Admiral Graf Spee

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Graf Spee»)

Admiral Graf Spee

O Admiral Graf Spee en 1936
Historial
Estaleiro Kriegsmarinewerft Wilhelmshaven
Clase clase Deutschland
Tipo cruceiro
Autorizado 23 de agosto de 1932
Posta en grella 1 de outubro de 1932
Botado 30 de xuño de 1934
Asignado 6 de xaneiro de 1936
Baixa 17 de decembro de 1939
Destino afundido pola tripulación
Características xerais
Desprazamento 12 100 t estándar
16 200 t carga máxima
Eslora 186 m
Manga 21,6 m
Puntal 7,4 m
Sensores rádar tipo Fumo 22

O Admiral Graf Spee foi un dos buques de guerra alemáns máis famosos da segunda guerra mundial, xunto co acoirazado Bismarck. O seu tamaño estaba limitado ao dun cruceiro polo Tratado de Versalles, pero estaba máis fortemente armado debido ás novidosas técnicas de aforro de peso usadas na súa construción. A súa velocidade máxima de 28 nós (52 km/h) provocaba que só un escaso número de naves francesas e británicas fosen o suficientemente rápidas e poderosas para poder alcanzalo e afundilo.[1]

O cruceiro levou a cabo cinco patrullas de non intervención durante a Guerra civil española entre 1936 e 1938, e participou na coroación do rei Xurxo VI do Reino Unido en maio de 1937. Semanas previas ao comezo da segunda guerra mundial foi enviado ao Atlántico sur para asaltar as rutas de comercio en canto empezara o conflito e, a partir de setembro de 1939 e en dous meses e medio, afundiu nove barcos mercantes aliados, cun total de 50 893 toneladas. Numerosos grupos de caza británicos foron organizados para atopalo, dando con el finalmente tres cruceiros británicos e neozelandeses en decembro de 1939. Produciuse entón a Batalla do río da Prata, durante a cal o Graf Spee foi danado. Atracou para facer reparacións no porto neutral de Montevideo, pero foi forzado polas leis internacionais a abandonalo en 72 horas. Debido ás poucas posibilidades que cría que tiña contra as forzas aliadas, o capitán decidiu afundir o barco, o 17 de decembro de 1939, antes de arriscar as vidas dos seus tripulantes.

Características[editar | editar a fonte]

Difíciles de clasificar os barcos da clase Deutschland era un novo concepto de cruceiros fortemente blindados e cunha gran potencia de artillaría que, en teoría, cumprían as limitacións impostas a Alemaña polo Tratado de Versalles pero que, na realidade, as excedían amplamente. Superaron as características dun cruceiro pesado, pero non coincidían coas dun acoirazado, polo que a prensa e as armadas estranxeiras denomináronas "acoirazados de peto".

O Admiral Graf Spee tiña unha lonxitude total de 186 metros, unha manga de 21,65 m e un calado máximo de 7,34 m. O seu desprazamento de deseño foi de 16 020 toneladas,[2] aínda que se adheriu oficialmente ao límite de 10.000 t imposto polo Tratado de Versalles.[3] O Admiral Graf Spee estaba propulsado por dúas hélices de tres palas unidas a catro conxuntos de motores diésel MAN de 9 cilindros de dobre efecto e de dous tempos. A súa velocidade máxima era de 29,5 nós (54,6 km/h) cos seus 54.000 CV (40.000 kW), e a unha velocidade de cruceiro de 18,6 nós (uns 35 km/h) o barco tiña un alcance de 16.300 millas náuticas (30.200 km).[4] Segundo os deseños, a súa tripulación era de 33 oficiais e 586 mariñeiros, aínda que a partir de 1935 aumentaron a tripulación a preto de mil membros.[2]

O armamento principal do Admiral Graf Spee eran seis canóns de 280 mm SK C/28 montados en dúas torretas triplas, unha diante e outra detrás da superestructura. Tamén tiña unha batería secundaria de oito canóns SK C / 28 de 150 mm agrupados en torretas individuais en ámbolos dous lados do centro do cruceiro. A súa batería antiaérea orixinal consistía en tres canóns de 88 mm L/45, substituídos por seis de 88 mm L / 78 en 1935. En 1938 retiráronse todas estas armas para acomodar seis canóns de 105 mm L/65 máis, catro de 37 mm e dez 20 mm.[2] O cruceiro tamén levaba un par de tubos lanzatorpedos cuádruplas de 533 mm dispostos á popa na cuberta e dous hidroavións Arado Ar 196 cunha catapulta para a engalaxe.

O cinto blindado do Admiral Graf Spee era escaso para favorecer a velocidade, tiña entre 60 e 80 mm de grosor, na cuberta superior era de só 17 mm, mentres que na cuberta blindada principal estaba entre 17 e 45 mm de espesor. As torres da batería principal presentaban placas de 140 mm nos seus frontes e placas de 80 mm nos seus lados.[2] O Admiral Graf Spee foi o primeiro buque de guerra alemán que montou equipos de radar,[5] un xogo FMG G (gO ) «Seetakt».[6]

Telémetro rescatado do Admiral Graf Spee.

Restos[editar | editar a fonte]

En febreiro de 2004, un equipo de rescate comezou a traballar no rescate dos restos do barco. A operación estaba, en parte, financiada polo goberno do Uruguai e, en parte polo sector privado, xa que o restos eran un perigo para a navegación. A primeira sección importante rescatada foi un telémetro de artillaría de 27 toneladas que se ergueu o 25 de febreiro.[7] O 10 de febreiro de 2006, recuperáronse unha enorme aguia e unha esvástica de 2 m de alto e 400 quilogramos que, orixinalmente, estaban na popa do buque[8] e que foron almacenadas nun almacén naval uruguaio despois das queixas do goberno alemán pola exhibición de "parafernalia nazi.[9]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Pope, 2005, p.7
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Gröner, 1990, p. 60
  3. Pope, 2005, p. 3
  4. Koop & Schmolke, 2014, pp. 33–34
  5. Bidlingmaier, 1971, p. 74
  6. Gröner, 1990, p. 61
  7. Redacción (26 de febreiro de 2004). "Divers recover piece of Graf Spee". bbc.co.uk/ (en inglés). Consultado o 13 de xaneiro de 2021. 
  8. Redacción (10 de febreiro de 2006). "Graf Spee's eagle rises from deep". bbc.co.uk (en inglés). Consultado o 13 de xaneiro de 2021. 
  9. de los Reyes, Ignacio (15 de decembro de 2014). "What should Uruguay do with its Nazi eagle?". bbc.com. Consultado o 13 de xaneiro de 2021. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bidlingmaier, Gerhard (1971). KM Admiral Graf Spee: pocket battleship 1932-1939. Colección: Warship Profile nº 4 (en inglés). Windsor, Inglaterra: Profile Publications. 
  • Gröner, Erich (1990). German Warships: 1815–1945. Annapolis: Naval Institute Press. ISBN 978-0-87021-790-6. 
  • Koop, Gerhard; Schmolke, Klaus-Peter (2014). Pocket battleships of the Deutschland class : Deutschland/Lützow, Admiral Scheer, Admiral Graf Spee (en inglés). Barnsley: Seaforth Publishing. ISBN 9781848321960. 
  • Pope, Dudley (2005). The Battle of the River Plate: The Hunt for the German Pocket Battleship Graf Spee (en inglés). Ithaca (NY): McBooks Press. ISBN 978-1-59013-096-4.