Herba do coitelo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Herba do coitelo
Carpobrotus edulis
Carpobrotus edulis
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Caryophyllales
Familia: Aizoaceae
Subfamilia: Ruschioideae
Tribo: Ruschieae
Xénero: Carpobrotus
Especie: C. edulis
Nome binomial
''Carpobrotus edulis''
(L.) N.E. Br

A herba do coitelo[1] (Carpobrotus edulis), é unha planta da familia Aizoaceae, de orixe surafricana, de porte rastreiro e suculento; ten tendencia a se espallar vexetativamente por grandes superficies. Atura moi ben os solos pobres e con características limitantes para outras plantas, como a salinidade. Noutroura encadrábase no xénero Mesembryanthemum (como M. edulis), mais unha análise máis detallada da especie a clasificou no xénero Carpobrotus. Tamén recibe os nomes de unlla de gato ou chorón das praias.

Orixinaria da rexión do Cabo, áchase moi estendida pola beiramar galega con fins ornamentais, especialmente nas Rías Baixas e na Costa Ártabra, onde se considera especie invasora.

Descrición[editar | editar a fonte]

Planta herbácea, perenne, con talos rastreiros de até 2 m, enraizantes e ramificados. As follas son suculentas, de textura cerosa, de sección triangular, alongadas e curvadas, de ata 13 cm. e cunha cor verde viva, ás veces púrpuras nas puntas. Nos solos moi salinos, pueden posuír unha especie de tona salina que lles dá unha cor abrancazada na superficie.

As flores son rechamangueiras, con numerosos pétalos imbricados de cor amarela, rosada ou purpúrea, de até 10 cm de diámetro, dispostas en solitario. Posúen cinco tépalos verdes e estaminodios petaloideos lineares. Ovario con 10 estigmas e numerosos estames amarelos. Florea na transición da primavera ao verán: no Hemisferio Norte, de abril a xullo.

O froito é carnoso, indehiscente, con numerosas sementes, estas comprimidas de até 2 mm, mucilaxinosas.

Propagación[editar | editar a fonte]

A especie non parece producir sementes viábeis a pesar de que certos autores consideran que as sementes xeromolan abundantemente tras os incendios, poidendo permanecer no banco de sementes durante varios anos. A propagación vexetativa é moi intensa, fragmentándose a planta e enraizando os fragmentos.

Problemática[editar | editar a fonte]

A especie é orixinaria da rexión do Cabo surafricana, mais hoxe en día espallouse por todas as rexións temperadas do planeta, especialmente nas zonas costeiras, por mor ao seu uso en xardinaxe, principalmente para fixar noiros, en xardíns de rocalla, e pola vistosidade das súas flores. O seu carácter invasivo provocou dito espallamente. Hoxe desenvólvense medidas de control para evitar a afectación da flora autóctona.[2]

Carpobrotus edulis.

O carácter invasivo da especie non só é prexudicial polo esgotamento dos solos ou,simplemente, polo feito de imposibilitar o arraigamiento de especies autóctonas en zonas moi ricas en biomasa da especie alóctona, senón que se ten demostrado a competencia polínica: estas especies, produtoras de pole en grandes cantidades, atraen selectivamente aos insectos polinizadores, que non desenvolven axeitadamente o seu rol ecolóxico coas especies menos abundantes, locais, que ven diminuída a súa reprodución.[3]

Galicia[editar | editar a fonte]

Aparece en xeral por toda a costa galega en comunidades psamófilas costeiras; tamén afectando a comunidades casmofíticas de cantil. Afecta polo tanto a un bo número de especies de vexetais raras ou ameazadas presentes nestes hábitats.

É unha especie en franca progresión que ocupa zonas novas en medios alterados costeiros ou con uso humano intenso. Forma un tapiz ininterrompido que cobre o substrato e altera totalmente as condicións de insolación e ciclo de nutrientes. Describíronse tamén problemas na polinización por competencia.

Cómpre evitar a súa propagación, xa que está considerada especie invasora pola Xunta de Galicia, ademais de aparecer no Catálogo Español de Especies exóticas Invasoras, aprobado polo Real Decreto 1628/2011, do 14 de novembro, estando prohibida en España a súa introdución no medio natural, posesión, transporte, tráfico e comercio.

