Hime

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Órganos xenitais externos da muller cos labios menores separados para que se vexa a abertura vaxinal, onde está o hime.
Debuxo moi esquemático da vulva cos labios separados para que se vexa o vestíbulo vaxinal. H = hime. V = Orificio vaxinal. C = Clítoris. U = Orificio da uretra. A = Ano. LM = Labios maiores. Lm = Labios menores. VV = Vestíbulo vaxinal.

O hime é un delgado pregamento cutáneo membranoso que se encontra no orificio vaxinal, rodeándoo e cubríndoo parcialmente. [1][2] O hime xeralmente está perforado por diante da súa parte central, o que permite a saída dos fluídos menstruais, pero o tamaño e tipo de perforación é variable e hai casos en que está imperforado. O tamaño da abertura do hime aumenta coa idade. Xeralmente o orificio do hime estirado dálle a este unha forma semilunar [1]. O hime non forma unha membrana tensa (como a pel dun tambor) senón que é amplo e frouxo e colga inferiormente algo, polo que as súas beiras quedan en contacto e o orificio ten aspecto dunha fenda media [3]. O hime é bastante elástico. Ás veces o hime pode ser moi fibroso, o que dificulta a penetración e causa dor nas relacións e pode requirir cirurxía [4].

Rotura do hime[editar | editar a fonte]

O hime adoita romper durante a primeira relación sexual con penetración. Porén, aínda que é unha crenza tradicional, o estado do hime non serve para asegurar se unha muller é virxe ou non. Isto é así por varias razóns: hai mulleres que nacen sen hime (axenesia)[5], o hime pode romper por facer certos exercicios físicos, ou por introducir na vaxina obxectos como tampóns, e ás veces é tan elástico e aberto que non rompe nunha penetración.[6][2] [7] Ademais, hai tipos de relacións sexuais que non implican a penetración vaxinal.

A rotura do hime pode producir un sangrado, pero o grao deste é moi variable. Ás veces só son unhas poucas pingas de sangue ou, en porcentaxes moi significativas dos casos, non sangra nada en absoluto, [8]p.453, 455, 460. polo que tampouco se pode asociar necesariamente non sangrar nesa situación con non ser virxe.

Cando o hime está roto poden quedar restos del nas beiras do orificio vaxinal, que se denominan carúnculas himenais [3] ou carúnculas mirtiformes. [9]

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

A palabra hime procede do grego ὑμήν hymén, "membrana", a través do latín hymen. A raíz tamén aparece no nome do deus grego protector das vodas Hime ou Himeneo (en grego antigo Ὑμέναιος Hyménaios), nos insectos de ás membranosas himenópteros e probablemente na palabra himno (orixinalmente canto de vodas). [10]

Anomalías anatómicas[editar | editar a fonte]

Varios tipos de hime (as áreas escuras representan a abertura vaxinal).

Aínda que a maior parte dos himes teñen forma semilunar, poden ter unha gran variedade de formas e nalgúns casos a súa abertura é tan pequena ou mesmo inexistente, que pode orixinar diversos problemas. As anomalías que se observan no aparato reprodutor feminino poden orixinarse por axénese (non se forman partes) ou hipoplasia, defectos de canalización, fusións laterais e fallos de reabsorción, orixinando diversas complicacións. [11]

Algúns tipos especiais de hime que se poden presentar son:

  • Imperforado:[12][13] A abertura himenal non existe, polo que o orificio vaxinal está totalmente tapado. Se persiste así na pubertade pode requirir cirurxía menor para así permitir que os fluídos menstruais poidan saír.
  • Cribriforme, ou microperforado: Aparentemente non hai abertura himenal, pero cun exame detallado, vese que ten varias pequenas perforacións.
  • Septado: A abertura himenal ten unha ou varias bandas de tecido que se estenden a través do orificio vaxinal.

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

O tracto xenital desenvólvese durante a embrioxénese, desde a terceira semana de xestación ao segundo trimestre, e o hime fórmase xunto coa vaxina.

Na sétima semana, fórmase o septo urorrectal e sepárase do recto a partir do seo uroxenital.

