Historia da enfermaría

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Seguramente a orixe das prácticas de coidados a enfermos e feridos está ligada ás intervencións maternais que aseguraban a continuidade da vida e da especie. A alimentación, como necesidade básica nos primeiros estadios evolutivos do home que implica suplencia e axuda (por parte da nai ou substituta), considérase como a práctica de coidados máis antiga.[1]

A historia da enfermaría mostra como esta disciplina foi formándose no curso dos anos, frecuentemente de forma empírica, ao redor da relixión ou de sucesos como as guerras, as necesidades da sociedade en materia de saúde, que foron evolucionando cos tempos, e tamén das reflexións humanistas e mais da toma de conciencia das necesidades sociais.

A enfermaría e os coidados enfermeiros evolucionaron paralelamente coa historia da medicina e a da filosofía da ciencia.

Historia[editar | editar a fonte]

Primeiros tempos[editar | editar a fonte]

A arte enfermeira ou arte de coidar aparece descrita de diferentes maneiras nas culturas populares. Desde a época de Homero e de Sócrates existe constancia de que xa se tiña en conta de que o feito de autocoidarse, desde a perspectiva da limpeza e nutrición adecuada, mantiña a vida e a prosperidade dunha persoa.

Febe (ca. 60 d.C.) é a única muller coñecida da antigüidade como dedicada aos coidados. Era unha muller corintia, mencionada polo apóstolo San Paulo en Romanos 16: 1-2, como unha diaconisa da antiga Igrexa cristiá. Atendía os pobres nos seus fogares e, co tempo, este labor transformouse na parte primordial do traballo das diaconisas. Non obstante, non se relaciona coa enfermaría.[2]

Idade Media[editar | editar a fonte]

Na Idade Media, a vocación de "prestar axudar ao semellante" está estreitamente ligada á ideoloxía da relixión e da Igrexa. Os coidadores adoptan consignas similares ás da relixión de Cristo: socorrer os humildes, ter misericordia cara aos aflixidos, atender os enfermos etc.. pois, na época, a idea de pobreza está unida á da caridade.

As grandes epidemias e os tempos de guerra influíron na organización do coidado ás persoas enfermas no seo das congregacións relixiosas. O cristianismo e a súa organización (a Igrexa) tivo vínculos históricos importantes coas prácticas de coidados de enfermaría desde os mosteiros a través das ordes relixiosas, así como desde a conquista da Terra Santa nas cruzadas. Como consecuencia do pensamento medieval relacionado coa reconquista dos Santos Lugares, xurdiu un movemento organizado que cristalizou no fenómeno histórico das cruzadas, as cales deron lugar á aparición de tres tipos de figuras: o guerreiro, o relixioso e mais o enfermeiro.

Hôtel-Dieu de París en 2007
Hôtel-Dieu de Lión, na actualidade

A demanda de hospitais e de persoal sanitario nas rotas seguidas polos cruzados propiciou a aparición das Ordes Militares dedicadas á enfermaría: especialmente da Cabaleiros Hospitalarios de San Xoán de Xerusalén, que fundaron as primeiras enfermarías que tiñan a vocación de "asegurar e coidar", pero tamén os Cabaleiros Teutónicos e os Cabaleiros de San Lázaro.

Paralelamente, os hospitais evolucionaron seguindo o desenvolvemento das cidades: novas formas de asistencia desenvólvense, sobre todo desde o século VII, no seo do que os franceses denominan Hôtel-Dieu. Estas institucións comezan a restrinxir as entradas de moita xente en proveito dos enfermos curábeis, e especialízanse en hospicios onde os coidados aos enfermos se organizan a través da xerarquía relixiosa e son dispensados polas sores (monxas) hospitalarias. O coidado aos enfermos baséase entón na aplicación de técnicas e coñecementos médicos e cirúrxicos que lentamente se van desenvolvendo.

