Historia de Bagdad

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fotografía de satélite de Bagdad.

Bagdad fundouse no século VIII e é a capital de Iraq dende 1920, cando aínda era un reino.

Índice

Precedentes [editar]

A rexión de Mesopotamia, onde os ríos Éufrates e Tigris se aproximan ata apenas trinta quilómetros, foi de sempre o lugar dalgún centro urbano de importancia. Así Babilonia, dende o terceiro milenio antes da nosa era, e Dur Kurigalzu no segundo. Nos tempos de Nabucodonosor, no século VI a.C., seica houbo un asentamento acondicionado para o comercio fluvial, significativo pero modesto, xa co nome de Bagdad, mencionado no Talmud [1]) no lugar da actual cidade. Ás aforas, xa na época helenística, localizábase Seleucia e a súa continuación Ctesifonte, capital sasánida, ámbalas dúas entre as maiores do mundo nos seis primeiros séculos da nosa era.[2]

Fundación da nova capital [editar]

Situación de Bagdad nas rutas rexionais.

O segundo califa abásida, Al-Mansur, decidindo o lugar para a fundación dunha nova capital do novo califato acabado de constituír do islam oriental, elixiu a beira oeste do Tigris, augas arriba de Ctesifonte, que xa fora conquistada polos árabes no 637, e que ao cabo ficou deserta ao trasladarse a súa poboación á nova capital.

O 31 de xullo do 762 foi así fundada, de acordo con coidados cálculos astrolóxicos, a cidade de Bagdad co nome de Medinat al-Salam (Cidade da Paz). A súa planta circular de máis de dous quilómetros de diámetro tiña precedentes na Persia sasánidas. Posuía unha dobre banda perimetral de aloxamentos dividida en cuadrantes xunto á muralla, a cal tiña catro grandes portas orientadas segundo o mundo musulmán e non polos eixos cardinais. O espazo central era un gran baleiro arredor do pazo califal, a mesquita e os cuarteis [3].

Esplendor e ruína [editar]

Case decontado, e por dous séculos, converteuse na meirande cidade do mundo, acadando, posiblemente por primeira vez na historia, o millón de habitantes. Xa no tempo do califa Harun al-Raschid (786-809) era unha metrópole cosmopolita (árabes, persas, xudeus, indios), centro do saber e as artes (álxebra e poesía; unha gran biblioteca, a Casa da Sabedoría). Foi, en definitiva, a urbe das "Mil e unha noites".

Moi pronto a cidade circular viuse sobrepasada con primeiras extensións cara ao norte (barrio Kadhimiyya arredor do santuario homónimo, 799), e cara ao sur e á ribeira do Tigris (barrio Karkh, rúa Haifa). Unha rede de canais irrigaba a urbe e comunicábaa a través do río co interior do imperio e os mares no porto de Basora. Xunto coas rutas terrestres entre Persia e o Mediterráneo, Bagdad era o centro do comercio entre oriente e occidente [4]. Porén, contra a metade do século IX os primeiros síntomas de debilidade do califato fixéronse notar. Xa a partir do 813 o pazo califal non volveu ser usado coma consecuencia das destrucións habidas en asedios e loitas fratricidas entre os fillos de Harun al-Raschid. No 836 a corte trasladouse a Samarra. Inda que de volta en 892, xa o fixo a beira leste do Tigris onde, dende o 862-866, o califa Al-Musta'in tiña construído unha primeira muralla semicircular que protexía os distritos orientais, completada no oeste con outro semicírculo. A fundacional cidade circular foi progresivamente abandonada á ruína[5].

Tamén arruinada aquela muralla co tempo, foi o califa Al-Mustazhir (1094-1118) quen erixiu, así mesmo no leste máis ao sur, unha nova muralla rectangular que asemade contiña unha cidadela con pazos, edificios de goberno, relixiosos, de ensinanza, biblioteca e parques. Todo ese conxunto vai ser o núcleo da Bagdad moderna.

A invasión mongol do ano 1258 levaría á cidade á case total destrución co masacre da maioría da poboación, inutilizando para sempre o sistema de canais e diques de irrigación. Significou o fin do califato abásida e o da súa capital coma metrópole medieval.[6] Cando comezaba unha certa recuperación, Timur saqueouna novamente en 1401. Durante os seguintes cinco séculos Bagdad sería só a capital provincial de diferentes poderes rexionais, e do Imperio Otomán a partir de 1534 [7].

Época contemporánea [editar]

Planta de Bagdad no ano 2003.

No último terzo do século XIX Bagdad acadou a súa modernización: as murallas medievais foron derrubadas, o concello foi constituído, erguéronse escolas, hospitais e demais infraestruturas e servizos. En 1920 volveu ser capital, desta vez do recentemente instaurado reino de Iraq.

A partir dos anos setenta, cos ingresos do petróleo, Bagdad experimentou unha forte expansión ata se converter nunha metrópole. Especialmente problemáticas foron a guerra con Irán e as dúas campañas posteriores en que se converteu en obxectivo do exército estadounidense.

Notas [editar]

Véxase tamén [editar]

Outros artigos [editar]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: