Historia da escravitude

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Gustave Boulanger, Mercado de Escravos, 1888.

Documentos e evidencias sobre a escravitude pódense atopar en case todas as culturas e continentes, porén as súas orixes son descoñecidas. A escravitude pode ser rastrexada nos textos máis antigos, como o Código de Hammurabi, en Mesopotamia, datado no segundo milenio a.C., que xa se refire ao escravismo como unha institución arraigada. O traballo forzado de mulleres nalgunhas culturas antigas e modernas pode ser identificado coa escravitude. Neste caso adoita incluír servizos sexuais.

A historia da escravitude no mundo antigo está estreitamente ligada á guerra. As fontes documentais de Mesopotamia, de Exipto, do Israel antigo, Grecia, Roma, Persia, da China, das civilizacións maia e azteca e da India, están repletas de referencias á escravitude en relación coa guerra. Os prisioneiros de guerra eran frecuentemente reducidos á escravitude polos seus vencedores ou captores, a miúdo obrigados a traballar en labores militares, de enxeñaría civil ou agrícolas, ou ben como serventes domésticos. Moitas propiedades da Antigüidade mantíñanse do labor dun ou máis escravos. Independentemente das testemuñas escritas directas, a escravitude doméstica e a escravitude de concubinato, foi observada entre pobos nómades de Arabia, entre nativos de América, cazadores e recolectores de África, Nova Guiné e Nova Zelandia, e entre os pobos xermanos, os viquingos e outros pobos.

Ademais da guerra como fonte de aprovisionamento de escravos, o castigo penal de criminais convertía a estes en escravos, de ordinario como forma de compensar as vítimas. A escravitude por débedas existiu en moitas sociedades primitivas. Así entre grupos africanos, mulleres e nenos eran dados como reféns por débedas ou outras obrigas e, se tales obrigas non eran resarcidas, os reféns pasaban a ser escravos.

Moitas sociedades antigas posuían máis poboación escravizada que poboación libre, que era a que controlaba a aqueles. Estaba permitida a crueldade e os abusos cos escravos, mais con frecuencia recibían un tratamento semihumanitario como propiedade valiosa.

Escravismo antigo[editar | editar a fonte]

Antigo Exipto[editar | editar a fonte]

Figura exipcia de época ptolomeica (séc. I a II) en bronce dun escravo negro atopada en Fayum, preto de Memphis

Os exipcios utilizaron escravos capturados en guerras ou comprados a estranxeiros. Porén, ao contrario da crenza popular, as grandes pirámides foron construídas por persoas libres, non por escravos. Non usaron escravos en gran número.

Todos os escravos provenientes de cativos de guerra eran considerados propiedade do faraón e non eran vendidos a propietarios particulares, aínda que o soberano podía doar ou regalar escravos a xenerais ou sacerdotes. Os escravos foron tamén conseguidos nos diversos períodos faraónicos mediante expedicións a Nubia, no Sur, e ao Punt, o "país dos negros".

O escravismo exipcio é tamén lembrado en pasaxes bíblicas. Así Xosé, o fillo de Xacob, é vendido como escravo en Exipto, aínda que acaba ascendendo ata ocupar un elevado rango na corte faraónica. Posteriormente no libro do Éxodo coñecemos como todos os hebreos residentes en Exipto son reducidos á escravitude. Sábese doutros casos de escravos exipcios, que como Xosé, ascenderan socialmente, logo de casar con nativas. Porén, existen numerosos exemplos de escravos que traballaban ata morrer nas minas de cobre exipcias da península do Sinaí.

Como noutras sociedades, houbo unha ampla variedade de escravos: desde escravos domésticos e titores que atinxían un alto prezo, a artesáns hábiles, a traballadores rurais (así aparecen pintados escravos canaanitas en labores de prensado de uvas).

O escravismo na Grecia antiga[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Escravitude na Grecia antiga.

A escravitude aparece como normal e natural, segundo mesmo defenden os filósofos clásicos con Aristóteles á cabeza. A man de obra escrava resulta indispensábel en todo tipo de tarefas (construción, agricultura, artesanato etc). A escravitude é imprescindíbel para o funcionamento da democracia ateniense, a fin de deixarlles tempo para a política aos homes libres. Estímase que na época clásica 3/4 da poboación ateniense eran escravos.

