Gustavo Nieves

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Gustavo Nieves.

Gustavo Nieves Campello, nado o 9 de marzo de 1982 en Vilalba, é un atleta galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Ao pouco de nacer emigrou cos seus pais a Alemaña e volveu aos cinco anos. Xogador de fútbol cando mozo, estivo no Sárdoma de categoría xuvenil, e chegou a probar co Celta de Vigo. Ao perder inesperadamente a vista aos 17 anos deixou ese deporte e trocouno polo atletismo[1][2]. A súa categoría como invidente é a T2, que se refire a atletas de carreiras, no seu caso de fondo, que son capaces de ver formas e luces a curta distancia.

Comezou no atletismo no Celta, co que participou nos Xogos de Sydney no ano 2000. Alí quedou sexto na final de 10.000 metros en T2. Estudante de enxeñería de minas na Universidade de Vigo dende 2004, a súa traxectoria como atleta quedou nun segundo plano para dedicarse á súa carreira profesional. A partir de 2007 regresa a probas de nivel nacional e en 2008 participa na Liga de Clubs co Celta, en Segunda División masculina, competindo no 3.000, e obtén a medalla de bronce nos campionatos galegos de atletismo, na proba de 5.000. Ese ano tamén obtén a medalla de ouro dos campionatos de España na categoría T2, e nesa proba tamén participa por segunda vez nuns Xogos Paralímpicos, os de Pequín.

Ao ano seguinte, en 2009. En 2009 fichou pola Sociedad Gimnástica de Pontevedra e mudou de adestrador, para pasar ás ordes de Pablo Díaz. Co club pontevedrés proclamouse campión galego de 3.000m e subcampión de 10.000, e participou na Liga de Clubs, pero desta vez en División de honra. Volveu a repetir o subcampionato galego de 10.000, pero o seu maior éxito foi a participación nos Campionatos de Europa de Para-atletismo, onde se proclamou campión de Europa dos 10.000 e dos 5.000, e subcampión de 1.500, sempre na categoría T2[1][3]. Ademais, estableceu o record do mundo de 10.000m ese mesmo ano, nunha proba celebrada en Santiago de Compostela [4], récord que aínda ostenta.

En 2010 bateu por dúas veces o récord mundial de 10.000 (T2)[5], quedou campión galego e 17º no campionato de España. En 2011, logo de obter o subcampionato galego de 5.000 lesionouse no metatarso e perdeu gran parte da temporada. En 2012 proclamouse campión paralímpico de España en 5.000, e ao sufrir de tendinite non participou nos Campionatos de Europa e centrouse nos Xogos Paralímpicos de Londres. Na capital británica finalizou cuarto na distancia de 5.000m (T2)[6].

Ao ano seguinte, en xullo de 2013, participa nos Campionatos do Mundo de Para-Atletismo, que se celebran en Lión, nas disciplinas de 5.000 e 10.000m.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]