Na novena semana, os condutos de Müller móvense cara atrás e chegan ao seo uroxenital, formando o canal uterovaxinal e insírense no seo uroxenital.

Na semana 12, fusiónanse os condutos de Müller e crean o canal uterovaxinal primitivo.

No quinto mes, a canalización vaxinal está completa e o hime fetal fórmase a partir da proliferación dos bulbos sinovaxinais (onde os condutos de Müller se unen ao seo uroxenital), e perfórase antes ou pouco despois do nacemento.

En neonatos, aínda baixo a influencia de hormonas recibidas da nai, o hime é groso, rosa pálido e redundante (é dicir, dóbrase sobre si mesmo e pode facer protrusión). Nos primeiros 2-4 anos de vida, a nena produce hormonas que continúan exercendo este efecto. [8] A súa abertura himenal tende a ser anular (circular). [14]

No momento en que unha rapaza chega á idade escolar, o hime faise delgado, suave, delicado, e case translúcido. É tamén moi sensible ao tacto.[8]

Pasada a idade neonatal, o diámetro da abertura himenal (medida no anel himenal) amplíase a un ritmo de 1 mm por ano.[11] Durante a puberdade a abertura himenal pode tamén ser agrandada polo uso de tampóns, certos exames médicos, actividade física regular ou relacións sexuais. [1] Unha vez que a moza chega á puberdade, o hime tende a facerse moi elástico. Nun estudo, só o 43% das mulleres informaron de ter sangrado durante a súa primeira relación sexual, o que indica que o hime da maioría das mulleres está suficientemente aberto. [1][8]

A abertura do hime das rapazas prepubescentes pode ter moitas formas, dependendo dos niveis hormonais e de actividade, pero o máis común é o hime semilunar (beira posterior). Desde a puberdade en adiante, dependendo dos estróxenos e niveis de actividade, o tecido do hime pode facerse máis groso, e a abertura ten fimbrias ou forma irregular. [14] En casos forenses en que se sospeita que houbo violación ou abuso sexual, adoita realizarse un exame detallado do hime, pero o estado do hime por si só non é moitas veces concluínte. Nas nenas máis novas, un hime rachado cura normalmente axiña. Nas adolescentes, a abertura do hime amplíase por causas naturais e as variacións na forma e aparencia aumentan. [1]

Despois de dar a luz, a abertura vaxinal xeralmente non ten xa restos de hime ou só quedan as carúnculas mirtiformes.

Reconstrución do hime e hime artificial[editar | editar a fonte]

Nalgunhas culturas o hime intacto está moi valorado para demostrar virxindade antes do matrimonio, polo que moitas mulleres se someten a operacións de cirurxía plástica do hime (himenoplastia) denominadas himenorrafia, nas que se reconstrúe o hime. [15][16][17] [17]

Outro modo de aparentar virxindade relacionado co anterior é o chamado hime artificial. Consiste nunha pequena bolsa artificial translúcida que contén un líquido vermello composto de albumina natural inofensiva, que a muller coloca na vaxina 15 ou 20 minutos antes da relación sexual e simula a perda de sangue que se produce de forma natural (aínda que non sempre) durante a rotura do hime.

En animais[editar | editar a fonte]

