Helenismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Helenismo é o termo utilizado para designar a cultura e o período histórico en Grecia, o norte de África e Oriente Próximo comprendido desde a morte de Alexandre Magno (323 a.C) até a conquista romana (batalla de Accio, 31 a.C.). O territorio no que se desenvolveu o helenismo era vasto, estaba moi fragmentado e tiña como vínculo a lingua grega. Un dos lugares de referencia é o reino de Pérgamo.

Para máis información sobre a política e a sociedade, ver o artigo sobre o Período helenístico

En escultura, as formas fanse máis complexas e movidas ainda que no século anterior (IV). Destacan o Galo moribundo (230-200 a.C) e os relevos do Altar de Zeus de Pérgamo, a Afrodita en crequenas, a Vitoria de Samotracia, o Laocoonte e os seus fillos e a Venus de Milo.

Venus de Milo
Vitoria de Samotracia
Altar de Pérgamo

En filosofía o pensamento vese afectado pola desaparición das cidades-estado (polis) e a aparición dos grandes estados nos territorios helénicos. O cambio político provoca un alonxamento do individuo da vida pública, perdéndose así o obxectivo vital dos cidadáns das polis, isto é, acadar a fama a través da acción pólítica. Como consecuencia disto a filosofía céntrase principalmente en cuestións morais, dirixidas a orientar vitalmente ó individuo nas novas circunstancias. Neste contexto aparecen dúas correntes éticas opostas: Epicureísmo e Estoicismo. A primeira destas propón unha moral parcialmente hedonista: o pracer como meta na vida, aínda que se contemplan tanto os praceres intelectuais como sensibles, sendo o medio para conseguilo a ataraxia, é dicir, a serenidade de espírito producida pola eliminación de medos infundados e polo goce moderado dos praceres. O Estoicismo, en cambio, é unha moral da virtude. Esta consiste nun control anímico que permita ó individuo liberase de todo sentimento, paixón e desexo. En canto as tradicións filosóficas anteriores, só perduran con forza as tendencias de orixe platónico, primeiro derivando nunha orientación escéptica e despois, xa na era cristiá, dando lugar á versión do Neoplatonismo, iniciada con Plotino (205-270 d. C.). No que respecta á actividade científica desta época sobresaen os estudios multidisciplinares na escola museo de Alexandría (matemáticas, astronomía, medicina, xeografía, etc.) e, con relación ós vindeiros séculos do medievo, cabe mencionar, adentrándonos na época romana, ó médico Galeno (S. II), moi influído por Aristóteles, e ó astrónomo Claudio Ptolomeo (S.II), autor do libro Almaxesto onde se expón unha concepción xeocéntrica du Universo, de inspiración tamén aristotélica, que influirá notablemente na Idade Media.