Hipopótamo pigmeo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Hipopótamo pigmeo
Bristol.zoo.pygmy.hippo.arp.jpg
Estado de conservación
Status iucn3.1 EN gl.svg
En perigo
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Artiodactyla
Familia: Hippopotamidae
Xénero: Choeropsis
Nome científico
Choeropsis liberiensis
Wikispecies-logo.svg Coñeza toda a Bioloxía en Wikispecies, o directorio dos seres vivos

O hipopótamo pigmeo (nome científico: Choeropsis liberiensis, do grego khoiros, ‘porco’; e opsis, ‘parecido a’; e liberiensis, ‘relativo a Liberia’) é unha especie de mamífero da familia Hippopotamidae, nativo dos selvas e pantanos da África Occidental. É unha das dúas especies viventes da familia dos hipopótamos. E é a única especie actual do xénero Choeropsis.

Ao contrario do hipopótamo común, é unha especie máis adaptada ao ambiente terrestre. Motivo polo cal presenta diversas características morfolóxicas distinguidas, e máis relacionadas cos hábitats forestais nos que vive. Debido aos hábitos furtivos e nocturnos, pouco se coñece sobre o comportamento social, reprodutivo e alimentar deste hipopótamo.

É unha especie ameazada de extinción, sendo considerada en perigo pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (IUCN). A súa área de distribución diminuíu drasticamente nos últimos 30 anos, principalmente pola deforestación, que fragmentou as poboacións. A guerra civil na rexión tamén influenciou negativamente as poboacións de hipopótamos, principalmente en Liberia.

Coñécense dúas subespecies, cuxas poboacións están separadas por preto de 1.800 quilómetros, polo Corredor de Daomé. A subespecie nixeriana atópase posiblemente extinta, sendo rexistrada soamente por algúns cranios recollidos na década de 1940, polo explorador colonial inglés, Ian Robert Penicuick Heslop.

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

O hipopótamo pigmeo é endémico da África Occidental, sendo rexistrado na Serra Leoa, Guinea, Costa do Marfil, Liberia e Nixeria[1]. Un rexistro do río Corubal na Guinea-Bissau feito por Cristino (1958), que mantivo que era un individuo, é case certamente un espécime novo de hipopótamo común[2]. É unha especie forestal, preferindo as matas densas achegadas a cursos de auga. Pero tamén pode ser atopado en matas ciliares que se estenden aos bosques transicionais e ao sur da sabana de Guinea.

A área orixinal de distribución do hipopótamo pigmeo non difire significativamente da actual, malia que as poboacións se teñan fragmentado e desaparecido dalgunhas rexións. As maiores poboacións da especie atópanse en Liberia, onde se rexistra nos condados de Grand Cape Mount, Lofa, Grand Bassa, Nimba, Grand Gedeh, Sinoe, Grand Kru e Maryland. As poboacións están dispersas en diversas áreas forestais no interior do país, como o Parque Nacional de Sapo, Selva de Cestos-Senkwehn, Selva Nacional Krahn-Bassa, Selva Nacional Gbi, Selva Nacional Grebo e en diversas áreas no condado de Grand Kru. Non hai informacións sobre as poboacións do noroeste do país, que pode abrigar un substancial número de hipopótamos[2]. Estudos sobre esas poboacións foron complicados por mor dos conflitos civís no país, tales como a Primeira e a Segunda Guerra Civil de Liberia.

Illa Tiwai, na Serra Leoa, onde pode ser atopada unha pequena poboación de hipopótamos pigmeos.

Na Serra Leoa poboacións remanentes poden ser atopadas na rexión da Selva de Gola na fronteira con Liberia, na illa Tiwai, localizada no río Moa e nas Montañas Loma. Outras poboacións reportadas na década de 60 están agora probabelmente extintas[2].