Como moitos mamíferos teñen un desenvolvemento de aparato reprodutor similar, moitas especies de mamíferos teñen hime, entre os cales están chimpancés, elefantes, manatís, baleas e cabalos, entre outros. [18][19]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Emans, S. Jean. "Physical Examination of the Child and Adolescent" (2000) in Evaluation of the Sexually Abused Child: A Medical Textbook and Photographic Atlas, Second edition, Oxford University Press. 61-65
  2. 2,0 2,1 Perlman, Sally E.; Nakajyma, Steven T. and Hertweck, S. Paige (2004). Clinical protocols in pediatric and adolescent gynecology. Parthenon. pp. 131. ISBN 1-84214-199-6.
  3. 3,0 3,1 G. J. Romanes. Cunninham Tratado de Anatomía. Interamericana-Mc Graw Hill. 12ª edición. Páxinas 611. ISBN 84-7605-359-2.
  4. Resección de hime fibroso.
  5. MedLine Plus - Developmental disorders of the female reproductive tract. [1]
  6. Oscar Tapia E., Néstor San Martín U. Himen Complaciente y Peritaje Médico-Legal. Int. J. Morphol., 29(4):1435-1437, 2011. doi: 10.4067/S0717-95022011000400061. Himen complaciente
  7. Hymen, definition, location, pictures retrieved 26 January 2012
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 McCann, J; Rosas, A. and Boos, S. (2003) "Child and adolescent sexual assaults (childhood sexual abuse)" in Payne-James, Jason; Busuttil, Anthony and Smock, William (eds). Forensic Medicine: Clinical and Pathological Aspects, Greenwich Medical Media: London, a)p.453, b)p.455 c)p.460.
  9. Knight, Bernard (1997). Simpson's Forensic Medicine (11th ed.). London: Arnold. pp. 114. ISBN 0-7131-4452-1.
  10. Diccionario Etomológico [2]
  11. 11,0 11,1 "Imperforate Hymen". Web MD. http://emedicine.medscape.com/article/269050-overview. Consultado o 2009-02-02.
  12. Encyclopedia of Jewish Medical Ethics. 2003. ISBN 1-58330-592-0. http://books.google.com/?id=aaklGZAID08C&pg=PA1115&dq=hymen. "Occasionally, the hymen is harder than normal or it is complete and sealed without there being ... This condition is called imperforate hymen and, at times ..."
  13. DeCherney, Alan H.; Pernoll, Martin L. and Nathan, Lauren (2002). Current Obstetric & Gynecologic Diagnosis & Treatment. McGraw-Hill Professional. pp. 602. ISBN 0-8385-1401-4. http://books.google.com/?id=9xD0inFiEIAC&printsec=frontcover#PPA602,M1. "O hime imperforado representa unha porción persistente da membrana uroxenital... É unha das lesións obstrutivas máis comúns do tracto xenital feminino. ..."
  14. 14,0 14,1 Heger, Astrid; Emans, S. Jean and Muram, David (2000). Evaluation of the Sexually Abused Child: A Medical Textbook and Photographic Atlas (Second ed.). Oxford University Press. pp. 116. ISBN 0-19-507425-4.
  15. "Muslim women in France regain virginity in clinics". Reuters. 8 setembro 2012. http://www.reuters.com/article/wtMostRead/idUSL2532025120070430?pageNumber=2&sp=true. "'Moitas das miñas pacientes están atrapadas entre dous mundos,' dixo Abecassis. Xa tiveron relacións sexuais pero espérase delas que sexan virxes no matrimonio de acordo cun costume que el chama 'cultural e tradicional, cunha enorme presión familiar'."
  16. "The Hymen". University of California at Santa Barbara. http://www.soc.ucsb.edu/sexinfo/article/the-hymen. Consultado o 2009-02-09. "O hime pode ter un significado cultural moi importante en certas culturas debido a esta asociación coa virxindade da muller."
  17. 17,0 17,1 "In Europe, Debate Over Islam and Virginity". The New York Times. June 11, 2008. http://www.nytimes.com/2008/06/11/world/europe/11virgin.html?_r=1&scp=1&sq=hymen&st=nyt&oref=slogin. Consultado o 2008-06-13. "'Na miña cultura, non ser virxe é ser suxa,' dixo a estudante, subida a unha cama de hospital mentres esperaba por unha operación cirúrxica programada para o xoves. 'Agora mesmo, a virxindade é máis importante para min ca a vida.'"
  18. Blank, Hanne (2007). Virgin: The Untouched History. Bloomsbury Publishing. pp. 23. ISBN 1-59691-010-0. http://books.google.com/?id=shq1AAAAIAAJ&dq=Virgin%3A+The+Untouched+History&q=toothed+whales.
  19. Blackledge, Catherine (2004). The Story of V. Rutgers University Press. ISBN 0-8135-3455-0. http://books.google.com/?id=f2d-11Y_u3cC&pg=PP250&dq=guinea+pig+hymen. "Os himes ou membranas que pechan a vaxina ou constricións vaxinais, como a miíudo se denominan, atópanse en certo número de animais, incluíndo as lamas, ..."

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]