Golpe de estado do 23 de febreiro de 1981

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O golpe de estado do 23 de febreiro de 1981 en España, tamén coñecido como 23-F, foi unha tentativa de golpe de estado levado a cabo por algúns mandos militares, sendo a parte máis afamada o asalto do Congreso dos Deputados por un numeroso grupo de gardas civís baixo mando do tenente coronel da Garda Civil Antonio Tejero, durante a votación do candidato á presidencia do goberno, Leopoldo Calvo Sotelo, da UCD.

Os feitos[editar | editar a fonte]

Neste golpe posiblemente coincidisen distintas tramas golpistas que operaban desde o comezo da reinstauración borbónica do ano 1975, mediante unha acción coordenada.

Ás seis da tarde empeza a votación nominal para o investimento de Leopoldo Calvo-Sotelo como presidente do goberno. Ás 18:21 horas, cando ía emitir o seu voto o deputado socialista Juan Manuel Núñez Encabo, un grupo de gardas civís, armados con metralletas, irrompe no congreso dos deputados ás ordes do tenente coronel Antonio Tejero. Este, desde a tribuna, berra "¡Quieto todo el mundo!" e ordena que todos se tiren ao chan. O daquela ministro, xeneral do exército, Gutiérrez Mellado erguese e encárase con Tejero tentando ordenarlle aos números que depuxesen as armas. Tras a inocente tentativa de Mellado para reafirmarse na autoridade, Tejero dispara de xeito intimidatorio e os gardas fan o propio cos subfusís. Santiago Carrillo permanece sentado no escano, o Presidente Adolfo Suárez tenta axudar a Gutiérrez Mellado mentres o resto dos deputados obedecen a orde de Tejero.

Pedro Francisco Martín, operador de Televisión Española, gravou case media hora, achegándolle ao mundo un documento audiovisual de valor incalculable sobre a tentativa do golpe de Estado. Coa toma armada do hemiciclo e o secuestro de poderes executivo e lexislativo, tentábase conseguir un "vacío de poder", sobre o que se pretendía xerar un novo poder político. Máis tarde, catro dos deputados foron separados do resto: o Presidente do Goberno, Adolfo Suárez González, o Ministro de Defensa, Agustín Rodríguez Sahagún, o líder da oposición, o socialista Felipe González Márquez, o segundo na lista do PSOE, Alfonso Guerra, e o líder do Partido Comunista de España, Santiago Carrillo.

Pouco tempo despois e seguindo o plan previsto, sublevouse en Valencia o Capitán General de la III Rexión Militar, Jaime Milans del Bosch, que sacou algunhas compañías de carros de combate á rúa, desde o porto de Valencia ata o centro da cidade, onde apuntaban aos edificios institucionais, como o concello ou as cortes valencianas. Decretou o Estado de excepción e tentou convencer a outros militares de secundar a súa acción. Ás nove da noite, un comunicado do Ministerio de Interior informaba da constitución dun goberno provisorio con subsecretarios de diferentes instancias ministeriais, presidido por Francisco Laína, para asegurar a gobernación do estado e en estreito contacto coa Xunta de Xefes do Estado Maior. Entretanto, outro xeneral, Torres Rojas, fracasaba na súa tentativa de suplantar no mando da División Acorazada Brunete ao xeneral Juste, xefe da mesma, abortándose a pretensión de ocupar os puntos estratéxicos da capital, entre eles as sedes da Radio e Televisión, e a difusión dun comunicado relatando o éxito do golpe.

O Presidente da Generalitat de Cataluña, Jordi Pujol, pouco antes das dez da noite transmitía a toda España polas emisoras de Radio Nacional e Radio Exterior una alocución onde chamaba á tranquilidade. Ata a unha da noite xestionouse desde o Hotel Palace, nos arredores do Congreso, lugar elixido como centro de operacións polo xeneral Aramburu Topete, daquela Director Xeral da Garda Civil e o xeneral Sáenz de Santa María, Director Xeral da Policía Nacional. Por alí tamén deambulou o xeneral Alfonso Armada, parte do plan golpista, quen pretendía simulando negociar cos asaltantes, proporse a si propio como solución de consenso emulando ao xeneral francés De Gaulle, fracasa cando se nega Tejero a que presidira un goberno do que tamén formarían parte socialistas e mesmo comunistas. Máis tarde, descubertos xa os seus plans, sería relevado do seu posto de 2º xefe do estado maior do exército pola súa implicación na trama golpista.[1]

O rei tivo ata a noite para decidir a súa postura e transmitiu sen dificultades por televisión a súa negativa a apoiar o golpe, isto permitiu abortalo a medida que avanzaba a noite. Xa á unha da madrugada do día 24 de febreiro, o Rei interveu en televisión, vestido con uniforme de Capitán Xeneral dos Exércitos para posicionarse contra os golpistas e desautorizar a Milans del Bosch. A partir dese momento o golpe dáse por fracasado. Na medianoite, Alfonso Armada presentárase no Congreso cun dobre obxectivo: convencer ao tenente coronel Tejero que depuxese a súa actitude e asumir el propio o papel de xefe do goberno baixo as ordes do rei, en actitude anticonstitucional. Pero Armada non era a "autoridade competente" que esperaba Tejero e foi despachado violentamente. Pola súa banda, Milans del Bosch, illado, cancelou os seus plans ás cinco da mañá e foi arrestado, porén Tejero resistiu ata mediodía do 24. Durante a mañá do día 24 os deputados foron liberados.

Notas[editar | editar a fonte]