Guinea contén fragmentos poboacionais de hipopótamos pigmeos ao longo das fronteiras con Liberia e Costa de Marfil, na Reserva de Ziama. Algunhas evidencias tamén suxiren unha poboación pequena na Reserva Forestal Diécké, ao suroeste de Ziama. A selva Déré, onde se coñecía a existencia de animais, atópase actualmente degradada e con moitas áreas convertidas para a agricultura[2][3].

Costa de Marfil, perdeu gran parte da súa cobertura forestal, e a poboación de hipopótamos fíxose fragmentada, e pode ser atopada principalmente na fronteira con Liberia na rexión de Fresco, no Parque Nacional de Taï e posiblemente na Reserva Forestal Cavally, Reserva Natural do Monte Nimba, Reserva Forestal N'Zo, Selva Taipleu, Lagoa Tatigbo e ao longo dos ríos Gagbe, Bolo e Niouniourou[2].

En Nixeria, os hipopótamos pigmeos son coñecidos do Delta do Níxer ata as proximidades do río Cross. Esa poboación está illada en máis de 1.800 quilómetros ó leste, da outra poboación, do outro lado do Corredor de Daomé[2].

Características[editar | editar a fonte]

Ficha técnica [4][5]
Altura

75 – 83 cm

Ancho

150 – 177 cm

Cola

15 cm

Peso

180 – 275 kg

Tamaño de niñada

1

Desteta

6 - 8 meses

Madurez sexual

4 - 5 anos

Xestación

192 - 210 días

Lonxevidade

43 anos (en cativerio)

Hipopótamo pigmeo no Zoolóxico Louisvile, detalle para a anatomía facial.
Cranio dun hipopótamo pigmeo.

O hipopótamo pigmeo só ten a metade da altura e pesa menos de 1/4 có seu curmán o hipopótamo común (Hippopotamus amphibius). O corpo case non posúe cabelos, con excepción dalgunhas porcas nos beizos e no rabo. A súa coloración é negro-esverdeada no dorso, e cincenta nos flancos, e o ventre varía de cinza-claro ao verde-amarelado[4]. Os machos tenden a ser lixeiramente maiores que as femias[6].

Hipopótamos pigmeos comparten a mesmo formato xeral dos hipopótamos, un esqueleto graviportal con catro pernas curtas apoiando unha armazón corpulenta, e superficialmente parecen miniaturas do hipopótamo común, pero hai diferenzas estruturais notábeis entre eles[4]. A cabeza é proporcionalmente máis pequena e arredondada e non tan ancha ou achatada, e os ollos son menos protuberantes e están localizados lateralmente na cabeza. As narinas son anchas e case circulares, e os dedos están ben separados e con garras afiadas. Os membros e o pescozo son relativamente máis longos e o dorso está inclinado cara adiante no canto de ser paralelo ao chan, como no hipopótamo común[7]. Moitas desas adaptacións están relacionadas aos hábitos máis "terrestres" dos hipopótamos pigmeos. En adición, o xénero Choeropsis xeralmente ten un único par de incisivos inferiores, a diferenza do Hippopotamus que ten dous ou tres pares. A fórmula dentaria é: (I2/1, C1/1, P3/3, M3/3) x 2 = 34[7]. As fêmeas possuem um par de mamas [6]. As femias posúen un par de mamas[6].

A súa pel é moi semellante á do hipopótamo común, e presentan a mesma suor excepcional, que dá unha cor rosada ao corpo, e que moitas veces é descrita como "suor de sangue"[Cómpre referencia], aínda que a substancia secretada non sexa nin suor nin sangue. Crese que a substancia, altamente alcalina, teña función antiséptica e de protección contra os raios solares, visto que a pel do hipopótamo reseca e racha doadamente á exposición solar.

Hábitos[editar | editar a fonte]

Hipopótamo pigmeo descansando no auga, Zoolóxico de Aalborg.

A maior parte do seu comportamento é semellante ao do tapir, aínda que isto sexa un efecto da evolución converxente[8]. O comportamento do hipopótamo pigmeo diferénciase do hipopótamo común de moitos modos. Mentres o hipopótamo común é gregario, o pigmeo vive solitario ou en pequenos grupos, tipicamente en parella ou unha femia e a súa cría.