En Atenas, a polis da que estamos mellor informados, había varias categorías de escravos:

  • Escravos domésticos, que viven na casa dos seus amos, traballando na mesma morada, no campo ou nunha tenda.
  • Escravos "dependentes" (choris oikountes), que non viven cos seus amos, mais traballan nos negocios deles (facendas rurais, tendas, talleres etc.), dirixíndoos incluso, e que pagaban unha taxa monetaria a eses mesmos amos (mesmo houbo unha sociedade que alugaba este tipo de escravos).
  • Escravos públicos, que traballaban como policías, porteiros, secretarios, varredores etc.
  • Cativos de guerra (andrapoda), que servían especialmente en tarefas non especializadas e rudas, nas que podían ser encadeados, p.ex. remeiros en barcos ou mineiros.

Os escravos en Grecia tiñan algunha oportunidade para emanciparse, aínda que fose custosa para os seus amos. A lei dáballes algunha protección aos escravos, e pese a que a lei permitía que fosen golpeados, certas limitacións morais e culturais impedían un excesivo uso da violencia por parte dos donos.

Situación diferente era a dos ilotas de Laconia, clarotas de Creta, penestas de Tesalia ou gimnetas de Argos; a súa condición é máis parecida a dos servos da gleba medievais: suxeitos á terra, herdando a condición de pais a fillos, non poden ser vendidos.

O escravismo na Roma Antiga[editar | editar a fonte]

Consonte Roma se expandiu cara ao exterior, foron escravizadas poboacións enteiras. As persoas suxeitas ao escravismo romano procedían de toda Europa e dos países mediterráneos. Tal opresión por un grupo minoritario provocou levantamentos eventuais (ver Guerras Servís romanas); a Terceira Guerra Servil, orixinada pola rebelión de escravos e conducida por Espartaco, foi o máis famoso e cruel dos levantamentos escravistas. Individuos gregos, africanos, xermanos, tracios, galos, xudeus, árabes e doutras moitas procedencias foron escravizados, non só como forza de traballo, senón incluso como diversión (p.ex., gladiadores). O escravo que se levantaba contra o poder romano era condenado á crucifixión (como todos os que se sublevaban), pero tamén o escravo que simplemente tentaba fuxir podía ser crucificado.

A escravitude chegou a ser un piar económico vital para Roma. Durante a República e o Alto Imperio calcúlase que entre o 15% e o 20% da poboación eran escravos, e ata o século II -cando foron promulgadas leis protectoras dos escravos- un amo podía legalmente matar un escravo. Porén isto parece que foi sempre raro, por complexas razóns sociais. En todo caso a Lei Cornelia, do 82 a.C., prohibíalles aos amos matar os seus escravos; a Lei Petronia, do 32 a.C., vedaba que os escravos fosen obrigados a combater no circo. Suetonio escribiu (Claudius, 25), que so o emperador Claudio, se un amo descoidaba a saúde dun seu escravo, ata o punto de morrer este, o amo podía ser acusado de asasinato; aínda máis, se se recobraba nun templo de Esculapio, o escravo podía ser libre. Dión Crisóstomos, un estoico grego que viviu en tempos do emperador Traxano, dedicou dous Discursos (14 e 15), que foron debatidos dous días no Foro, a combater a escravitude. Séneca (en De Clementia, 1:18), no século I d.C., relata que amos que foron crueis cos seus escravos foron insultados publicamente. O emperador Hadriano, no século II, renovou as leis Cornelia e Petronia. O lexislador Ulpiano, un estoico do século III d.C., proclamou ilegal que os pais vendesen os seus fillos como escravos. E o emperador Diocleciano (séculos III-IV) elevou a ilegal que un acredor reducise á escravitude a un debedor e que calquera persoa se puidese vender ela mesma como escravo para pagar unha débeda.

O número de escravos liberados (manumissio) chegou a ser importante, de xeito que houbo que ditar leis que impedían a práctica masiva, para non pór en perigo os dereitos dos herdeiros. Eses escravos libres eran denominados libertos, e o gorro frixio foi o símbolo da súa liberdade. Quedaban vinculados ao amo, para quen realizaban negocios, chegando a constituír un estrato social importantísimo e, en casos, poderoso economicamente (un liberto, novo rico, é o protagonista da novela Satiricón de Petronio). Máis dun emperador contaba con libertos entre seus ascendentes.

O escravismo na Idade Media[editar | editar a fonte]

Al-Wasiti, Mercado de escravos en Zabid, Iemen, 1236-1237, Bibl. Nac. Francia

Á fin da Roma antiga corresponde, en Occidente, o paso progresivo da escravitude a unha forma "dulcificada", a servidume, xeneralizada a partir do século VIII.

