Granxa de Barreiros

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Granxa de Barreiros
Tipogranxa escola
Data de fundación1948
Fundador(es)Antonio Fernández López
EnOrtoá
PaísGalicia
42°46′59″N 7°27′35″O / 42.783138888889, -7.4596305555556
Na rede
https://granxadebarreiros.com/gl/
editar datos en Wikidata ]

A Granxa de Barreiros é un proxecto pedagóxico creado en 1948 por Antonio Fernández López (o maior dos fillos de Antón de Marcos) en Barreiros, na parroquia de Ortoá (Sarria).

Historia[editar | editar a fonte]

A intención do empresario e filántropo lugués era crear unha escola de orientación agraria para mestres, de forma que integrasen a cultura galega e os ciclos da natureza na formación escolar. Tamén quería promover a creación de hortas escolares nas escolas públicas da provincia. O proxecto e os edificios da granxa foron deseñados polo arquitecto galego Manuel Gómez Román.

O seu primeiro director foi Avelino Pousa Antelo, que antes da guerra civil fora membro das Mocedades Galeguistas, facendo unha forte campaña a prol do Estatuto de Autonomía de 1936. Profundamente agrarista e cooperativista, en 1946 obtivera unha bolsa na Misión Biolóxica de Galicia que dirixía Cruz Gallástegui Unamuno en Salcedo (Pontevedra).

Desde 1948 até a súa morte a institución foi sostida por Antonio Fernández López. Na actualidade segue a funcionar, plenamente integrada nos plans educativos promovidos polo Colexio Fingoi de Lugo. Está xestionada polo Instituto Galego de Educación Medioambiental A Ponticela, baixo a dirección de Siña Fernández Puentes, filla do fundador.