Gran Premio de Corea
O Gran Premio de Corea (coreano: 코리아 그랑프리) é unha carreira de Fórmula Un celebrada en Corea do Sur. Tras meses de especulacións, o 2 de outubro de 2006, confirmouse que a carreira levaríase a cabo en 2010, e sería acollida polo Circuíto Internacional de Corea. Tamén se puxo de manifesto que a carreira sería promovida por unha empresa público-privada. O acordo é por sete anos cunha opción de cinco anos que asegure que a carreira se celebrará ata o ano 2021.
A pesar desta confirmación, o Gran Premio de Corea do Sur non se incluíu en ningún dos calendarios provisionais de 2010.. Tras a aprobación de fondos para a carreira, programouse esta para o 17 de outubro do 2010 no calendario publicado pola Federación Internacional do Automóbil (FIA) o 21 de setembro 2009. O 10 de decembro de 2009, os organizadores da carreira anunciaron que estarían listos na data prevista, cun plan para acabar o circuíto o 5 de xullo de 2010, aínda que admitiron que o seu maior problema radicaba na procura de aloxamento para todo o persoal e os espectadores da Fórmula Un. Os organizadores tamén descartaron a posibilidade de realizar a carreira de noite, polo menos ata que teñan máis coñecementos e experiencia na xestión dun Gran Premio. A pesar da confirmación, había aínda o risco de que o circuíto non chegara a tempo, isto foi negado polo promotor da carreira, quen dixo que o circuíto ía estar antes do previsto.
Logo de varios adiamentos, a FIA programou unha inspección final do circuíto o 11 de outubro de 2010, 13 días antes de que o Gran Premio de Corea fose programado para comezar a carreira. Logo da inspección da FIA, o director de carreira Charlie Whiting declarou que a carreira ía seguir adiante.
Os pilotos de Fórmula Un fixeron comentarios positivos sobre o novo circuíto, con varios comentarios de que parece a unha pista interesante e desafiante.