Hepatotoxicidade

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

A hepatotoxicidade é a toxicidade relativa ao fígado, órgano multilobular de gran tamaño situado na cavidade abdominal. A súa función está intimamente relacionada coa do aparello dixestivo. Ademais é o centro neurálxico do metabolismo, fundamental para eliminar do organismo diferentes produtos do metabolismo e xenobióticos mediante a súa conversión a formas que poidan ser excretadas[1].

Tipos de lesión hepática[editar | editar a fonte]

O fígado é capaz de responder ás agresións cunha serie de modificacións ben descritas dende o punto de vista morfolóxico, e que por orde de progresión son[2]:

  • Inflamación: o dano hepatocitario ligado á presenza de células inflamatorias denomínase hepatite, e pode afectar distintas áreas do parénquima hepático.
  • Dexeneración: prodúcese cando os hepatocitos, atacados por axentes tóxicos ou inmunolóxicos, adquiren un aspecto inflamado e edematoso. Neste caso é posible apreciar neles depósitos de ferro, cobre, bile, etc. Se o que se acumula é graxa, fálase de esteatose.
  • Necrose: o aspecto dos hepatocitos necrosados pode indicar a causa orixinaria da morte. Así, falamos de necrose por coagulación (orixe isquémica), por lise (orixe osmótica) ou eosinofílica (orixe tóxica ou inmunolóxica), etc.
  • Fibrose: o ataque tóxico continuo do fígado ou a súa inflamación crónica poden xerar a aparición de fibrose. O seu inicio pode ser periportal. A diferenza das modificacións sinaladas ata agora, a fibrose adoita ser irreversible e só nalgúns tipos concretos se obtén regresión terapéutica.
  • Cirrose: o ataque parenquimatoso continuado e a fibrose desenvolvida adoitan dar lugar á aparición dunha serie de alteracións morfolóxicas que se coñecen como cirrose.

Enfermidades hepáticas inducidas por fármacos[editar | editar a fonte]

Poden clasificarse en dous grandes grupos xerais segundo sexa o seu mecanismo de toxicidade[3]:

  • Mecanismo directo: é o máis frecuente (80% dos casos). Caracterízase por un cadro necrótico ou esteatósico que aparece tras un período de latencia curto, dependendo da dose.
  • Mecanismo idiosincrásico: menos frecuente que o anterior, trátase dun cadro tóxico independente da dose, non predecible nin reproducible e con períodos de latencia máis longos e maior variedade de afectación do fígado.

Os fármacos que producen con máis frecuencia danos no fígado son halotano, clorpomacina, anticonceptivos orais, cotrimoxazol e AINEs. Os fármacos máis implicados en danos mortais son halotano, antituberculosos e clorpromazina.

Diagnóstico[editar | editar a fonte]

Para avaliar o posible dano no fígado provocado por un fármaco hai que considerar varios factores, como a exposición ó fármaco, o momento do inicio das alteracións, as características clínicas e a realización de probas de función hepática (PFH). As PFH rutinarias inclúen a determinación da bilirrubina total, alanina transaminasas e a fosfatasa alcalina. A diminución da capacidade de síntese do fígado, detéctase determinando as proteínas totais, a albumina e o tempo de protombina. A bilirrubina conxugada pode medirse para determinar se hai obstrución biliar. A biopsia do fígado tamén é útil para diagnosticar unha alteración nas súas células.[4]

Tratamento[editar | editar a fonte]

Suspender a administración do fármaco presuntamente hepatotóxico é a actuación máis importante. En determinadas circunstancias pode intentar retirarse o fármaco remanente do organismo, como no caso do paracetamol onde pode administrarse acetilcisteina como antídoto.[5]

Prevención[editar | editar a fonte]

A miúdo, a toxicidade descóbrese nos primeiros estudos con seres humanos, e entón retíranse os fármacos experimentais. Cando sexa posible, as persoas con hepatite B ou C crónica deben evitar os fármacos que causan toxicidade no fígado. Nalgúns casos, é posible reducir o risco de trastornos do fígado utilizando doses máis baixas. Pero noutros casos necesítase un medicamento aínda que se saiba que ocasiona toxicidade no fígado, nestes casos é necesario levar un control regular das probas da función hepática (PFH). Dado que o alcohol aumenta o risco de sufrir danos no fígado a causa dos medicamentos, debe evitarse ou reducirse o consumo de bebidas alcohólicas. Se a toxicidade no fígado descóbrese a tempo, normalmente pode deterse o dano e o fígado pode recuperarse.[6] Algúns dos fármacos para os que se recomenda practicar regularmente PFH son[7]:

Criterios de utilización de fármacos no enfermo hepático[editar | editar a fonte]

Os pacientes con enfermidade hepática teñen unha frecuencia 2-3 veces maior de reaccións adversas que a poboación xeral. Debe terse en conta o tipo de enfermidade hepática que padece antes de pautar un tratamento e axustar a dose para minimizar os riscos de producir maior dano no fígado. Algúns dos fármacos que deben evitarse ou utilizarse con precaución son AINES, aminoglucosidos, anticoagulantes orais, cimetidina, cloranfenicol, lidocaína, paracetamol, hipoglucemiantes orais, fenitoina, ergotamina.[9]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Fundamentos de toxicologia, Ed Macgraw-Hill px. 206.
  2. Fundamentos de fisopatologia, Esteller, M. Cordero px. 295-297.
  3. Fisiología, Berne y Levy px. 542-543.
  4. Reacciones adversas a medicamentos y enfermedades yatrógenas, px. 536-548.
  5. Reacciones adversas a los medicamentos px. 189-206.
  6. Los medicamentos y el hígado. www.hcvadvocate.org-
  7. Farmacologia Humana. J.Florez px. 149-156.
  8. Farmacologia Humana. J. Florez, px. 149-156.
  9. Farmacologia Humana. J. Florez, px. 149-156.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • 1 Cassarett y Doull (2005). Fundamentos de toxicologia. ISBN 978-84-486-0534-6.
  • 2 Esteller, M. Cordero (1998). Fundamentos de fisopatologia. ISBN 8448602145.
  • 3 Berne y Levy (2006). Fisiología Berne y Levy. ISBN 978-84-8174-948-9.
  • 4 J.L. Bada Ainsa; J.A. Salva Miquel. (1980). Reacciones adversas a medicamentos y enfermedades yatrogenas. ISBN 84-7978-035-2.
  • 5 A. Lee (2007). Reacciones Adversas a los medicamentos. ISBN 849599318X.
  • 6 . L. Highleyman. Los medicamentos y el hígado..
  • 7.8.9 J.Florez (2008 4ª Ed). Farmacologia Humana. ISBN 84-458-1290-4.