Grande Irán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Xeográfica e culturalmente, o Grande Irán inclúe toda a meseta iraniana, estendéndose até Asia Central (Bactriana) e o Hindukush ao nordeste e Afganistán e Paquistán no sueste, e até Siria Oriental e o Cáucaso, ao noroeste.

O termo Grande Irán (en persa, ایران بزرگ Irān-e Bozorg, e en farsi ایران‌زمین Irān-zamīn) refírese ás rexións que teñen unha significativa influencia cultural iraniana, onde as linguas iranianas foron ou son faladas, e tamén as rexións que formaron parte de Persia ou do Imperio persa. Correspóndese a grandes trazos a meseta iraniana e os territorios que a rodean, abarcando desde o Cáucaso até o río Indo.

A Encyclopedia Iranica utiliza o termo continente cultural iraniano e outros nomes como Gran Persia ou continente cultural persa, de uso particular no Afganistán e Taxiquistán. Desde o punto de vista irredentista, ás veces chámase Grande Irán. Nun sentido máis restritivo para a comunidade lingüística de lingua persa, é denominado iranofonía, ou persofonía.

Tradicionalmente, e até un período recente, a etnicidade nunca foi un criterio determinante de separación nestas rexións. Só na época moderna as intervencións coloniais occidentais e a etnicidade tornáronse factor de separación entre as provincias do mundo iraniano.

De modo claro, o Grande Irán nunca tivo fronteiras fixas, nin mesmo de definición precisa.

Mentres que certas fontes definen este espazo como o dos estados do presente Irán, Afganistán, Acerbaixán e as repúblicas de Asia Central, outras como as do investigador Richard Nelson Frye dan unha definición máis ampla incluíndo "a maior parte do Cáucaso, de Afganistán e da Asia Central, con influencias culturais a que se estenderon até ao mundo chinés, ao subcontinente indio e aos países que falan linguas semitas." Segundo Frye, "Irán significa todos os territorios e pobos onde as linguas iranianas son ou foron faladas e, no pasado, onde existiran culturas iranianas de múltiplas facetas."

Debido a que se trata dun concepto cultural, representando rexións establecidas por tribos iranianas, non se corresponde con ningunha entidade política en particular e —debido a que representa unha dispersión da Idade de Bronce tardía— antecede a tales entidades políticas en moitos séculos. Polo que se refire aos sasánidas, en cuxas inscricións do século III aparece por vez primeira o termo Irán como un concepto político, o estado iraniano estado multinacional inclúe Asia Menor pero exclúe territorios ao leste das dúas concas do deserto de sal iraniano. Esta situación é, porén, dada a volta no contexto cultural, isto é, o da nación iraniana.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]