Grendel

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Grendel é un monstro e un dos tres antagonistas presentes no poema épico Beowulf, composto ao redor dos anos 700-1000 da nosa era.

No poema hai poucas descricións do monstro, pero se infire que se trataba dunha criatura salvaxe, cunha forza brutal e de enorme estatura. Tal vez un demo ou un xigante, tamén se refiren a el no poema como un ogro ou un troll e como fillo de Caín.

Descricións no poema[editar | editar a fonte]

No poema, Grendel invade Heorot, a terra dos daneses, volvéndoa inhabitábel, xa que devoraba humanos sen que ninguén se lle opuxese. O heroe dos gautas, Beowulf, deixa a súa terra natal para derrotar ao monstro. O guerreiro termínao matando logo dunha loita a man limpa. E logo a nai de Grendel volve para vingarse, máis terríbel e poderosa, pero tamén sucumbe a mans de Beowulf.

A súa primeira aparición no poema:

Chamábase Grendel aquel espantoso, horripilante
e perverso proscrito: moraba en lameiras,
en grutas e charcas. Desde tempos remotos
vivía esta fera entre xente infernal,
padecendo a pena que Deus inflixiu. (vv. 102-106)

A súa forza:

O horríbel inimigo, o privado de gozos,
chegou diante da estancia. Con só tocala,
na porta rompeu os forxados ferrollos:
xa podía o maligno —era grande a súa furia—. (vv. 720-723)

Única descrición física:

con rabia avanzou: tiña nos seus ollos
un brillo espantoso, igual que de lume. (vv. 726-727)
como iría atacar coas súas garras feroces. (v. 738)

Os seus poderes máxicos:

Mais aqueles vasalos de rexo coraxe,
que por todos os lados lle poñían acoso
ao daniño inimigo, non achaban a forma
de ferilo de morte: ao torvo proscrito
espada ningunha que houbesen no mundo,
nin o ferro mellor, abatelo podía,
pois el coa súa maxia enfeitizaba as armas,
os seus gumes de guerra. (vv. 798-805)

Noutras obras[editar | editar a fonte]

Famoso polo poema, o seu nome foi utilizado como sinónimo de demo. Mesmo se chegou a utilizar en obras de literatura moderna, como a saga de ciencia ficción Hyperion de Dan Simmons. Así tamén como no cómic do mesmo nome debuxado e guionado por Matt Wagner.

Na novela Devoradores de cadáveres de Michael Crichton, adaptada ao cine como O guerreiro número trece, que relata unha versión "realista" de Beowulf escrita polo viaxeiro musulmán Ibn Fadlan, Grendel é substituído polos Wendol, un tribo de neandertais que sobrevive nun val remoto de Dinamarca en pleno século X e que aterra aos poboados viquingos da zona. A nai de Grendel é representada nesta obra como a sacerdotisa e xefe suprema do tribo.