvemento de actividades económicas na vila, que precisaba de espazos máis amplos onde poder expandirse. A estas causas únese o desexo da Coroa por controlar a produción e o tránsito de mercadorías.

A actividade económica da cidade acada o seu maior esplendor baixo o reinado de Henrique IV de Castela, ao concederlle cidade en 1467 o privilexio dunha feira franca, de 30 días de duración, que se celebraba quince días antes da festividade de San Bartolomeu. Para a celebración destas feiras, ampliouse de novo a muralla para dar cabida á praza da Ferrería, que albergaría o recinto feiral.

Nas súas carpinterías de ribeira construíronse embarcacións moi famosas como a que, mandada por Pai Gómez Chariño, tomou Sevilla durante a Reconquista ou a carabela Santa María, "A Galega", que partiu dun deles para a súa viaxe a América.

Século XVI[editar | editar a fonte]

No século XVI, Pontevedra convértese nunha das máis populosas vilas galegas cun gran porto pesqueiro ligado ao comercio internacional, no que destaca a actividade da exportación de peixe salgado a Portugal. Testemuño desta época é a magnífica igrexa de Santa María, levantada grazas ás achegas do poderoso Gremio de Mareantes que, por aquel entón, tiña o monopolio da exportación de salgados.

Ao final do século XVI comezaron a ser notábeis os síntomas da profunda crise na que se sumiu Pontevedra durante os séculos XVII, XVIII e XIX, e que ten a súa orixe en diversos factores que van desde as adversidades climáticas ás políticas, negativas para a cidade e para Galiza, levadas a cabo pola Coroa, que se desentendeu dunha poboación que, a pesar de ser a máis populosa de Galiza, estaba agonizante ao entrar en decadencia a súa principal actividade económica: a pesca.

Séculos XVII – XVIII[editar | editar a fonte]

Durante os séculos XVII e XVIII a decadencia agudizouse debido a unha situación de inestabilidade política provocada polas constantes guerras que había nese momento (Portugal e a sucesión á coroa española, a ocupación inglesa), que contribuíron ao decaemento do comercio exterior.

O río Lérez foi producindo unha sedimentación no porto que reduciu o seu calado e obrigou a fechalo ás embarcacións de grande tonelaxe. A poboación da cidade reduciuse á metade, nuns séculos nos que se duplicou en Galiza e se triplicou no resto da comarca pontevedresa. Esta crise demográfica foi ocasionada por epidemias e graves enfermidades e agudizouse co esgotamento dos caladeiros pesqueiros. Como consecuencia, os buques mercantes dirixíronse a outros portos e os pescadores a outros caladeiros.

Século XIX[editar | editar a fonte]

A comezos do século XIX, a economía de Pontevedra baseábase fundamentalmente na actividade artesá, no comercio e, en menor medida, na pesca e na agricultura. Durante a Guerra da Independencia española, o xeneral Ney tentou ocupar a cidade.

En 1833, coa creación das provincias, converteuse na capital da provincia do mesmo nome cá cidade, en dura pugna con Vigo. Grazas ás funcións económicas que se derivaron desta condición, así como ao feito de ser cabeceira de comarca, Pontevedra transformouse nunha urbe administrativa que atraía burócratas, burgueses, profesionais e artesáns de todo tipo.

Nesta época, diante da necesidade de contar con espazos para a edificación, a cidade mudou a súa fisonomía; deste xeito, derrubáronse as murallas e abríronse novas rúas, como a que conduce hoxe desde a Oliva á Virxe do Camiño (na actualidade rúa de García Camba) ou a que vai desde a rúa do Comercio á Michelena. Igualmente, desenvolvéronse obras de infraestrutura e saneamento, construíronse escolas e hospitais, creáronse espazos de uso público como a alameda do Arquitecto Sesmeros, e chegou o ferrocarril.

En definitiva, tanto o esplendor social e cultural, como o devir oficial da vila posibilitaron o desenvolvemento urbanístico, comercial e industrial de Pontevedra.

En 1880 celebrouse a Exposición Rexional, expoñéndose pezas na Casa Consistorial, o Instituto de Segunda Ensinanza e o pavillón construído para o evento. Amosárose obras artísticas (óleos, esculturas, gravados e fotografías) e aparatos científicos, agrícolas e industriais.

Século XX[editar | editar a fonte]

Praza da Ferrería, peonalizada xunto co resto da zona vella en 1999.

Nas primeiras décadas do século XX, Pontevedra vive un momento de especial efervescencia cultural e política. Ten especial relevancia a creación da Misión Biolóxica de Galiza e a fundación, en decembro de 1931, do Partido Galeguista, dirixido por Bóveda e Castelao, xermolo do nacionalismo galego actual.

En 1936 ten lugar o alzamento militar do xeneral Franco que dá paso a unha dura guerra civil, fomentada polos odios e enfrontamentos acumulados durante anos. Tras o seu remate tres anos máis tarde, viría a represión por parte dos triunfadores nacionais. Así as cousas, numerosas persoas foron asasinadas, fusiladas ou obrigadas a marchar ao exilio.

En 1944 anexionouse o concello de Xeve, que abranguía as parroquias de Xeve, Santa María de Xeve e Verducido.

Como consecuencia desta guerra, as dúas primeiras décadas da ditadura franquista son de enormes dificultades económicas para a maioría da poboación. O cambio produciuse na década dos 60, que se caracteriza por un desenvolvemento sostido que empeza a manifestarse máis claramente a principios dos 70, coincidindo coa morte de Franco en 1975 e coa transición democrática española. Nestes anos prodúcese un auxe extraordinario da construción que chega a converterse, ata o día de hoxe, nun dos grandes motores da economía pontevedresa.

Nos últimos tempos véuselle recoñecendo o seu labor en diversos campos a moitos persoeiros do ámbito galego. Así, no ano 1999, o Concello de Pontevedra rendeu por vez primeira unha homenaxe institucional a Alexandre Bóveda, asasinado o 17 de agosto de 1936, e a outras figuras importantes na historia política de Pontevedra que foron fusiladas o 12 de novembro dese mesmo ano por defender a Galiza, a liberdade e a xustiza social: o comandante Ramiro Paz, o mestre Xermán Adrio, o avogado e ex gobernador civil Xosé Adrio, os médicos Amancio Caamaño, Luis Poza Pastrana e Telmo Bernárdez, o capitán de asalto Juan Rico González, o profesor de instituto Paulo Novás, o industrial Benigno Rey Pavón e o escritor Víctor Casas.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Capa do libro Historia de Pontevedra de Claudio González Zúñiga (1846).
  • Bernardo López y López-Ríos (1990). Pontevedra: de la leyenda a la historia. ISBN 84-86845-52-1. 
  • Ángel Rodríguez González (transcrición e estudo), Isidoro Millán González-Pardo (observacións codicolóxicas) (1989). Livro do Concello de Pontevedra (1431– 1463). ISBN 84-868445-39-4.