Pero en España, a primeira institución destinada a acoller enfermos data dun século antes: foi o Hospital do Bispo Masona, en Mérida, no século VI, segundo Domínguez Alcón e o Diccionario Eclesiástico de España.[2]

Entre os hospitais medievais onde se desenvolvían actividades de enfermaría encóntranse o Hôtel-Dieu de París e o de Lión, o Hospital Santo Spirito de Roma, o Hospital da Seo de Tortosa, o Hospital de Mérida e o Hospital d'en Clapers de Valencia, dos cales, segundo datos recollidos por Domínguez Alcón, os dous primeiros perduran na actualidade.[2][3]

O chamado movemento beguino, constituído por "mulleres santas" que coidaban enfermos, diferénciase fundamentalmente, dentro da armazón histórica-cristiá-caritativa ligada aos coidados de enfermaría, en que non asumían os votos preceptivos propios das ordes relixiosas.[2]

As denominacións das persoas encargadas de proporcionar coidados de enfermaría variaron ao longo da historia en función da época e do contexto onde estes se desenvolvían (hospitais, leprosarías, ordes militares, ordes relixiosas e ámbitos domésticos): macipa, mossa, clavera, donado, donada, hospitaler, hospitaleira, enfermeiro, enfermeira.[2] Segundo a historiografía estudada até agora, os administradores ou procuradores dos hospitais eran homes, salvo no Hospital del Rey de Burgos.[2]

Idade Moderna[editar | editar a fonte]

Grande Hospital Real ou Hospital dos Reis Católicos. Construído en Santiago de Compostela, entre 1501 e 1511, por decisión dos Reis Católicos de 1499, baixo a dirección de Henrique Egas.[4]

No século XVI os coidados non son aínda coidados médicos, senón máis ben axudas aos indixentes, aos camiñantes (peregrinos) e aos mendigos. Até o ano 1500, a escasa atención en canto á regulamentación dos coidados de enfermaría, practicados en ámbitos domésticos, propiciou unha variedade de grupos que exercían estas actividades fóra dos ámbitos institucionais: amas de cría, parteiras o comadroas, grupos dedicados ao coidado a domicilio e grupos dedicados a outras prácticas sandadoras.[2]

A Reforma protestante tivo, nos países onde se implantou, graves consecuencias para os coidados da saúde debido á supresión das institucións de caridade, posto que para a filosofía protestante "non son necesarias as obras de caridade para obter a salvación". Isto traduciuse nun abandono da consideración do coidado de enfermaría, que continuou existindo no ámbito católico.[2]

Entre os anos 1500 e 1860 a enfermaría tivo o seu peor momento en canto ao seu progreso, debido a que a idea predominante era de que constituía unha ocupación relixiosa máis que intelectual, polo que o seu progreso científico se consideraba innecesario.[5]

Ademais, tras a Reforma protestante, produciuse nos países reformados unha desmotivación relixiosa para dedicarse ao coidado de enfermos entre as persoas laicas e, como consecuencia, unha relegación das antigas pacientes, presas e outras persoas dos estratos máis baixos da sociedade da actividade de lles aplicar coidados. Donahue denominou a este período a "Época escura da enfermaría".[2]

San Xoán de Deus, pintado por Murillo.
San Vicente de Paúl (1581-1660)

En 1540, Bernardino de Obregón, reformador da enfermaría da súa época, que durante máis de 20 anos serviu en hospitais de Madrid (chegou a dirixir o Hospital General), observara as moitas carencias que tiña a práctica da enfermaría. Isto, xunto coa súa elevada formación e o seu espírito reformador, levouno a propoñer cambios moi importantes na forma de entender a práctica dos coidados enfermeiros.

Fundou a Mínima Congregación de los Hermanos Enfermeros Pobres (coñecidos ata o século XIX como enfermeiros obregóns) e transmitiu aos seus irmáns os seus saberes, deixándolles a encarga da elaboración dun tratado específico para os enfermeiros.

Corpo de Santa Luísa de Marillac (1591-1660)

Dezaoito anos despois da súa morte, en 1617, un irmán obregón, Andrés Fernández, imprimiu un manual, Instrucción de Enfermeros y método de aplicar los remedios a todo tipo de enfermedades, que foi o primeiro no seu xénero elaborado por enfermeiros e para enfermeiros. Coñeceu cinco edicións entre os séculos XVII e XVIII.

