Hew Whiteford Dalrymple

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sir Hew Dalrymple, 1º Baronet, por John Jackson, 1831.

Sir Hew Whiteford Dalrymple, 1º Baronet, nado en Ayr (Escocia) o 3 de decembro de 1750 e finado en Londres o 9 de abril de 1830, foi un militar do Exército británico, que alcanzou o grao de xeneral e ostentou o cargo de gobernador de Xibraltar.

Biografía[editar | editar a fonte]

É recordado, principalmente, por negociar a Convención de Sintra, durante a ocupación francesa de Portugal[1].

Foi tenente gobernador da illa de Guernsey entre 1796 e 1801 e gobernador de Xibraltar entre 1806 e 1808. No ano 1815 foi nomeado Baronet, de High Mark no County of Wigtown (condado de Wigtown).

Dalrymple e Galiza[editar | editar a fonte]

En 1774, estando destinado en Xibraltar co grao de maior, emprendeu unha viaxe por España e Portugal. Dalrymple fixo cuidadosas anotacións, que logo publicou, nun libro de viaxes, en forma de cartas, até un total de dezaseis, da que a décima e decimosegunda están dedicadas á Galiza. Hew Whiteford atopouse con galegos que volvían das segas nas Castelas, asunto do que fixo unha valoración, calculando que uns 60.000 pasaban todos os anos ás terras castelás e outros 30.000 a Portugal. Estas cifras cóidanse esaxeradas (estimaba a poboación galega en dous millóns de persoas, o que resulta demasiado). Fixo tamén observacións sobre outros aspectos (pallozas, minifundio, traxe, cultivos...), polo que constitúe unha fonte inestimábel para contrastar datos impresionistas sobre a Galiza de inicios do derradeiro cuarto do século XVIII.

Porén, a opinión de Dalrymple sobre os portugueses foron das máis duras vertidas por observadores estranxeiros en opinión das autoras de Lisboa setecentista (ver apartado de Bibliografía).

Obra[editar | editar a fonte]

A viaxe do militar británico foi publicada en Londres dous anos despois:

  • Travels through Spain and Portugal in 1774, with a short account of the Spanish Expedition against Algiers, in 1775. London. 1775.

En 1783 publicouse unha versión francesa.

O seu texto completo, en versión española, figura en García Mercadal, J., Viajes de extranjeros por España y Portugal. Madid. Ed. Aguilar. 1962, t. III, páx. 645 e ss.

Extractos do libro de Dalrymple, en galego, poden ser consultados na obra de Gonzáles Reboredo, citada en Bibliografía, ou ben en castelán, en Alonso Montero, X., Galicia vista por los no gallegos. Madrid. Ed. Júcar. 1974.

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • González Reboredo, X. M.: "A emigración galega e outros temas nun viaxeiro inglés do século XVIII", en Grial nº 39, xaneiro-febreiro-marzo 1973, páxs. 74-81.
  • Santos, Piedade B.; Rodrigues, Teresa S.; Nogueira, Margarida S., Lisboa setecentista: vista por estrangeiros. Lisboa. Livros Horizonte. 1987.

Notas[editar | editar a fonte]