Herodes Ático

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Herodes Ático

Tiberio Claudio Herodes Ático, en lingua grega Ἡρώδης ὁ Ἀττικός, nado en Maratón no ano 101 e finado en Atenas no 177, foi un político e orador grego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Herodes Ático sobresaíu como retórico e sofista. Ensinou retórica en Atenas, onde empregou a súa enorme fortuna para a construción de edificios: recubriu de mármore o estadio de Atenas, construíu piscinas de mármore nas Termópilas, un ninfeo en Olimpia, o estadio de Delfos, o teatro Odeón etc. Dicíase que o seu pai achara o tesouro que os persas agocharan en Maratón. Foi procónsul en Asia, pontífice das Panateneas en Atenas, cónsul en Roma (143) e senador.

O Odeón construíuno no 161 en memoria da súa muller, Apia Annia Regila, á morte da cal mandou pintar de negro mesmo a casa. Disque en certa ocasión o seu amigo sofista Lucio, vendo un servo que pelaba ravos, burlouse de que cometese "unha inxustiza contra a memoria de Regilla comendo ravos brancos nunha casa completamente negra".

Herodes Ático foi un aticista rigoroso, gabado polos seus contemporáneos e axiña considerado un clásico. Foi mestre do emperador romano Marco Aurelio. Produciu unha obra extensa composta de diatribas, diarios literarios e efemérides, mais só sobreviviron unha declamación (Tratado de Herodes sobre o estado) e a tradución latina dunha fábula.