Porén, a institución da escravitude subsistiu durante a Idade Media. Desaparecida, máis ou menos, ao Norte dos Alpes, o número de escravos aumentou en Cataluña e, nomedamente, en Italia entre o século XIII e o XV. As grandes repúblicas marítimas de Xénova e de Venecia son os maiores mercados de escravos da época. Son reducidos á escravitude sobre todo os individuos capturados ao Norte do Mar Negro, onde a colonia xenovesa de Caffa representa o centro do tráfico de escravos. Os homes son, na súa maioría, exportados ao Exipto dos mamelucos, onde son un recurso indispensábel na recruta de soldados, en tanto as mulleres son trasladadas, maiormente, a Italia e ás grandes illas mediterráneas (Chipre, Creta, Sicilia, Mallorca), onde son explotadas no servizo doméstico.

O escravismo no islam[editar | editar a fonte]

Como o cristianismo, o islam esténdese nun mundo onde o escravismo é unha compoñente, e como el, adáptase sen revolución social. En principio, o Corán prohibe soamente a escravitude dos musulmáns, diferenciando entre países de "infieis" e países islámicos. De aí, que se explique, polo menos parcialmente, que ata os inicios do século XXI, países musulmáns como Arabia Saudita, Sudán ou Mauritania acepten a escravitude de negros cristiáns e animistas.

A pesar das prohibicións atinxentes aos musulmáns, califas e sultáns non dubidan en reducir ao escravismo os rebeldes e os «maos musulmáns», especialmente no Al-Andalus ibérico.

O escravismo entre os viquingos[editar | editar a fonte]

Durante a Era viquinga, desde ca. 793 d.C., as razias normandas levaron a capturar e escravizar os seus opoñentes. En Noruega e Islandia os escravos foron denominados thralls (Old Norse: Þræll). Os thralls procedían, na maior parte, da Europa occidental, entre os que se contaban francos, escoceses, irlandeses, anglo-saxóns e xermanos, así como eslavos. A escravitude entre os normandos desapareceu coa difusión do cristianismo e a adopción de leis nacionais nos países escandinavos.

A escravitude na Idade Moderna[editar | editar a fonte]

No Imperio Otomán[editar | editar a fonte]

No Imperio Otomán a vitoria nas batallas comportaba o capado dos vencidos. Estes capados, eunucos, eran admitidos polos estratos sociais elevados para gardar o harén. Así mesmo mulleres escravizadas eran compradas como concubinas, que realzaban a natureza patriarcal do poder (o poder era só herdado por liña masculina).

Os escravos do Estado otomán, en xeral, eran traídos da Europa oriental e do Sur de Rusia. Tanto os mamelucos como os xanízaros constituían tropas especiais, cuxos guerreiros procedían de escravos, nacidos cristiáns, dos Balcáns na súa maioría. Durante a fase final do Imperio Otomán, cando ao longo do século XIX, declinou o poder da Sublime Porta na Europa oriental, os otománs comezaron a importar escravos subsaharianos a través de Exipto. Os escravos negros eran correntes entre as elites otomás como domésticos, serventes ou criadas.

A escravitude foi abolida en Turquía en 1847.

Na Europa cristiá[editar | editar a fonte]

Os países da Europa do Sur, na chegada da nova era, estaban máis preparados, pola perduración da escravitude ao longo da Idade Media, ben que non fose sistemática.

En 1444, en Lagos, no extremo meridional portugués, creouse a Casa da Guiné, depósito dos escravos traídos a raíz dos descubrimentos. En 1481 pasou para Lisboa, acabando por ter a denominación de Casa dos Escravos. Por volta de 1541, afirmábase que entraban en Portugal entre 10.000 e 12.000 escravos por ano, procedentes da África negra, o Sáhara ou a India (Damiâo de Góis). A mediados do século XVI calculábase que había en Lisboa case 10.000 escravos (Rodigues de Oliveira, 1551). Trinta anos despois a cifra era avaliada en preto de 70.000, constituíndo un terzo da poboación total lisboeta.

