Gueada

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A gueada é un fenómeno que se dá na fala espontánea en dos galegofalantes ao falaren castelán. Consiste na realización da fricativa velar xorda [x] como oclusiva velar sonora [g]. Isto é, a palabra castelá jueves pasaría a ser pronunciada güeves.

Existen dúas hipóteses que explican este fenómeno, relacionadas con dúas hipóteses sobre a orixe da gheada no galego.

  • Se tomamos a tese estruturalista ou autonomista, que di que a gheada é unha evolución fonética no galego, a gueada trataríase dunha ultracorrección. Así, os falantes que en galego pronuncian ghaliña, espontaneamente dirían ghallina en castelán, mais corrixiríanse para dicir gallina. De forma análoga, ultracorrixirían os casos en que o castelán pronuncia [x] (fonema semellante ao [ħ] da gheada) e pasarían a pronunciar o castelán correcto jueves como güeves.
  • Se tomamos a tese adstratística ou castelanista, que di que a gheada é unha interferencia do castelán na lingua galega, teríamos que a gueada é o paso previo que leva á gheada. Así, os falantes galegos terían dificultades para pronunciar o fonema [x] do castelán, e usarían o fonema galego máis achegado, o [g]. Isto é, ante a incapacidade de pronunciar jueves, espontaneamente dirían güeves. Posteriormente estes falantes corrixiríanse, mais sen chegar á pronuncia correcta, o que daría ghueves (co fonema aspirado [ħ]). E, por ultracorrección, pasarían a pronunciar todos os fonemas [g] do castelán como [ħ], e posteriormente tamén no galego[1][2].

Aínda que conflúa xeograficamente coa gheada, non se trata dunha variación dialectal, senón diafásica, ao darse este fenómeno en persoas de máis idade e menos estudos.

Ramón Mariño Paz facía a seguinte reflexión ao respecto[3]:

A gheada e a gueada son dous fenómenos caracteristicamente galegos para os que temos documentación segura bastante anterior aos inicios do século XIX. Para a primeira pódense citar, entre outros testemuños, o prolojos do romance galego con que Juan Correa Mendoza y Sotomayor concorreu ao asunto segundo do certame das Festas Minervais compostelás de 1697 (FM, 37), o “estrujas y estruas” que o Padre Sarmiento recolleu na Pontevedra de mediados do século XVIII (CVVVGDV, 110) ou o baja ‘baga’ que Sobreira anotou nunha das súas papeletas ao final da mesma centuria (PDG, 349)26. Para a segunda creo que valen casos ben coñecidos coma as higüelas e aguares dun documento en castelán de 1652, a religuion dun texto de de Fr. Benito Mosquera de 1699, as ogas de migo, o pagal (por pajar) e a tega (por teja) que se len nun documento da parroquia de San Salvador de Coiro (Cangas do Morrazo) datado en 1727.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Dúbida A gheada no Consultório Lingüístico da AGAL.
  2. Gueada y geada gallegas, de José Luis Pensado e C. Pensado Ruíz (Anexo 21 da revista Verba, Santiago de Compostela, 1983).
  3. O idioma galego no limiar da súa renacenza (p.61 e seguintes).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]