Himno de Escocia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Nomes propostos
Auld Lang Syne
Flower of Scotland
Scotland the Brave
The Thistle o' Scotland
Himno deEscocia Escocia

Oficialmente, non hai un himno nacional de Escocia que substitúa ao God Save the Queen, tradicionalmente empregado para representar ao Reino Unido.[1] Existen, iso si, varias candidatas, entre as cales xurdiu un intenso debate social e político, e algunhas das cales se empregan xa frecuentemente como himnos en eventos políticos ou deportivos.

Historia da polémica[editar | editar a fonte]

Escocia non posuíu nunca un himno nacional de seu. Trala devolución de poderes ao Parlamento de Escocia en 1998, o goberno de coalición laborista e liberal decidiu que o God Save the Queen ("Deus salve á Raíña"), tradicional himno do Reino Unido, debería seguir sendo empregado para representar a Escocia. Con todo, este himno non é popular en determinadas zonas de Escocia, sobre todo por unha estrofa, incluída a mediados do século XVIII, que incluía o verso Rebellious Scots to crush ("esmagar aos rebeldes escoceses"). Aínda que esta estrofa só se empregou durante un curto período de tempo, e de feito refírese máis aos xacobitas que aos escoceses en xeral,[2] contribuíu a que o God Save the Queen sexa considerado un himno anti-escocés.

Ademais, a necesidade dun himno independente faise especialmente visible naqueles actos -por exemplo, deportivos-, nos que Escocia está representada como entidade independente do Reino Unido, e nos que é necesario contar cun himno propio. Por iso, nos últimos anos xurdiron varias cancións candidatas, que contan con distintos niveis de aceptación, aínda que ningunha alcance a oficialidade.

Cancións candidatas[editar | editar a fonte]

As dúas candidatas máis populares para ser empregadas como himno de Escocia son Flower of Scotland e Scotland the Brave, aínda que tamén hai outras como Scots Wha Hae, A Man's a Man for a' that, Freedom Come-All-Ye, Both sides the Tweed, Caledonia , I'm Gonna Be (500 Miles) ou Highland Cathedral.

Cada unha destas cancións ten por agora usos distintos. Por exemplo, Scotland the Brave emprégase actualmente para representar a Escocia nos Xogos da Commonwealth, mentres que Flower of Scotland soa antes dos partidos das seleccións de rugby e fútbol.[3] A Man's a Man for a' that, pola súa banda, foi interpretada por Sheena Wellington no acto de apertura do novo Parlamento de Escocia, aínda que non con intención de servir como himno nacional.

En xuño de 2006 a Royal Scottish National Orchestra realizou unha enquisa online para elixir a canción favorita. Con máis de 10.000 votos emitidos, Flower of Scotland resultou a gañadora co 41% dos votos, seguida por Scotland the Brave cun 29%.[4]

Canción Votos (%)
Flower of Scotland 41%
Scotland the Brave 29%
Highland Cathedral 16%
A Man's A Man for A' That 7%
Scots Wha Hae 6%

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]