En 1545 falece en Granada (España) Xoán de Deus (que subiría aos altares co nome de San Xoán de Deus). A súa obra de entrega aos enfermos será proseguida polos seus irmáns, que constituirían á Orde de San Xoán de Deus a partir da segunda metade do século XVI.

Neste mesmo século Vicente de Paúl e Luísa de Marillac fundan, en 1633, a congregación das Irmás (ou Fillas) da Caridade, Serventas dos Enfermos Pobres, que instruían mulleres para que puideran prestar coidados a domicilio e levar asistencia espiritual aos enfermos nas Confrarías da Caridade.

Estas comunidades non tiñan convento, senón que coidaban aos pobres na súas casas: "Non teremos mosteiro, pero si as casas dos enfermos, unha habitación alugada, a capela, a igrexa da parroquia, os recantos das rúas da cidade ou as salas dos hospitais".[6]

En 1645 Jeanne Mance inaugura o primeiro hospital de Norteamérica, o Hôtel-Dieu de Montreal e, entre ese ano e 1656, as Irmás da Caridade tratan aos feridos das batallas en Sedán e Arras, en Francia. Xa en 1660 existen máis de corenta casas das Irmás da Caridade en Francia e noutros países; os enfermos pobres son atendidos nos seus fogares en 26 parroquias de París.

No século XVIII xorde, en Francia, a noción de "gobernar as enfermidades", coa primeira obra destinada a dar instrución a todas as persoas caritativas que lles daban os seus coidados aos seus semellantes.

En 1785, Colombier e Doublet publican un informe titulado Instruction sur la manière de gouverner les insensés et travailler à leur guérison dans les asyles qui leur sont destinés. E en 1786, Joseph Carrère, médico do rei de Francia, publica á súa vez un manifesto en favor da instrución dos garda-enfermidades, non tanto para gobernalas, senón máis ben para servir aos enfermos.

Outros feitos destacábeis na historia da enfermaría neste século foron a viaxe que fixo, co exército de Braddock, en 1755, Rabia Choraya, xefa de enfermaría no exército marroquí, durante o conflito bélico entre Francia e a India, e que foi a muller mellor pagada e respectada no exército; ou o de que en 1783 James Derham, un escravo de Nova Orleáns, comprou a súa liberdade con diñeiro gañado grazas ao seu traballo como enfermeiro.[7]

Jean Baptiste Pussin, gobernador dos tolos e tolas de Bicêtre (val do Marne), concibiu a idea de dar un tratamento máis humano aos enfermos. Algúns anos máis tarde, en 1795, xunto co célebre alienista Philippe Pinel, liberou os alienados das súas cadeas.

Idade Contemporánea[editar | editar a fonte]

Monumento na rúa do Parrote, no porto da Coruña, en homenaxe ao Dr. Balmis, a Isabel Zendal e aos nenos orfos que partiron na expedición.

Despois da Revolución francesa algúns homes, especialmente Condorcet e o Abade Grégoire, militaron igualmente en favor da instrución das persoas que coidan e dos coidados que prodigan.[8]

Nos primeiros anos do século XIX cómpre resaltar a función desempeñada pola rexente e enfermeira do hospicio da Coruña Isabel Zendal, galega de Ordes, na Real Expedición Filantrópica da Vacina que, o 30 de novembro de 1803 saíu desde o porto da Coruña, ao mando do médico Dr. Balmis, expedición que levaría a vacina da varíola a América, Filipinas e a China, con 37 persoas a bodo da corveta María Pita. Isabel Zendal deixara o seu posto no hospicio para facerse cargo dos 22 nenos que levarían a vacina. A vacina debía ser levada por nenos que non tiveran padecido a varíola e pasada dun neno a outro cada 9 ou 10 días. Entre estes nenos estaba o seu propio fillo, Benito Vélez, de nove anos.[9]

A expedición chegou a Santa Cruz de Tenerife, onde pasan un mes vacinando, e saíu das Canarias o 6 de xaneiro de 1804, chegando a Porto Rico o 9 de febreiro.

