Gruta de Cussac

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Reixa na entrada da gruta de Cussac.

A gruta de Cussac é unha cova decorada prehistórica que ten máis de centocincuenta gravados paleolíticos atribuídos ao período Gravetiense, así como varios restos humanos en sepulturas, aparentemente asociados ás figuras parietais.

Localización e historia[editar | editar a fonte]

Esta caverna está situada en Francia, no departamento de Dordogne, rexión de Aquitania, no corazón do Périgord, entre Bergerac e Sarlat, no concello (commune) de Buisson-de-Cadouin, no val do río Dordogne .

Foi descuberta o 30 de setembro de 2000 polo espeleólogo afeizoado Marc Delluc (membro do Spéléo-Club de Périgueux) e moi logo foi obxecto dunha instancia de clasificación entre os monumentos históricos franceses o 23 de novembro de 2000. A descuberta foi anunciada por un comunicado de prensa do Ministerio de Cultura o 8 de decembro de 2000.

A gruta está na actualidade (2008) baixo protección científica e en curso de estudo. A presenza episódica de gas carbónico dificulta o seu acceso e máis o traballo subterráneo. Talvez non sexa aberta ao público nunca.

A arte de Cussac[editar | editar a fonte]

As obras de Cussac son case exclusivamente gravados, con frecuencia de moi grandes dimensións, realizadas ben por medio de ferramentas de pedra sobre as paredes, ben simplemente con aplicación dos dedos sobre a arxila dos chans. A utilización de pigmentos limítase a algúns raros puntos vermellos.

As representacións comprenden figuracións de animais habituais da arte do Paleolítico Superior (bisontes, cabalos, mamutes, rinocerontes, cabras) e outras máis raras, especialmente aves e figuras enigmáticas. Hai catro siluetas femininas de perfil. Todas estas obras están moi próximas por tema e estilo as coñecidas do Gravetiense nas covas do Quercy, en particular na caverna de Pech Merle. Estímase que teñen unha antigüidade de 25.000 anos a contar desde o presente.

Os restos humanos[editar | editar a fonte]

Xunto con a gruta do Visage en Charente, tamén considerada como gravetiense, a cova de Cussac constitúe un dos moi raros testemuños de asociación de obras parietais e de sepulturas humanas no Paleolítico europeo. Polo menos cinco cadáveres, catro de adultos e un de adolescente, foron depositados en cavidades formadas por toqueiras de osos. Varias osamentas foron examinadas a fin de ser datadas polo método do carbono 14 e un deles dou un resultado próximo a 25.000 anos antes do presente. A contemporaneidade entre as obras e as sepulturas é pois probábel, dado que a entrada da cavidade tería sido onstruída moi logo tras a actuación dos artistas prehistóricos.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Norbert Aujoulat et alii, « La grotte ornée de Cussac (Dordogne) — Observations liminaires », Paléo, N° 13 (2001).

Recoñecemento[editar | editar a fonte]

Esta páxina é unha versión do artigo correspondente da Wikipedia en francés.