O hipopótamo pigmeo é un animal nocturno, pasando os días descansando nos remansos, pozas de lama e riachos. Algúns poden utilizar cavidades ou túneles escavados por outros animais ao longo das beiras dos ríos[4]. Ao anoitecer sae da auga, e utiliza os seus camiños abertos na densa selva para buscar alimento. Estes camiños demárcanse a través das feces, que son esparexidas por movementos vigorosos do rabo, e polo acto de esfregar o corpo nos troncos[8]. Ese acto de demarcación dos camiños implica que o hipopótamo pigmeo pode ser, polo menos, parcialmente territorial. Estudos de campo estimaron que os machos teñen un territorio de 1.85 km², mentres que o da femia é de 0.4 a 0.6 km²[5].

Debido aos seus hábitos furtivos, o hipopótamo pigmeo raramente é visto pola poboación local. Os efectos dos predadores na poboación da especie son descoñecidos, sendo o leopardo o único predador natural capaz de atacar o hipopótamo[8].

Hábitos alimentarios e dieta[editar | editar a fonte]

Os hipopótamos pigmeos son estritamente herbívoros, alimentándose principalmente de brotes, dicotiledóneas e froitos que atopan no chan da selva[9]. Eles non comen a vexetación acuática e raramente se alimentan de gramíneas, visto que estas dificilmente medran en bosques densos.

Así, coma o seu curmán, o hipopótamo pigmeo aliméntase durante o crepúsculo e a noite, seguindo camiños abertos na selva densa, onde pasa aproximadamente seis horas forraxeando[10].

Reprodución[editar | editar a fonte]

Cría de hipopótamo pigmeo, xunto a nai, no Zoolóxico de Jihlava, República Checa.

Un estudo do comportamento reprodutivo na natureza nunca foi conducido; as condicións artificiais do cativerio poden ser diferentes do comportamento en condicións naturais.

O período de xestación para os hipopótamos pigmeos é de aproximadamente 6,5 meses, pero non hai informacións sobre unha estación de procreación para a poboación salvaxe. Xeralmente só se concibe unha cría, pesando entre 3,4 a 6,4 quilogramos, os machos xeralmente nacen máis pesados[4]. O nacemento de xemelgos é raro, e a incidencia é de aproximadamente un en 200[9]. O parto pode ocorrer en calquera época do ano.

O parto ocorre en terra firme, e non hai evidencias, nos animais en cativerio, canto a construción dun niño[9]. A desteta ocorre entre seis e oito meses de idade. A madurez sexual ocorre entre 4 e 5 anos de idade[5]. Con todo, no zoolóxico de Basilea, na Suíza, foi rexistrado unha femia que pariu con tres anos e tres meses de idade[10].

O ciclo estral dura en media 28 días, co estro durando de dous a tres días[4]. Os hipopótamos pigmeos asócianse en parellas no período de celo, pero a duración dese período é descoñecida. A cópula pode ocorrer en terra ou no auga, e a parella únese dunha a catro veces durante o período do estro.

Clasificación[editar | editar a fonte]

O hipopótamo pigmeo foi inicialmente descrito por Samuel George Morton (1849) como Hippopotamus liberiensis. En 1853, Joseph Leidy describiu o xénero Choeropsis incluíndo a especie liberiensis. Coryndon (1977), baseado na morfoloxía da área lacrimal, sinonimizou o xénero Choeropsis co Hexaprotodon, xénero de hipopótamos extintos nativos principalmente de Asia[11], malia as diferenzas no número de dentes entre as especies. Moitos autores, entre eles, Peter Grubb (1993; 2005[1]) e Oliver (1995[12]), seguiron a conclusións de Coryndon. Con todo, Boisserie (2005), despois de exame completo da filoxenia da familia Hippopotamidae, constatou que o hipopótamo pigmeo pertencía a un xénero propio, restituíndoo ao Choeropsis[13]. Malia os cambios na nomenclatura, o hipopótamo pigmeo é a única especie actual do seu xénero[13]. Unha especie moi próxima foi o Hipopótamo pigmeo de Madagascar (Choeropsis madagascariensis), extinto durante os últimos 500 anos, do mesmo tamaño e co mesmo tipo de comportamento terrestre, habitando as terras altas e forestais, no canto dos ríos e espazos abertos[14].