O 7 de febreiro de 1805 a expedición saíu rumbo a Filipinas cun grupo de 26 nenos mexicanos entre os que estaba o fillo de Isabel, chegando a Manila o 15 de abril. O 14 de agosto de 1809 a expedición volveu a Acapulco pero Isabel quedou na Nova España, en Puebla, co seu fillo, e xa non volverían a España.

Pódese entender globalmente esta expedición como "unha caravana infantil con rumbo ao Novo Mundo para transportar a vacina e prever as epidemias de varíola. Dando como resultado unha das viaxes máis estrañas que tivo como protagonista á medicina e á ciencia no século XIX".[10]

Dos 22 nenos, seis eran nenos vindos da "Casa de Desamparados" de Madrid, 11 do Hospital de Caridade da Coruña, e os outros 5 do hospicio de Santiago.

O traballo de Isabel Zendal foi inxenrte:

"La mísera Rectora que con el excesivo trabajo y rigor de los diferentes climas que hemos recorrido, perdió enteramente su salud, infatigable noche y dia ha derramado todas las ternuras de la más sensible Madre sobre los 26 angelitos que tiene a su cuidado, del mismo modo que lo hizo desde A Coruña y en todos los viajes y los ha asistido enteramente en sus continuadas enfermedades"

E foi recoñecido en 1950 pola Organización Mundial da Saúde (OMS), que considerou a Isabel Zendal como a primeira enfermeira da historia en misión internacional.

Florence Nightingale, considerada como a pioneira dos coidados enfermeiros.

Así mesmo, na primeira metade do século XIX, pódese salientar que, contra 1820. Jensey Snow, un antigo escravo, abriu un hospital en Petersburg, Virxinia; en 1836 creouse a Sociedade de Enfermaría de Filadelfia e, en 1844, a enfermeira norteamericana Dorothea Dix testemuña no xulgado de Nova Jersey para pedir unha mellora dos cativos tratamentos que se lle daban aos pacientes con enfermidades mentais.

O Instituto de Diaconisas de Kaiserwerth, creado en 1836 polo pastor protestante Theodor Fliedner (1800-1864), supuxo o inicio dunha formación regrada para enfermeiras. Este feito, acaecido no ámbito protestante, pode supoñer nunha análise superficial unha contradición; non obstante, o propio caos e desorganización dos coidados de enfermaría protestantes foi o que exixiu unha regulamentación formal e específica para exercer a profesión.

Pero a auténtica revolución na historia da enfermaría prodúcese na segunda metade do século, da man de Florence Nightingale e as súas seguidoras e seguidores. Nightingale está considerada como a fundadora do oficio de enfermaría moderno. Comenza a súa formación como enfermeira, en 1850, no Instituto de San Vincente de Paúl en Alexandría, Exipto.[11] Máis tarde, en 1853, visita ás Fillas da Caridade na súa central en París para aprender os seus métodos.

Nightingale, pioneira dos coidados enfermeiros modernos, foi nomeada Presidenta da Dirección de Enfermaría do Reino Unido en 1854.

Monumento a Florence Nightingale en Londres

Neste mesmo ano foi enviada a Turquía, con 38 enfermeiras voluntarias máis, para atender sanitariamente aos feridos da guerra de Crimea. Alí introduciu profundos cambios nos coidados que se lle facían aos feridos. Como lavar a roupa, dar comida suficiente ou manter a hixiene das salas, que modificarían radicalmente as expectativas de vida dos pacientes.

Segundo Robinson, o libro Notes on Nursing (Notas de enfermaría: Que é e que non), publicado por Florence Nightingale en 1859, supuxo "un texto de crucial influencia sobre a enfermaría moderna".

