Grand-Bornand

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Grand-Bornand (fr. Le Grand-Bornand) é unha pequena vila francesa, situada no departamento da Alta Savoia, e na rexión de Ródano-Alpes. É unha zona de fala francoprovenzal.

Xeografía[editar | editar a fonte]

A vila está situada entre o macizo dos Bornes e a serra dos Aravis e é fundamentalmente coñecida por ser unha estación de esquí. Non está por conseguinte lonxe do Mont Blanc, do lago de Annecy e da fronteira con Suíza, O nome vénlle do río que a cruza, o Borne, que é un afluente do Arve. Ten unha extensión de 61,42km², onde viven unciamente 2.115 habitantes (conforme o censo de 1999).

O territorio do concello divídese en tres grandes áreas: o val do Bouchet, o val do Chinaillon, e mais o poboamento do Gran-Bornand, que se atopa nunha valga de orixe lacustre no cruzamento dos dous vales maiores. O Bouchet, situado río arriba da vila, é un val moi encaixado, mentres que O Chinaillon, por riba deles, concentra a maior parte da actividade de deportes de inverno.

Historia[editar | editar a fonte]

O pequeno tamaño do Grand-Bornand non lle conferiu demasiada importancia histórica. O incendio dunha igrexa en 1569 e un tremor de terra en 1817 son as principais datas antes de que se crease, o 28 de outubro de 1923 un clube de esquí que lle daría pulo á vila.

As demais aparicións de Grand-Bornand na historia cóntanse por traxedias. O 24 de agosto de 1944, ao tempo que se producía a liberación de París, un grupo de oficiais das Forzas Francesas do Interior (FFI) fusilaba, logo dun proceso sumarísimo e sen garantías legais, a 76 milicianos, moitos deles menores de idade, acusados de colaboraren coa ocupación naci. Iso acontecía preto do bosque de Peseretaz, en Grand-Bornand. O 14 de xullo de 1987, unha riada do Borne leva por diante un acampamento e mata 21 dos seus ocupantes e deixa dous desaparecidos. O acampamento estaba situado nunha zona de crecida do río. O 12 de avril de 2003, un veciño asasina a familia enteira do produtor inmobiliario Xavier Flactif (5 vítimas) no seu chalé do Chinaillon, no que foi coñecido como caso Flactif.

Turismo e cultura[editar | editar a fonte]

O edificio con maior valor histórico do Grand-Bornand é a igrexa de Nosa Señora da Asunción. Aínda que se sabe da existencia deste templo dende 1346, foi destruído parcialmente no incendio de 1569, e logo reconstruído varias veces ata a última reforma, de 1877.

Ademais do turismo deportivo derivado da estación de esquí (37 remontes, 90 km de pistas de esquí alpino e 62 de esquí de fondo), é propio do Grand-Bornand o queixo reblochon producido con leite de vaca. Tamén hai unha tradicional fábrica de limonada, que leva en funcionamento dende 1870.

Na vila, que foi xa por dúas veces (��2004 e 2007) final de tirada do Tour de Francia, viven numerosos deportistas de inverno, que teñen colleitado éxitos internacionais para os equipos franceses de esquí e de biatlón.