Nos reinos hispanos eran corrente a escravización de mouros. Durante a Guerra de Granada, a fins do século XV, boa parte dos habitantes islámicos da conquistada cidade de Málaga foron vendidos en masa. O costume contra os vencidos levouse a outras terras. Indíxenas das illas Canarias, os guanches, que resistiron o empeño da conquista castelá, ao longo do mesmo século, foron vendidos como escravos. Na España moderna, Domínguez Ortiz calculou que a fins do século XVI había uns 100.000 escravos. A cantidade decrecería a partir da independencia portuguesa, logo de 1640, e as dificultades conseguintes para abastecérense por parte dos negreiros portugueses, que dominaban a trata; por outra banda, a prioridade marcaba a subministración dos escravos para os dominios de América. As rexións onde era maior o emprego da forza de traballo escravizada foron Valencia, e, sobre todo, e con moita diferenza, Andalucía. Para Sevilla, arredor de 1620, calculouse unha cifra duns 6.000 escravos sobre un total de 120.000 habitantes (un 5%). Para o arcebispado sevillano, en 1565, era un 3% da poboación total, pero os expertos sosteñen que seguramente era máis alta.

A procedencia dos escravos era variada, e en moitos casos, eran musulmáns, incluso vidos de lonxe (en 1680 foron vendidos en Cádiz 2.000 turcos e gregos, logo de vitorias militares sobre os otománs en Europa central).

Colonialismo europeo en América[editar | editar a fonte]

Comercio triangular (África, América, Europa, África)

A causa da implantación de sociedades baseadas no traballo escravista en diversas rexións americanas non foi a ineptitude física dos amerindios para realizar os traballos requiridos. Radica no feito de que, por unha banda, certos pobos amerindios carecían da aprendizaxe precisa nese tipo de labores, e, por outra, afundíranse demograficamente por mor das epidemias difundidas involuntariamente polos occidentais, contra as cales os indíxenas americanos carecían dos anticorpos necesarios debido ao seu illamento milenario do resto dos continentes. A proba en contra radica que onde as nacións indíxenas estaban educadas en labores de todo tipo (Perú incaico, México) estabelecéranse métodos de traballo forzado (p.ex. a mita), xa instituídos nas sociedades precolombianas, que aproveitaban a forza de traballo nativa, e onde o traballo escravo foi menor. Mais nas sociedades nas que a caída demográfica ou o nivel de desenvolvemento das sociedades era menor, foi onde precisamente se implantaran sistemas escravistas xeneralizados: países do Mar das Antillas, Sur de Norteamérica, Brasil. Débese contar aínda entre os factores do espallamento do escravismo, que vai aliado á unha agricultura de plantación, vinculada a cultivos tropicais que son os que demandan as sociedades europeas, escasas neses bens e que, ademais, son os que naquela altura soportan os gastos de transporte requiridos: azucre, café, cacao, tabaco ou algodón.

Comercio triangular e cifras da trata[editar | editar a fonte]

Ver o artigo principal Tráfico negreiro.

Os negros de África constituíron unha alternativa. Eran adquiridos en mercados musulmáns do Magreb, ou ben capturados directamente. Algúns países europeos, como Portugal, por volta das descubertas iniciais, comezaron a trata de guineanos desde comezos do século XV, empregándoos tanto no territorio continental como nas illas atlánticas (Madeira, Azores). No século XVI comezou a introdución de africanos negros na Antillas españolas (a monarquía española concedía o permiso de comercio de escravos denominado Asento de negros). O contexto máis amplo estaría vencellado ao desenvolvemento do denominado comercio triangular que, en torno ao século XVII, rotaba entre os tres continentes encarados ao océano Atlántico, sobre a base de maiores e modernos navíos (galeóns). Unha vez comprados ou capturados en África, os escravos atravesaban o océano cara ao continente americano onde desenvolverían traballos forzados en plantacións e facendas. Desde Europa eran exportados diversos produtos (téxtiles, armas, quincalla) cos que se pagaba a compra dos escravos africanos a tribos africanas que intermediaban con escravos que as mesmas capturaban entre tribos do interior continental. Os mesmos barcos, deixadas as "pezas" (cada peza equivalía a un adulto san) nas Américas, retornaban na Europa cos produtos ultramarinos americanos. Os gaños para os transportistas eran enormes.

No que toca ás cifras do tráfico negreiro non hai unanimidade; debe terse sempre presente que estamos nunha época preestatística. Os cálculos extremos varían entre cerca de 12 millóns e 30 millóns de africanos trasladados para América entre os inicios do século XVI e o século XIX.