(Vídeo) Hipopótamo pigmeo no Zoolóxico de Ueno, Xapón.

Subespecies[editar | editar a fonte]

Descríbense dúas subespecies de hipopótamo pigmeo[1][12]:

  • Choeropsis liberiensis heslopi Corbet, 1969
  • Choeropsis liberiensis liberiensis (Morton, 1849)

A subespecie nixeriana do hipopótamo pigmeo (heslopi) nunca chegou a ser estudada no estado salvaxe e nunca foi capturado ningún exemplar. Toda a investigación foi efectuada en espécimes da subespecie liberiensis. Así como todos os animais existentes en parques zoolóxicos tamén son desta subespecie.

Subespecie nixeriana[editar | editar a fonte]

O hipopótamo pigmeo de Nixeria ocupaba unha área no delta do Río Níxer, especialmente nunha rexión próxima de Port Harcourt, pero non existen relatos fiábeis sobre a súa existencia. Os primeiros espécimes coñecidos, algúns cranios recollidos polo explorador colonial inglés I. R. P. Heslop nas provincias de Owerri e Warri, foron enviados ao Museo de Historia Natural de Londres, preto de 1940[15].

Con todo, estes espécimes non foron suxeitos a avaliación taxonómica ata 1969, cando G. B. Corbet clasificou os cranios como sendo unha subespecie separada, baseado en variacións consistentes nas proporcións dos cranios[16]. O nome da subespecie deriva de I. R. P. Heslop, que afirmaba, en 1945, abater un hipopótamo pigmeo na rexión do delta do Río Níxer e coleccionar varios cranios. El estimou que talvez non existisen máis de trinta hipopótamos pigmeos naquela rexión[17].

A subespecie foi separada por unha extensión de 1.800 km e polo Corredor de Daomé, unha rexión desértica que divide as rexións forestais da África Occidental. Os hipopótamos pigmeos de Nixeria foron avistados ou mortos no estado de Rivers, no estado de Imo e no estado de Bayelsa. Malia algunhas poboacións locais teñan un coñecementos acerca da anterior existencia da especie, a súa historia na rexión é pouco documentada[10].

Conservación[editar | editar a fonte]

Parella de hipopótamos pigmeos na Reserva da Vida Salvaxe Monte Kenya.

O hipopótamo pigmeo é clasificado pola IUCN como en perigo de extinción[2], e na CITES aparece no Appendix II[18]. O Plan de Acción da IUCN de 1993 calculou unha poboación entre 2.000 e 3.000 hipopótamos pigmeos na selva, a maioría en Liberia. A máis pequena poboación está en Serra Leoa, estimada, en 1993, en só preto de 100 animais. Debido á condicións deterioradas na Liberia, a Lista Vermella da IUCN prevé que en 2006 estes números poidan mostrar un probábel descenso, particularmente debido á perda de hábitat.

A maior ameaza á poboación remanente de hipopótamos pigmeos é a perda de hábitat. As selvas nas cales os hipopótamos viven están suxeitas á deforestación, á ocupación para habitación e a agricultura, con mínimos esforzos para facer sustentábel a retirada da madeira. Debido á redución das selvas, as poboacións quedaron máis fragmentadas, o que conduce á perda da diversidade xenética no potencial grupo de reprodutores[2].

