Herba dos cóengos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Herba dos cóengos
Illustration Valerianella locusta0.jpg
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Dipsacales
Familia: Valerianaceae
Xénero: 'Valerianella'
Especie: V. locusta
Nome binomial
Valerianella locusta
L.

A herba dos cóengos[1] (Valerianella locusta), é unha planta herbácea da familia Valerianaceae que se utiliza para alimentación, en cru, xeralmente como ensalada ou acompañamento. Ten un sabor acedo. É parente da valeriana e posúe calidades tranquilizantes tamén. Cultívanse, entre outras, as variedades a seguir: Corazón cheo (forma roseta), Verde de Louviers e Holanda. A miúdo apáñase a variedade brava.

A súa área de distribución natural esténdese por toda a zona temperada de Europa, de Asia Menor e o Cáucaso. Distribúese por case toda a Península ibérica, faltando nas illas, na meirande parte do terzo sur e de Galicia.

Hábitat[editar | editar a fonte]

Detalle da floración da herba dos cóengos

A herba dos cóengos medra espontaneamente en prados e pradeiras con certo grao de humidade. A primeira noticia do seu cultivo aparece nun documento alemán de 1588, mais é probábel que se consumise ao longo de toda a historia da Humanidade. Actualmente cultívase principalmente en Alemaña, Francia, Italia e outros países europeos, sendo raro o seu consumo fóra de Europa. O consumo en Galicia é nos últimos anos habitual, especialmente en saquetas de ensaladas de cuarta gama frecuentes nos supermercados.

Descrición[editar | editar a fonte]

Detalle das follas.

É unha herba anual, de 15 a 30 cm de altura. As follas, de cor verde clara ou escura e brillantes, soen ser espatuladas e cóncavas, dispostas a xeito de roseta. A Inflorescencia xorde en cima multípara ou pleocasio (nacen tres ou máis poliñas do nó superior), con pequenas flores de cor azulada ou branca, hermafroditas e de maduración homógama (a maduración dos elementos sexuais da flor é simultánea). O froito é un aquenio cuxas sementes, ao madureceren, espállanse por gravidade, ao caer no chan e se propagan do redor da planta nai (bariocoria).
O período de floración prodúcese en maio (abril) - xullo (na súa área de distribución natural[2]

Historia[editar | editar a fonte]

O seu nome galego fai referencia á súa plantación nos mosteiros medievais; despois disto o cultivo esqueceuse. É unha verdura resistente ao frío e ás xeadas, que medra silvestre nos arrós dos campos onde houbo cereal e nas pradarías. Dáse nos países da zona temperada europea e curiosamente pouco en Galicia, aínda que desde que se xeneralizou a súa comercialización fomentouse a súa plantación por todo o territorio e é, por tanto, un ingrediente habitual na nosa gastronomía. Foi unha planta moi apreciada nos países centroeuropeos ata o século XIX, enaltecendo co seu delicado sabor –que lembra a un froito seco– as ensaladas de inverno. Posteriormente, coa chegada de diversas variedades de leituga decaeu o seu uso.

Cultivo[editar | editar a fonte]

É unha cultura de pleno sol, que gusta de solos lixeiros de terra vexetal (con calquera pH) e en ambientes húmidos e con temperaturas frescas a frías, xa que é resistente ás xeadas. É esixente en canto a fertilización e non tolera a seca. As sementes seméntanse directamente na horta, en fileiras ou [[a voleo]], a partir de mediados do verán, cando comeza a refrescar. Entrecóllense os plantóns deixando unha separación duns 10 cm entre eles. Para favorecer a xerminación, que é difícil, convén mergullar a semente en na auga durante un ou dous días antes da sementeira. Comeza a se obter colleita a partir dun mes e medio despois da plantación, e se pode seguir colleitando até a primavera. Coas primeiras calores comeza a floración e a planta perde calidade para o consumo, podendo reservarse para a produción de semente.

Como é unha planta pequena é práctico cultivala entre outras de ciclo máis longo como o allo porro, o nabo, a cenoura ou a coia.