En 1860 inaugurouse a Nightingale Training School for Nurses (Escola Nightingale de formación para enfermeiras"), que foi unha institución educativa independente financiada pola Fundación Nightingale. A orixinalidade do proxecto foi considerar que debían ser as propias enfermeiras as que formasen as estudantes de enfermaría mediante programas específicos de instrución, facendo fincapé tanto nas intervencións de enfermaría hospitalarias como extrahospitalarias, para o mantemento e prevención da saúde tanto do individuo como das familias.[2]

Nigthingale, reformadora do concepto de enfermaría, deulle unha nova directriz á ciencia do coidado do ser humano, situando ao paciente nas mellores condicións para que a natureza actuase sobre el nun ambiente limpo, libre de axentes patóxenos.

En 1857 Ellen Ranyard crea o primeiro grupo de traballadores sociais en Inglaterra e convértese en pioneira no programa de Distritos de enfermaría en Londres.[12]

Unha enfermeira (Anne Bell) ocupándose de dous soldados feridos na Guerra de Secesión norteamericana.

Durante a guerra civil norteamericana, ou guerra de secesión (1861-1865), fúndase o corpo de enfermeiras no exército norteamericano e, no primeiro ano desta guerra, Sally Louisa Tompkins abre un hospital para os soldados confederados. Converteuse máis tarde en oficial do exército, a única muller en recibir este grao.

En Francia, en 1871, pouco despois dos acontecementos da Comuna de París, aparecen as primeiras estruturas de ensino laico e regulamentado para os coidados enfermeiros, baixo o impulso do doutor Désiré-Magloire Bourneville, e dunha ordenanza de 28 de outubro de 1902 animando ás Facultades de Medicina a tomar ao seu cargo o seu ensino.[13].

En 1872 establécense nos Estados Unidos os primeiros programas de formación moderna en enfermaría, establecendo a súa educación formal, e o ano seguinte Linda Richards gradúase no Hospital de Nova Inglaterra pola Escola de Formación para Mulleres e Nenos en Enfermaría, converténdose oficialmente na Primeira Enfermeira Formadora de América.

O mesmo ano inaugúrase, no Hospital Bellevue, en Nova York, a primeira Escola de Enfermaría de Norteamérica, baseada nos principios de enfermaría de Florence Nightingale.

Clara Barton
Lillian Wald

En 1879 Mary Eliza Mahoney gradúase no Hospital de Nova Inglaterra pola Escoa de Formación para Mulleres e Nenos en Enfermaría, converténdose oficialmente na primeira enfermeira profesional de cor nos Estados Unidos.[14]

En 1881 Clara Barton convértese na primeira presidenta da Cruz Vermella Americana, que ela fundara. E en 1884 Mary Agnes Snively, a primeira enfermeira de Ontario instruída de acordo cos principios de Florence Nightingale, asume o posto de presidenta da Escola de Enfermaría do Hospital Xeral de Toronto.

En Estados Unidos, segundo Donahue, o primeiro texto sobre enfermaría publicouse en 1885 pola señora Clara Weeks Shaw. Nese mesmo ano inaugúrase no Xapón o primeiro instituto de formación en enfermaría.[15]

En 1886 publícase por primeira vez The Nightingale, a primeira revista de enfermaría dos Estados Unidos e, dous anos máis tarde, comeza a editarse, en Buffalo, Nova York, a publicación mensual The Trained Nurse and Hospital Review.

Lilian Wald foi a precursora do que hoxe se entende como Enfermaría comunitaria, mediante un proxecto que comezara en Nova York en 1893 como unha organización filantrópica (nun orfanato onde os nenos eran maltratados). Foi a creadora da Enfermaría domiciliaria nos Estados Unidos, comezando a impartir clases domiciliarias de enfermaría para as mulleres do Lower East Side, Manhattan (Nova York). Isto constituiría a base para o posterior desenvolvemento da Saúde Pública no dito país.

En 1893 o chamado Xuramento Nightingale, composto por Lystra Gretter, utilizouse por primeira vez na graduación da clase do antigo Hospital Harper en Detroit, Míchigan, e en 1897 a Asociación de Enfermeiras Americanas efectúa a súa primeira reunión.

En 1899 Anna E. Turner, que xa servira como enfermeira no exército norteamericano na guerra con España, volve a Cuba nun barco de gando con 1.400 homes, 720 cabalos e mulas e outras nove enfermeiras para combater durante dous anos un gromo de febre amarela nun hospital da Habana.[16] Nese mesmo ano constitúese o Consello Internacional de Enfermeiras.

