Historia de Ourense

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ponte Maior de Ourense.

Ourense sitúase no val do río Miño, lugar onde, nos primeiros séculos da nosa era, os romanos descubriron grandes cantidades de ouro, o que sería indispensable para fundar a nova Auriense.

Ourense prerromano[editar | editar a fonte]

É moi pouca, ou case nula, a información que se ten desta etapa histórica da cidade. Existen hipóteses que sitúan o lugar nos exteriores da actual cidade, ben nas ladeiras de Montealegre, ou no lugar de Tarascón.

A Auriense[editar | editar a fonte]

Bautizada polos romanos como "A cidade de ouro" (Auriense) pola súa abundancia neste metal precioso, foi unha das máis importantes cidades de Hispania ata que se esgotaron as súas reservas deste mineral, que se atopaba no Río Miño.

Xardíns das Burgas

A cidade naceu arredor do manancial das Burgas (nome derivado do latín Burca que significa pila). Dende esa localización fóronse construíndo as Termas, das cales quedan restos no actual conxunto da fonte das Burgas.

Nun destes mananciais aparecéronselle a Calpurnia as Ninfas das augas, ás cales adicou unha ara que se atopa no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

Durante esta época, o asentamento de Auriense, constituía un centro secundario da rede de estradas romanas no que se conectaban vías procedentes do sur, e a estrada que comunicaba con Astorga. Polo norte saían dúas estradas que a comunicaban con Lugo e Iria Flavia (Padrón).

Para salvar o río Miño construíron a ponte romana, da cal só se conserva un arco na actualidade, xa que a ponte foi sometida a varios procesos de reconstrución ao longo da historia.

A cidade xermánica[editar | editar a fonte]

O cristianismo chegou a Galicia no século III, mais a entrada dos bárbaros (século V) non favoreceu o seu desenvolvemento. Pero a predicación de Martiño Dumiense (século VI) na zona de Ourense e na Corte sueva, fixo que estes se converteran ao catolicismo, deixando o arianismo.

Estanque das burgas coa inscrición de Calpurnia ás Musas

Esa conversión ao catolicismo pode estar relacionada cun milagre que San Martiño de Tours lle fixo ao fillo do rei suevo Carriarico. Despois de curalo, o rei, agradecido con San Martiño, edificou unha igrexa que se identifica cunha primitiva que se levantaba nun soar da actual Santa María Nai. Só quedan oito columnas conservadas na actual fachada da Santa María Nai, que poden evidenciar a presenza desa igrexa.

A cidade sueva adquire entón grande importancia dentro do reino.

A invasión dos musulmáns tamén afectou ás terras de Ourense, que son arrasadas por frecuentes e devastadoras incursións musulmáns. A parte disto, súmaselle un período escuro que vai durar varios séculos.

Os reis asturianos intentaron a restauración da cidade, en especial Afonso III, que promoveu a restauración e repoboación da cidade no século IX, con efectos non moi duradeiros.

O renacer da cidade[editar | editar a fonte]

En 1071 comeza a restauración definitiva da man de Sancho II, que pon á fronte da diocese ao bispo Ederonio. Con este bispo comeza a renacer a cidade, levantando sobre as ruínas do antigo templo suevo, unha nova igrexa. Esta igrexa e o único testemuño que queda desa época da cidade.

A cidade episcopal[editar | editar a fonte]

Aínda que o bispo Ederonio tivo un papel moi importante dentro da reconstrución, será o bispo Diego de Velasco (1100 - 1132), o verdadeiro artífice da recuperación. Velasco, aproveitando as "tiranteces" entre as fillas do rei Afonso VI, obtén, en 1122, a xurisdición da cidade, grazas a Tareixa de Portugal.

Catedral de Ourense

Coa propiedade da cidade nas súas mans, comezou a implantar a poboación e a restauración do Pazo Episcopal, que nestes momentos constitúe un dos poucos edificios civís de Galicia. Ao paso que se van facendo estas actuacións, o rei Afonso VII, confírmalle a xurisdición sobre a cidade en 1131, concedéndolle ampliacións de terreo que multiplicaron por cinco a súa extensión. Despois de Afonso VII, os reis continuaron a dar todo tipo de privilexios á cidade. Esta época de esplendor que vive a cidade, vai quedar reflectida na construción da Catedral. Esta edificación, de esquema románico, comeza a construírse baixo o mandato do bispo Pedro Seguín (1157 - 1169). Á morte deste, continúa a obra D. Adán. O bispo D. Afonso (1174 - 1213) conságraa traendo reliquias de Tours (1188). O bispo D. Lorenzo, bo amigo de Fernando III, conclúe a nave principal, o Pórtico do Paraíso e a torre das campás.