Trátase dunha especie moi rústica que non soe presentar problemas importantes. Ao cultivarse en outono é posíbel que sofra algún ataque de fungos nas follas se a humidade é elevada.[3]

Datos nutricionais[editar | editar a fonte]

Ten propiedades diuréticas, depurativas e laxantes. É baixa en graxas. Máis nutritiva que a leituga, con maior cantidade de provitamina A e vitaminas B e C e diversos minerais. En especial iodo, mais tamén ferro, potasio, fósforo e outros. Utilízase fresca en ensaladas, xeralmente mesturada con outras hortalizas. As follas posúen un sabor delicado e lixeiramente acedo, que pode lembrae ao das noces. As follas máis saborosas son as miúdas. O cheiro é tamén algo acedo.

A herba dos cóengos contén moitos nutrientes, inclíndo unha cantidade de Vitamina C que triplica a da leituga. Contén tamén Beta-carotenos, Vitamina B6, Vitamina B9 ou Ácido fólico, Vitamina E e ácidos graxos Omega-3.[4] É máis tenra e contén máis vitaminas se se colleita antes de florear.

O seu valor calórico é moi baixo, tan só 13,40 kcal por cada 100 g de produto fresco. Por iso é utilizada en dietas de adelgazamento.

Datos culinarios[editar | editar a fonte]

As súas follas máis saborosas son as máis miúdas. A herba dos cóengos utilízase en fresco, engadíndose nas ensaladas de verduras e patacas e nas sopas e tortillas. Emprégase en ensaladas, polo común en mestura con outras hortalizas. Acompaña ben os espargos, a beterraba, apio nabo, os champiñóns, coias, feixóns verdes, noces, mazá, uva, tomate, etc. Se se aduba con aceite, vinagre e sal, debe facerse no último momento para que non perda frescura, xa que se trata dunha planta moi perecedeira. Para prepararla en ensalada déixase a roseta de follas enteiras e só se eliminan as raíces. Lávanse baixo a billa, e non a remollo, e despois deben escoarse delicadamente. Cómpre prestar especial atención de non crebar as follas para que conserven o seu característico sabor fresco e o seu aspecto decorativo.

Pódese conservar 2-3 días no frío cuberta cun papel absorbente ou introducida nunha saqueta de plástico furada para que non colla o cheiro doutros produtos da neveira. Botar auga para refrescala. Outro procedemento tradicional de conservación consiste en mergullala en auga morna para lle tirar a terra, e despois, para impedir que murche, primeiro móllase con auga ben fría, deixándoa despois en auga xeada durante media hora. Á hora de secrlas envólvense nun pano e se sacuden cun movemento de [[[vaivén]]].

Utilízase tamén como elemento decorativo ou como gornición nos pratos.

Recoméndase para mellorar a dixestión e a vista (betacaroteno), ademais do aspecto do cabelo e as unllas. Como a valeriana, que é da mesma familia, é relaxante do sistema nervioso. Polo seu contido en ferro mellora a anemia. É depurativa tanto do sangue coma sos riles s o seu contido de vitamina C reforza as defensas especialmente no inverno, cando a vitamina C é máis imprescindíbel.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Valerianella locusta foi descrita por (Carl von Linné) Betcke e publicado en Animadversiones Botanicae in Valerianellas 10, no ano 1826.[5]

Citoloxía

O seu número cromosómico é 2n=16[6]

Sinonimia
  • Valeriana locusta L. basónimo
  • Valeriana locusta var. olitoria L.
  • Valerianella olitoria (L.) Pollich[7]
  • Fedia carinata (Loisel.) Steven
  • Fedia locusta (L.) Rchb.
  • Fedia olitoria (L.) Gaertn.
  • Valerianella carinata Loisel.
  • Valerianella locusta f. carinata (Loisel.) Devesa, J. López & R. Gonzalo
  • Valerianella locusta f. locusta (L.) Laterr.
  • Valerianella locusta subsp. locusta (L.) Laterr.
  • Valerianella locusta subsp. lusitanica (Pau ex Font Quer) M. Laínz
  • Valerianella lusitanica Pau ex Font Quer
  • Valerianella olitoria var. lusitanica Pau
  • Valerianella olitoria (L.) Pollich
  • Valerianella praecox Willk.[8]