Por mor do seu estilo de vida recluído, non é branco de cazadores de subsistencia, malia outros cazadores os capturaren en ocasións. Algúns din que súa carne é de excelente calidade, como a de un xabaril. Ao contrario do hipopótamo común, os dentes dos pigmeos non teñen valor comercial[8]. Os efectos da guerra civil, no oeste africano, nos hipopótamos pigmeos son descoñecidos, pero non han ser seguramente positivos[2].

A C. liberiensis foi clasificado como unha das dez "especies de foco" en 2007 polo proxecto EDGE Species[19]. O EDGE clasificou especies que son evolutivamente distinguidas e que necesitan de maior protección para previr a súa extinción.

Malia ameazado na selva, o hipopótamo pigmeo reprodúcese e vive moi ben en zoolóxicos. Entre 1970 e 1991, a poboación de hipopótamos pigmeos nada en cativerio máis que dobrou. A supervivencia das especies nos zoos é maior que na selva[9][20]. En cativerio, o hipopótamo pigmeo vive entre 42-55 anos, máis que na selva[10]. Desde 1919, só o 41% dos hipopótamos pigmeos nados en zoolóxicos eran machos[21].

Aspectos culturais[editar | editar a fonte]

Hipopótamos pigmeos no Zoolóxico de Duisburg, Alemaña.

Mentres o hipopótamo común xa era coñecido polos europeos desde a Antigüidade Clásica, o hipopótamo pigmeo aínda era descoñecido fóra das súas áreas de distribución en África Occidental ata ao século XIX. Debido aos seus hábitos nocturnos e forestais, eran pouco coñecidos aínda dentro da súas áreas de distribución. En Liberia, o animal era tradicionalmente coñecido como vaca de auga (en inglés, water cow)[8].

Os primeiros relatos sobre este animal identificárono erroneamente como un xabaril salvaxe. Algúns cranios da especie foron levados ao científico Samuel G. Morton, durante a súa permanencia en Monrovia, en Liberia. Morton describiu por primeira vez a especie en 1843. Os primeiros exemplares completos foron recollidos durante unha investigación completa sobre a fauna liberiana, durante as décadas de 1870 e 1880, polo Dr. Johann Büttikofer. Os espécimes foron levados para o Museo de Historia Natural de Leiden, nos Países Baixos[8].

En 1873, por primeira vez un hipopótamo pigmeo foi levado para Europa, tras ser capturado en Serra Leoa por un membro de British Colonial Service, pero morreu pouco tempo trala súa chegada. Os hipopótamos pigmeos foron introducidos con éxito en Europa en 1911. Foron de entrada transportados a Alemaña e despois ao Zoolóxico de Bronx, en Nova York, onde tamén prosperaron[8].

En 1927, Harvey Firestone, da empresa Firestone, regalou ao Presidente de Estados Unidos de América, Calvin Coolidge, cun exemplar de hipopótamo pigmeo, chamado de Billy. Coolidge doou o animal ao Smithsonian National Zoological Park e de acordo con este parque zoolóxico, é o devanceiro da maioría dos hipopótamos pigmeos existentes nos Estados Unidos hoxe en día[20][22].

