Grupo de diferenciación

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os grupos de diferenciación, abreviados como CD (do inglés Cluster of Differentiation) e moitas veces denominados clusters de diferenciación, cúmulos de diferenciación, clusters de designación ou clusters de determinantes e tamén antíxenos de diferenciación ou antíxenos CD son moléculas que se encontran na superficie celular de leucocitos e outras células, que funcionan como marcadores antixénicos recoñecidos por certos anticorpos (anticorpos monoclonais), que serven para identificar o tipo de célula e o seu estado de diferenciación ou de actividade, xa que algúns son característicos de determinadas células ou estados.

Os CD utilízanse como un protocolo para a identificación e investigación das moléculas da superficie celular por medio do inmunofenotipificación (ou inmunofenotipado) de células. Por exemplo, durante a maduración e diferenciación dos linfocitos inmaduros, van aparecendo secuencialmente na superficie destes unha serie de receptores inmunitarios conforme progresa a maduración e diferenciación, de modo que aparecen uns, despois algúns desaparecen, outros mantéñense, e aparecen outros novos. Isto depende de acontecementos internos da célula como cambios na expresión de xenes. Estes marcadores danlle aos linfocitos compoñentes fenotípicas únicas do estado en que se encontran. Ademais de nos leucocitos, aparecen tamén noutras células, como en células hematopoiéticas (sanguíneas).

Existen varios centos de CD recoñecidos,e a lista de grupos de diferenciación humanos chegaba aos 350 en 2009.[1][2]

Funcións[editar | editar a fonte]

Fisioloxicamente as moléculas CD poden actuar de moi diversos xeitos, a miúdo son receptores ou ligandos (é dicir, a molécula que activa o receptor) moi importantes para a célula. Xeralmente, os CD son o punto onde se inician cascadas de reaccións intracelulares, que alteran o comportamento da célula (ver sinalización celular). Algunhas proteínas CD non funcionan na sinalización celular, senón que teñen outras funcións, como a adhesión celular.

Debido a estas variadas funcións, as moléculas CD non deben considerarse como meros marcadores de superficie para definirmos os leucocitos. Algunhas teñen funcións fundamentais, como o CD4 e CD8 da superficie dos linfocitos T, que son fundamentais para o recoñecemento inmunitario de antíxenos e, por tanto, para a activación do sistema inmunitario. Outros como o CD135 actúan como receptores para factores de crecemento.

Algúns virus únense a moléculas CD para penetrar na célula. O virus da inmunodeficiencia humana (VIH) únese a CD4 e a un receptor de quimiocinas na superficie das células T axudantes, para así entrar na célula.

Nomenclatura[editar | editar a fonte]

A nomenclatura CD propúxose e quedou establecida no Primeiro Obradoiro Internacional e Conferencia sobre Antíxenos de Diferenciación de Leucocitos Humanos (HLDA), que tivo lugar en París en 1982.[3][4] O sistema estaba destinado a clasificar os moitos anticorpos monoclonais (mAbs) xerados por diferentes laboratorios de todo o mundo contra os epitopos das moléculas da superficie celulas dos leucocitos. Desde entón, o seu uso ampliouse a moitos outros tipos celulares, e xa foron identificados máis de 300 grupos ou subgrupos CD. Á molécula superficial proposta se lle asigna un número CD unha vez que se comproba que dous anticorpos monoclonais específicos se unen á molécula. Se a molécula non foi ben caracterizada, ou ten só un anticorpo monoclonal que se unise a ela, xeralmente se lle dá un indicador provisorio "w" (como en "CDw186").