Enfermeiras en 1915 - Pintura de Henri Gervex: L'Ambulance de la Gare de Poitiers
Enterro de Irmás Canadenses da Enfermaría que morreron nun ataque aéreo alemán. Maio de 1918.
Cemiterio Nacional de Arlington, en Arlington, (Virxinia), situado fronte a Washington DC.

Xa no século XX, Nova Zelandia foi o primeiro país que regulou as enfermeiras no ámbito nacional coa adopción da Acta (Lei) de Rexistro de Enfermeiras, o 12 de setembro de 1901. Ellen Dougherty foi a primeira enfermeira rexistrada no mundo, o 10 de febreiro do ano seguinte.

En 1915 a enfermeira Edith Cavell é fusilada polos alemáns o 12 de outubro por axudar a escapar dos Países Baixos a centos de soldados aliados.

En 1918 Lenah Higbee é premiada coa Cruz da Armada dos Estados Unidos polos seus servizos distinguidos na súa profesión, e a infrecuente e extraordinaria devoción desempeñando o seu cargo de xestora dos Corpos de Enfermaría da Armada estadounidense. Foi a primeira muller viva en recibir este honor.

En 1922, na Universidade de Indiana fundouse a Sigma Theta Tau, unha organización que promove a investigación e dirección de enfermaría. Os seus membros son seleccionados de acordo cos seus logros académicos e calidade profesional, e entre eles figuran estudantes, estudantes graduados en programas de enfermaría e dirixentes de enfermaría comunitaria.[2][17]

En 1923 a Escola de Yale de Enfermaría convértese na primeira escola de enfermaría autónoma dos Estados Unidos, co seu propio reitor, facultade, orzamento e licenciatura, alcanzando os estándares da Universidade. O seu currículo estaba baseado nun plan educativo de maior nivel do que as necesidades hospitalarias exixían nesa época. Nese mesmo ano, Mary Breckinridge, fundadora do Servizo Fronteirizo de Enfermaría, percorreu 700 millas a cabalo para cubrir as necesidades sanitarias dos habitante rurais de Kentucky.[18]

En 1938 levántase no Cemiterio Nacional de Arlington o Memorial á enfermeira para honrar ás enfermeiras que serviron nas forzas armadas durante a primeira guerra mundial. Máis de 600 enfermeiras están alí enterradas.[16]

En 1942, no masacre da Illa de Banka, 21 enfermeiras australianas, superviventes ao bombardeo e naufraxio do barco en que viaxaban, son executadas por soldados da Armada Imperial Xaponesa, o 16 de febreiro.

En 1951 os homes enfermeiros do Reino Unido utilizan o mesmo rexistro de enfermeiros que as mulleres por primeira vez. En 1952 a introdución dos sedantes transforma a Enfermaría de Saúde Mental. En 1956 a Escola de Enfermaría da Universidade de Columbia é a primeira dos Estados Unidos en ofrecer un mestrado nunha especialidade de enfermaría clínica.[19]

En 1960 a Universidade de Edimburgo iniciou o primeiro grao en enfermaría. En 1980 publícase o Modelo de enfermaría de Roper, Logan e Tierney, baseado nas actividades da vida cotiá. En 1983 a importancia dos dereitos humanos en enfermaría faise explícito na declaración adoptada polo Consello Internacional de Enfermeiras.

En 1990, o día do nacemento de Florence Nightingale (12 de maio) declárase oficialmente como Día da Enfermaría.[15]

En España non se pode falar dunha orixe específica da Enfermaría de Saúde Pública, xa que as ideas anglosaxoas non tiveron moito eco entre as enfermeiras españolas até que, en 1933, creáronse as 50 primeiras prazas de enfermeiras visitadoras e sanitarias.

Durante a segunda guerra mundial a penuria de médicos fixo que a enfermaría adquirira maior importancia e relevo. Nos últimos días da guerra un artigo de Bixler e Bixler na revista American Journal of Nursing valoraba a enfermaría como unha profesión.