Nome común[editar | editar a fonte]

O nome común galego, herba dos cóengos, proviría, segundo algunhas fontes, do feito de que o seu cultivo se encontraba, especialmente, nos xardíns e hortas das reitorías dos mosteiros antes que se coñecesen outras variedades que a fixeron pasar ao esquecemento culinario ata o seu rescate para a cociña moderna. En portugués coñécese coma: alface-da-terra ('leituga da terra'), e en italiano lattughella ('leituguiña')[9].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Nome vulgar galego en Portal das Palabras da RAG
  2. http://fichas.infojardin.com/hortalizas-verduras/canonigo-hierba-canonigos-valerianela-lechuga-campo.htm
  3. http://horturba.com/castellano/cultivar/ficha_cultivo.php?ID=27
  4. En inglés: Ed. David A. Bender (2005) Dictionary of Food and Nutrition, Oxford University Press
  5. Herba dos cóengos en Trópicos
  6. Löve, A. & E. Kjellqvist.Cytotaxonomy of spanish plants (1974). IV.-Dicotyledons: Caesalpinacea-Asteracea. Lagascalia 4(2): 153-211.
  7. Herba dos cóengos en PlantList
  8. "Herba dos cóengos". Real Jardín Botánico: Proyecto Anthos. http://www.anthos.es/v22/page.php?page=ficha&ridesp=57153&item=sinonimos. Consultado o 30 de decembro de 2011.
  9. Portal das Palabras - http://www.portaldaspalabras.org/miraquedin/herba-dos-coengos
Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Herba dos cóengos Modificar a ligazón no Wikidata
Wikispecies-logo.svg
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Herba dos cóengos

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  1. Abrams, L. & R. S. Ferris. 1960. Bignonias to Sunflowers. 4: 732 pp. In L. Abrams Ill. Fl. Pacific States. Stanford University Press, Stanford.
  2. AFPD. 2008. African Flowering Plants Database - Base de Donnees des Plantes a Fleurs D'Afrique.
  3. Cronquist, A. J., A. H. Holmgren, N. H. Holmgren, J. L. Reveal & P. K. Holmgren. 1984. Vascular Plants of the Intermountain West, U.S.A. 4: 1–573. In A. J. Cronquist, A. H. Holmgren, N. H. Holmgren, J. L. Reveal & P. K. Holmgren (eds.) Intermount. Fl.. Hafner Pub. Co., New York.
  4. Gleason, H. A. & A. Cronquist. 1991. Man. Vasc. Pl. N.E. U.S. (ed. 2) i–lxxv, 1–910. New York Botanical Garden, Bronx.
  5. Hickman, J. C. 1993. Jepson Man.: Higher Pl. Calif. i–xvii, 1–1400. University of California Press, Berkeley.
  6. Hitchcock, C. L., A. Cronquist, M. Ownbey & J. W. Thompson. 1984. Ericaceae through Campanulaceae. Part IV. 510 pp. In Vasc. Pl. Pacific N.W.. University of Washington Press, Seattle.
  7. Marticorena, C. & M. Quezada. 1985. Catálogo de la Flora Vascular de Chile. Gayana, Bot. 42: 1–157.
  8. Radford, A. E., H. E. Ahles & C. R. Bell. 1968. Man. Vasc. Fl. Carolinas i–lxi, 1–1183. University of North Carolina Press, Chapel Hill.
  9. Scoggan, H. J. 1979. Dicotyledoneae (Loasaceae to Compositae). Part 4. 1117–1711 pp. In Fl. Canada. National Museums of Canada, Ottawa.
  10. Small, J. K. 1933. Man. S.E. Fl. i–xxii, 1–1554. Published by the Author, New York.
  11. Zuloaga, F. O., O. Morrone, M. J. Belgrano, C. Marticorena & E. Marchesi. (eds.) 2008. Catálogo de las Plantas Vasculares del Cono Sur (Argentina, Sur de Brasil, Chile, Paraguay y Uruguay). Monogr. Syst. Bot. Missouri Bot. Gard. 107(1): i–xcvi, 1–983; 107(2): i–xx, 985–2286; 107(3): i–xxi, 2287–3348.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]