Recolléronse xa varios contos tradicionais sobre o hipopótamo pigmeo. Un deles conta que os hipopótamos pigmeos levan consigo, dentro da boca, un diamante brillante que os auxilia nas súas viaxes nocturnas a través das densas selvas; de día, os hipopótamos pigmeos posúen un lugar secreto onde esconden os diamantes, pero se son capturados durante a noite, os diamantes poden ser obtidos. Algúns habitantes das aldeas por veces creen que os hipopótamos bebés non son aleitados, senón que, no canto diso, lamben a pel da súa proxenitora[8].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 GRUBB, P. Order Artiodactyla. In: WILSON, D. E.; REEDER, D. M. (Eds.). Mammal Species of the World: A Taxonomic and Geographic Reference. 3. ed. Baltimore: Johns Hopkins University Press, 2005. v. 1, p. 637-722.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 2,8 LEWISON, R.; OLIVER, W. 2008. Choeropsis liberiensis. 2008 IUCN Red List of Threatened Species. <www.iucnredlist.org>. Acceso do 14 de outubro de 2008.
  3. MATSUZAWA, T. Chimpanzees of Bossou e Nimba. Other Sites: Déré (Guinea). Acceso de 27 de outubro de 2008.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 NOVAK, R. M. Walker’s Mammals of the World. Baltimore: Johns Hopkins University Press, 1999.
  5. 5,0 5,1 5,2 HUFFMAN, B. Hexaprotodon liberiensis. Ultimate Ungulate (v. 22-04-2004). Acceso 13 de outubro de 2008
  6. 6,0 6,1 6,2 SCHIMDT, C. R. Hexaprotodon liberiensis. Appendix II. CITIES, 1986.
  7. 7,0 7,1 GRZIMEK, B.; SCHLAGER, N.; OLENDORF, D. Grzimek's Animal Life Encyclopedia. Detroit: Thomson Gale, 2003.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 8,5 8,6 8,7 ROBINSON, P. T. River Horses and Water Cows. Hippo Specialist Group of the World Conservation Union. Acceso 30 de julho de 2007.
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 ELTRINGHAM, S. K. The pygmy hippopotamus (Hexaprotodon liberiensis). OLIVER, W. L. R. In 'Pigs, Peccaries and Hippos: Status Survey and Action Plan. Gland (Suiça): IUCN, 1993. 202 p.
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 ELTRINGHAM, S. K. The Hippos: Natural History and Conservation. Princeton Press, 1999. 256 p.
  11. CORYNDON, S. C. (1977). The taxonomy and nomenclature of the Hippopotamidae (Mammalia, Artiodactyla) and a description of two new fossil species. Proceedings of the Koninklijke Nederlandse Akademie van Wetenschappen 80 (2): 61-88.
  12. 12,0 12,1 OLIVER, W. L. R. (1995). Taxonomy and Conservation Status of the Suiformes — an Overview. IBEX Journal of Mountain Ecology 3: 3-5.
  13. 13,0 13,1 BOISSERIE, J-R. (2005). The phylogeny and taxonomy of Hippopotamidae (Mammalia: Artiodactyla): a review based on morphology and cladistic analysis. Zoological Journal of the Linnean Society 143: 1-26.
  14. IUCN 2008. Hippopotamus madagascariensis. 2008 IUCN Red List of Threatened Species. <www.iucnredlist.org>. Acceso 15 de outubro de 2008.
  15. British Museum (Natural History). (1940). Recent Acquisitions. Nature 145, 698-698.
  16. CORBET, G. B. (1969). The taxonomic status of the Pygmy hippopotamus, Choeropsis liberiensis, from the Niger Delta. Journal of Zoology 158: 387-394.
  17. "Pigs, Peccaries and Hippos Status Survey and Action Plan". World Conservation Union status survey. 1993. http://www.iucn.org/themes/ssc/sgs/pphsg/APchap3-3.htm. Consultado o 2007-05-22.
  18. CITES. 2008. Appendices I, II and III. CITES. Acceso 18 de outubro de 2008.
  19. "Protection for 'weirdest' species". BBC. 16 de xaneiro de 2007. http://news.bbc.co.uk/2/hi/science/nature/6263331.stm. Consultado o 22 de maio de 2007.
  20. 20,0 20,1 "Pygmy Hippo fact sheet". Smithsonian National Zoological Park. http://nationalzoo.si.edu/Animals/AsianElephants/factpygmyhippo.cfm. Consultado o 22 de maio de 2007.
  21. ZSCHOKKE, S. (2002). Distorted Sex Ratio at Birth in the Captive Pygmy Hippopotamus, Hexaprotodon liberiensis.Journal of Mammalogy 83 (3): 674–681.
  22. JABLONSKI, N. G. (2004). The hippo’s tale: how the anatomy and physiology of Late Neogene Hexaprotodon shed light on Late Neogene environmental change. Quaternary International 117: 119–123.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Hexaprotodon liberiensis