Os sete criterios para unha profesión identificados por estes autores eran aplicábeis á enfermaría da forma en que se practicaba nese momento, e xustificaban a consideración desta actividade como profesión. Bixler e Bixler revisaron os seus criterios e o nivel profesional da enfermaría 14 anos despois, e observaron que ambos os dous continuaban sendo válidos.

Facultade de Enfermaría. Universidade de Antioquia, en Medellín, Colombia.[20]

O coidados enfermeiros, dos que a terminoloxía quedou oficialmente fixada despois da primeira sesión do Comité de expertos en enfermaría da Organización Mundial da Saúde (OMS) en 1950,[21] e cuxo primeiro código de deontoloxía se publicou en 1953,[22] tenderon, desde aquela, a constituírse nunha ciencia.

En España, o 4 de decembro de 1953 unifícanse nos ATS (Asistentes Técnicos Sanitarios) os estudos de auxiliares sanitarios seguindo o modelo de especialidades médicas co obxecto de proporcionar así maior formación posbásica ás profesións de matronas, practicantes e enfermeiras, de modo que as matronas pasan a ser unha especialidade de ATS [23] e pouco despois tamén os fisioterapeutas.[24]

Nos anos 60, os movementos de liberación da muller permiten ás enfermeiras, profesión daquela case exclusivamente feminina, liberarse da argola de simples executantes detrás do home/médico. Os coidados dispensados empréndense con avances na autonomía, e alónganse cara a certos procesos de reflexión propia da enfermaría. E así toda intervención enfermeira desde os anos 60 está sometida a unha marcha científica chamada procesos de coidados enfermeiros.

En 1977,[25] transfórmanse en España as ensinanzas conducentes ao título de ATS polas de Diplomado universitario en enfermaría (DUE). Este feito histórico supuxo o recoñecemento por parte da institución universitaria da enfermaría como disciplina en proceso de construción e como profesión de carácter universitario con todo o que iso implica: recoñecemento científico e académico da antiga actividade do coidado de enfermaría, crecemento doutrinal e a posibilidade futura de acceder a todos os graos académicos (licenciatura e doutoramento).[2]

Máis recentemente, a enfermeira norteamericana Hall identificou os seguintes cinco criterios de actitude coa profesionalidade:

  1. Uso de organizacións profesionais como referentes importantes.
  2. Crenza na autorregulación, o que trae a idea de que só os profesionais dunha área específica poden establecer as normas para a súa práctica.
  3. Crenza no servizo ao público como parte esencial da profesión.
  4. Sentimento de considerar o campo profesional, ou o compromiso coa profesión, como un interese fundamental e un desexo que vai máis alá da recompensa económica.
  5. Autonomía cando o profesional debe tomar decisións sobre o seu traballo baseadas nas normas do mesmo e no código deontolóxico.[26]

Na actualidade, en Estados Unidos ofrécense dous programas de doutoramento en enfermaría: o doutoramento académico e o doutoramento en ciencias da enfermaría. Isto supón a consecución do máximo grao académico para a enfermaría no contexto estadounidense. Así mesmo, este "duplo doutoramento" supón exixencias académicas que configuran, sen dúbida, o coñecemento da enfermaría e a identidade profesional. Para pertencer á Academia Americana de Enfermaría (American Academy of Nursing) é necesario ter realizado traballos de investigación inéditos que supoñan un aumento do corpus de coñecementos de enfermaría. Este feito é análogo para todas as disciplinas científicas, así como para as súas respectivas academias.