As poboacións celulares son definidas usando un signo "+" ou "-" para indicar se unha certa fracción celular expresa ou carece dunha determinada molécula CD. Por exemplo, unha célula "CD34+, CD31-" expresa o CD34, pero non o CD31. Esta combinación de antíxenos CD corresponde tipicamente a unha célula nai en oposición a unha célula endotelial completamente diferenciada. Algunhas poboacións celulares poden tamén definirse como hi (alta), mid (media) ou low (baixa) ou alternativamente bright (brillante), mid (media) ou dim (escura), indicando con estes superíndices a variabilidade na expresión do CD, particularmente cando se comparan con outras células que se están a estudar. Un traballo de "revisión" do desenvolvemento de células T no timo utiliza esta nomenclatura para identificar as células que están en transición desde células dobre positivas CD4mid/CD8mid ata células CD4hi/CD8mid.[5]

Inmunofenotipificación[editar | editar a fonte]

Grupo de diferenciación.

O sistema CD úsase xeralmente como un sistema de marcadores en inmunofenotipificación (ou inmunofenotipado), que permite a definición das células baseándose en que moléculas están presentes na súa superficie. Estes marcadores utilízanse a miúdo para asociar as células cunha determinada función inmune. Aínda que utilizar unha soa molécula CD para definir poboacións non é moi común (pero hai uns poucos exemplos), a combinación de marcadores permite establecer tipos celulares con definicións moi específicas no sistema inmunitario.

As moléculas CD utilízanse na selección de células utilizando diversos métodos, como a citometría de fluxo.

Tipo de célula marcadores CD
células nais CD34+, CD31-
todos os grupos de leucocitos CD45+
granulocito CD45+, CD15+, CD24+, CD114+, CD182+[6]
monocito CD45+, CD14+, CD114+, CD11a, CD91+[7]
linfocito T CD45+, CD3+
célula T axudante CD45+, CD3+, CD4+
célula T regulatoria CD4, CD25, e Foxp3
célula T citotóxica CD45+, CD3+, CD8+
linfocito B CD45+, CD19+ ou CD45+, CD20+, CD24+
trombocito CD45+, CD61+
célula asasina natural CD16+, CD56+, CD3-, CD31, CD30

As moléculas CD4 e CD8 están presentes nos linfocitos T axudantes e citotóxicos, respectivamente, pero debe buscarse a combinación destes marcadores con CD3, xa que é característica destas células (algúns macrófagos presentan niveis baixos de CD4 e as células dendríticas teñen altos niveis de CD8, pero non en combinación con CD3).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "HCDM, responsible for HLDA workshop and CD molecules". Human Cell Differentiation Molecules Council (successor to the HLDA Workshops). http://www.hcdm.org/MoleculeInformation/tabid/54/Default.aspx. Consultado o 2009-06-01.
  2. Zola H, Swart B, Banham A, Barry S, Beare A, Bensussan A, Boumsell L, D Buckley C, Bühring HJ, Clark G, Engel P, Fox D, Jin BQ, Macardle PJ, Malavasi F, Mason D, Stockinger H, Yang X. (2007). "CD molecules 2006--human cell differentiation molecules.". J Immunol Methods. 318 (1–2): 1–5. DOI:10.1016/j.jim.2006.11.001. PMID 17174972.
  3. Bernard A, Boumsell L (1984). "[Human leukocyte differentiation antigens]" (en French). Presse Med 13 (38): 2311–6. PMID 6239187.
  4. Fiebig H, Behn I, Gruhn R, Typlt H, Kupper H, Ambrosius H (1984). "[Characterization of a series of monoclonal antibodies against human T cells]" (en German). Allerg Immunol (Leipz) 30 (4): 242–50. PMID 6240938.
  5. Ho IC, Tai TS, Pai SY (February 2009). "GATA3 and the T-cell lineage: essential functions before and after T-helper-2-cell differentiation". Nat. Rev. Immunol. 9 (2): 125–35. DOI:10.1038/nri2476. PMC 2998182. PMID 19151747. //www.pubmedcentral.nih.gov/articlerender.fcgi?tool=pmcentrez&artid=2998182.
  6. http://docs.abcam.com/pdf/immunology/cdantigen_poster.pdf
  7. http://docs.abcam.com/pdf/immunology/cdantigen_poster.pdf

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]