As principais colonias de destino dos escravos procedentes de África na trata atlántica, serían segundo estimacións de Hugh Thomas (2006):

  • Brasil: 4 millóns de africanos.
  • Colonias españolas: 2,5 millóns.
  • Antillas británicas: 2 millóns.
  • Antillas francesas e Guaiana: 1,6 millóns.
  • Norteamérica : 0,5 millóns.
  • Colonias holandesas: 0,5 millóns.
  • Antillas danesas: 28.000 desembarcados[1]
  • Europa (Portugal, Illas Canarias, Madeira, Azores etc.): 200.000 desembarcados[1]

Sistemas escravistas e resistencias[editar | editar a fonte]

A escravitude implantouse nos países americanos aludidos ata o punto de formarse sociedades con sistemas escravistas completos á maneira da antiga sociedade greco-romana. Os escravos eran separados por sexos, vivindo en construcións comúns: barracón (Cuba, Porto Rico), senzala (Brasil) ou barrack (E.U.A.), impedíndose así a formación de familias, para evitaren os gastos xerados pola crianza na nenez. De aí a necesidade da subministración continua de novos escravos, especialmente adultos, por medio da trata negreira. Cando a comezos do século XIX, nos Estados Unidos a trata foi impedida por lei (1807), sería alentada a formación de familias escravas que agora pasan a vivir nunha choza ou cabana: a cabin (de aí o título da novela de Harriet Beecher Stowe, Uncle Tom's Cabin), podendo reproducirse. É a resposta do sistema para poder renovar os escravos, pois os fillos manteñen a condición, eludindo a ameaza de consunción por falta de man de obra servil. A resposta é similar á adoptada polos romanos coa institución dos servi casati (ver Servidume). Tanto franceses como británicos xeraron nas súas colonias normas legais para codificaren as relacións produtivas escravistas (cfr. Code Noir).

A inhumanidade inherente ao sistema xerou respostas diversas. Desde a fuxida individual: o cimarrón nas colonias españolas, marron nas francesas, maroon nas británicas, calhambola no Brasil; ata rebelións abertas e mesmo a formación de repúblicas de escravos escapados, coñecidas no Brasil como quilombos e nos dominios españois como palenques , dos cales o máis famoso foi o Quilombo dos Palmares, organizado por Ganga Zumba e ao final por Zumbi. En determinados momentos as poboacións de escravos foron máis numerosas do que os caucásicos, especialmente nas Antillas, onde a fins do século XVIII Toussaint Louverture dirixiu a revolución en Haití, convertendo o país no segundo de América que atinxiría a independencia, só precedido polos Estados Unidos.

Abolición da escravitude[editar | editar a fonte]

A abolición do escravismo fíxose de maneira lenta e progresiva. En casos foi precedida pola derrogación da trata, talvez para non danar os "intereses" dos amos, aínda que a trata continuase de xeito clandestino. Na maior parte dos casos paralelamente á abolición da servidume en Europa. Velaí algunhas datas:

O escravismo no século XX[editar | editar a fonte]

Ora por supervivencia do escravismo tradicional, ora por medio de novas formas "modernas", a escravitude perviviu como unha realidade no século XX.

Nas colonias, os colonizadores decantáronse por constrinxir as poboación locais a traballos forzados. Na realidade, o traballo forzado revestía exactamente as mesmas condicións para os africanos que as rexistradas nas plantacións escravistas: sobreexplotación, castigos corporais, un estatuto de inferioridade, represión violenta, mesmo masacre. Sobre Leopoldo II, rei de Bélxica, considerado responsábel da situación, unha importante campaña de información e de reprobación foi lanzada no Reino Unido contra a actitude explotadora dos colonos no Congo Belga. Unha situación semellante perdurou ata a década do 1970 nas colonias portuguesas de África.

Na URSS, a China e outros países comunistas, usouse a deportación brutal para campos de traballos forzados (Gulag ou Laogai), nos que o individuo ficaba suxeito, arbitrariamente, a traballos gratuítos de por vida e en condicións que o quebrantaban psiquica e fisicamente. Con frecuencia, toda a súa familia corría a mesma sorte.

Durante a segunda guerra mundial, os invasores (alemáns e xaponeses) impuxeron e organizaron a escravitude en masa nos países conquistados e, incluso sobre a súa propia poboación. Esta escravitude foi exercida no seo de campos de traballos ou de campos de concentración, incluso coa repartición das persoas escravizadas entre as empresas que os solicitasen. Os casos de prostitución forzosa foron tamén frecuentes, en particular no caso xaponés.

Por último, varios países, especialmente árabes, mantiveron a escravitude ata a metade do século XX: Arabia Saudita ou Omán por exemplo, mais mesmo aconteceu entre os mouros de certas colonias francesas, en Mauritania e no Sudán francés, a pesar da supresión oficial do fenómeno. Mauritania aboliu o escravismo dos Harratins aínda en 1980. Na actualidade, a escravitude tradicional persiste en numerosos países de África e de Asia.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Hugh Thomas, 2006, p.870

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]