En España, e noutros países da Unión Europea, co programa de estudos resultante do chamado proceso de Bologna, a enfermaría alcanzou o seu máximo desenvolvemento, pois é posíbel obter o doutoramento en enfermaría, que facilita o labor de investigación e, consecuentemente, o desenvolvemento da profesión. Aínda que algúns pensan que, tras este duro axuste da carreira, se producirá un descenso no número de novos profesionais.[27]

Galería de imaxes de uniformes de enfermaría[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Hernández Conesa, Juana (1996): Cuestiones de Enfermería. McGraw-Hill/Interamericana de España. ISBN 84-486-0103-3.
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 Hernández Conesa, Juana. Op. cit.
  3. Véxanse as fotos recentes destas dúas institucións.
  4. Serviu como hospital até mediados do século XX, data na que se transformou no Hostal dos Reis Católicos, parador nacional de turismo.
  5. A este respecto, véxase o que se di no artigo Historia da cirurxía sobre as loitas entre a Igrexa e os científicos nas idades media e moderna.
  6. Sisters of Charity of St. Vincent de Paul. Catholic Encyclopedia. (en inglés)
  7. Aetna. History African American Nurses (en inglés)
  8. Magnon, René: "Les figures marquantes des soins infirmiers". In La Revue de l'Infirmière, números 134 e 135 (2007) e 137 e 138 (2008).
  9. De Romo, Ana Cecilia Rodríguez (1997): "Inoculation in the 1799 smallpox epidemic in México: Myth or real solution?". Antilia: Spanish Journal of History of Natural Sciences and Technology.
  10. Con estas palabras comeza o libro de Gonzalo Díaz de Yraola La vuelta al mundo de la expedición de la vacuna (A volta ao mundo da expedición da vacina). Sevilla: Escuela de Estudios Hispanoamericanos, C.S.I.C., 1948, p. 1.
  11. "Discovernursing.com". Arquivado dende o orixinal o 14 de xullo de 2007. Consultado o 14 de xuño de 2011. 
  12. INFED. Ellen Ranyard ("lnr"), Bible women and informal education (en inglés)
  13. Etienne, D. (2006): La couple médecin-infirmière, de 1900 à nos jours. Dossier spécial 50 ans. Revue Soins, nº 711.
  14. ANA. American Nurses Association Arquivado 12 de xuño de 2011 en Wayback Machine. (en inglés)
  15. 15,0 15,1 Japanese Nursing Association. Japanese nursing system and its history Arquivado 11 de marzo de 2018 en Wayback Machine. (en inglés)
  16. 16,0 16,1 Arlington Cemetery. Nurses Memorial Arquivado 11 de novembro de 2001 en Wayback Machine. (en inglés)
  17. Sigma Theta Tau. Honor Society of Nursing (en inglés)
  18. Frontier Nursing Service Arquivado 21 de setembro de 2004 en Wayback Machine. (en inglés)
  19. Columbia University School of Nursing. A Brief History Arquivado 09 de decembro de 2006 en Wayback Machine. (en inglés)
  20. Fundada en 1950 como Escola de Enfermaría, transfórmase en 1980 en Facultade.
  21. Serie dos informes técnicos nº 24, Xenebra, 1950
  22. Véxase en Código deontolóxico para a profesión de enfermaría Arquivado 03 de maio de 2012 en Wayback Machine. de 1953. (en castelán).
  23. Decreto de xaneiro de 1957, BOE do 12 de febreiro de 1957.
  24. Real Decreto de 26 de xullo de 1957, BOE do 23 de agosto.
  25. Real Decreto 2128
  26. Historia de la Enfermería. (en castelán)
  27. Duro ajuste a la enfermería por el plan de Bolonia

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Baly, Monica E. e H. C. G. Matthew (2004): "Nightingale, Florence (1820–1910)"; Oxford Dictionary of National Biography. Oxford University Press.
  • Bostridge, Mark (2008): Florence Nightingale: The Woman and Her Legend. Londres: Viking. ISBN 978-0-670-87411-8
  • D'Antonio, Patricia (2010): American Nursing: A History of Knowledge, Authority, and the Meaning of Work [1]
  • Dingwall, Robert, Anne Marie Rafferty, Charles Webster (1988): An Introduction to the Social History of Nursing. Routledge.
  • Hernández Conesa, Juana (1996): Cuestiones de Enfermería. McGraw-Hill/Interamericana de España. ISBN 84-486-0103-3.
  • Snodgrass, Mary Ellen (2004): Historical Encyclopedia of Nursing. From ancient times to the present.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]