Outras especies invasoras relacionadas[editar | editar a fonte]

En Galicia atopamos outras especies invasoras relacionadas coa herba do coitelo nas nosas costas:Carpobrotus acianiformis (L.) L. Bolus, citouse tamén en numerosas ocasións, aínda que a diferenciación taxonómica é pouco clara e, segundo autores, non está presente na flora ibérica. Outras especies desta familia tamén surafricanas son Disphyma crassifolium (L.) L. Bolus, puntual en zonas costeiras, e Aptenia cordifolia (L. fil.) Schwantes, que se escapa de xardíns tamén en zonas costeiras. 'Tetragonia tetragonoides (Pallas) O. Kuntze, de Nova Celandia, aparece en zonas costeiras desde tempos recentes, desde Poio até Corcubión[4]

Mecanismos de control[editar | editar a fonte]

Control mecánico[editar | editar a fonte]

Carpobrotus edulis pode ser facilmente eliminada mediante retirada manual. Porén, xa que esta planta pode desenvolver raíces ou gromos de calquera nódulo, será imprescindíbel retirar todos os anacos do terreo. Ademais, como en moitos casos quedan restos da planta enterrados no solo, será necesario repetir a operación polo menos unha segunda vez. Poboacións densas poden ser retiradas mediante enrolamento como se se tratase de placas de céspede ou rodais.

Control químico[editar | editar a fonte]

Esta especie pode ser controlada mediante tratamentos con glifosato a un mínimo do 2%. A eficacia deste herbicida pódese ver incrementada coa adición dun 1% de surfactante co obxecto de romper a densa cutícula da planta. Tamén o uso de auga con pH acedo ou a acidificación artificial desta favorecen a súa eficacia. As plantas tratadas poden tardar varias semanas en morrer, e tras varios meses poderíase producir o reabrollamento de individuos aparentemente mortos, polo que cómpre realizar un seguimento da zona. Na Albufera de Valencia levouse a cabo un estudo sobre as consecuencias da aplicación de glifosato para o control de Carpobrotus en terreos areentos a unha dose de 2,5 kg glifosato/ha. De acordo con este estudo, aos 7 días comezan a aparecer gromos amarelados nas plantas. Tras 10 días, a maior parte da planta está afectada, e despois de 15, só un 10% non presenta síntomas. Tras 4 semanas comezan a aparecer gromos que morrerán unha semana máis tarde. Aos tres meses do tratamento considérase que a planta é totalmente inviábel, e comezan a aparecer gromos de flora autóctona que colonizan o espazo deixado por Carpobrotus. Non obstante, non se recomenda o uso de glifosato en areais debido á súa persistencia e ao efecto nocivo que ten sobre a flora autóctona. Obviamente, ao non ser un herbicida selectivo, o glifosato afectará a calquera planta con que entre en contacto, polo que é necesario realizar aplicacións puntuais dirixidas. O problema da persistencia pódese solucionar reducindo a dose aplicada. Por exemplo, se se utilizase un produto típico con glifosato ao 10-12% a unha dose mínima (para eses produtos) de 6 L/ha (recomendada polo fabricante), isto suporía 0,6 kg de glifosato/ha, case a cuarta parte do aplicado no tratamento na Albufera. De feito, graves invasións desta planta foron erradicadas xa nos anos 80 das dunas do parque natural de Bodeha Head, en California, utilizando control químico. Neste caso, e aínda que non se dan datos sobre o herbicida aplicado nin da concentración usada, si se indica que as plantas tardaron moito tempo en morrer e que progresivamente foron substituídas por sucesión natural por plantas autóctonas, un proceso idéntico ao observado no estudo da Albufera.

Control biolóxico[editar | editar a fonte]

Na actualidade non existe ningún axente que se comercialice contra esta planta, pero observouse como algunhas especies de cochinillas algodonosas, Pulvinariella mesembryanthemi e Pulvinaria delottoi, tiveron certo impacto nas poboacións de Carpobrotus.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Carpobrotus edulis foi descrita por (L.) N.E. Br e publicado en The Genera of South African Flowering Plants 249. 1926.[5]

Etimoloxía

carpobrotus: nome xenérico do grego karpos (froita) e brota (comestíbel) que significa "con froitos comestíbeis".

edulis: epíteto latino que significa "comestíbel", referido a algunha das partes da planta.[6]

Sinonimia

Notas[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  1. Flora of China Editorial Committee. 2003. Fl. China 5: 1–506. Science Press & Missouri Botanical Garden Press, Beijing & St. Louis.
  2. Flora of North America Editorial Committee, e. 2003. Magnoliophyta: Caryophyllidae, part 1. 4: i–xxiv, 1–559. In Fl. N. Amer.. Oxford University Press, New York.
  3. Hickman, J. C. 1993. Jepson Man.: Higher Pl. Calif. i–xvii, 1–1400. University of California Press, Berkeley.
  4. Zuloaga, F. O., O. Morrone, M. J. Belgrano, C. Marticorena & E. Marchesi. (eds.) 2008. Catálogo de las Plantas Vasculares del Cono Sur (Argentina, Sur de Brasil, Chile, Paraguay y Uruguay). Monogr. Syst. Bot. Missouri Bot. Gard. 107(1): i–xcvi, 1–983; 107(2): i–xx, 985–2286; 107(3): i–xxi, 2287–3348.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Herba do coitelo
Wikispecies-logo.svg
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Herba do coitelo