Henrik Larsson

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Henrik Larsson
Henrik larsson snorsjoabalen 2007 1.jpg
Información persoal
Nome completo Henrik Edward Larsson
Nacemento 20 de setembro de 1971 (43 anos)
Lugar Helsingborg, Suecia
Altura 1,78 m.
Posición Dianteiro
Información de club
Club actual Landskrona BoIS (adestrador)
Carreira xuvenil
1977–1988 Högaborgs
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1988–1992 Högaborgs 74 (23)
1992–1993 Helsingborgs 56 (50)
1993–1997 Feyenoord 101 (26)
1997–2004 Celtic 221 (174)
2004–2006 Barcelona 40 (13)
2006–2009 Helsingborgs 66 (30)
2007 Manchester United (cedido) 7 (1)
Selección nacional
1993–2009 Suecia 106 (37)
Adestrador
2009– Landskrona BoIS
* Partidos e goles só en liga doméstica.
† Aparicións (Goles)

Henrik Edward Larsson, nado en Helsingborg o 20 de setembro de 1971, é un ex futbolista e actual adestrador sueco. Xogaba de dianteiro e actualmente adestra ao Landskrona BoIS.

Biografía[editar | editar a fonte]

Henrik Larsson naceu en Helsingborg (provincia de Escania), o 20 de setembro de 1971, fillo dunha nai sueca e dun pai caboverdiano. Xoga de dianteiro centro e comezou a súa carreira deportiva como futbolista no club da súa cidade, o Helsingborgs IF. Está casado e ten un fillo e unha filla.

Carreira deportiva[editar | editar a fonte]

En realidade, o seu debut como futbolista produciuse no pequeno Högaborg de xuvenís, con 17 anos, pero ben logo fichou polo Helsingborgs IF, que xogaba na segunda división sueca e co que ascendeu á primeira división do seu país. Con este club, fixo 50 goles en 56 partidos, o que lle abriu as portas do fútbol internacional. En 1993 marchou para xogar aos Países Baixos, no Feyenoord, por uns 450.000 euros, e por un pouco non marcha para o Grasshopper de Zúric, que tamén poxaba por el. No club neerlandés, xogou catro tempadas e proclamouse en dúas ocasións campión de copa.

Logo dunhas disputas contractuais, en 1997 iniciou a época máis longa e produtiva da súa carreira deportiva, cando foi xogar a Escocia co Celtic FC de Glasgow, cunha fichaxe de 975.000 euros. Cos verdibrancos conquistou catro ligas, dúas copas, e un subcampionato da Copa da UEFA, cando o seu club perdeu contra o Porto FC por 3-2 (os dous tantos, de Larsson). Ademais foi o máximo goleador da liga escocesa en tres tempadas, meteu 242 goles en 315 partidos, e de feito en 2001 acadou a Bota de Ouro, galardón que sinala o máximo goleador das ligas europeas, logo de meter 35 tantos co club escocés. Durante a súa época escocesa sufriu unha grave lesión ao partir a perna por dous puntos nun partido da Copa da UEFA contra o Olympique de Lión. Larsson foi o terceiro máximo goleador do Celtic ao longo da súa historia e é o xogador dun club británico que máis tantos fixo en competicións europeas.

En 2004 fichou polo equipo catalán do FC Barcelona, co que militou na primeira división de fútbol da Liga española. Co Barça debutou o 29 de agosto de 2004. Co FC Barcelona, proclamouse campión de liga en dúas tempadas, campión da Supercopa de España e campión na Liga de Campións da UEFA: de feito, el foi o autor de dúas asistencias a dous goles que lle deron o título aos barcelonistas diante do Arsenal FC londiniense (2-1)

Despois de disputar o Mundial de fútbol de 2006 en Alemaña, decidiu retirarse da primeira liña do fútbol. Anunciou que abandonaba a selección do seu país, o que se lle sumaba ao abandono, xa antes anunciado, do cadro catalán. Larsson comezou a tempada do 2006 co seu Helsingborgs IF de toda a vida. Porén, a finais de novembro anunciou que no mercado de inverno sería fichado polo Manchester United da liga inglesa, ata o 12 de marzo, data en que regresaría á liga sueca para rematar a tempada co Helingborgs IF. Dentro do mesmo club deixou a práctica do fútbol e pasouse ao floorball, unha especie de hóckey en sala, onde estivo xogando ata xaneiro de 2009[1].

Internacionalidade[editar | editar a fonte]

Foi internacional coa selección sueca en 93 ocasións. O seu debut como internacional produciuse o 13 de outubro de 1993 no encontro Suecia-Finlandia (3-2).

Larsson marcou 36 goles coa súa selección e disputou tres mundiais (1994, 2002 e 2006) e dúas Eurocopas (2000 e 2004. Anunciou a súa retirada da selección de fútbol en 2002 pero as presións dos afeccionados, do primeiro ministro de Suecia e do presidente da UEFA Lennart Johansson conseguiron que participase co equipo amarelo na Eurocopa portuguesa. Alí os suecos perderon en cuartos contra os neerlandeses, nos penaltis, pero Larsson marchou co bo regusto de facer tres goles en catro partidos, un deles (contra Bulgaria) elixido como o mellor gol do torneo.

Ao remate do Mundial de 2006 Larsson volveu anunciar o abandono da selección sueca.

Participacións en mundiais[editar | editar a fonte]

Participou coa selección de fútbol de Suecia no Mundial de 1994 nos Estados Unidos. Xogou alí cinco partidos, contra Camerún, Rusia, Brasil, Romanía e Bulgaria. neste seu primeiro mundial Larsson só xogou como titular no partido contra os búlgaros onde marcou o terceiro dos goles dos suecos. Na clasificación final, a selección escandinava foi terceira.

En 2002 participou no Mundial de Xapón e Corea, onde disputou catro partidos contra Inglaterra, Nixeria, Arxentina e Senegal). Larsson foi titular en todos os catro e marcou tres goles (dous contra Nixeria e un contra Senegal).

Finalmente en 2006 disputou os seus últimos partidos coa selección sueca no Mundial de Alemaña. Xogou os catro partidos de Suecia contra Trinidad e Tobago, Paraguai, Inglaterra e en oitavos contra Alemaña, a anfitrioa. Foi titular en todos os encontros e meteulles un gol aos ingleses. Porén, no encontro de oitavos, cando Suecia perdía 2-0, desperdiciou unha posibilidade de ouro de facer gol ao errar un penalti cometido contra el mesmo.

Mundial Onde Posición de Suecia
Mundial de fútbol 1994 Estados Unidos Semifinal, 3º posto
Mundial de fútbol 2002 Corea do Sur e Xapón Oitavos, 13º posto
Mundial de fútbol 2006 Alemaña Oitavos, 14º posto


Palmarés[editar | editar a fonte]

Campionatos nacionais[editar | editar a fonte]

Campionatos internacionais[editar | editar a fonte]

Títulos individuais[editar | editar a fonte]

Títulos de honra[editar | editar a fonte]

En 2005 invísteno doutor honoris causa pola Universidade de Strathclyde (Glasgow, Escocia), pola súa contribución ao deporte e á beneficiencia. En 2006 recibe a Orde do Imperio Británico, a petición do Celtic FC e concedida pola raíña Isabel II, que o acredita como membro do Imperio Británico pola súa contribución ao fútbol no Reino Unido, malia ser un título que en contadas ocasións se lle concede a civís estranxeiros.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]