Hermanarico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A área verde corresponde ao país orixinal dos godos, a rosa é a illa de Gotland. A vermella é a extensión do imperio de Hermanarico no século III, e a laranxa é o territorio dos sármatas (Oium no século IV). A área púrpura é o Imperio Romano.

Hermanarico foi rei de todas as tribos godas (ostrogodos e visigodos) (350375) e sucesor de Achiulfo. Como rei gobernou un extenso imperio situado na actual Ucraína, con capital en Kiev. No nordeste incluía o país dos fineses, que habitou na chaira do río Oka e do Volga. No noroeste ao país dos eslavos, ata a área da fonte do Dnister, o Vístula e o Daugava. Ao leste do Don tiña aos alanos como veciños, e ao oeste do Dnister aos visigodos. De todos os xeitos, o reino de Hermanarico, aínda que extenso, non se podía comparar en ningún modo co imperio romano, pois non tiña cidades, nin un goberno realmente organizado.

A poboación, que fora traída gradualmente por Achiulfo e Hermanarico, era principalmente sármata, escita ou xépida, sometidos aos ostrogodos pola forza. Pero os ostrogodos nunca se mesturaron coa poboación autóctona de eslavos nin cos pobos conquistados. Tratábanos como escravos. De feito, os ostrogodos usaban a palabra eslavo co sentido de prisioneiro ou escravo, e este é precisamente a orixe da palabra escravo. Unha pequena aristocracia ostrogoda gobernaba a toda a poboación. Esta tiña que pagar algúns impostos e realizar o servizo militar para o rei, e en compensación copaban o goberno e as xudicaturas.

Ao redor do 370 apareceron nas fronteiras ostrogodas os primeiros salvaxes xinetes hunos. Os ostrogodos loitaban de forma parecida, pero ao final sempre saían derrotados en todas as escaramuzas. Desde entón ata o 375, os hunos provocaron un baño de sangue no país, que foi practicamente desintegrado como tal. Xa ancián, ferido e totalmente desesperado pola desaparición do seu imperio, Hermanarico decidiu suicidarse. Sucedeuno Vitimiro, un membro da súa familia. Tras a súa morte, os ostrogodos e visigodos separáronse definitivamente.

Hermanarico mandou axustizar á súa esposa Sunilda, atándoa a catro cabalos que a desmembraron ao tirar cada un nunha dirección, acusada de adulterio co fillo do rei, Randver.