Herminia Fariña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Herminia Fariña Cobián»)
Herminia Fariña
Nome completoHerminia Fariña Cobián
Nacemento4 de abril de 1904
 Santiago de Compostela
Falecemento16 de outubro de 1966
 Meaño
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpoeta e escritora
PaiJosé Fariña González
IrmánsRamón Fariña Cobián
editar datos en Wikidata ]

Herminia Fariña Cobián, nada en Santiago de Compostela o 4 de abril de 1904[1] e finada en Simes (Meaño) o 16 de outubro de 1967[2], foi unha poeta e dramaturga galega.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Filla de José Fariña González, militar, e Regina Cobián Tejo, viviu a infancia en diferentes cidades pola profesión do pai. Aos dez anos trasládase a Simes, Meaño, á casa da avoa materna, onde comeza a desenvolver a súa vocación literaria.

Os seus versos apareceron nas revistas Vida Gallega, da que foi asidua colaboradora, e Gloria Femenina. O seu primeiro libro foi Cadencias, un poemario en castelán publicado en Pontevedra en 1922. En 1924 publicou Seara, con poemas en galego.

Tamén publicou en galego o poema dramático Margarida a malfadada e a peza cómica O soldado froita e outros diálogos e monólogos. Margarida a malfadada, xunto coa comedia en castelán La marquesa de Miraflores, foron estreadas no Teatro Principal de Santiago o 23 de marzo de 1927.[3]

Colaborou en La Temporada en Mondariz e publicou nesa vila Pétalos líricos en 1927. Foi elixida membro non numerario da Real Academia Galega en 1925.

Marchou a Buenos Aires, onde colaborou en publicacións como Céltiga, La Razón ou El Mundo de Montevideo. Tamén publicou alí Bajo el cielo porteño (1930) e Hosanna (1931)[4].

Regresou a Galicia en xaneiro de 1932[5] e escribiu unha zarzuela en tres actos e un cadro, O avarento, con música de José Jané. Foi vivir co pai, destinado en Calatayud, onde fundou e dirixiu a revista Fortaleza dende febreiro de 1935[6]. A finais de 1935 malvivía en Madrid, e mesmo se chegou a solicitar colaboración popular para aliviar a súa situación.[7]

Nos seus anos mozos.

En 1937 publicou ¡Por España y para España! (El libro del combatiente), con 14 poemas de exaltación relixiosa e franquista, dez deles en castelán e catro en galego. O libro foi utilizado como propaganda polo bando sublevado[8]. Ante o goberno franquista de Burgos publicitábase como orfa de pai, "asasinado polo bando republicano".[9]

Colaborou en La Noche, Sonata Gallega e Ciudad. En 1950, con motivo das festas de Vigo, publicou o folleto Cantiga serea con tres poemas.[10]

A principios da década de 1960 instalouse definitivamente en Simes, Meaño, onde morreu o 16 de outubro de 1966.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casou con Eduardo del Río en xullo de 1922[11]. Ao enviuvar del, casou con Pedro Fontenla Camiña o 7 de xuño de 1930 en Buenos Aires.[12][13] Novamente viúva, casou por terceira vez con Isaac Sánchez Alonso en Madrid en 1939.

Era irmá do médico e político Ramón Fariña Cobián.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Marco, Aurora (1996). "Herminia Fariña Cobián. Un corazón inxel na bretemosa Compostela". Andaina: revista do Movemento Feminista Galego, (15): 29–31. 
  2. El Pueblo Gallego, 17-10-1967, p. 14.
  3. El Orzán, 23-3-1927, p. 1.
  4. Vida Gallega, 30-6-1931, p. 8.
  5. Vida Gallega, 10-2-1932, p. 8.
  6. El Avisador Numantino, 13-2-1935, p. 3.
  7. "¡Humanidad! Gallegos en pie", El Progreso, 29-12-1935, p. 1.
  8. El Pueblo Gallego, 20-6-1937, p. 9.
  9. "El dolor de la poetisa huérfana. Un general que murió en su cama". La Vanguardia: 3. 19-5-1938. 
  10. La Noche, 26-8-1950, p. 6.
  11. La Integridad, 1-8-1922, p. 2.
  12. El Progreso, 12-7-1930, p. 2.
  13. Vida Gallega, 10-8-1930, p. 39.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]