Este período de esplendor deixará marca na distribución da cidade, xa que os Pazos Episcopais e a Catedral, convertidos en fortalezas, van polarizar un novo estiramento da cidade cara ao norte e ao arredor da basílica. A porta norte da cidade marcará o camiño cara a Ponte, principal vía de comunicación da cidade. Outras rúas paralelas á cara oeste da Catedral, Lepanto, Tendas e Paz, confluirán coas da cara leste na Praza do Ferro, saíndo cara a rúa Santo Domingo en busca da Ponte.

Conflitos na Idade Media[editar | editar a fonte]

A Idade Media representou para a cidade unha época de continuos conflitos e inestabilidade política e social. Neste período produciranse unha serie de tensións entre as tres forzas puxantes naquel momento: a monarquía, a Igrexa e o concello (que se menciona por primeira vez nunha Carta Pobra de Diego Velasco en 1122). O primeiro conflito entre concello e Igrexa ten lugar en 1256 cando o primeiro recibe a Afonso X, coa conseguinte protesta da igrexa que era, en realidade, a principal dona da cidade e polo tanto a encargada de recibir aos altos cargos. Coa queima en 1293 do convento dos franciscanos, os enfrontamentos entre igrexa e concello recruáronse. O asunto chegou a Roma, onde o bispo foi condenado a reedificar o convento na parte alta da cidade, do cal hoxe só queda o claustro de comezos do século XIV. A igrexa do convento foi trasladada á súa actual localización, na Alameda de San Lázaro.

Como consecuencia destes actos, Fernando IV retiroulle a xurisdición da cidade á igrexa, que máis tarde sería recobrada grazas a Afonso XI.

Toma de Ourense polas tropas de Xoán de Gante nas Chroniques de Jean Froissart.

Baixo Pedro I, a cidade viuse envolta en loitas fratricidas co futuro Henrique II pola coroa, alentado o primeiro por don Afonso. O Castelo Ramiro é tomado polos homes do concello e do Adiantado de Galicia. Só en 1382, Xoán I devólvelle o castelo ao bispo don Pascual García. En 1386 entra en Galicia o Duque de Lancaster, Xoán de Gante, pretendente da Coroa de Castela e aliado de Xoán I de Portugal. Na cidade os seus "secuaces" causan enormes estropicios que poñen en evidencia a vulnerabilidade da cidade. Estes defectos fan que o bispo Pascual levante un muro de protección. Dende a finalización da construción, a cidade queda cercada por un "vergonzante" muro. A muralla estaba formada polas partes traseiras das casas e as partes máis pequenas eran fechadas por tapias. A murala tiña 13 portas. Esta edificación será un dos elementos de protección da cidade xunto coas fortalezas da catedral e os Pazos do Bispo. Durante o século XV prolóngase a inestabilidade coas tensións entre concello e bispo e algunhas nobrezas "levantiscas".

O século XVI[editar | editar a fonte]

Tras a forte caída de poboación no século XV (de 3.000 habitantes ao principio do XV a 1.800 de finais), Ourense experimenta no XVI un importante aumento de poboación e un notable aumento da actividade comercial, especialmente no campo do viño e do artesanado, como consecuencia da paz imposta polos Reis Católicos.

En 1597 a cidade acada a cota máis alta de poboación na época do Antigo Réxime, 2.950 veciños. A cidade xa levaba tempo configurada no seu entramado urbano, limitada pola súa muralla e polas súas portas. Dende a invasión da cidade por parte do Duque de Lancaster e as subseguintes loitas do XV, quedan varias casas en ruínas, pero como dicía Xesús Ferro Couselo

"Soplan vientos de prosperidad y se despierta una fuerte fiebre constructiva."

A cidade comeza a porse á frote, levántanse casas e edificios relixiosos, e o concello dota a cidade de edificios auxiliares e de servizos. O clero levanta o fermoso ciborio da catedral; a sancristía con bóveda estrelada e as Capelas do Cristo e a das Neves, e por outra banda, as bóvedas e arcos do Pórtico do Paraíso da entrada principal. Desta época son tamén a ermida dos Remedios, situada á beira da ponte romana, a torre do reloxo da Catedral e o Convento de San Francisco. A nobreza edifica o pazo dos Ocas, o que hoxe é coñecido como "O Liceo de Ourense", na rúa Lamas Carvajal. É nesta época cando o Concello dota a cidade da súa primeira casa consistorial na Praza Maior.