Golfo de Valencia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vista aérea do Golfo de Valencia.

O golfo de Valencia é un entrante do mar Balear (Mediterráneo occidental) nas costas do leste de España, desde o cabo da Nave (Alacant) polo sur, ata o cabo de Tortosa no delta do Ebro (Tarragona) no norte, abarcando unha liña costeira de aproximadamente 400 km, e integrando nas súas augas ao arquipélago das illas Columbretes fronte ás costas de Castelló.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Ao longo de toda a liña de costa que comprende o golfo de Valencia, atopamos (de norte a sur) como accidentes xeográficos máis destacados os cabos de Peñíscola, Orpesa, e Cullera, pois xeralmente a costa é baixa e arenosa, o cal favorece a presenza de abundantes zonas pantanosas (sobre todo na chaira central) como as albuferas de Orpesa, Gandia, e máis concretamente a albufera de Valencia.

Os cultivos de arrozais máis propios da chaira central compaxínanse co cultivo de cítricos ao longo de toda a costa e co cultivo de hortalizas no norte do Golfo.

De caudais irregulares e practicamente escasos na desembocadura, os ríos (de norte a sur) do Millars, Palancia, Turia, Xúcar, Serpis, e os pequenos ríos Girona e Gorgos, verten as súas augas neste golfo.

Economía[editar | editar a fonte]

O Golfo de Valencia abarca un área moi densamente poboada, pois a plataforma litoral da mesma comprende unha gran cantidade de praias que favorecen a consolidación do turismo (baixo os nomes turísticos de Costa do Azahar e Costa de Valencia para os litorais das provincias de Castelló e Valencia respectivamente), e o desenvolvemento industrial da zona tamén é patente debido á presenza de portos comerciais tan importantes como os de Valencia, Gandia, Sagunt, Castelló de la Plana, ou Sant Carles de la Ràpita.